Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 7 de maio de 2014 Páx. 20564

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.10, determina que a Comunidade Autónoma de Galicia ten a competencia exclusiva en materia de montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1.23º da Constitución española, que establece as competencias do Estado á hora de ditar a lexislación básica nas citadas materias.

Ao abeiro desta premisa, e tras máis de oito anos de aplicación da Lei básica 43/2003, do 21 de novembro, de montes, modificada pola Lei 10/2006, do 28 de abril, o pasado 13 de agosto de 2012 entrou definitivamente en vigor a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, co que se asumiu de feito a competencia exclusiva, entre outras, en materia de montes e aproveitamentos forestais que establece o marco estatutario galego.

O artigo 8.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, define os aproveitamentos forestais como «en xeral, todos os aproveitamentos que teñen como base territorial o monte e, en especial, os madeireiros e leñosos, incluída a biomasa forestal, e os non madeireiros, como a cortiza, os pastos, a caza, os fungos, as plantas aromáticas e medicinais, os produtos apícolas e os demais produtos e servizos característicos dos montes».

Por outra parte, o artigo 13.3 desta lei establece que «son montes privados aqueles en que o dominio pertence a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, xa sexa de forma colectiva, individualmente ou en réxime de copropiedade».

O título IV da Lei de montes galega, denominado «recursos forestais», establece os principios e normas xerais de actuación en materia de produtos e servizos vinculados ao monte, entre os cales se atopan os aproveitamentos madeireiros e os non madeireiros, e establece as liñas xerais de actuación nesta materia que é preciso desenvolver.

O artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia crea o Rexistro de Empresas do Sector Forestal, no cal se inscribirán as cooperativas, as empresas e as industrias forestais, tanto as que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais. O dito artigo expón que regulamentariamente se determinará a organización, o contido e o funcionamento do rexistro a que fai referencia este artigo, así como as condicións que deban cumprir as empresas e as industrias para poderen ser inscritas e a coordinación con outros rexistros de carácter estatístico ou industrial.

O artigo 103 da dita norma establece que as cooperativas, as empresas de servizos, as de aproveitamentos dos diferentes recursos forestais, as industrias de primeira transformación forestal e as gandarías que sexan titulares de aproveitamentos de terreos forestais subministrarán anualmente á consellería competente en materia de montes, para efectos estatísticos, a información relativa á súa actividade, en particular a relacionada co consumo de produtos forestais e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais e co emprego.

En adición, cabe destacar o Regulamento comunitario 995/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro, sobre as obrigas dos axentes que comercialicen madeira ou produtos de madeira no mercado comunitario.

Os obxectivos do dito regulamento son, por un lado, os de prohibir a comercialización no mercado comunitario de madeira de orixe ilegal e por outro exixir ao axente que comercializa madeira e os seus produtos derivados por vez primeira no mercado común que desenvolva un sistema de dilixencia debida que asegure a orixe legal da madeira. Para iso os axentes deben ou ben desenvolver un sistema de dilixencia debida ou ben acudir ao sistema de dilixencia debida que definan as entidades de supervisión.

A este respecto, o artigo 104 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que os operadores inscritos no devandito Rexistro de Empresas do Sector Forestal entenderanse que dispoñen dun sistema de debida dilixencia para a avaliación e a minimización de risco de entrada nos mercados de madeira e de produtos de madeira procedentes de cortas ilegais. Para tal fin, a Administración forestal manterá un sistema de supervisión baseado no control e no seguimento da orixe dos aproveitamentos madeireiros que se realicen en Galicia mediante a información subministrada polas comunicacións, notificacións e autorizacións dos aproveitamentos madeireiros e leñosos e mediante o Rexistro de Empresas do Sector Forestal; a Administración forestal poderá realizar os controis oficiais pertinentes ás empresas de aproveitamento e comercialización da madeira e dos produtos da madeira, avaliando os riscos e propoñendo accións correctivas cando sexa necesario.

Consonte o anterior, o presente decreto, en uso da habilitación normativa conferida pola disposición derradeira quinta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, vaise centrar no desenvolvemento de catro tipos de aproveitamento en montes ou terreos forestais de xestión privada que, pola súa importancia e incidencia social, económica e ambiental, precisan ser obxecto dunha regulación máis pormenorizada: os aproveitamentos madeireiros e leñosos, os aproveitamentos de cortiza, os aproveitamentos de pastos e os aproveitamentos micolóxicos.

Deste xeito, este decreto estrutúrase en oito capítulos, cun total de 57 artigos, tres disposicións adicionais, tres transitorias, unha derrogatoria e tres derradeiras, e conclúe con 14 anexos, especialmente deseñados a fin de facilitar e axilizar a tramitación dos diferentes procedementos administrativos incluídos nos preceptos deste texto normativo.

No capítulo I defínense o obxecto e os principios xerais que inspiran o presente decreto e desenvólvense unhas prerrogativas básicas en relación ás persoas propietarias. A través dos catro artigos que o compoñen, definen as notas comúns dos aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais na Comunidade Autónoma de Galicia.

No capítulo II formúlase o réxime xurídico de intervención administrativa nos aproveitamentos forestais, que constitúe a parte substantiva da regulación, indicando que aproveitamentos forestais están sometidos a autorización, cales a comunicación e cales a notificación, segundo os casos, e regulando con carácter xeral os supostos de que se trata e, particularmente, o réxime das autorizacións. Tras establecer o réxime xurídico substantivo dos aproveitamentos forestais, regularase o réxime de presentación das ditas comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización de carácter administrativo.

No capítulo III establécese a regulación dos aproveitamentos madeireiros e leñosos, en desenvolvemento do disposto nos artigos 92 a 95 e nos números 1 e 2 da disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. A través das seis seccións que o conforman, configúranse os distintos casos que requiren, en maior ou menor grao, da intervención da Administración forestal en forma de autorizacións, comunicacións ou notificacións, establecendo os supostos cuxa determinación dependerá, entre outros aspectos, da especie obxecto do aproveitamento ou se esta forma parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, o volume que se aproveitará e o seu estado, a súa situación xeográfica ou se a superficie obxecto de aproveitamento conta ou non cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal.

Este capítulo subtitúe os preceptos da normativa vixente neste eido: a Orde do 28 de setembro de 2004 pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, ditada en aplicación da Lei básica 43/2003, do 21 de novembro, de montes, optimizando os contidos e procedementos previstos nela e ofrecendo cobertura a unha cantidade considerable de novos supostos que non se atopaban reflectidos na normativa que se está a derrogar, como poden ser, entre outros, os aproveitamentos de madeira en masas afectadas por unha praga ou enfermidade forestal, os aproveitamentos de madeira queimada ou a creación dunha solicitude de autorización compartida de aproveitamento para diferentes persoas propietarias de montes ou terreos forestais de xestión privada.

No capítulo IV establécese a regulación dos aproveitamentos forestais de cortiza en montes ou terreos forestais poboados por especies de sobreiras. Deste xeito, ademais de desenvolver as prescricións da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, nesta materia, materialízase unha normativa común e homoxénea a este tipo de aproveitamentos que supere a actualmente vixente, baseada en instrucións administrativas de carácter interno ditadas pola Administración forestal ao abeiro do establecido na sección 3ª do capítulo III do título I do libro II –artigos 237 a 241– do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de montes, artigos que resultaron ser derrogados polo artigo 2 do Real decreto 367/2010, do 26 de marzo, de modificación de diversos regulamentos da área de ambiente para a súa adaptación á Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e á Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei de libre acceso a actividades de servizos e o seu exercicio. De todas as formas, e no caso daquelas comunidades autónomas que, como Galicia, non adoptasen normativa propia na materia, e en tanto non se ditase esta normativa, estes artigos do Regulamento de montes mantiveron a súa vixencia ata os nosos días.

A través das súas tres seccións, desenvólvese por vez primeira o réxime xeral deste tipo de aproveitamentos dun xeito común para todo o territorio da nosa comunidade autónoma, independentemente do establecido no resto do territorio español, establecendo as condicións específicas para a realización deste tipo de aproveitamentos e distinguindo dous tipos de procedementos diferentes para a súa execución en función de se se conta cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal ou non.

No capítulo V establécese a regulación dos aproveitamentos de pastos polo gando en montes ou terreos forestais. O obxectivo principal deste capítulo é desenvolver as prescricións establecidas pola Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, nesta materia, concretamente as contidas no seu artigo 86 e no número 3 da disposición transitoria sexta, ao que hai que engadir o desenvolvemento das prohibicións e limitacións que, en materia de aproveitamentos de pastos en montes afectados por incendios forestais, establece o artigo 43 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, sensiblemente modificado tras a entrada en vigor da Lei de montes galega.

A través das dúas seccións que conforman este capítulo modúlanse as regras xerais de aplicación a este tipo de aproveitamentos e as súas limitacións, e cobra especial relevancia o procedemento de inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, materias ata o de agora reguladas polo Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Deste xeito, conséguese unificar e mellorar a normativa existente en materia de pastos, co desenvolvemento de procedementos máis precisos e o tratamento de novos supostos non considerados ata este momento por vía regulamentaria.

No capítulo VI establécese a regulación dos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais, sendo esta a primeira vez que esta materia é obxecto de desenvolvemento regulamentario na nosa comunidade autónoma, dentro do marco legal que ofrece a propia Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. O obxecto principal deste capítulo é a procura do necesario equilibrio entre os dereitos das persoas propietarias dos predios onde nacen e se desenvolven os cogomelos e fungos, considerados como produto ou recurso forestal economicamente aproveitable, cos dereitos das diferentes persoas que, de xeito tradicional, aproveitan este tipo de produtos ou recursos con finalidades distintas á estritamente comercial ou económica, e establécese para isto unha clasificación en función da finalidade pretendida: consumo propio, científica ou didáctica e económica.

Vertebrado en dúas seccións, ademais deste sistema de clasificación en función da finalidade do aproveitamento que se vai realizar, neste capítulo confórmanse tanto as prácticas permitidas como as prohibidas na realización dos aproveitamentos micolóxicos, así como a posibilidade das persoas propietarias dos predios de prohibiren a entrada de persoas sen a súa autorización para a recolla de cogomelos, con independencia da modalidade de aproveitamento, na totalidade ou nunha parte do seu monte mediante o seu coutamento, sempre sinalizado, para o que se establecen, con meridiana claridade, os procedementos administrativos oportunos.

No capítulo VII desenvólvese a organización, o contido e o funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia creado no artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia así como as condicións que deben cumprir as empresas e as industrias para poderen ser inscritas; este capítulo compleméntase coa disposición adicional terceira e a disposición transitoria segunda, onde se regula a coordinación do dito rexistro co Rexistro Industrial de Galicia (Riga), co obxecto de evitar cargas aos administrados.

Por último, no capítulo VIII abórdase o réxime sancionador da norma e a facultade inspectora de que dispón a Administración forestal a fin de velar polo cumprimento dos preceptos dispostos na presente regulación.

A disposición adicional primeira diríxese á divulgación anual dos datos estatísticos dos aproveitamentos forestais de Galicia, sempre de acordo coa normativa estatística de Galicia e, en particular, co previsto sobre planificación e programación estatística, e todo isto a fin de facilitar a súa difusión e poder transmitir á sociedade galega a importancia dos ditos aproveitamentos no desenvolvemento económico rural.

A disposición adicional segunda desenvolve dun xeito máis concreto o sistema de dilixencia debida de xeito individual a que potestativamente poden acollerse os operadores que comercialicen madeira ou produtos derivados da madeira inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia. Ademais, e a fin de evitar desviacións significativas entre o volume ou peso obxecto de notificación ou solicitude de autorización do aproveitamento madeireiro e o valor finalmente aproveitado que conduzan a un posible risco na orixe descoñecida da madeira, establécese a obriga, no artigo 27 desta norma, de efectuar a comunicación ao final do aproveitamento, do volume ou peso finalmente aproveitado sempre que este valor difira, por defecto ou por exceso, nunha porcentaxe superior ao 15 % en relación ao valor inicial.

A disposición adicional terceira regula a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia das industrias que se inscriban no Resfor, coa finalidade de evitar cargas innecesarias aos administrados, e tamén se regula a comunicación á consellería competente en materia de industria dos datos das instalacións industriais que en razón da normativa de aplicación estean inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia, consonte o preceptuado no artigo 11 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia.

Por outro lado as disposicións transitorias regulan, entre outros, o réxime transitorio dos procedementos, a inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal das que xa estivesen inscritas no Rexistro Industrial de Galicia e o réxime transitorio para os plans de cortas naqueles terreos forestais que non estean dotados de instrumentos de ordenación ou xestión forestal ou se adherisen a modelos silvícolas orientativos e referentes de boas prácticas.

A disposición derrogatoria deixa sen vixencia o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais (DOG núm. 125, do 30 de xuño), agás determinados artigos que se manteñen en vigor.

Por último, as disposicións derradeiras regulan a facultade de desenvolvemento da norma e a entrada en vigor.

De conformidade co exposto, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, consultado o Consello Forestal de Galicia consonte o artigo 12 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto ten por obxecto regular e desenvolver o réxime legal dos aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de natureza privada xestionados por persoas físicas ou xurídicas de dereito privado situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos deste decreto, e consonte a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, defínense os seguintes termos:

1. Monte ou terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que proceden de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas.

Tamén teñen a consideración de monte ou terreo forestal os demais terreos descritos no parágrafo segundo do artigo 2.1 la Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Aproveitamento madeireiro e leñoso: toda aquela actuación sobre un monte ou terreo forestal que implique o abatemento, toradura, espoladura e descortizamento ou reunión dos produtos madeireiros e leñosos, ou a súa retirada e empillamento no monte ou terreo forestal, incluída a xestión dos restos resultantes das ditas operacións.

3. Aproveitamento de cortiza: a acción consistente en desprender a cortiza das sobreiras para o seu aproveitamento, sendo coñecida esta acción como descortizamento. A cortiza que se obtén no primeiro descortizamento denomínase bornizo; no segundo descortizamento, segundeiro; e nos sucesivos descortizamentos, cortiza de reprodución.

4. Aproveitamento de pastos: todo aquel realizado polo gando, en réxime extensivo e en terreos forestais, dos pasteiros implantados ou mellorados, así como da vexetación, principalmente arbustiva, presente no monte, consonte a definición contida no punto primeiro deste artigo.

5. Aproveitamento micolóxico: toda recolleita de fungos en montes ou terreos forestais que se realiza con algunha das seguintes finalidades: doméstica, científica ou didáctica e comercial.

Artigo 3. Principios xerais

Este decreto, ademais de inspirarse nos principios recollidos no artigo 3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, inspírase nos seguintes principios:

a) A regulación do labor das persoas propietarias e persoas titulares dos montes na execución das actuacións silvícolas e no desenvolvemento da xestión sustentable dos montes galegos, facilitando a súa procura.

b) O fomento de produtos forestais de calidade, diversidade e cantidade, atendendo criterios de diversificación da produción, sustentabilidade e rendibilidade.

c) A colaboración dos sectores implicados na produción, transformación e comercialización dos recursos forestais, consolidando a cadea monte-industria.

d) O fomento e o desenvolvemento das actividades multifuncionais do monte.

e) A prevención e a defensa dos montes fronte ás catástrofes naturais, aos incendios forestais e ás pragas e enfermidades.

Artigo 4. Das persoas propietarias e xestores de montes

1. Segundo dispón o artigo 36.1 da Lei básica 43/2003, do 21 de novembro, de montes, e o artigo 84.1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a persoa titular do monte é a persoa propietaria dos recursos forestais producidos no seu monte, incluídos os froitos espontáneos, e terá dereito ao seu aproveitamento.

2. As persoas titulares dos montes privados poderán xestionalos por si mesmos ou contratar a súa xestión a persoas físicas ou xurídicas de dereito privado ou público, ou crear agrupacións para a xestión forestal conxunta, que poderá ter por obxecto o aproveitamento madeireiro, leñoso, de cortiza, pastos e micolóxico, de conformidade co establecido no presente decreto.

En todo caso, as persoas propietarias e os xestores de montes deberán observar os deberes e obrigas contidos nos artigos 44.2 e 117 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e terán os dereitos contidos no artigo 44.3 da citada lei.

Capítulo II
Disposicións comúns aos aproveitamentos forestais

Artigo 5. Autorizacións, comunicacións e notificacións de aproveitamentos forestais

1. Os aproveitamentos forestais necesitarán unha autorización, notificación previa ou comunicación para a súa execución nos termos establecidos neste decreto.

2. As cortas de policía, os rareos, as podas e os demais tratamentos silvícolas sen aproveitamento comercial non requirirán ningunha autorización, comunicación previa ou notificación.

Artigo 6. Supostos de autorización

Serán obxecto de autorización os aproveitamentos madeireiros e leñosos e de cortiza que se produzan en montes ou terreos forestais que non dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal ou, dispoñendo del, non se axusten ás súas disposicións.

Artigo 7. Supostos de notificación

Serán obxecto de notificación os aproveitamentos madeireiros e leñosos e de cortiza que se produzan en montes ou terreos forestais que dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal e se axusten ao disposto nel.

Artigo 8. Supostos de comunicación

1. Serán obxecto de comunicación os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se produzan en montes ou terreos forestais cuxo obxecto sexa o uso doméstico e non teñan aproveitamento comercial, aqueles en zonas afectadas por expropiación, aqueles de obrigada execución en aplicación da lexislación vixente e, finalmente, aqueloutros en masas arbóreas onde a consellería competente en materia de montes declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal e dite as medidas e os tratamentos fitosanitarios obrigatorios, como os aproveitamentos madeireiros e leñosos, para o control e a loita contra a praga ou enfermidade forestal.

2. Asemade, serán obxecto de comunicación a prohibición ou autorización de xeito regulado pola persoa propietaria de calquera aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais cando estes non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal. Esta prohibición ou autorización regulada farase mediante a solicitude de inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, adscrito á consellería competente en materia de montes, e que recolle os terreos forestais onde o pastoreo estea prohibido ou regulado.

3. Por último, a persoa propietaria, mediante comunicación, poderá prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización para recolla de froitos e cogomelos, con independencia da modalidade de aproveitamento, na totalidade ou nunha parte do seu monte mediante o seu coutamento e sinalización en montes ou terreos forestais que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado pola Administración forestal.

Artigo 9. Presentación das autorizacións, comunicacións e notificacións

1. As comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización, dirixidas á persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento, deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das ditas comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. As solicitudes de autorización compartida de aproveitamentos madeireiros dispostas no artigo 23 do presente decreto deberán realizarse unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 10. Tramitación xeral das autorizacións, comunicacións e notificacións

1. A tramitación das comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante, sexa persoa física ou a da persoa representante no caso de persoas xurídicas. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As comunicacións, notificacións e solicitudes de autorización das persoas interesadas irán acompañadas dos documentos e as informacións determinadas no presente decreto, agás que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da administración actuante; neste caso a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. No caso de que algún dos documentos, como os plans de aproveitamentos forestais, que vai presentar a persoa solicitante de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

7. En todo caso, consonte o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos necesarios, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución ditada ao efecto.

8. A consellería competente en materia de montes poderá establecer canles de colaboración cos concellos a fin de asegurar a coordinación entre administracións públicas e sempre baixo o respecto ao sistema competencial existente e aos preceptos dispostos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 11. Solicitudes de autorización, comunicacións ou notificacións

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poderán realizar aproveitamentos forestais presentando a pertinente solicitude de autorización, comunicación ou notificación dirixida ao órgano competente para resolver ou ser comunicado ou notificado.

2. No caso dunha comunidade propietaria de montes veciñais en man común, as solicitudes de autorización deberán presentar o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ben por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade. No caso de incumprimento, logo de informe do servizo provincial competente en materia de montes veciñais en man común, observarase o disposto no artigo seguinte.

3. As persoas físicas ou xurídicas que, en lugar da súa persoa titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou terreos forestais poderán solicitar as autorizacións ou facer as comunicacións ou notificacións sinaladas neste decreto cando xustifiquen debidamente a súa representación, sexa mediante un escrito de delegación expresa, contrato mercantil ou calquera outro medio de proba válido en dereito.

Artigo 12. Tramitación específica, prazos e resolución dos procedementos de autorización

1. Os prazos nos procedementos de autorización computaranse desde a data en que a solicitude tivo entrada no rexistro da delegación territorial da Xunta de Galicia onde se sitúa o terreo obxecto do aproveitamento.

2. Se a solicitude de autorización non reúne os requisitos sinalados no presente decreto, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Neste caso, o prazo máximo de resolución suspenderase polo tempo que medie entre a notificación deste requirimento e o seu efectivo cumprimento polo destinatario ou, na súa falta, polo transcurso do prazo de dez días concedido sen contestación pola súa parte.

En caso de que a persoa interesada proceda a emendar a solicitude de conformidade coas instrucións contidas no requirimento, esta suspensión levantarase e o prazo de resolución a partir do cal se pode realizar o aproveitamento solicitado volverase a computar desde a data en que a súa emenda teña entrada no rexistro da xefatura territorial que está a tramitar o expediente administrativo.

3. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá no prazo que corresponda consonte o disposto no capítulo seguinte. Transcorrido o devandito prazo sen contestación, entenderase concedida a autorización solicitada. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá xustificarse e ser motivada.

Artigo 13. Recursos administrativos

Contra a resolución que se dite poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III
Aproveitamentos madeireiros e leñosos

Sección 1ª. Autorizacións de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais que non dispoñan de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal

Artigo 14. Aproveitamentos en masas forestais de especies non incluídas no anexo I e que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poderán realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos en masas forestais poboadas por especies que non estean incluídas no anexo I deste decreto e que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección presentando a pertinente solicitude de autorización consonte o anexo III e co previsto no capítulo anterior.

2. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá a solicitude nun prazo de quince días, cos efectos sinalados no capítulo anterior.

3. Os aproveitamentos de madeira queimada en montes ou terreos forestais poboados con especies non incluídas no anexo I e que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección requirirán autorización consonte o procedemento establecido neste decreto, coas especialidades establecidas nesta sección, sinalando no modelo establecido no anexo III o estado da madeira como queimada.

Artigo 15. Aproveitamentos en masas forestais de especies incluídas no anexo I ou que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poderán realizar aproveitamentos madeireiros e leñosos en masas forestais poboadas por especies incluídas no anexo I deste decreto ou que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección presentando a pertinente solicitude de autorización consonte o anexo III e co previsto no capítulo anterior.

2. Unha vez recibida a solicitude de autorización ou emendada a falta nos casos en que sexa necesario, a xefatura territorial competente en materia de montes, a través do seu servizo de montes, requirirá os pertinentes informes das administracións sectoriais correspondentes. Transcorridos vinte días desde que este órgano solicite os ditos informes, entenderase que son positivos se non houber contestación expresa, sen prexuízo do sentido desfavorable establecido no artigo 25.4 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 29 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas e que será de aplicación para calquera organismo de bacías, polo que se continuará coa tramitación da autorización solicitada.

3. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá a solicitude nun prazo de corenta e cinco días, cos efectos sinalados no capítulo anterior.

4. Os aproveitamentos de madeira queimada en montes ou terreos forestais poboados con especies incluídas no anexo I ou que formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección requirirán autorización consonte o procedemento establecido neste decreto coas especialidades previstas neste artigo, sinalando no modelo establecido no anexo III o estado da madeira como queimada.

Artigo 16. Aproveitamentos en masas forestais con proporción reducida de especies incluídas no anexo I

1. Poderase aplicar a regulación disposta no artigo 14 en masas arboradas que non formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección e inclúan pés maiores de especies incluídas no anexo I nunha proporción máxima do 10 % respecto ao total do aproveitamento.

2. Para estes efectos consideraranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros.

3. Esta porcentaxe especificarase necesariamente na solicitude do anexo III e, no caso de que se supere a porcentaxe máxima establecida, será causa suficiente para a denegación da autorización para a realización do aproveitamento ao abeiro do réxime disposto no artigo 14, e para isto débese seguir o procedemento disposto no artigo 15, sen prexuízo das inspeccións dispostas no artigo 56 que poidan ter lugar co obxecto de comprobar a veracidade da proporción reflectida na devandita solicitude.

4. No caso de que os individuos de especies incluídas no anexo I sexan frondosas e se atopen nas franxas establecidas no anexo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para o seu uso exclusivo, de existir arboredo, non poderán ser obxecto de aproveitamento, sexa cal for a súa proporción, ao abeiro do réxime disposto no artigo 14, e débese para isto seguir o procedemento disposto no artigo 15.

Sección 2ª. Autorizacións de aproveitamentos madeireiros e leñosos en montes ou terreos forestais que, dispoñendo de instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal, non se axusten ao disposto nel

Artigo 17. Solicitude de autorización

1. Cando o aproveitamento madeireiro ou leñoso non se axuste ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, a persoa interesada solicitará, de maneira xustificada, a autorización, consonte o anexo III ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento. Para isto, deberá xuntar xustificación técnica da modificación proposta.

2. En relación co disposto no número anterior, a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento procederá á autorización, denegación ou ao seu condicionamento nun prazo máximo de quince días, prazo que comezará a computarse desde a data en que tivo entrada no rexistro da delegación territorial da Xunta de Galicia onde se sitúa o terreo obxecto do aproveitamento a documentación sinalada no número anterior. Transcorrido o dito prazo sen contestación, entenderase concedida a solicitude. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá xustificarse e ser motivada.

3. En caso de que o aproveitamento madeireiro ou leñoso que non se axuste ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión afecte masas forestais poboadas por especies incluídas no anexo I deste decreto en proporción superior ao máximo establecido no artigo 16 ou formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección, a persoa propietaria do predio ou a persoa por ela autorizada deberá solicitar a autorización de aproveitamento de conformidade co establecido no artigo 15 deste decreto.

4. O outorgamento da autorización suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

5. Con respecto ao establecido nos números anteriores, en caso de cortas extraordinarias e sempre que a súa contía non afecte gravemente o desenvolvemento da ordenación e, por tanto, non sexa necesario modificar o plan xeral, non procederá exixir a modificación do instrumento de ordenación ou de xestión con posterioridade ao aproveitamento. Para estes efectos, entenderase por cortas extraordinarias aquelas que non estean previstas no instrumento de ordenación ou de xestión e que corresponden ás baixas producidas por enfermidade, decrepitude, morte natural ou accidental dos pés, danos catastróficos, cortas de obrigada execución ou variacións do volume realmente aproveitado nas unidades de actuación planificadas respecto daquel estimado no instrumento de ordenación ou xestión forestal.

Sección 3ª. Notificacións

Artigo 18. Aproveitamentos en montes ou terreos forestais baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos de calquera especie nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no artigo 8 e no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e sempre que a corta se faga seguindo as prescricións contidas nel, requirirán, unicamente, a notificación previa á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento.

2. Esta notificación será presentada, como mínimo, cunha semana de anticipación ao inicio dos traballos, dirixida á devandita xefatura territorial, de conformidade co modelo establecido no anexo II.

Sección 4ª. Comunicacións

Artigo 19. Aproveitamentos madeireiros e leñosos para uso doméstico

1. Serán obxecto de comunicación os aproveitamentos que se destinen a uso doméstico. Enténdese por uso doméstico o que non é obxecto de comercialización e non pode superar os 10 m3/anuais por persoa propietaria. A comunicación realizarase á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento, consonte o modelo establecido no anexo IV e cun mínimo dun día de anticipación á súa realización.

2. O límite anual fixado no número anterior poderá ser ampliado no caso de comunidades de montes veciñais en man común, chegando até os 150 m3/anuais para aquelas comunidades que sexan propietarias de montes veciñais en man común cunha superficie total inferior ás 250 hectáreas, mentres que nas comunidades que sexan propietarias de montes veciñais en man común cunha superficie total igual ou superior ás 250 hectáreas, os aproveitamentos para uso doméstico poderán chegar até o límite máximo dos 300 m3/anuais por comunidade. Estes aproveitamentos de carácter consuetudinario, en todo caso, non poderán ser obxecto de comercialización e deben estar recoñecidos e aprobados pola asemblea da comunidade propietaria, consonte a lexislación vixente na materia e os seus propios estatutos.

3. De conformidade co establecido no artigo 56 deste decreto, para realizar o aproveitamento é necesario estar en posesión da correspondente comunicación efectuada. A tramitación desta comunicación non escusa a persoa interesada da obtención de calquera outro permiso ou autorización que estableza a lexislación sectorial vixente noutra materia.

Artigo 20. Aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por expropiación

Os aproveitamentos madeireiros e leñosos en zonas afectadas por unha expropiación só precisarán de comunicación previa enviada polo órgano expropiante ou pola persoa beneficiaria da expropiación consonte o anexo IV, polo menos cun día de anticipación ao da súa realización, dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento. Nesta comunicación, a zona expropiada deberá ser sinalizada polo órgano expropiante, a persoa beneficiaria da expropiación ou pola persoa afectada, neste último caso por instancia deste órgano.

Artigo 21. Cortas de obrigada execución

1. As cortas de arboredo que sexan de obrigada execución, de acordo co establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, aqueloutras cortas que se realicen en aplicación do número tres da disposición transitoria décima da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, para a obrigada adaptación ás distancias mínimas sinaladas no anexo 2 da dita Lei 7/2012 das repoboacións forestais existentes, así como todas aquelas que se executen en aplicación doutra lexislación sectorial, só precisarán dunha comunicación previa, consonte o anexo IV, que se presentará polo menos cun día de anticipación ao da súa realización, dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto da corta.

2. De conformidade co establecido no parágrafo segundo do artigo 20.bis.c) da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, en caso de liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica, a persoa responsable deberá remitir ao taboleiro de edictos do concello un anuncio, con quince días de anticipación ás operacións de xestión de biomasa, para os efectos de que as persoas propietarias dos terreos poidan ter coñecemento delas e executalas previamente, no caso de estaren interesadas. Transcorrido o dito prazo, a persoa responsable estará obrigada á realización da corta correspondente. Neste caso, a comunicación descrita no número anterior deberá ser realizada por aquela persoa que teña previsto proceder á execución do aproveitamento, ben a persoa propietaria, no caso de estar interesada, ben a persoa responsable, no caso de que a persoa propietaria do terreo non estea interesada na súa execución.

3. Para os efectos das cortas de obrigada execución descritas no número anterior, entenderase por persoa responsable a persoa titular do dereito de aproveitamento sobre os montes ou terreos forestais, así como as administracións, entidades ou sociedades que teñan encomendada a competencia sobre a xestión ou cedida esta en virtude dalgunha das formas previstas legalmente das liñas de transporte e distribución de enerxía eléctrica.

Artigo 22. Aproveitamentos de madeira en masas afectadas por unha praga ou enfermidade forestal

1. Cando a consellería competente en materia de montes declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal, delimite a zona afectada e dite as medidas e os tratamentos fitosanitarios obrigatorios para o control e a loita contra a praga, as persoas titulares ou xestores dos montes afectados están obrigados a realizar eses tratamentos. Para estes efectos só precisarán de comunicación á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento, consonte o modelo establecido no anexo IV e cun mínimo dun día de anticipación á súa realización, sinalando tal circunstancia.

2. A Administración forestal poderá obrigar as persoas titulares ou xestores de montes a extraeren aquelas plantas ou produtos forestais que, pola súa sintomatoloxía, poidan constituír un risco de praga ou enfermidade. Para estes efectos, realizarase a comunicación prevista no parágrafo anterior.

3. No caso de incumprimento do disposto nos puntos anteriores, a consellería competente en materia de montes poderá notificar, de oficio ou por instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga, advertíndolles da posibilidade de execución subsidiaria á súa custa no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda.

4. A Administración forestal, de forma xustificada, poderá realizar tratamentos de loita integrada, logo de comunicalo a través do servizo de avisos de enfermidades e pragas forestais da páxina web da consellería competente en materia de montes, sen que sexa necesaria a declaración de praga ou enfermidade, promoverá fórmulas de colaboración e difusión coas asociacións de persoas propietarias forestais e con outros departamentos e administracións públicas e realizará comunicacións por escrito ás comunidades de montes veciñais afectadas, de ser o caso.

5. A Administración forestal poderá declarar zonas prioritarias de actuación en materia de control da erosión e da restauración hidrolóxico-forestal en terreos afectados por causas bióticas, como pragas ou enfermidades forestais, que afecten gravemente a cobertoira vexetal ou o solo; nestes casos serán de aplicación os artigos 64 e 65 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Sección 5ª. Supostos especiais

Artigo 23. Solicitude de autorización compartida de aproveitamento para diferentes persoas propietarias de montes ou terreos forestais de xestión privada

1. Un colectivo ou grupo de persoas propietarias de predios ou as persoas por eles autorizadas poderán solicitar, de xeito conxunto, autorización para a execución dun aproveitamento madeireiro ou leñoso nunha única solicitude, por medio dunha persoa representante legalmente habilitada e conforme o modelo establecido no anexo V e para os efectos de autorización de consulta dos datos de identidade das persoas propietarias, no anexo XI.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Estas solicitudes de autorización compartida non poderán afectar en ningún caso terreos baixo un réxime de protección especial ou especies do anexo I e a superficie total da solicitude non superará as 15 hectáreas.

4. Nesta solicitude deberase desagregar, de xeito individualizado por persoa propietaria e referencia catastral, a especie e o volume total de madeira obxecto de aproveitamento, de conformidade co modelo establecido no mesmo anexo V.

5. O procedemento de tramitación das solicitude de autorización compartida será o establecido no capítulo II e no artigo 14 deste decreto.

6. En caso de procedementos de solicitude de autorización compartida, a persoa representante a que se concedeu a autorización inicial terá un período máximo de tres meses, contados desde o día de notificación da concesión da autorización compartida inicial, para poder ir engadíndolle máis aproveitamentos madeireiros e leñosos noutras superficies forestais dando conta dos requisitos establecidos no número 3 do presente artigo, coa particularidade de que estas novas parcelas deberán estar, en todo caso, situadas na mesma parroquia ou en parroquias colindantes con respecto á situación do predio ou predios en que se situaban as especies obxecto da autorización compartida inicialmente concedida, e sempre dentro da mesma provincia.

En todo caso, a inclusión de novas parcelas non suporá a ampliación do prazo de tres meses expresado neste número e, ademais, o prazo máximo para a execución do aproveitamento estará limitado ao disposto neste decreto, e comeza a contarse desde o día seguinte á notificación da autorización expresa da primeira parcela solicitada ou desde a data en que se considere outorgada a autorización, da dita parcela, por silencio administrativo.

7. No caso dunha comunidade propietaria de montes veciñais en man común, estas deberán presentar o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ben por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade. O seu incumprimento levará consigo a denegación da autorización, logo de informe do servizo provincial competente en materia de montes veciñais en man común.

8. As persoas físicas ou xurídicas que, en lugar da persoa titular, realicen a xestión ou o aproveitamento dos montes ou terreos forestais poderán solicitar as autorizacións sinaladas neste artigo cando xustifiquen debidamente a súa representación, sexa mediante o modelo de pluralidade de persoas solicitantes, contrato mercantil, ou sexa por calquera outro medio de proba válido en dereito.

Artigo 24. Aproveitamentos madeireiros e leñosos nas zonas de servidume e de policía de dominio público hidráulico

1. Os terreos de dominio público, agás os que integran o dominio público forestal, non teñen a consideración de monte ou terreo forestal.

2. Calquera aproveitamento madeireiro ou leñoso que se produza na zona de servidume de dominio público hidráulico non requirirá autorización por parte da consellería competente en materia de montes, sen prexuízo das autorizacións que sexan preceptivas en virtude doutra normativa que lle sexa aplicable.

3. Nos terreos forestais incluídos na zona de policía de dominio público hidráulico, excluídos os referidos nos dous números anteriores, cando unicamente sexa necesaria a autorización da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou de entidades públicas instrumentais dependentes dela, terase en conta o seguinte:

a) Se os terreos forestais contan cun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado consonte o establecido polo capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, aplicarase o disposto na sección 3ª do presente capítulo. A este respecto será de aplicación para o organismo de bacías de Augas de Galicia o artigo 39 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

b) Cando carezan do dito instrumento de ordenación ou de xestión aprobado ou non se axusten ao disposto nel, aplicarase o disposto na sección 1ª e 2ª do presente capítulo, segundo o caso.

Artigo 25. Extracción de madeira queimada

Como consecuencia dos deberes específicos das persoas propietarias dos montes privados establecidos no artigo 44 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e nomeadamente nas alíneas a) e b) do número 2, cando a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes o considere oportuno, logo de informe do servizo competente en materia de incendios forestais, para unha axeitada restauración e reparación dos danos ocasionados aos montes, e por razóns de sanidade vexetal, política forestal ou de seguranza, poderá requirir a persoa titular do dereito de aproveitamento, mediante resolución e tras o oportuno trámite de audiencia, para que nun prazo máximo de seis meses inicie a extracción da madeira queimada ou árbores afectadas por anteriores incendios.

Artigo 26. Aproveitamentos en masas consolidadas de frondosas autóctonas

Co obxecto de asegurar a sustentabilidade das masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, precisarase, para o seu aproveitamento dispoñer dun instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado pola Administración forestal que asegure a xestión no seu conxunto da masa rexistrada, con independencia da súa pertenza a múltiples persoas propietarias.

Sección 6ª. Obrigas das persoas que realicen os aproveitamentos

Artigo 27. Comunicación final ao remate do aproveitamento

1. En aplicación dos requirimentos exixidos no artigo 6 do Regulamento (UE) 995/2010, deberá ser comunicada, de conformidade co modelo establecido como anexo VI, a variación do volume ou peso do aproveitamento madeireiro ou leñoso por especie finalmente aproveitado e que supere o 15 por cento do previamente aprobado na correspondente autorización ou notificación.

2. A dita comunicación dirixirase á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes no prazo máximo dun mes a contar desde a data de finalización da execución do aproveitamento. No caso de que o aproveitamento afecte múltiples referencias catastrais, este valor subministrarase de forma desagregada para cada unha delas.

3. No caso de que as persoas físicas ou xurídicas solicitantes actúen en lugar da persoa titular, mediante a representación previamente acreditada, estarán obrigadas a comunicar o volume ou peso finalmente aproveitado á persoa titular.

Artigo 28. Prazo para a execución do aproveitamento

1. O prazo máximo para a execución dun aproveitamento madeireiro ou leñoso é de doce meses, contados desde a data da notificación da autorización ou, se é o caso, desde a data en que se produza o efecto positivo do silencio administrativo ou da data en que a comunicación ou notificación da persoa interesada teña entrada no rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de montes que corresponda.

2. O prazo para a realización do aproveitamento poderase prorrogar, logo de solicitude xustificada, por un único prazo, que en ningún caso poderá superar o da concesión inicial. A solicitude da prórroga deberá presentarse con anterioridade a que transcorra o prazo inicialmente concedido para executar o aproveitamento.

Artigo 29. Extracción ou trituración da biomasa forestal residual

1. A realización de calquera tipo de aproveitamento madeireiro ou leñoso contido no presente capítulo implicará a extracción ou a trituración da biomasa forestal residual, salvo por dificultades de mecanización xustificadas baseadas en porcentaxes de pendentes, en calquera caso superiores ao 30 %, ou por unha elevada pedregosidade, condicións de pluviometría que supoñan risco de erosión ou grave compactamento do solo ou por motivos ambientais. Para acollerse ás ditas excepcións, deberase solicitar de forma xustificada e previamente ao remate do aproveitamento autorización dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes, quen resolverá no prazo dun mes. Transcorrido este prazo sen contestación, entenderase concedida a autorización solicitada. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá xustificarse e ser motivada.

En calquera caso, non serán de aplicación as excepcións descritas no parágrafo anterior cando a Administración forestal, logo de xustificación ou declaración de ameaza ou grave risco de pragas ou enfermidades na zona, considere necesario eliminar ou extraer do monte, se for tecnicamente posible, os restos dos tratamentos silvícolas ou dos aproveitamentos forestais.

2. Quedarán exentas da obriga de extracción ou trituración aquelas persoas propietarias que, e sempre por causas excepcionais como, entre outras, a imposibilidade técnica de trituración ou extracción de restos tras a declaración de ameaza ou grave risco de pragas ou enfermidades na zona, obtivesen a preceptiva autorización para a queima de restos forestais amoreados prevista na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

As autorizacións para a queima de restos forestais amoreados regularanse segundo as condicións dispostas nos artigos 15 e 17 do Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais. Esta autorización obterase con carácter previo ao remate do aproveitamento e, en calquera caso, deberán respectarse as prohibicións de depósito de subprodutos previstas na dita lei.

3. Os restos forestais producidos como consecuencia da realización ou execución destes aproveitamentos madeireiros ou leñosos non teñen a consideración de residuos para os efectos do disposto no artigo 44.2.i) e 88.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 30. Rexeneración despois do aproveitamento madeireiro ou leñoso

1. Unha vez executado o aproveitamento, en casos de corta final, e como consecuencia dos deberes específicos das persoas propietarias dos montes privados establecidos no artigo 44 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e nomeadamente nas alíneas c) e d) do número 2, a persoa propietaria do monte ou terreo forestal deberá realizar as actuacións necesarias encamiñadas á rexeneración, natural ou artificial, da superficie afectada, procedendo á renovación da masa arborada nun período de tempo non superior a dous anos contados desde a data en que finalice a execución do aproveitamento autorizado consonte o establecido na presente sección, agás causas xustificadas, debidamente acreditadas, tales como que a especie para rexenerar necesite un maior período ou aqueloutras baseadas nun cambio de uso ou actividade que afecte a superficie obxecto do aproveitamento e impida ou dificulte decisivamente esta renovación.

2. A rexeneración natural ou artificial en montes ou terreos forestais deberá respectar as distancias establecidas no anexo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Capítulo IV
Aproveitamentos de cortiza

Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos forestais de cortiza

Artigo 31. Obxecto e alcance

1. O presente capítulo ten por obxecto a regulación dos aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais de xestión privada poboados por especies de sobreiras situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Nos montes ou terreos forestais de xestión privada, o aproveitamento de cortiza realizarase de acordo co disposto no presente capítulo, coa Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sen prexuízo doutras obrigas impostas pola normativa concorrente na materia, e terase como obxectivo final, ademais do aproveitamento, a redución ao mínimo posible dos danos aos pés das sobreiras.

Artigo 32. Condicións específicas na realización dos aproveitamentos de cortiza

1. A fin de reducir ao mínimo os danos que se produzan nos tecidos internos da árbore, as operacións de descortizamento de sobreiras deberán efectuarse durante o período vexetativo, entre o 20 de xuño e o 30 de agosto de cada ano, ambos inclusive. Non se poderán realizar operacións de descortizamento fóra deste período e, dentro deste, as devanditas operacións suspenderanse cando, por causas climatolóxicas, a cortiza se adhira á arbore e a súa extracción poida causarlle danos.

As operacións de reunión, enfardamento e retirada ou transporte da cortiza extraída poderanse realizar en calquera época do ano.

2. O primeiro descortizamento ou bornizo só poderá realizarse sobre sobreiras cuxa circunferencia, medida sobre a casca a 1,30 metros de altura, sexa maior ou igual a 60 centímetros. A altura máxima do bornizo, medida desde a base da árbore, será dúas veces a lonxitude da circunferencia.

3. No segundo descortizamento ou segundeiro e nos sucesivos, denominados descortizamentos de reprodución, a altura da peladura será de 2,5 veces a lonxitude da circunferencia, medida sobre a cortiza a 1,30 metros de altura, tomada desde a base da árbore. A altura máxima da peladura será, en calquera caso, de 3 metros tomados desde a base da árbore.

4. En ningún caso poderán realizarse operacións de descortizamento sobre as raíces que sobresaian da terra.

5. O tempo transcorrido entre dous descortizamentos nunha mesma árbore será, como mínimo, de nove anos. Non se realizarán podas nas árbores que foron peladas durante os tres anos anteriores e posteriores ao momento da peladura.

6. En caso de sobreiras afectadas por incendios forestais, pódese extraer a cortiza con calquera idade, se ben deberá transcorrer polo menos un ano desde o incendio para poder efectuar a operación de descortizamento, o cal só poderá ser autorizado logo de comprobación, pola Administración forestal a través dos seus axentes forestais e os/as axentes facultativos ambientais en consonancia co artigo 56 da presente norma, de que a árbore se atope en bo estado vexetativo.

7. Non se permite a peladura das ramas, agás nas árbores de diámetro igual ou superior a 70 centímetros que, ademais, presenten o fuste gallado a unha altura menor ou igual a 1,60 metros, respectando, en todo caso, a altura máxima de peladura.

8. As operacións de descortizamento serán realizadas sempre por operarios/as cualificados/as e coas ferramentas apropiadas, practicando cortes lonxitudinais e transversais que permitan obter panas das maiores dimensións posibles, procurando que non quede adherido ao tronco ningún pedazo de cortiza, sen causar feridas á arbore nin cortes na capa nai e sen arrincar placas a esta.

Ao proceder ao descortizamento, deberanse separar da parte inferior do tronco os fragmentos de cortiza que nel queden adheridos despois da peladura, realizando a dita operación de xeito que, sen causar dano á árbore, quede esta parte ben limpa.

9. Non se deberán levar a cabo operacións de descortizamento naquelas sobreiras que se visen afectadas por circunstancias externas que motivasen o seu extremo debilitamento. En caso de árbores afectadas por pragas ou enfermidades, descortizaranse por separado do resto e con especial atención á desinfección das ferramentas empregadas nas operacións.

Artigo 33. Réxime xeral dos aproveitamentos de cortiza

Os aproveitamentos de cortiza de sobreiras nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal, e sempre que o aproveitamento se faga seguindo as prescricións contidas nel, requirirán, unicamente, a notificación previa dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes. Nos restantes casos, previamente á súa realización, deberá solicitarse autorización dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento.

Sección 2ª. Aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

Artigo 34. Notificacións

1. Os aproveitamentos de cortiza en masas de sobreiras nos montes ou terreos forestais de xestión privada que conten cun instrumento de ordenación ou de xestión aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no artigo 8 e no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e sempre que o aproveitamento se faga seguindo as prescricións contidas nel, requirirán unicamente a notificación previa dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento.

2. Esta notificación será presentada, como mínimo, cunha semana de anticipación ao inicio dos traballos, ante a devandita xefatura territorial, de conformidade co modelo establecido no anexo VII.

3. Cando o aproveitamento non se axuste ao previsto no instrumento de ordenación ou de xestión, a persoa interesada deberá solicitar, previamente á realización do aproveitamento e por causa xustificada, unha autorización, consonte o anexo VIII, dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes e aproveitamentos forestais onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento. Para isto, deberá xuntar xustificación técnica da modificación proposta e o procedemento tramitarase de conformidade co establecido na sección 3ª do presente capítulo.

4. O outorgamento da autorización suporá a exixencia da modificación do instrumento de ordenación ou xestión aprobado consonte o artigo 82 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Sección 3ª. Autorizacións de aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais que non se atopen baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal

Artigo 35. Solicitudes

1. As persoas propietarias de predios e as persoas por elas autorizadas poderán realizar aproveitamentos de cortiza en masas de sobreiras que non conten cun instrumento de ordenación ou de xestión validamente aprobado pola Administración forestal, ou no caso de que este aproveitamento non se axuste ao contido do devandito instrumento, presentando a pertinente solicitude de autorización dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento.

2. Estas solicitudes de autorización presentaranse de conformidade co modelo establecido no anexo VIII.

3. En caso de que a solicitude afecte masas de sobreiras de máis de 5 hectáreas, deberá xuntarse a esta solicitude un plan facultativo de aproveitamento, asinado por un técnico/a competente en materia forestal, en que se xustificará a necesidade ou oportunidade do aproveitamento de cortiza, así como a súa localización planimétrica, a superficie obxecto do aproveitamento, o número de pés e o volume de sobreiras afectadas, a taxación correspondente e as prescricións técnicas do seu aproveitamento. Este plan deberá ser autorizado pola persoa titular do monte ou terreo forestal ou pola persoa titular dos dereitos de aproveitamento, e cumprirá o disposto, de ser o caso, na lexislación en materia de seguranza e saúde.

4. No caso de montes veciñais en man común, deberá xuntarse a esta solicitude o acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria do monte ou terreo forestal, ben por medio de copia da acta da asemblea ben por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade. O seu incumprimento levará consigo a denegación da autorización, logo de informe do servizo provincial competente en materia de montes veciñais en man común.

Artigo 36. Procedemento

1. O procedemento para a tramitación das autorizacións para aproveitamentos de cortiza en montes ou terreos forestais que non se atopen baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal é o establecido no capítulo II deste decreto.

2. A xefatura territorial da consellería competente en materia de montes resolverá, nun prazo de trinta días, conceder ou denegar a autorización. Transcorrido este prazo sen contestación, entenderase concedida a autorización solicitada. No caso de denegación da autorización, a resolución deberá xustificarse e ser motivada.

Capítulo V
Aproveitamentos de pastos

Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos forestais de pastos

Artigo 37. Réxime xeral dos aproveitamentos forestais de pastos

1. O aproveitamento de pastos polo gando en montes e terreos forestais é un aproveitamento forestal segundo o establecido no presente capítulo e nos artigos 8.3 e 86 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. O dereito de pastoreo no monte ou terreo forestal corresponde á persoa propietaria, que poderá ou ben autorizalo, debendo regulalo, ou ben prohibilo. No caso de que os dereitos de aproveitamento de pastos fosen cedidos a outra persoa titular distinta da persoa propietaria do monte, o dito pastoreo requirirá dispoñer da documentación acreditativa da devandita cesión consonte o réxime legal de aplicación. No caso de montes veciñais en man común, a autorización regulada, prohibición ou cesión de dereitos debe ser por acordo expreso da asemblea xeral da comunidade propietaria, de conformidade cos seus estatutos e a normativa vixente na materia.

3. O aproveitamento de pastos realizarase de xeito compatible e respectuoso coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración do arboredo.

Artigo 38. Dereitos da persoa propietaria. Inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo

1. O aproveitamento de pastos polo gando en montes e terreos forestais estará expresamente regulado no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión forestal e a súa práctica levarase a cabo consonte o establecido no instrumento de ordenación ou de xestión.

2. En caso de montes ou terreos forestais que non conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a persoa propietaria deberá, no caso de existir un aproveitamento de pastos en montes ou terreos forestais, comunicar á Administración forestal o seu desexo de:

• Prohibir o aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais.

• Ou autorizar, de xeito regulado, o aproveitamento de pastos nunha parte ou na totalidade dos seus montes ou terreos forestais.

Esta prohibición ou autorización regulada farase mediante a solicitude de inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, adscrito á consellería competente en materia de montes, e que recolle os terreos forestais onde o pastoreo estea prohibido ou regulado.

3. A persoa propietaria dos terreos forestais ou a persoa titular dos dereitos do aproveitamento cedidos consonte a normativa de aplicación remitirán as solicitudes de inscrición no mencionado rexistro á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo obxecto de aproveitamento de pastos e serán cubertas consonte os seguintes contidos mínimos:

• A solicitude de inscrición no rexistro conterá os seguintes datos:

a) Identificación da persoa propietaria e da persoa titular do dereito de aproveitamento, de ser esta unha persoa distinta.

b) Identificación do monte afectado.

c) Obxecto de inscrición: prohibición, autorización regulada ou ambas, detallando se o dito obxecto afecta toda a superficie do monte ou unha parte.

• A solicitude de inscrición no rexistro deberá ir acompañada de:

a) A documentación que acredite o dereito de propiedade sobre o monte ou terreo forestal e da titularidade do dereito de aproveitamento de pastos, se non for o mesmo suxeito, e cuxa cesión for consonte a normativa de aplicación.

b) Autorización expresa para o pastoreo por parte da persoa titular do monte ou terreo forestal ou pola persoa titular dos dereitos de aproveitamento, sendo preciso para as comunidades titulares de montes veciñais en man común, para a súa autorización, a constancia do acordo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio de copia da acta da asemblea ou ben por certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade.

c) Cando se trate dunha prohibición do aproveitamento de pastos nun monte ou terreo forestal, achegarase a localización, detallando as referencias catastrais afectadas, a superficie de prohibición, e o plano coa delimitación da superficie. Para as comunidades titulares de montes veciñais en man común, e no caso de solicitar a prohibición na totalidade do seu monte veciñal en man común, non será necesaria a información exixida nesta alínea c).

d) Cando se trate dunha autorización do aproveitamento de pastos nun monte ou terreo forestal, será necesaria a súa regulación mediante a presentación dun plan de aproveitamento silvopastoril, redactado por un técnico competente en materia agroforestal. Este plan de aproveitamento silvopastoril terá, como mínimo, o contido que se incluirá na documentación que a seguir se enumera:

1. Localización, detallando as referencias catastrais afectadas.

2. Superficie.

3. Plano coa superficie destinada ao pastoreo.

4. Prescricións técnicas do aproveitamento e características do gando.

5. Prazo a que se axustará o aproveitamento.

6. Xustificación da carga gandeira que soportará a parcela, desagregando, de ser o caso, as cargas xerais e instantáneas.

7. Actuacións planificadas (cerramentos, pasos, rozas, sementeiras...).

8. Responsables do aproveitamento.

4. As solicitudes de inscrición e a documentación que as acompañan presentaranse de conformidade co modelo establecido no anexo IX.

5. Por proposta do servizo de montes da xefatura territorial, o órgano forestal da Comunidade Autónoma resolverá, nun prazo máximo de tres meses, conceder ou denegar a inscrición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo, resolución que será notificada á persoa solicitante nos termos establecidos no artigo 59 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de inscrición, suporá a ratificación da prohibición ou regulación realizada pola persoa propietaria do monte. No caso de que a resolución sexa negativa á inscrición no rexistro, deberá xustificarse e ser motivada. Se o devandito órgano non emite resolución expresa sobre a solicitude de inscrición no prazo máximo de tres meses, esta entenderase estimada por silencio administrativo.

6. O órgano competente da Comunidade Autónoma en materia de sanidade animal poderá suspender de xeito temporal o pastoreo por causas sanitarias ou epidemiolóxicas. Nestes casos, a inscrición dos terreos autorizados obxecto do aproveitamento no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo quedará automaticamente suspendida e levantarase cando cesen as circunstancias que motivaron a suspensión, logo de comunicación, en ambos os supostos, do órgano competente en materia de sanidade animal ao órgano forestal.

7. A información contida no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo completarase coa información subministrada polos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal validamente aprobados de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. En caso de discrepancia entre a información contida no Rexistro e a información contida nestes instrumentos, prevalecerá o disposto nestes últimos, e pódese, en todo caso, proceder, por instancia da persoa propietaria, á súa modificación de conformidade co establecido co artigo 82 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Sección 2ª. Limitacións ao aproveitamento de pastos

Artigo 39. Prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais

1. Con carácter xeral, prohíbese o pastoreo en todos os montes e terreos forestais que resulten afectados por incendios forestais, nun prazo mínimo contado desde a data en que se produza o incendio ata o 31 de decembro posterior á data en que se fagan dous anos deste e ata que as adecuadas condicións de restauración da masa arborada, se é o caso, o permitan.

2. Unha vez superado este límite temporal, poderase proceder ao aproveitamento de pastos nos montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais de conformidade co establecido na sección 1ª do presente capítulo, segundo corresponda. A inscrición deste tipo de terreos baixo unha autorización regulada no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo estará supeditada a que o dito aproveitamento non favoreza o risco de sufrir graves episodios de erosión e escorremento pola degradación ou pola sobreexplotación dos seus solos.

3. No Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo inscribiranse de oficio como zonas prohibidas as superficies queimadas naquelas parroquias definidas como de alta actividade incendiaria incluídas nas zonas declaradas como de alto risco en Galicia, durante o período que resulte por aplicación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 40. Excepcións á prohibición de pastoreo en montes ou terreos forestais afectados por incendios forestais

1. Non obstante o disposto no artigo anterior, en casos excepcionais, e agás que se trate de superficies arboradas queimadas ou superficies de parroquias incluídas en zonas declaradas como de alto risco onde, polo número de incendios forestais reiterados ou pola súa gran virulencia, precisen medidas extraordinarias de prevención de incendios e de protección dos montes fronte aos impactos producidos por eles, o aproveitamento de pastos en terreos afectados por incendios forestais poderá ser autorizado antes de que transcorra o prazo disposto no número 1 do artigo anterior, sempre que concorra, e o demostre a persoa solicitante, algunha das seguintes circunstancias:

a) Acreditación de perdas de difícil ou imposible reparación pola prohibición do pastoreo.

b) A inexistencia de alternativas ao pastoreo nas áreas afectadas polos incendios forestais dentro da mesma demarcación forestal.

2. En calquera caso, para proceder ao aproveitamento de pastos en montes ou terreos forestais nesta situación deberase cumprir co establecido na sección 1ª do presente capítulo, segundo corresponda, xustificando que o dito terreo forestal foi afectado por incendio forestal e que non transcorreu o prazo establecido por regra xeral, e motivar e acreditar, de ser necesario, que se está nalgunha das circunstancias taxadas no número anterior.

Capítulo VI
Aproveitamentos micolóxicos

Sección 1ª. Disposicións comúns aos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais

Artigo 41. Obxecto e alcance

1. O obxecto do presente capítulo é a ordenación e regulación do aproveitamento micolóxico, mediante a recolla de cogomelos ou fungos, nos montes e terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes aproveitamentos realizaranse dentro dos límites que permitan os intereses de conservación e mellora do monte de acordo co disposto no presente decreto e de xeito que se garanta a súa persistencia e capacidade de renovación.

2. Exceptúanse deste réxime xeral aqueles cogomelos que poidan ser obxecto dunha regulación específica, e neste caso o aproveitamento rexerase polo disposto na devandita normativa.

3. Nos montes ou terreos forestais de xestión privada, o aproveitamento micolóxico realizarase de acordo co disposto no presente capítulo, na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e na demais normativa sectorial que poida resultar de aplicación.

Artigo 42. Condicións específicas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

1. Tanto na fase de localización como na de recolla de cogomelos e fungos non se empregarán máis instrumentos para a extracción que un coitelo ou navalla. Os cogomelos extraeranse coidadosamente coa punta da navalla ou coitelo desde a base do pé, de xeito que queden enteiros, e tendo perfectamente visibles todos os caracteres que permitan a súa correcta identificación sen danar o micelio. Unha vez extraídos reporase a terra ou a folla de xeito que o terreo quede nas condicións orixinais.

2. Deixaranse intactos os exemplares que non se vaian recoller por calquera motivo, tanto pola súa mala conformación, xa estean rotos, alterados, pola falta de interese para a persoa que realiza o aproveitamento, por dúbidas na súa identificación ou calquera outro motivo de similar ou análoga natureza.

3. Os recipientes utilizados para o traslado e almacenaxe dos cogomelos por aquelas persoas que realicen o aproveitamento dentro dos montes ou terreos forestais terán que ser cestos ou recipientes de material permeable de semellante natureza, abertos pola súa cara superior, que permitan a súa aireación e a caída ao exterior das esporas.

Artigo 43. Prácticas prohibidas na realización dos aproveitamentos micolóxicos

Na realización de aproveitamentos micolóxicos quedan prohibidas as seguintes prácticas:

1. Remexer o chan, tanto na fase de localización como na de recolla, de xeito que se altere ou prexudique a cobertoira vexetal superficial, con excepción dos fungos hipoxeos (subterráneos), nos cales se permitirá sempre que o seu aproveitamento se realice extremando as precaucións de xeito que, unha vez rematados os traballos, o terreo debe quedar nas condicións máis próximas ás orixinais.

2. Usar anciños, angazos, aixadas ou calquera outra ferramenta que altere a parte vexetativa do cogomelo. En todo caso, a folla do instrumento empregado non excederá os 11 centímetros de lonxitude.

3. Recoller cogomelos e fungos pola noite, con independencia do tipo de aproveitamento e da especie. Para estes efectos, a noite comprenderá o período que vai desde o solpor ata o amañecer, segundo as táboas de orto e ocaso.

4. Romper ou deteriorar calquera exemplar que non sexa obxecto de recolección, agás roturas puntuais dalgún exemplar, necesarias para a axeitada identificación taxonómica.

5. Recoller cogomelos nas primeiras e nas últimas fases do seu desenvolvemento, é dicir, cando os exemplares sexan demasiado novos ou demasiado vellos.

6. Recoller, alterar ou estragar exemplares de especies protexidas.

7. Trasladar e almacenar os cogomelos en bolsas de plástico ou similares, ou en recipientes con recubrimento exterior ou interior que impidan ou diminúan a permeabilidade.

Artigo 44. Tipos de aproveitamento micolóxico

1. Para os efectos do presente decreto, os aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia clasifícanse nos seguintes grupos:

a) Aproveitamentos para consumo propio: son aqueles aproveitamentos de marcado carácter consuetudinario e esporádico que presentan unha finalidade doméstica, isto é, non económica ou comercial. Enténdese por modalidade de aproveitamento para consumo propio a recolla de cogomelos de calquera especie permitida ata un máximo de 2 quilogramos por persoa e día e sempre que sexan silvestres e non produtos de plantación ou de micorrización.

b) Aproveitamentos comerciais: son aqueles aproveitamentos a través dos cales a persoa propietaria ou xestora do monte ou terreo forestal pretenda obter un rendemento económico ou lucrativo ao seu favor. En todo caso, este tipo de aproveitamento require de autorización da persoa propietaria, entendéndose que existe aproveitamento comercial cando a recolla de cogomelos de calquera especie exceda a cantidade de 2 quilogramos de peso por persoa e día ou non sexan silvestres.

c) Aproveitamentos con fins científicos ou didácticos: son aqueles aproveitamentos que presentan un obxecto eminentemente científico-taxonómico, de identificación, de colección, educativo ou similar que deberá quedar acreditado suficientemente con anterioridade á execución do aproveitamento. En todo caso, este tipo de aproveitamento pode ser compatible con outros tipos de aproveitamentos definidos no presente artigo. Este aproveitamento estará limitado a 5 unidades representativas enteiras por especie.

2. Os aproveitamentos para consumo propio e os aproveitamentos con fins científicos ou didácticos son libres, agás que a persoa titular regule o coutamento do seu aproveitamento no instrumento de ordenación ou xestión forestal ou comunique o coutamento deste aproveitamento, que en calquera caso debe sinalizar.

Sección 2ª. Aproveitamentos micolóxicos en montes e terreos forestais. Coutos

Artigo 45. Regulación dos aproveitamentos micolóxicos en montes ou terreos forestais

1. As persoas propietarias de montes teñen dereito a coutar as súas propiedades, orientado á viabilidade e ao mellor aproveitamento micolóxico.

2. O aproveitamento micolóxico en montes ou terreos forestais de xestión privada situados na Comunidade Autónoma de Galicia deberá estar regulado no correspondente instrumento de ordenación ou de xestión, validamente aprobado pola Administración forestal de conformidade co establecido no capítulo II do título III da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no cal, de ser o caso, se sinalará, como mínimo, a superficie que será obxecto de restrición ao acceso mediante o coutamento, e nel incluiranse as obrigas establecidas neste decreto respecto ás condicións de efectuar o aproveitamento, polo que o incumprimento destas condicións implicará que se incumpre co disposto no instrumento de ordenación ou de xestión.

3. En caso de non contar con instrumento de ordenación ou de xestión aprobado, a persoa propietaria do monte ou terreo forestal poderá manifestar a decisión de prohibir a entrada de persoas sen a súa autorización para a recolla de cogomelos con independencia da modalidade de aproveitamento, na totalidade ou nunha parte do seu monte mediante o coutamento.

4. Para este fin deberá remitir comunicación desta decisión á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes onde se sitúe o terreo consonte o modelo establecido no anexo X. Nesta comunicación faranse constar, ademais dos datos identificativos da persoa propietaria, a superficie obxecto de coutamento, referencias catastrais afectadas ou xuntar plano do aproveitamento, e o período de validez desta comunicación, que poderá ser por tempo determinado ou ben indefinidamente mentres a persoa propietaria do monte ou terreo forestal non se manifeste en contra ou ben concorran circunstancias sobre o terreo que obriguen a modificar a dita restrición.

5. A recolla de cogomelos nas modalidades definidas neste capítulo como para consumo propio ou con fins científicos ou didácticos poderá efectuarse sen necesidade de autorización por parte da persoa propietaria nos montes ou terreos forestais de xestión privada, e sempre fóra da superficie obxecto de coutamento.

6. A recolla de cogomelos na modalidade de aproveitamento definida neste capítulo como comercial estará sometida, en calquera caso, á autorización explícita e por escrito da persoa propietaria do monte ou terreo forestal, nos termos reflectidos no artigo 46 do presente decreto.

7. Aqueles terreos coutados para o aproveitamento micolóxico deberán ser cada ano obxecto efectivo de dito aproveitamento e o dito aproveitamento deberá facerse consonte o establecido no instrumento de ordenación ou de xestión, se existir.

Artigo 46. Necesidade de autorización polos propietarios en caso de terreos afectados por algún tipo de restrición

1. En caso de montes ou terreos forestais de xestión privada en que o aproveitamento micolóxico teña a consideración de comercial ou cando en calquera modalidade se estea a facer o dito aproveitamento dentro dunha superficie coutada consonte o disposto neste capítulo, requirirase autorización expresa das persoas propietarias. Para as comunidades titulares de montes veciñais en man común será necesaria, para a dita autorización, a constancia do acordo da asemblea xeral conforme os seus estatutos e a normativa vixente na materia.

2. As persoas que dispoñan da citada autorización deberán levala consigo no momento de realizar o aproveitamento. Nesta autorización deberá constar, como mínimo, a súa vixencia, o nome do monte ou terreo forestal, as referencias catastrais afectadas ou no plano coa superficie de aproveitamento autorizada, os datos identificativos da persoa a que se concede o permiso e os datos identificativos e a sinatura da persoa que outorga o devandito permiso.

3. En caso de aproveitamentos exercidos por un grupo de persoas organizado, o permiso explícito anteriormente mencionado poderá concederse para o grupo completo e para todo o período de tempo que dure a actividade.

Artigo 47. Sinalización dos montes e terreos forestais de xestión privada que presenten prohibicións ou restricións con respecto aos aproveitamentos micolóxicos

1. Co obxecto de que os posibles recolledores/as recoñezan o monte ou terreo forestal afectado pola restrición en materia de aproveitamentos micolóxicos, as persoas propietarias destes predios deberán coutar e sinalizar o perímetro sometido a restrición de acceso. Con esta finalidade, empregaranse sinais claros e facilmente visibles coa seguinte inscrición en letras maiúsculas «Aproveitamento micolóxico restrinxido. Prohibida a recolla de cogomelos sen autorización da persoa propietaria ou xestora».

2. Estes sinais deberán estar situados no recinto coutado e nos accesos principais ao monte.

3. Para a sinalización prohíbese cravar ou esgazar con calquera elemento, manual ou mecánico, as árbores de forma tal que se lles produzan dano ou feridas.

Capítulo VII
Rexistro de empresas do sector forestal (Resfor)

Sección 1ª. Contido, organización e funcionamento do rexistro de empresas do sector foresal (Resfor)

Artigo 48. Empresas do sector forestal de Galicia

Constitúen o Resfor as empresas do sector forestal de Galicia. Enténdese por empresas do sector forestal de Galicia aquelas cooperativas, empresas e industrias forestais que desenvolvan algunha das actividades que figuran no anexo XII. No caso de determinadas actividades sinaladas no citado anexo, aplicaráselles o disposto no presente decreto só cando operen con recursos ou produtos forestais especificados no anexo XIII.

Artigo 49. Contido do rexistro

O Rexistro conterá a razón social, o enderezo e o representante da entidade solicitante. Tamén conterá a información relativa á súa actividade, en particular a relacionada co consumo de produtos forestais e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais, así como o número de persoas empregadas.

Artigo 50. Organización do Rexistro. Divisións

A información existente no Rexistro estruturarase nas divisións seguintes:

a) División I: industrias e actividades seguintes:

1º. As dedicadas a actividades de aproveitamento e transformación dos recursos forestais tanto madeireiros como non madeireiros.

2º. As dedicadas á execución da xestión forestal e as que realizan traballos relacionados coa prevención e defensa dos montes contra os incendios forestais.

3º. As dedicadas á produción de material forestal de reprodución.

4º. As dedicadas á produción ou á aplicación de produtos fitosanitarios para o control de enfermidades e pragas forestais e/ou ao seu control biolóxico.

5º. As dedicadas a actividades no monte en calquera das súas vertentes.

b) División II: empresas de servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados coas industrias e actividades indicadas no anterior parágrafo.

c) División III: entidades ou axentes en materia de seguranza e calidade industrial, entidades de acreditación, organismos de control, laboratorios e outros axentes en materia de seguranza e calidade industrial.

Artigo 51. Organización do Rexistro. Seccións

1. A división I organizarase en seccións coincidentes coas agrupacións establecidas polos tres primeiros díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente.

2. A división II organizarase nas seccións seguintes:

a) Empresas consultoras.

b) Empresas de enxeñaría.

c) Proxectistas e deseñadores.

d) Instaladores.

e) Conservadores, reparadores e mantedores.

3. A división III organizarase nas seccións seguintes:

a) Entidades de acreditación.

b) Organismos de normalización.

c) Organismos de control.

d) Laboratorios de ensaio.

e) Laboratorios de calibración.

f) Entidades de certificación.

g) Entidades auditoras e de inspección.

h) Verificadores ambientais.

i) Verificadores de emisións de gases de efecto invernadoiro.

j) Outros axentes.

4. A estrutura das seccións mencionadas nos números 2 e 3 deste artigo poderá subdividirse e organizarse de acordo coa clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) vixente.

Artigo 52. Inscrición no rexistro

1. Os titulares das empresas do sector forestal de Galicia presentarán a comunicación incluída no anexo XIV para a súa inscrición no Resfor.

2. A presentación da comunicación a que fai referencia este artigo realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. A inscrición no Rexistro non supón un pronunciamento favorable da Administración sobre a idoneidade deste respecto á restante normativa que lle sexa de aplicación nin do cumprimento dos procedementos administrativos específicos das súas instalacións ou produtos.

Sección 2ª. Comunicación anual de datos ao Resfor

Artigo 53. Da comunicación anual dos datos

1. As entidades inscritas no Resfor deben comunicar anualmente á Administración forestal, para efectos estatísticos, a información relativa á súa actividade, en particular a relacionada co consumo de produtos forestais e coa produción, transformación e comercialización dos produtos forestais e co emprego consonte o establecido no artigo 103 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Para estes efectos deben presentar antes da finalización do primeiro trimestre de cada ano a comunicación consonte o anexo XIV respecto dos datos de:

a) Consumo e produción comercializada en unidades de volume, peso ou número de unidades. No caso dos entes provedores de material forestal de reprodución, deberán presentar a comunicación anual no último trimestre do ano, e referirase aos datos do período que abrangue do 1 de xullo do ano anterior á comunicación ata o 30 de xuño do ano en que se realiza a comunicación.

b) O número de persoas empregadas do exercicio anterior.

Artigo 54. Fins da comunicación anual dos datos

A comunicación anual de datos ten como fins fundamentais:

a) Dispoñer de maneira permanente e actualizada da información necesaria referida ás cooperativas, empresas e industrias forestais, tanto das que realizan traballos forestais nos montes galegos como das industrias forestais con sede social na Comunidade Autónoma, incluíndo nestas as de serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets, cortiza, cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castañas e as que fagan aproveitamento doutros recursos forestais, co fin de levar a cabo as políticas de fomento e control que son competencia da consellería competente en materia de montes.

b) Constituír o instrumento para a publicidade e integración da información sobre actividades forestais como un servizo á cidadanía e, particularmente, ao sector empresarial, sen prexuízo das normas de confidencialidade establecidas no presente decreto e nas disposicións de carácter xeral que lle sexan de aplicación.

c) Subministrar aos servizos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia e da Administración xeral do Estado os datos precisos para elaborar as estatísticas forestais e, en particular, da política forestal e da estatística forestal española, tendo en conta a normativa autonómica e estatal vixente na materia.

d) Ofrecer aos operadores a posibilidade de describir o seu sistema de dilixencia debida de xeito individual consonte o establecido no artigo 104 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 55. Presentación e efectos da comunicación anual de datos

1. A presentación das comunicacións a que fai referencia esta sección realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. O cumprimento do deber de comunicación anual dos datos constitúe un requisito previo imprescindible para que as cooperativas, empresas e industrias forestais poidan acollerse aos beneficios derivados dos programas de modernización e promoción, así como axudas, subvencións, préstamos e avais que poidan establecer ou tramitar os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais, consorcios autonómicos, fundacións do sector público autonómico e sociedades mercantís públicas autonómicas.

Capítulo VIII
Réxime sancionador

Artigo 56. Facultade inspectora da Administración

1. A execución dos aproveitamentos poderá ser controlada pola Administración forestal, que poderá efectuar as inspeccións, os controis e os recoñecementos que considere convenientes tanto durante a realización dos aproveitamentos contidos no presente decreto como unha vez finalizados estes.

2. Os/as axentes forestais e os/as axentes facultativos ambientais, a fin de velar polo cumprimento dos preceptos contidos no presente decreto no exercicio das súas funcións, terán a condición de axentes da autoridade e, por tanto, estarán facultados para:

a) Entrar libremente en calquera momento e sen previo aviso nos lugares suxeitos a inspección e a permanecer neles, con respecto, en todo caso, á inviolabilidade do domicilio. Ao efectuar unha visita de inspección, deberán comunicar a súa presenza mostrando a súa acreditación á persoa inspeccionada ou á súa persoa representante, a menos que non sexa posible tal comunicación.

b) Proceder, sen causar danos á propiedade, ás súas infraestruturas ou ao voo, a practicar calquera dilixencia de investigación, exame ou proba que consideren necesaria para comprobar que as disposicións contidas neste decreto se observan correctamente.

c) Tomar ou sacar mostras de substancias e materiais, realizar medicións, obter fotografías, vídeos, gravacións de imaxes, e levantar esbozos e planos, sempre que se notifique á persoa titular ou á súa persoa representante, agás en caso de urxencia, caso en que a notificación poderá efectuarse con posterioridade.

3. Os/as axentes indicados poderán requirir ás persoas propietarias e ás persoas por eles autorizadas, que se atopen realizando un aproveitamento madeireiro e leñoso, de cortiza, de pastos ou micolóxico, os datos ou documentos habilitantes da actuación, sexan comunicacións, notificacións ou autorizacións requiridas, estando estes obrigados a colaborar na devandita inspección en todo aquilo para o que sexan requiridos polos ditos axentes. Para tal efecto terán un prazo máximo de 5 días para demostrar a súa habilitación para a realización do aproveitamento fronte as autoridades competentes.

4. Os devanditos documentos habilitantes non presupoñen dereito de propiedade en ningún caso.

Artigo 57. Réxime sancionador

1. Os incumprimentos do disposto neste decreto serán sancionables atendendo ás infraccións tipificadas no artigo 67 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes; no artigo 128 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no artigo 50 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

2. A falta de comunicación administrativa ao remate do aproveitamento madeireiro obxecto de notificación ou autorización en montes de xestión privada cando o volume ou peso solicitado ou notificado sufrir variacións respecto ao volume ou peso finalmente aproveitado superiores á porcentaxe establecida, ou incumprindo os prazos para realizar a dita comunicación, ou no caso de que as persoas físicas ou xurídicas solicitantes ou notificantes que actúan en lugar da persoa titular non realizaren asemade esta comunicación do volume ou o peso finalmente aproveitado á persoa titular, regulada no artigo 27 deste decreto, constitúe unha infracción prevista no artigo 128.ñ).1 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

3. A non realización das actuacións necesarias encamiñadas á rexeneración, natural ou artificial, das superficies de xestión privada obxecto de aproveitamento madeireiro dentro do período de tempo establecido sen que se producisen as causas xustificadas reguladas no artigo 30 deste decreto constitúe unha infracción prevista no artigo 128.h) da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

4. A realización de aproveitamentos de cortiza en montes de xestión privada sen cumprir o requisito da notificación previa preceptiva nos casos establecidos no capítulo IV deste decreto constitúe unha infracción prevista no artigo 67.h) da Lei 43/2003, do 21 de novembro.

5. A realización de aproveitamentos de cortiza en montes de xestión privada, cando non se dispoña dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado pola Administración, sen que se obtivese previamente a preceptiva autorización da Administración forestal para a súa execución, regulada no capítulo IV deste decreto, constitúe unha infracción prevista no artigo 67.h) da Lei 43/2003, do 21 de novembro.

6. As infraccións tipificadas nos números anteriores cualificaranse como moi graves, graves e leves segundo os criterios previstos no artigo 68 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, consonte co artigo 129 da Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Disposición adicional primeira. Difusión dos aproveitamentos forestais

A consellería responsable da dirección e elaboración das estatísticas en materia agroforestal, nos primeiros tres meses de cada ano publicará e difundirá os datos dos aproveitamentos forestais solicitados ou comunicados no ano anterior desagregados por distrito forestal e termo municipal, todo isto de acordo coa normativa estatística de Galicia e, en particular, co previsto sobre planificación e programación estatística.

Disposición adicional segunda. Do sistema de dilixencia debida adoptado polos axentes de xeito individual

1. Aqueles axentes inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia que comercialicen madeira ou produtos derivados da madeira poderán optar por desenvolver o seu sistema de dilixencia debida de xeito individual consonte o artigo 104 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Para estes efectos deberán comunicar tal decisión ao órgano competente presentando unicamente unha declaración responsable, inserida no anexo XIV, en que manifesten que cumpren cos requisitos establecidos na normativa comunitaria respecto do sistema de dilixencia debida, de acordo co Regulamento (UE) 995/2010, do Parlamento Europeo e do Consello, do 20 de outubro de 2010, polo que se establecen as obrigas dos axentes que comercializan madeira e produtos de madeira na Unión Europea, e na súa normativa de desenvolvemento, ao abeiro do citado artigo da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. Cando se comercialice madeira procedente de aproveitamentos madeireiros ou leñosos realizados no territorio forestal da Comunidade Autónoma os axentes que exerzan a dilixencia debida ao abeiro do número 1 desta disposición poderán describir o seu sistema individual a través da información relativa a cada subministración de producto consonte o réxime de notificacións, comunicacións e autorizacións de aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada disposto no presente decreto.

3. O órgano competente en materia de montes realizará controis nunha mostra aleatoria de axentes que exerzan a dilixencia debida ao abeiro do número 1 a fin de comprobar que os datos rexistrados referidos aos aproveitamentos madeireiros ou leñosos realizados no territorio forestal da Comunidade Autónoma en que interveñan, así como outros datos relacionados cos consumos de madeira ou produtos derivados da madeira, non presentan insuficiencias ou contradicións, e poden para isto requirir información complementaria.

4. Sen prexuízo do réxime sancionador que poida resultar de aplicación en cada caso, cando o órgano competente detecte insuficiencias ou contradicións proporá medidas correctoras. En función da natureza das infraccións detectadas, o citado órgano competente poderá adoptar medidas preventivas inmediatas.

Disposición adicional terceira. Inscrición de oficio no Rexistro Industrial de Galicia

1. A inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal suporá automaticamente a inscrición no Rexistro Industrial de Galicia das industrias a que fai referencia o artigo 10 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia. Esta inscrición realizarase mediante comunicación mensual pola Administración forestal aos órganos correspondentes da consellería competente en materia de industria.

2. En cumprimento do establecido no artigo 11 da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia, modificada pola Lei 13/2011, do 16 de setembro, a consellería competente en materia de montes comunicará unha vez ao ano á consellería competente en materia de industria os datos das instalacións industriais que, en razón do establecido neste decreto, teñan que estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Procedementos en tramitación

Aos procedementos iniciados ao abeiro da normativa existente con anterioridade á entrada en vigor deste decreto seralles aplicable a normativa vixente no momento da súa iniciación, agás nos casos en que o previsto neste decreto sexa máis favorable para a persoa interesada.

Disposición transitoria segunda. Inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia das cooperativas, empresas e industrias forestais que están inscritas no Rexistro Industrial de Galicia

As cooperativas, empresas e industrias forestais que figuren inscritas no Rexistro Industrial de Galicia no momento da entrada en vigor deste decreto serán incluídas de oficio no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia.

Disposición transitoria terceira. Plan de cortas

1. Mentres os montes ou terreos forestais non dispoñan do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio que preceptúa a normativa vixente ou se adhiran aos modelos silvícolas orientativos e referentes de boas prácticas tal e como establece o artigo 76.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, as solicitudes de autorización de corta, realizadas consonte o disposto no capítulo III, en superficies de aproveitamento madeireiro superiores a 1 hectárea para masas con especie principal incluída no anexo I ou de máis de 15 hectáreas para as outras masas deberán incluír un plan de cortas, asinado por un técnico/a competente en materia forestal tal como define o artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que conterá, cando menos, o seguinte contido:

a) Xustificación da necesidade ou oportunidade do aproveitamento.

b) A súa localización planimétrica, a escala 1:5.000 ou superior.

c) A superficie obxecto do aproveitamento.

d) O número de pés e volume por especie e clase natural de idade (repoboación, monte bravo, bastío, fustadío, alto fuste ou combinacións).

e) Taxación correspondente.

f) Prescricións técnicas do aproveitamento.

2. Este plan deberá ser autorizado pola propiedade forestal ou pola persoa titular dos dereitos do aproveitamento, e é preciso para os montes veciñais en man común o acordo da asemblea xeral da comunidade de montes.

3. O plan de cortas cumprirá o disposto, de ser o caso, na lexislación en materia de seguranza e saúde.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 105/2006, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais (DOG núm. 125, do 30 de xuño), agás os artigos que se indican a seguir, que se manteñen vixentes:

a) Artigo 8.

b) Artigo 9, números 2 e 3.

c) Artigo 11.

d) Artigo 12, número 1.e).

e) Artigo 15, números 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8.

f) Artigo 17.

2. Queda derrogada a Orde do 28 de setembro de 2004 pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, en aplicación da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes (DOG núm. 195, do 6.10.2004).

3. Quedan derrogadas todas as disposicións legais de igual ou inferior rango que contraveñan ou se opoñan ao preceptuado neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Da modificación dos anexos

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para a modificación dos anexos deste decreto, sempre que a dita modificación estea fundamentada en calquera dos principios xerais incluídos no artigo 3 deste decreto e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

Anexo I

– Coníferas:

Piñeiro silvestre: Pinus syvestris L.

Teixo: Taxus baccata L.

– Frondosas:

Ameneiro: Alnus glutinosa (L.) Gaetrn.

Pradairo: Acer pseudoplatanus L.

Bidueiro: Betula sp.

Freixo: Fraxinus excelsior L.

Freixa: Fraxinus angustifolia Vahl.

Castiñeiro: Castanea sativa Mill.

Castiñeiro híbrido: Castanea x híbrida (resistente tinta)

Cerdeira: Prunus aviun L.

Carballo: Quercus robur L.

Cerquiño: Quercus pyrenaica Will.

Sobreira: Quercus suber L.

Carballo albar: Quercus petraea (Matts) Liebl.

Aciñeira: Quercus ilex L. ssp. ballota (Desf.) Samp.

Abeleira: Corylus avellana L.

Faia: Fagus sylvatica L.

Umeiro: Ulmus glabra Huds.

Ulmus minor Miller.

Loureiro: Laurus noblilis L.

Sorbeira do monte: Sorbus aria L.

Capudre: Sorbus aucuparia L.

Nogueira: Juglans regia L.

Érbedo: Arbutus unedo L.

Anexo XII
Lista de actividades económicas para os efectos establecidos no artigo 48

Código

Denominación

01.29

*

Outros cultivos perennes

01.42

*

Explotación doutro gando bovino e búfalos

01.43

*

Explotación de cabalos e outros equinos

01.45

*

Explotación de gando ovino e cabrún

01.46

*

Explotación de gando porcino

01.49

*

Outras explotacións de gando

01.64

*

Tratamento de sementes para reprodución

01.70

*

Caza, captura de animais e servizos relacionados

02.10

Silvicultura e outras actividades forestais

02.20

Explotación da madeira

02.30

Recolección de produtos silvestres, salvo madeira

02.40

Servizos de apoio á silvicultura

16.10

Serradura e cepilladura da madeira

16.21

Fabricación de chapas e taboleiros de madeira

16.22

Fabricación de pisos de madeira ensamblados

16.23

Fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistería para a construción

16.24

Fabricación de envases e embalaxes de madeira

16.29

Fabricación doutros produtos de madeira; artigos de cortiza, cestaría e espartaría

17.11

Fabricación de pasta papeleira

17.12

Fabricación de papel e cartón

17.21

Fabricación de papel e cartón ondulados; fabricación de envases e embalaxes de papel e cartón

17.22

Fabricación de artigos de papel e cartón para uso doméstico, sanitario e hixiénico

17.23

Fabricación de artigos de papelaría

17.24

Fabricación de papeis pintados

17.29

Fabricación doutros artigos de papel e cartón

31.01

*

Fabricación de mobles de oficina e de establecementos comerciais

31.02

*

Fabricación de mobles de cociña

31.09

*

Fabricación doutros mobles

46.73

*

Comercio por xunto de madeira, materiais de construción e aparellos sanitarios

71.12

*

Servizos técnicos de enxeñaría e outras actividades relacionadas co asesoramento técnico

71.20

*

Ensaios e análises técnicas

74.90

*

Outras actividades profesionais, científicas e técnicas n.c.n.

* Aplicación da comunicación de datos só cando operen con recursos ou produtos forestais especificados no anexo XIII.

Anexo XIII
Lista de produtos forestais segundo a clasificación nacional de produtos por actividades (CPA 08)

Código

Título

011380

Cogomelos e trufas

012519

Outras bagas e froitos do xénero Vaccinium n.c.ou.p.

012520

Sementes de froitos

012532

Castañas

012535

Noces

012920

Árbores de nadal, cortados

014212

Xatos vivos de bovinos e búfalos

014310

Cabalos e outros equinos vivos

014511

Gando ovino vivo

014512

Gando caprino vivo

014610

Gando porcino vivo

014921

Mel natural

016410

Servizos de tratamento de sementes para reprodución

017010

Servizos relativos á caza e captura de animais

021011

Árbores forestais vivas

021012

Sementes forestais

021020

Servizos de viveiros forestais

021030

Árbores forestais

022011

Troncos de coníferas

022012

Troncos, excepto de coníferas e madeiras tropicais

022013

Troncos de madeiras tropicais

022014

Leña

023011

Balata, gutapercha, guaiule, chicle e gomas naturais análogas

023012

Goma laca, bálsamos e outras gomas e resinas naturais

023020

Cortiza natural en bruto ou simplemente preparado

023030

Partes de plantas, herbas, musgo e liques destinados a fins ornamentais

023040

Produtos silvestres comestibles

024010

Servizos de apoio á silvicultura

161010

Madeira serrada ou cortada lonxitudinalmente, cortada en follas ou escascada, dun espesor superior de 6 mm; travesas de madeira dormentes sen impregnar para vía férrea

161021

Madeira con librado continuo ao longo de calquera dos seus bordos ou caras (incluídas as taboíñas e frisos para parqués sen ensamblar, listóns e molduras)

161022

La (labra) de madeira; fariña de madeira

161023

Madeira en achas ou partículas

161031

Madeira en bruto, tratada con pintura, corantes, creosota ou outros preservativos

161032

Travesas de madeira dormentes impregnada para vías férreas

161039

Outros tipos de madeira en bruto, incluídos arxóns e estacas

161091

Servizos de secado, impregnación ou tratamento químico da madeira

161099

Operacións de subcontratación que forman parte da preparación de madeira serrada e cepillada

162111

Madeira contrachapada, madeira chapada e madeira estratificada similar, de bambú

162112

Outros tipos de madeira contrachapada, taboleiros de madeira chapada e formas similares de madeira laminada

162113

Taboleiros de partículas e taboleiros similares de madeira ou outras materias leñosas

162114

Taboleiros de fibra de madeira ou outras materias leñosas

162121

Láminas de chapa de madeira, madeira para contrachapado e outras madeiras serradas lonxitudinalmente, rebandadas ou desenroladas, dun grosor inferior ou igual a 6 mm

162122

Madeira densificada en bloques, pranchas, táboas ou perfís

162191

Servizos de acabamento de taboleiros e paneis

162199

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de chapas de taboleiros de madeira

162210

Taboleiros para pisos de madeira ensamblados

162299

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de pisos de madeira ensamblados

162311

Fiestras, balcóns e os seus marcos, portas e os seus marcos e limiares, de madeira

162312

Encofraxes para obras de construción de formigón, taboíñas e ripas, de madeira

162319

Carpintaría de madeira para edificios e construción n.c.o.p.

162320

Construcións prefabricadas de madeira

162399

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación doutras estruturas de madeira e pezas de carpintaría e ebanistaría para a construción

162411

Palés, palés-caixa e outras plataformas de carga feitas de madeira

162412

Cubas e outros produtos de tonelería, de madeira

162413

Outros envases e embalaxes de madeira e as súas partes correspondentes

162499

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de envases e embalaxes de madeira

162911

Ferramentas, monturas e mangos de ferramentas, monturas e mangos de cepillos ou vasoiras, bloques para fabricar cachimbas de fumar e formas e alargadores para botas e zapatos, de madeira

162912

Servizos de mesa e utensilios de cociña, de madeira

162913

Madeira con traballo de marquetería e taracea, cofres e estoxos para xoias ou coitelarías e artigos de madeira similares, estatuiñas e outros adornos, de madeira

162914

Marcos de madeira para cadros, fotografías, espellos ou obxectos similares, e outros artigos de madeira

162921

Cortiza natural, co líber desbastado ou escuadrado simplemente, ou en bloques, pranchas, follas ou tiras rectangulares; cortiza triturada, granulada ou moída; desperdicios da cortiza

162922

Artigos de cortiza natural

162923

Bloques, pranchas, follas e tiras, baldosas de calquera forma, cilindros sólidos de cortiza aglomerada

162924

Cortiza aglomerada; artigos de cortiza aglomerado n.c.n.

162925

Artigos de palla, esparto ou doutros materiais trenzables; cestaría e traballo do vimbio

162991

Servizos de preparación de madeira, cortiza, cestaría e espartaría

162999

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación doutros produtos de madeira, cortiza, cestaría e espartaría

171111

Pasta química de madeira para disolver

171112

Pasta química de madeira, á sosa ou ao sulfato, salvo a pasta para disolver

171113

Pasta química de madeira, ao sulfito, excepto a pasta para disolver

171114

Pasta mecánica de madeira; pasta semiquímica de madeira; pastas de materias celulósicas, salvo de madeira

171199

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de pasta papeleira

171211

Papel prensa en bobinas ou en follas

171212

Papel e cartón feito á man (folla a folla)

171213

Papel e cartón utilizados como soporte para papel e cartón fotosensible, sensible á calor ou electrosensible; papel soporte para papel carbón; soporte para papel pintado

171214

Outro tipo de papel e cartón para usos gráficos

171220

Rolos continuos para a fabricación de papel hixiénico ou papel facial, guata de celulosa e redes de fibras de celulosa

171231

Papel e cartón kraft para cubertas (kraftliner), cru e sen revestir

171232

Papel e cartón kraft branquexado; revestido

171233

Papel semiquímico para acanalar

171234

Papel para acanalar, mesmo reciclado

171241

Papel kraft sen revestir; papel kraft para sacos, rizado ou encartado

171242

Papel sulfito para envolver e outro tipo de papel sen revestir, salvo o utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos

171243

Papel e cartón filtro; papel feltro

171244

Papel de fumar, cortado ou non ao tamaño adecuado, en libriños ou tubos

171251

Cartón gris sen revestir

171259

Outro tipo de cartón sen revestir

171260

Pergameo vexetal, papel impermeable á graxa, papel de calco, papel vexetal e outros papeis transparentes ou translúcidos

171271

Papel e cartón mixto sen recubrir na súa superficie nin impregnar

171272

Papel e cartón rizado, encartado, gofrado ou perforado

171273

Papel e cartón utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos, revestido con caolín ou con outras sustancias inorgánicas

171274

Papel kraft, excepto o utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos, revestido con caolín ou con outras sustancias inorgánicas

171275

Cartón kraft, excepto o utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos, revestido con caolín ou con outras sustancias inorgánicas

171276

Papel carbón, papel de cal e outro tipo de papel de copia ou transferencia, en rolos ou follas

171277

Papel, cartón, guata de celulosa e redes de fibras de celulosa, recubertos, impregnados, revestidos, coloreados ou impresos na súa superficie, en rolos ou follas

171278

Cartón gris, excepto o utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos, revestido con caolín ou con outras sustancias inorgánicas

171279

Outro tipo de cartón, excepto o utilizado para escribir, imprimir ou outros fins gráficos, revestido con caolín ou con outras sustancias inorgánicas

171299

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de papel e cartón

172111

Papel ondulado, en bobinas ou en follas

172112

Sacos e bolsas de papel

172113

Caixas de papel ou cartón ondulado

172114

Caixas e cartonaxes, de encartar, de papel ou cartón sen ondular

172115

Arquivadores, clasificadores de cartas, caixas de almacenaxe e artigos similares do tipo utilizado en oficinas, tendas e establecementos similares, de papel

172199

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de papel e cartón ondulado e de envases e embalaxes de papel e cartón

172211

Papel hixiénico, panos, toalliñas de desmaquillaxe e toallas, manteis e panos de mesa, de pasta de papel, de papel, de guata de celulosa ou de napa de fibras de celulosa

172212

Compriesas e tampóns hixiénicos, cueiros para bebés e artigos hixiénicos similares, pezas e complementos de vestir de pasta de papel, de papel, de guata de celulosa ou de napa de fibras de celulosa

172213

Bandexas, pratos, vaixelas, cuncas e artigos similares de papel ou cartón

172299

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de artigos de papel e cartón para uso doméstico, sanitario e hixiénico

172311

Papel carbón, papel de autocopia e outros papeis de copia ou traslado; clichés para copiadoras e pranchas de offset; papel engomado ou adhesivo

172314

Outros tipos de papel e cartón, utilizado para escribir ou imprimir ou outros fins gráficos, impresos, estampados ou perforados

172911

Etiquetas de papel ou cartón

172912

Bloques e placas, filtrantes, de pasta de papel

172919

Papel de fumar; bobinas, carretes e soportes similares; papel e cartón para filtros; outros artigos de papel e cartón n.c.n.

201471

Derivados de produtos vexetais ou de resina

201472

Carbón vexetal

283086

Maquinaria agrícola, para a horticultura, a silvicultura, a avicultura ou a apicultura n.c.o.p.

283092

Compoñentes de maquinaria agraria e forestal para a preparación do solo

283093

Compoñentes doutra maquinaria agraria e forestal

283099

Operacións de subcontratación que forman parte da fabricación de maquinaria agraria e forestal

310012

Asentos con armazón de madeira

310112

Mobles de oficinas de madeira

310113

Mobles de establecementos comerciais de madeira

310912

Mobles de madeira para dormitorios, comedores e cuartos de estar

310913

Mobles de madeira n.c.n.

331221

Servizos de reparación e mantemento de maquinaria agraria e forestal

381152

Residuos de papel e cartón

383232

Materiais secundarios en bruto de papel e cartón

390011

Servizos de saneamento e limpeza de solos e augas subterráneas

390012

Servizos de saneamento e limpeza de augas superficiais

390021

Contención da contaminación, servizos de control e vixilancia e outros servizos de saneamento de terreos

429919

Outras obras de enxeñería civil n.c.n.

429929

Traballos de construción de obras de enxeñaría civil n.c.n.

431211

Traballos de preparación de solos e terreos; traballos de roza

431212

Traballos de escavación e movemento de terras

461311

Servizos de intermediación do comercio por xunto de madeira e produtos de madeira

461511

Servizos de intermediación do comercio por xunto de mobles

462112

Servizos de comercio por xunto de sementes, excepto as oleaxinosas

464711

Servizos de comercio por xunto de mobles para a casa

467311

Servizos de comercio por xunto de madeira en bruto

467312

Servizos de comercio por xunto de produtos de primeira transformación da madeira

470055

Servizos de comercio polo miúdo de mobles

470057

Servizos de comercio polo miúdo de artigos de madeira, cortiza e vimbio

494119

Outros servizos de transporte de mercadorías por estrada

521019

Outros servizos de almacén e depósito

651241

Servizos de seguros de incendio con danos aos bens

652025

Servizos de reseguros de incendio e outros danos aos bens

702220

Outros servizos de administración de proxectos distintos dos destinados á construción

702230

Outros servizos de consultoría empresarial

711132

Servizos de ordenación do solo rural

711141

Servizos de arquitectura paisaxística

711142

Servizos de asesoría de arquitectura paisaxística

711211

Servizos de asesoría en enxeñaría

711219

Servizos técnicos de enxeñaría para outros fins

711234

Servizos de topografía de superficie

711235

Servizos de cartografía

712019

Outros servizos de ensaio e análises técnicas

721112

Servizos de investigación e desenvolvemento experimental en biotecnoloxía ambiental e industrial

721113

Servizos de investigación e desenvolvemento experimental en biotecnoloxía agraria

721915

Servizos de investigación e desenvolvemento experimental en ciencias da terra e ciencias relativas ao ambiente

721929

Outros servizos de investigación e desenvolvemento experimental en enxeñaría e tecnoloxía, excepto biotecnoloxía

721950

Proxectos orixinais de investigación e desenvolvemento en ciencias naturais e técnicas, excepto biotecnoloxía

749013

Servizos de asesoría sobre ambiente

910412

Servizos de reservas naturais, incluída a preservación da flora e a fauna silvestres

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file