Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 8 de maio de 2014 Páx. 20877

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia.

O monte galego desempeña unha función moi relevante tanto como fonte de recursos como por ser provedor de múltiples servizos recreativos e paisaxísticos, pero tamén en termos de protección do solo e do ciclo hidrolóxico, de fixación do carbono atmosférico ou de diversidade biolóxica.

Pero esta riqueza que albergan os montes galegos en diferentes recursos como os pastos, a madeira, os cogomelos ou a cortiza e en servizos turísticos, deportivos ou culturais debe ser posta en valor e xestionada, e a dita xestión ten que ser sustentable.

O concepto de desenvolvemento sustentable ten a súa orixe no Informe de 1987 da Comisión das Nacións Unidas sobre o desenvolvemento económico chamado «O noso futuro común» e definiuse como «o desenvolvemento que satisfai as necesidades das xeracións presentes sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfaceren as súas propias necesidades».

A expresión «xestión forestal sustentable» comezouse a utilizar na Conferencia de Río en 1992, pero foi na Conferencia ministerial sobre a protección dos bosques en europa, celebrada en Helsinki en 1993, onde se definiu como «a administración e o uso dos bosques e os terreos forestais en forma e intensidade que permita manter a súa biodiversidade, produtividade, capacidade de rexeneración, vitalidade e potencial para desempeñar, agora e no futuro, importantes funcións ecolóxicas, económicas e sociais, a escala local, nacional e mundial, e sen causar prexuízo a outros ecosistemas».

En España a xestión forestal dos montes foi abordada desde as técnicas de ordenación de montes desenvolvidas e estudadas amplamente ao longo dos anos, e que, en calquera caso, aseguraban a xestión sustentable.

Pódese afirmar que a ordenación de montes ten como finalidade a organización, tecnicamente xustificada, dos usos do monte, a través de especificacións necesarias para a súa xestión sustentable no tempo e no espazo. As vantaxes da súa aplicación son múltiples e entre elas destacan a conservación e crecemento das masas forestais, a fixación e xustificación de quendas, que en determinados casos, posibilitan a existencia de superficies de bosque maduro, ou a posta en valor dos terreos improdutivos do monte, o cal favorece rapidamente a evolución do cortexo florístico, o incremento da riqueza específica de fauna e a aparición de especies non pioneiras de luz.

O actual marco normativo en vigor en Galicia, definido pola Orde de 29 de decembro de 1970 pola que se aproban as Instrucións xerais para a ordenación de montes arborados, e a Orde do 29 de xullo de 1971 pola que se aproban as normas xerais para o estudo e redacción dos plans técnicos de montes arborados, non configura un marco acaído á estrutura da propiedade e a organización do monte en Galicia, que se caracteriza por unha excesiva fragmentación da propiedade.

Tampouco resulta sinxelo aplicar esas normas ás agrupacións formais de propiedades forestais, necesarias para acadar un tamaño que permita a viabilidade da xestión forestal. Incluso no caso dos montes veciñais en man común, que teñen un tamaño medio máis adecuado para facilitar a súa planificación e xestión, a aplicación das ditas instrucións tamén atopan serias dificultades pola falta de adecuación ao tipo de masas e a custosa necesidade de actualización de moitos aspectos, entre eles, fundamentalmente, o detallado inventario.

Esta situación vén provocar unha carencia de instrumentos de ordenación e xestión ou outras figuras equivalentes que poidan garantir unha xestión forestal sustentable nunha grande parte dos montes galegos. Actualmente apenas o 10 % da superficie forestal en Galicia presenta un instrumento deste tipo en vigor. Esta situación, aínda que coincidente cos valores medios existentes no Estado español, é moi diferente ao valor medio que presenta a Unión Europea, que se atopa ao redor do 50 %, e significativamente inferior aos valores que acadan os países nórdicos, que chegan incluso a superar o 75 % da súa superficie forestal.

As causas desta situación son múltiples, pero, sen dúbida, a estrutura da propiedade en Galicia semella un dos grandes factores que dá explicación a estes valores enunciados: unha propiedade forestal galega claramente de natureza privada (98 %), coincidente con Portugal pero ben diferenciada das porcentaxes do Estado español (70 %), da UE (60 %) e doutros países como Alemaña (45 %) ou Bulgaria (10 %); composta de preto de 3.000 comunidades de montes veciñais en man común que posúen máis de 700.000 hectáreas de monte galego cunha superficie media de 250 hectáreas, e nos restantes 1,3 millóns de hectáreas a propiedade recae en máis de 675.000 familias galegas cuxa superficie media en posesión non é superior a 1-1,5 hectáreas espalladas en 8 ou 10 parcelas, o que se podería cualificar incluso como nanofundismo.

En adición, as iniciativas privadas de certificación forestal como instrumentos de mercado que aseguran, mediante unha marca, que os recursos aproveitados proveñen de montes xestionados de forma sustentable, en todas as iniciativas vixentes incorporan como condición obrigada que as superficies cun certificado forestal presenten un instrumento de ordenación ou xestión forestal, ademais doutra información e procedementos complementarios.

Por tanto, a case inexistencia de superficie baixo figuras de ordenación, xestión forestal ou equivalentes en Galicia non só está a provocar que os recursos e servizos que produce o monte galego se abandonen e non se poñan en valor de forma sustentable, supoñendo ás veces un custoso gasto público e incluso un perigo para os bens e as persoas, senón que, ademais, está a influír claramente na competitividade do sector forestal galego ao non poder proverse de materia prima cun selo diferencial de certificación nun mercado comunitario onde a dita desvantaxe se fai máis significativa en relación coa situación actual descrita noutras rexións e países que son directos competidores.

A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, foi moi sensible a esta situación e afrontou de xeito claro e decidido a adaptación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal, así como doutras figuras equivalentes á realidade do monte en Galicia.

O obxectivo que se desenvolveu nos artigos 77 a 83 da dita norma dirixiuse a responder aos novos intereses da sociedade respecto á necesaria valorización do monte galego mediante o uso múltiple e sustentable dos seus recursos e a dar soporte á crecente demanda da súa certificación forestal. Para iso estableceu no seu artigo 77 un conxunto de proxectos de ordenación, documentos simples ou compartidos de xestión forestal ou documentos equivalentes, como son a adhesión a referentes de boas prácticas e modelos silvícolas orientativos ou de xestión forestal, segundo a superficie da propiedade forestal.

Este decreto nace para dar resposta ao mandado disposto no artigo 78 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que Consello da Xunta deberá aprobar as instrucións xerais para a ordenación dos montes en Galicia, que conterán os principios reitores, os criterios e os requirimentos que deberán cumprir todos os instrumentos de ordenación, de xestión e figuras equivalentes nos montes situados na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da xestión forestal sustentable, e desenvolverán a súa estrutura e contidos mínimos.

Neste decreto desenvólvense as ditas figuras, tendo en consideración a situación actual do monte galego, e, para cada unha das figuras definidas no artigo 77 da norma, establécese un gradiente de requirimentos e contidos de xeito concreto, sendo estes máis amplos para instrumentos de ordenación e máis flexibles para instrumentos de xestión, a fin de que poidan ser asumidos polas persoas propietarias ou titulares de pequenas superficies forestais, polas necesarias agrupacións das ditas persoas e polos/as silvicultores/as galegos/as en xeral.

Cómpre sinalar que o artigo 32 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, regula a elaboración das instrucións básicas para a ordenación e o aproveitamento de montes en España pero, tras máis de dez anos desde a publicación desta norma, non se teñen aínda desenvolvidas. Tendo en consideración a importancia do presente desenvolvemento normativo para os montes galegos, enténdese que non se pode esperar polas ditas instrucións básicas.

Este decreto, ademais, afonda na utilización de recursos vinculados á Administración electrónica para a presentación e introdución harmonizada, segundo anexos detallados de estructura e contidos, cos datos mínimos necesarios para compoñer as figuras desenvolvidas. Deste xeito facilítase o seu almacenamento, seguimento das actuacións planificadas e presentación telemática dos principais datos que configuran estes instrumentos, este último requirimento obrigado para a percepción de axudas en materia de desenvolvemento rural para determinadas explotacións forestais.

Polo exposto e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, por proposta da consellería competente en materia de montes, consultado o Consello Forestal de Galicia consonte o artigo 12 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de abril de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto aprobar, segundo o disposto no artigo 78 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, que conteñen os principios reitores, os criterios, requisitos, fins, a estrutura e os contidos mínimos que deberán cumprir todos os instrumentos de ordenación e de xestión dos montes situados na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco da xestión forestal sustentable.

2. Así mesmo, o presente decreto ten por obxecto regular a elaboración e o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación e xestión forestal, de conformidade co disposto nos artigos 80 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación serán os montes ou terreos forestais existentes dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Principios

Este decreto inspírase nos seguintes principios:

a) O desenvolvemento da potencialidade multifuncional dos montes nos seus valores económicos, sociais e ambientais.

b) O aproveitamento e a rendibilidade económica, o seu rendemento, a produción de madeira como recurso natural renovable e a obtención global, mediante a valorización, dos seus recursos e servizos dentro das directrices de xestión e aproveitamento sustentable.

c) A conservación, o aumento e a mellora dos recursos forestais, a calidade paisaxística e o mantemento da biodiversidade.

d) O desenvolvemento rural, a xeración de rendas, a fixación da poboación, a creación de emprego e o desenvolvemento da industria forestal.

e) A consolidación da propiedade forestal.

f) A loita contra os incendios a través dun aproveitamento sostido dos recursos forestais e a creación das infraestruturas e actuacións necesarias para a súa prevención.

Artigo 4. Definicións

Para os efectos deste decreto, defínense os seguintes termos:

a) Coordinador/a do documento compartido de xestión forestal: a persoa responsable na tramitación da aprobación do documento compartido de xestión forestal para os efectos administrativos de presentación de solicitudes, requirimentos e comunicacións.

b) Cortas extraordinarias: as que non estean previstas no instrumento de ordenación ou de xestión forestal e que corresponden ás baixas producidas por enfermidade, decrepitude, morte natural ou accidental dos pés, danos catastróficos, cortas de obrigada execución ou variacións do volume realmente aproveitado nas unidades de actuación planificadas respecto do estimado. En ningún caso a aplicación destas cortas terá unha significación tal que suporá a modificación do plan xeral do instrumento.

c) Documento compartido de xestión forestal: instrumento de xestión forestal, de iniciativa privada para un conxunto de propietarios, onde ningunha superficie dunha mesma propiedade supere as 25 hectáreas en couto redondo, que debe incluír uns referentes de boas prácticas, unha planificación simple dos aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, e modelos silvícolas para os principais tipos de masa, de obrigado cumprimento, para os terreos forestais adscritos a el, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

d) Documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos: instrumento de xestión forestal para a xestión e o aproveitamento dos montes, baseado na análise das especies existentes, nas súas quendas de corta cando as ditas especies sexan arbóreas, e garantindo que non se poña en perigo a persistencia dos ecosistemas e que se manteña a capacidade produtiva dos montes, de acordo co establecido no artigo 76 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

e) Documento simple de xestión forestal: instrumento de xestión forestal que planifica as melloras e os aproveitamentos dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, garantindo unha xestión forestal sustentable da superficie dunha mesma propiedade, sen que ningún couto redondo supere as 25 hectáreas, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

f) Estrato forestal de inventariación: unidade de inventariación forestal, definida por superficies homoxéneas, que no caso de masas arboradas terá en consideración para a súa delimitación a especie ou especies, tipo de masa (pura, mixta), forma principal de masa (coetánea, regular, semirregular ou irregular), clase natural de idade (repoboación, monte bravo, bastío, fustadío, alfo fuste ou combinacións), orixe (natural, seminatural ou artificial) e fracción de cabida cuberta (%).

g) Instrumento de ordenación ou xestión forestal: baixo esta denominación inclúense os proxectos de ordenación de montes, os documentos simples de xestión, os documentos compartidos de xestión e outras figuras equivalentes como os modelos silvícolas que serven para facer unha planificación da xestión sustentable, co fin de que sexa socialmente beneficiosa, economicamente viable e ambientalmente responsable, de acordo co establecido no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

h) Órgano forestal: é a persoa titular da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes ou, se é o caso, o órgano da Comunidade Autónoma con rango de dirección xeral ou secretaría xeral definido así na norma que estableza a estrutura orgánica da consellería con competencias en materia de montes, de acordo co establecido no artigo 8 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

i) Monte ou terreo forestal: todo terreo en que vexetan especies forestais arbóreas, arbustivas, de matogueira ou herbáceas, sexa espontaneamente ou que procedan de sementeira ou plantación, que cumpran ou poidan cumprir funcións ambientais, protectoras, produtoras, culturais, paisaxísticas, sociais ou recreativas. Terán tamén a dita consideración aqueles terreos descritos no número 1 do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e en ningún caso terán a dita consideración os dispostos no número 2 do artigo 2 da dita norma.

j) Proxecto de ordenación forestal: instrumento de ordenación forestal que sintetiza a organización do aproveitamento sustentable dos recursos forestais, madeireiros e non madeireiros, nun monte ou nun grupo de montes, para o cal debe incluír unha descrición do terreo forestal nos seus aspectos ecolóxicos, legais, sociais e económicos e, en particular, un inventario forestal cun nivel de detalle tal que permita a toma de decisións canto á silvicultura que se debe aplicar en cada unha das unidades do monte e á estimación das súas rendas, co obxectivo de obter unha organización estable dos distintos usos e servizos do monte, de acordo co establecido no artigo 79 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

k) Unidade de ordenación forestal: unidade dasocrática, xeralmente equiprodutiva, en que se dividirá a superficie do monte ou parcela forestal pola aplicación do método de ordenación escollido. En aplicación dos métodos clásicos de ordenación forestal, estas unidades de ordenación serán os tranzóns, tramos ou mouteiras de ordenación, segundo o método aplicado.

l) Unidade de actuación: unidade de planificación forestal, composta por cada unha das superficies que será obxecto de actuación ao longo da aplicación do plan especial. Estas unidades de actuación non terán por que coincidir coas unidades de ordenación forestal, xa que determinadas actuacións non serán aplicadas en toda a superficie dunha unidade de ordenación.

Capítulo II
Disposicións comúns dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

Artigo 5. Vinculación da planificación forestal

1. Conforme a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o Plan forestal de Galicia é o instrumento básico da planificación estratéxica forestal e terá a consideración de programa coordinado de actuación ao amparo dos artigos 16 e seguintes da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, para crear un sistema de planificación dos recursos forestais coordinado e relacional.

2. O Plan forestal de Galicia terá carácter vinculante en materia forestal e determinará o marco en que se elaborarán os plans de ordenación dos recursos forestais e será indicativo para a elaboración dos instrumentos de ordenación e de xestión forestal, de acordo co establecido no artigo 73 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

3. Os plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito e os plans de ordenación de recursos forestais no seu ámbito de aplicación son instrumentos de planificación forestal táctica, constituirán o marco de referencia dos instrumentos de ordenación e xestión forestal e terán carácter indicativo, tal como recolle o artigo 74 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e o artigo 15 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

4. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal terán en conta as previsións contidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no planeamento contra incendios forestais, así como as indicacións dos plans de ordenación de recursos forestais no ámbito territorial en que se atope o monte, de acordo cos criterios establecidos nos contidos mínimos dispostos nos anexos VI, VII e VIII.

5. A adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos ou os documentos simples ou compartidos de xestión deberán supeditarse no seu alcance ao territorio dun único distrito forestal a fin de que sexan recollidos os criterios orientadores incluídos nos instrumentos de planificación superiores, tales como os plans de ordenación dos recursos forestais ou os plans de prevención e defensa contra incendios forestais do distrito.

Artigo 6. Categorías dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Conforme o artigo 8.18 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, os instrumentos de ordenación e xestión forestal elaborados para os montes ou terreos forestais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberán corresponderse con algunha das seguintes categorías:

a) Como instrumento de ordenación forestal: o proxecto de ordenación (PO).

b) Como instrumentos de xestión forestal:

a. Documento simple de xestión (DSX).

b. Documento compartido de xestión (DCX).

c. Documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos (MS).

2. Todos os instrumentos citados no número anterior terán a natureza de instrumentos de ordenación e xestión forestal a unha escala operativa.

Artigo 7. Ámbito dos proxectos de ordenación

Deberán dotarse dun proxecto de ordenación:

a) Os montes públicos, os montes protectores e os montes de xestión pública.

b) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo.

c) As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie superior ás 25 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

Artigo 8. Ámbito dos documentos simples e compartidos de xestión forestal

1. Deberán dotarse dun documento simple de xestión forestal, sen prexuízo do disposto no artigo 9:

a) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.

b) A persoa propietaria, sexa persoa física ou xurídica, dun monte particular de superficie inferior ou igual ás 25 hectáreas en couto redondo.

2. Deberán dotarse dun documento compartido de xestión forestal, sen prexuízo do disposto no artigo 9, o conxunto de persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares onde ningunha superficie dunha mesma propiedade poderá superar as 25 hectáreas en couto redondo.

Artigo 9. Ámbito dos documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos

1. Poderán dotarse dun documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos:

a) Os montes veciñais en man común, as agrupacións forestais formalmente constituídas e os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo cunha superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo.

b) As persoas propietarias, sexan persoas físicas ou xurídicas de dereito privado, de montes particulares de superficie inferior ou igual ás 15 hectáreas en couto redondo para unha mesma propiedade.

2. De existir un plan de ordenación de recursos forestais no ámbito territorial da superficie obxecto de adhesión, os referentes de boas prácticas e os modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos aparecerán contidos no dito plan. Na súa falta, e logo de aprobación mediante unha orde, a consellería competente en materia de montes poderá elaborar modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos e referentes de boas prácticas para os efectos de permitir ás ditas persoas propietarias e titulares de montes a comunicación de adhesión aos modelos e referentes.

Artigo 10. Elaboración dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Os instrumentos dispostos no artigo 6 elaboraranse por instancia de calquera destas persoas:

a) A persoa propietaria ou titular de dereitos sobre o monte ou

b) A persoa, física ou xurídica, que teña a responsabilidade da súa xestión ou

c) A persoa, física ou xurídica que sexa a figura de coordinador do documento compartido de xestión forestal.

Nos casos b) e c) deste número 1 será necesario contar coa conformidade expresa da persoa propietaria ou titular dos dereitos sobre o monte.

A persoa mencionada no caso c) deste parágrafo 1 non ten por que posuír a condición de persoa propietaria ou titular ou persoa responsable da xestión das superficies que estean incorporadas no documento compartido e deberá acreditar suficientemente a súa representación legal para realizar o dito acto administrativo, sexa mediante un escrito de delegación expresa, contrato mercantil ou calquera outro medio de proba válido en dereito.

2. Os montes públicos deberán contar para a súa xestión cun proxecto de ordenación forestal que elaborará o seu titular ou a súa entidade xestora.

3. As persoas propietarias ou titulares que soliciten a declaración de montes protectores deberán presentar o proxecto de ordenación para a súa aprobación polo órgano forestal. No caso de que a dita declaración fose de oficio polo órgano forestal, será este quen elaborará o proxecto de ordenación forestal de aplicación, oída a persoa propietaria ou titular, sempre que este non o faga no prazo de 6 meses desde que se lle comunique a declaración como monte protector.

4. En todos aqueles montes onde a consellería competente en materia de montes concerte os contratos temporais, de carácter voluntario, para a xestión forestal sustentable, regulados no artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o órgano forestal poderá elaborar o proxecto de ordenación ou, alternativamente, cando a elaboración se faga por instancia da persoa titular ou propietaria do monte, o dito órgano deberá emitir informe preceptivo e vinculante sobre o proxecto de ordenación redactado.

5. O órgano forestal será quen elaborará os instrumentos de ordenación ou xestión forestal para aqueles montes en convenio ou consorcio que sexan obxecto de cancelación e non dispoñan dun, en aplicación da disposición transitoria 9ª da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

Artigo 11. Da estrutura e contidos dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. A estrutura e os contidos mínimos dos proxectos de ordenación axustaranse ao previsto no anexo VI deste decreto.

2. A estrutura e os contidos mínimos dos documentos simples ou dos documentos compartidos de xestión forestal axustaranse ao previsto no anexo VII deste decreto.

3. A estrutura e os contidos mínimos dos documentos de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos axustarase ao previsto no anexo VIII deste decreto.

Artigo 12. Redacción dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Os instrumentos de ordenación ou de xestión forestal serán redactados por persoal técnico competente en materia forestal, entendendo por tal persoal o que se define no artigo 8.24 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas opten pola comunicación do documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, non será precisa a intervención do persoal técnico competente en materia forestal.

3. Os instrumentos de ordenación forestal serán específicos para cada monte, aínda que, logo de xustificación, poderán ser redactados conxuntamente para grupos de montes que sexan propiedade ou cuxa xestión sexa responsabilidade da mesma entidade e presenten características semellantes. En todo caso, o plan especial desagregarase a nivel de monte.

4. Nos montes veciñais en man común as cotas de reinvestimento deberán investirse primeiramente na redacción ou na actualización do instrumento de ordenación ou de xestión, consonte o artigo 125.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e contará o dito instrumento coa conformidade expresa da asemblea xeral da comunidade propietaria.

5. O persoal técnico competente en materia forestal que redacte os proxectos de ordenación ou documentos simples ou compartidos de xestión forestal deberá introducir, previamente á presentación da solicitude de aprobación, os datos de forma tabulada, cartografía dixital e documentación técnica complementaria descrita nos anexos VI e VII, respectivamente e segundo corresponda, do presente decreto. Esta introdución farase unicamente por medios electrónicos na oficina agraria virtual accesible desde a páxina da consellería competente en materia forestal (actualmente http://www.medioruralemar.xunta.es).

6. Introducidos e validados os ditos datos, o persoal técnico competente en materia forestal obterá, de xeito automático, un informe resumo a fin de que poida verificar a información finalmente cargada e asignaráselle un número de expediente unívoco, que estará contido no dito informe. Este resumo deberá ser asinado pola persoa solicitante e presentarse como documentación complementaria na solicitude de aprobación do proxecto de ordenación ou do documento simple ou compartido de xestión forestal.

7. A codificación do modelo de datos e da información alfanumérica asociada ás táboas de datos e cartografía dixital poderá ser obxecto de desenvolvemento ou modificación mediante resolución do órgano forestal.

Artigo 13. Redacción de modelos silvícolas ou de xestión forestal ou de referentes de boas prácticas específicos

1. Se a persoa técnica redactora dun proxecto de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión forestal opta pola creación de modelos silvícolas ou de xestión forestal ou de referentes de boas prácticas específicos, diferentes dos orientativos establecidos mediante orde pola consellería competente en materia forestal ou daqueles contidos no plan de ordenación de recursos forestais de aplicación, de existir este, os ditos modelos ou referentes deberán ser autorizados polo órgano forestal.

2. De ser así, o técnico redactor deberá sinalalo no proxecto de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión forestal e incluír os novos modelos como un documento complementario da solicitude de aprobación do instrumento (anexo I, II e III segundo corresponda). O órgano forestal poderá denegar a aprobación do instrumento presentado cando, entre outros motivos, os modelos silvícolas ou de xestión forestal ou referentes de boas prácticas específicos incluídos non aseguren a persistencia, estabilidade ou sustentabilidade dos aproveitamentos forestais ou dos servizos do monte.

3. En calquera caso, estes modelos que se propoñan deberán presentar a mesma estrutura que aqueles establecidos por orde da consellería competente en materia forestal. No caso de modelos de xestión forestal silvopastorís, a información mínima que conterán será, cando menos, a disposta na disposición transitoria sexta da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e na citada orde aprobada pola consellería competente en materia forestal.

4. As persoas solicitantes que opten pola comunicación do documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos do xeito previsto no artigo 9 deste decreto non poderán presentar en ningún caso modelos silvícolas ou de xestión forestal ou referentes de boas prácticas específicos para a súa adhesión, e deben utilizar os establecidos por orde da consellería competente en materia forestal ou os contidos no plan de ordenación dos recursos forestais de aplicación, de existir este.

Artigo 14. Da presentación e tramitación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. As solicitudes de aprobación ou comunicación de instrumentos de ordenación ou xestión forestal deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das ditas comunicacións e solicitudes de aprobación será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Alternativamente, tamén se poderán presentar as comunicacións e solicitudes de aprobación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Na solicitude de aprobación do proxecto de ordenación ou do documento simple ou compartido de xestión forestal deberá sinalarse o número de expediente obtido polo persoal técnico competente en materia forestal tal como dispón o artigo 12.

4. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Por tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo.

Consonte o artigo 4 da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, no caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

5. A persoa solicitante deberá presentar a seguinte documentación complementaria xuntamente coa súa solicitude de aprobación ou comunicación:

a) Documentos acreditativos de propiedade e da representación da persoa responsable da xestión respecto da persoa propietaria ou titular, de ser o caso. No caso de montes veciñais en man común achegarase acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ou ben por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade.

b) No caso de documentos compartidos de xestión forestal, achegarase documento acreditativo da representación do coordinador/a.

c) Compromiso asinado pola persoa xestora coa adhesión expresa aos modelos silvícolas ou de xestión forestal e os referentes de boas prácticas.

d) No caso de proxectos de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión forestal, informe asinado pola persoa propietaria ou xestora co resumo da información do instrumento e o código do expediente unívoco obtido tras a carga e validación dos datos tal como se establece no artigo 12.

e) No caso de proxectos de ordenación ou documentos simples ou compartidos de xestión forestal que afecten unha pluralidade de persoas, e para os efectos de autorización para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas das persoas titulares, completarase e xuntarase á solicitude o anexo V.

6. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

8. No caso de que a documentación complementaria vai presentar a persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación desta de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto coa solicitude que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 15. Da aprobación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Corresponde ao órgano forestal, consonte o artigo 81 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, a competencia para a aprobación dos proxectos de ordenación e documentos simples ou compartidos de xestión forestal. Para proceder á dita aprobación, será necesario presentar as solicitudes, de acordo cos modelos normalizados que figuran como anexos I, II e III, para os distintos instrumentos. As solicitudes serán formuladas pola persoa propietaria ou titular de dereitos do predio, pola persoa responsable da xestión ou, no caso dun documento compartido de xestión, pola persoa responsable da súa coordinación, logo da acreditación da súa representación.

2. A non aprobación do proxecto de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión deberá ser debidamente xustificada. Serán, entre outros, motivos de non aprobación que a persistencia, estabilidade ou sustentabilidade dos aproveitamentos forestais ou dos servizos do monte para xestionar non estean aseguradas nos ditos instrumentos ou cando, incluíndose terreos suxeitos a algún réxime de protección especial, o órgano competente emita, nos prazos legalmente establecidos, informe desfavorable.

3. Unha vez recibida a solicitude de aprobación, o órgano forestal requirirá os pertinentes informes dos organismos sectoriais dependentes da Administración autonómica de Galicia cuxas competencias poidan resultar afectadas pola aprobación do citado instrumento. Estes informes terán como obxecto unicamente o estudo das actuacións previstas nel e a súa autorización no marco das materias afectadas polas súas competencias.

Transcorridos tres meses desde que este órgano solicite os ditos informes, entenderase que son favorables se non houber contestación expresa, aplicando para o organismo de bacías de Augas de Galicia o artigo 39 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e continuarase coa tramitación da aprobación solicitada, consonte o artigo 81 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

Se, transcorridos seis meses desde a solicitude de aprobación do proxecto de ordenación ou do documento simple ou compartido de xestión, o órgano forestal non resolveu, entenderase estimada a solicitude.

4. Aprobado o proxecto de ordenación ou documento simple ou compartido de xestión, as actuacións previstas nel consideraranse autorizadas cando sexa preceptiva a dita autorización, e só requirirán de notificación dirixida á xefatura territorial da consellería competente en materia de montes cunha semana de anticipación ao inicio dos traballos. O prazo establecido computaranse desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro da delegación territorial da Xunta de Galicia onde se sitúe o terreo obxecto do aproveitamento.

5. Aquelas persoas propietarias ou titulares que opten pola comunicación do documento de adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos presentarán de forma preceptiva unha comunicación mediante o modelo disposto no anexo IV. Esta comunicación non será obxecto de aprobación polo órgano forestal. A tramitación desta comunicación non escusa a persoa interesada da obtención de calquera permiso ou autorización que estableza a lexislación sectorial vixente.

6. Os proxectos de ordenación e documentos simples ou compartidos de xestión forestal que obteñan a aprobación do órgano forestal, así como aquelas persoas propietarias ou titulares que comuniquen a adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, serán inscritos de oficio polo órgano forestal no Rexistro de Montes Ordenados creado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 16. Vixencia dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Con carácter xeral, salvo causa técnica xustificada, a vixencia dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal será a da quenda da especie principal, e debe ser obxecto de revisións periódicas nos prazos sinalados no artigo 17.

2. Nas sociedades de fomento forestal a vixencia dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal será a quenda da especie principal ou o prazo mínimo de cesión dos dereitos de uso e aproveitamento estipulado regulamentariamente.

Artigo 17. Da revisión dos instrumentos de ordenación

1. Enténdese por revisión dos instrumentos de ordenación a elaboración e programación dun novo plan especial dos citados instrumentos tras a finalización do seu prazo de duración de conformidade e como continuación co plan xeral do instrumento aprobado.

2. Os plans especiais terán unha duración de entre 5 e 10 anos, que se establecerá xustificadamente no propio instrumento en función das especies forestais da superficie ordenada ou das condicións específicas do monte e que se poderá variar de forma tecnicamente xustificada.

3. A revisión dos instrumentos de ordenación forestal requirirá da súa aprobación conforme o previsto no presente decreto para a súa aprobación.

4. Para a aprobación dunha revisión dun instrumento de ordenación, a persoa solicitante utilizará o modelo normalizado que figura como anexo I especificando na parte correspondente que se trata dunha revisión.

Xuntarase, como documentación técnica complementaria das solicitudes de revisión, un estudo sobre o grao de seguimento e consecución de obxectivos do plan xeral logrado en aplicación do plan especial finalizado.

Artigo 18. Da modificación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. Enténdese por modificación dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal suxeita á aprobación do órgano forestal calquera alteración que obrigue a modificar os datos do plan xeral do instrumento de ordenación ou xestión forestal aprobado.

2. Asemade, no caso dos documentos compartidos de xestión, documentos simples de xestión pertencentes a agrupacións forestais formalmente constituídas ou proxectos de ordenación que se encontren no caso descrito no número 3 do artigo 12 deste decreto, considerarase modificación suxeita a aprobación a modificación do seu ámbito territorial por sustracción ou incorporación de novas superficies, circunstancia que deberá especificarse no propio anexo da solicitude. As novas incorporacións serán obxecto de aprobación conforme o previsto no presente decreto, para a súa aprobación.

3. As cortas extraordinarias que deban realizarse nos montes que conten con instrumentos de ordenación ou xestión forestal non necesitarán de modificación do instrumento de ordenación ou xestión forestal e, por tanto, non estarán suxeitas á súa aprobación, sen prexuízo das exixencias derivadas da aplicación doutra lexislación sectorial.

4. Para a aprobación dunha modificación dun instrumento de ordenación ou xestión forestal, as persoas solicitantes utilizarán os modelos normalizados que figuran como anexos I, II e III, especificando na parte correspondente se se trata dunha modificación.

Artigo 19. Do fomento e beneficios fiscais dos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal

1. A consellería competente en materia de montes fomentará a elaboración e actualización de instrumentos de ordenación ou xestión dos montes da Comunidade Autónoma e priorizará a concesión de todo tipo axudas que afecten terreos forestais ou de monte cando estes estivesen dotados previamente con tales instrumentos.

2. Será condición indispensable, para os efectos dos posibles beneficios fiscais aos predios forestais, dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal aprobado e vixente.

Disposición adicional primeira

Aquelas parcelas forestais onde elas e as súas parcelas estremeiras se atopen incluídas nun documento compartido de xestión forestal ou nun documento simple de xestión pertencente a unha agrupación forestal formalmente constituída, entenderase que forman parte dunha superficie forestal continua en xestión forestal. Para estes efectos, nas ditas parcelas non serán de aplicación as distancias mínimas que deben respectar as repoboacións forestais dispostas na alínea a) do anexo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, agás que o documento así o estableza, polo que as distancias mínimas reguladas no anexo 2 se aplicarán considerando as ditas parcelas forestais como unha única superficie forestal continua.

Disposición adicional segunda

O compromiso asinado pola persoa xestora de adhesión expresa a referentes de boas prácticas forestais terá a consideración de compromisos silvoambientais e multifuncionais para os efectos previstos en materia de axudas relativas ao desenvolvemento rural.

Disposición adicional terceira

Habilítase a persoa titular do órgano forestal para modificar ou actualizar os formularios na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen publicar novamente o formulario no DOG no suposto de que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste. Para tales efectos consideraranse modificacións non substancias aquelas que afecten aspectos formais ou técnicos como, entre outros, a determinación dos documentos que se deben presentar, as correccións e melloras de carácter gramatical e sintáctico ou aquelas derivadas da aplicación dos preceptos contidos nos artigos desta norma. En ningún caso estas modificacións poderán afectar o contido dos ditos formularios.

Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, que se publican como anexo só para efectos informativos, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e dispoñibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria primeira

1. Aqueles proxectos de ordenación forestal ou plans técnicos de xestión forestal que fosen solicitados para a súa aprobación ao órgano forestal con anterioridade á entrada en vigor deste decreto non deberán adaptarse á estrutura e contidos desenvolvidos neste decreto até o momento da súa revisión ou modificación e serán obxecto de tramitación polo dito órgano aplicando o marco normativo vixente no momento da súa solicitude.

2. As superficies de montes ou terreos forestais que á entrada en vigor deste decreto posúan certificado de xestión forestal sustentable mediante un sistema de certificación forestal internacionalmente recoñecido e non estean inscritas no Rexistro de Montes Ordenados consideraranse terreos ordenados conforme un instrumento de ordenación ou xestión forestal durante o prazo dun ano.

Transcorrido o citado prazo, as ditas superficies só poderán manter a dita consideración se no prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto dispoñen dun instrumento de ordenación ou xestión forestal adaptado á regulación prevista no presente decreto.

Disposición transitoria segunda

1. Calquera persoa propietaria ou titular dun monte, independentemente da súa titularidade, condición ou superficie en couto redondo e só para os efectos previstos en materia de obtención de beneficios, tales como axudas relativas ao desenvolvemento rural, poderá, durante un prazo máximo de catro anos desde a entrada en vigor deste decreto, comunicar a súa adhesión aos referentes de boas prácticas e modelos silvícolas ou de xestión forestal, da forma e maneira disposta na presente norma, para considerarse que dispoñen dun instrumento equivalente que é compatible cunha xestión forestal sustentable de acordo coa definición da Conferencia Ministerial sobre a Protección de Bosques en Europa de 1993.

2. Os montes ou terreos forestais deberán dispoñer dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal obrigatorio e vixente antes do final do prazo estipulado na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes; transcorrido este, non se autorizarán aproveitamentos forestais neses montes.

Disposicións derradeira primeira

Facúltase a persoa titular do órgano forestal para ditar as resolucións que sexan precisas en desenvolvemento deste decreto e para a modificación ou ampliación do contido dos anexos deste decreto.

Disposicións derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de abril de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

Anexo VI
Estrutura e contidos mínimos dos proxectos de ordenación forestal

Estrutura mínima dos proxectos de ordenación forestal.

Da estrutura dos proxectos de ordenación forestal.

1. Os proxectos de ordenación forestal terán a seguinte estrutura:

a) Datos do proxecto de ordenación forestal.

b) Datos xerais e administrativos.

c) Descrición da estación forestal e limitacións á xestión forestal.

d) Rede viaria forestal e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios.

e) Inventario dos recursos e servizos forestais.

f) Planificación forestal.

g) Cartografía.

h) Documentación técnica complementaria.

2. Os proxectos de ordenación forestal na Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentarse, para a súa aprobación, incorporando no seu contido, cando menos, a información tabulada, a documentación técnica complementaria e a cartografía disposta no presente anexo.

Contidos mínimos dos proxectos de ordenación forestal.

A) Datos do proxecto de ordenación forestal.

1. A parte relativa aos datos do proxecto de ordenación forestal conterá os datos que se indican a seguir:

a) A categoría do instrumento de ordenación forestal elaborado, que se denominará «proxecto de ordenación forestal».

b) Os datos da persoa solicitante, poderá ser a persoa propietaria ou titular, ou a persoa xestora ou quen exerza a representación, individual ou colectiva, da xestión forestal.

c) Os datos da persoa redactora, que deberá ser persoal técnico competente en materia forestal.

B) Datos xerais e administrativos.

1. A parte relativa aos datos xerais e administrativos do proxecto de ordenación forestal conterá os datos que se indican a seguir:

a) Estudo e delimitación da superficie de ordenación forestal. Para cada monte indicarase a seguinte información:

a. Identificación da persoa titular e xestora.

b. Situación administrativa e localización.

c. Definición legal dos seus límites coa delimitación dos encravados.

d. Servidumes, ocupacións, cesións, dereitos de superficie, contratos de xestión ou outras posibles afeccións.

e. Grao de consolidación da propiedade: delimitación daquelas partes onde exista conflito, dúbida ou litixio. As partes do monte respecto das cales exista conflito ou litixio, en canto non se resolva o litixio ou non se adopte unha decisión xudicial ou administrativa ao respecto, non se incluirán no proxecto de ordenación forestal.

f. Cualificación urbanística do solos obxecto do instrumento, de existiren, consonte a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e, de ser o caso, plan xeral de ordenación municipal ou normas subsidiarias de planeamento a que está suxeito ese solo.

g. Superficie final obxecto do instrumento e referencias catastrais en que se desagrega como consecuencia dos datos obtidos nos epígrafes anteriores. A dita superficie final debe axustarse aos terreos que teñan a natureza de monte ou terreo forestal, excluíndo aqueles terreos que non posúan a dita consideración en aplicación do artigo 2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

2. Os datos reflectidos na alínea 1.a) serán cartografados e incluídos nos seguintes planos:

a) Plano de superficie final do proxecto de ordenación forestal. Acompañada dos límites legais e encravados, superficies obxecto de servidume, ocupacións e outras afeccións, e superficies en conflito, dúbida ou litixio.

b) Plano das parcelas catastrais afectas pola superficie final obxecto do proxecto de ordenación forestal.

c) Plano de cualificación urbanística dos solos que compoñen a superficie final obxecto do proxecto de ordenación forestal, de existir.

3. Os datos de superficies e límites descritos non presupoñen dereito de propiedade en ningún caso. Non poderán ser utilizados como proba documental polas persoas interesadas que acudan á vía xurisdicional civil a dirimir conflitos de propiedade.

C) Descrición da estación forestal e limitacións na xestión forestal.

1. A parte relativa á descrición da estación forestal e limitacións na xestión forestal conterá os datos que se indican a seguir:

A) Descrición do medio. Estación forestal:

a) Orografía e configuración do terreo. Rango de altitudes e pendentes, exposición dominante.

b) Climatoloxía. Observatorio empregado, rango de temperaturas, precipitacións anuais, ventos dominantes e clasificación climática.

c) Edafoloxía. Rocha nai.

d) Porcentaxe de pedregosidade e afloramentos rochosos. Localización e superficie de procesos erosivos significativos.

B) Limitacións bióticas e abióticas:

a) Limitacións bióticas, como pragas ou enfermidades, danos producidos polo gando ou presenza de especies invasoras. Existencia, grao de afectación e localización dos ditos danos.

b) Limitacións abióticas, como vendavais ou incendios forestais. Existencia, grao de afectación e localización dos ditos danos. No caso de incendios forestais haberá que incluír a data en que aconteceu o dito suceso, a fin de poder aplicar as limitacións legais existentes.

C) Limitacións á xestión en espazos suxeitos a algún réxime de protección especial ou de xestión:

a) Posición hidrográfica. Demarcación hidrográfica, bacía do río a que pertence, existencia de cursos de auga coa delimitación das zonas de servidume e policía, tramos da rede hidrográfica que constitúen áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI), de existiren, e afectación de zonas protexidas sinaladas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, sempre que exista e sexa de aplicación para a superficie obxecto do instrumento.

b) Espazos naturais protexidos, LIC, ZEPAS. Delimitación de superficies incluídas en hábitats prioritarios.

c) Delimitación de superficies incluídas nas zonificacións declaradas nos plans de conservación ou recuperación establecidos para especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

d) Individuos ou mouteiras inscritas no Catálogo de árbores senlleiras.

e) Existencia de elementos incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Afectación do Camiño de Santiago.

f) Superficies inscritas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo como prohibidas ou reguladas.

g) Plan de ordenación cinexética (POC). Especies cinexéticas incluídas, localización e superficie de actuacións planificadas que deberán terse presentes na xestión forestal, tales como zonas de sementeira, creación de comedeiros, zonas de adestramento ou zonas de cría e refuxio, entre outras.

h) Inscrición no rexistro de montes protectores.

i) Outras superficies afectas dalgún réxime legal de especial protección.

2. Os datos reflectidos nesta parte serán desagregados a nivel de monte e as limitacións descritas deberán ser cartografadas e incluídas nun plano de limitacións á xestión forestal.

D) Rede viaria forestal e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios.

A parte relativa á rede viaria forestal e outras infraestruturas de prevención e defensa contra incendios conterá para cada monte os datos que se indican a seguir:

a) Descrición da rede viaria, a tal fin definirase a súa densidade así como a valoración do seu estado, con especial énfase no sistema de drenaxe. Ampliarase a información coa desagregación entre as pistas forestais e as pistas forestais principais, valorando para cada unha delas o seu estado medio de conservación e a súa lonxitude.

b) No caso de que a persoa propietaria ou titular das pistas forestais regulase o tránsito motorizado nas condicións e características dispostas no artigo 98.3 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, deberá quedar reflectido na información asociada.

c) Documentarase a existencia de infraestruturas de prevención. Para cada infraestrutura, sexan devasas artificiais ou naturais, faixas auxiliares ou puntos de auga, entre outras, valorarase o seu estado medio de conservación, o seu valor e unidade de medición. Incluiranse as redes de faixas de xestión de biomasa desagregando o tipo de rede, estado da xestión da biomasa e superficie de afectación.

d) Cartografaranse as infraestruturas forestais e as infraestruturas de prevención e defensa contra incendios para a súa inclusión nun plano. Neste dito plano incluirase igualmente a superficie ocupada polas redes de faixas de xestión de biomasa.

E) Inventario dos recursos e servizos forestais.

A parte relativa ao inventario dos recursos e servizos forestais conterá, ao menos, os datos que se indican a seguir:

a) Para cada monte ou, potestativamente, para o conxunto dos montes obxecto do proxecto, relacionaranse os estratos de inventariación forestal que se atopan nas superficies forestais. Se o técnico competente redactor o considera conveniente, poderá establecer outras unidades inventariais como cantóns ou mouteiras.

b) A estimación das variables dasométricas dos estratos forestais de inventariación poderán ser obtidas, entre outras, das seguintes fontes: a partir dos datos históricos de aproveitamentos no monte, do mapa e inventario forestal nacional, de modelos de crecemento existentes para as especies principais do estrato, ou de datos dos aproveitamentos en montes estremeiros ou próximos, agás para aqueles estratos de inventariación forestal que vaian ser obxecto de aproveitamento final, na súa totalidade ou parcialmente, ao Iongo do plan especial, nos cales se estimarán as principais variables dasométricas mediante mostraxe estatística ou empregando metodoloxías máis precisas.

No caso de estimación das principais variables dasométricas para os estratos de inventariación forestal que vaian ser obxecto de aproveitamento final ao longo do plan especial, deberá garantirse:

a. Para a superficie conxunta de todos os estratos de inventariación unha estimación do dato do volume con casca cun erro de mostraxe inferior ou igual ao 20 % para unha probabilidade fiducial de 0,95.

b. Para cada un dos estratos de inventariación unha estimación do volume con casca cun erro de mostraxe inferior ou igual ao 40 %, para unha probabilidade fiducial de 0,95.

c) Aqueles estratos forestais de inventariación non arborados ou cuxa produción principal non sexa a madeira haberá que caracterizalos e cuantificar a súa superficie pero non será necesario estimar as súas variables dasométricas.

d) De xeito complementario haberá que inventariar os servizos, xa sexan deportivos, turísticos, recreativos, históricos ou culturais que presenta o monte, realizando a súa localización.

e) Cos datos recollidos incluirase unha táboa resumo do inventario dos recursos e servizos forestais que presenta o monte ou grupo de montes, onde se cuantificarán:

a. Aproveitamentos forestais madeireiros e leñosos, desagregando os datos dos estratos en corta final durante o plan especial do resto de estratos forestais de inventariación.

b. Aproveitamentos forestais de pastos, cogomelos, froitos, plantas aromáticas e medicinais, cortiza, mel, resinas e outros produtos forestais, coa descrición do tipo de aproveitamento, superficie, se está coutado ou pechado, e valoración del.

c. Actividades sociorrecreativas de carácter turístico, cultural ou deportivo: relacionando se son actos, como romarías e festas ou actividades deportivas, culturais e turísticas, o tipo, sexan continuadas no tempo ou puntuais, sinalando a súa data de celebración neste último caso, se presentan afluencia de público e, de ser o caso, quen é o promotor do acto ou actividade.

2. Este resumo deberá ser xustificado cun anexo documental en que se disporán os datos e fontes utilizadas, entre as cales se incluirán as coordenadas xeográficas dos puntos de mostraxe, de ser o caso, así como a metodoloxía, cálculos, erros e resultados obtidos para consignar a información que figura no dito resumo; asemade, incluirase unha breve discusión e cálculo da posibilidade do monte ou montes. A información axuntada neste anexo debe ser tal que permita ao órgano forestal revisar, a fiabilidade de todos os cálculos desde a súa orixe até o resultado final que foi incluído na táboa resumo do inventario.

3. Finalmente, deberase achegar un plano do inventario dos recursos e servizos forestais, delimitando os estratos forestais de inventariación, potestativamente os cantóns e mouteiras de inventariación, e a localización dos servizos deportivos, turísticos, recreativos, históricos ou culturais que presente cada monte. No caso de terse implantado puntos de mostraxe, a súa localización será cartografada neste plano.

F) Planificación forestal.

A planificación forestal presentarase da seguinte forma:

a) Determinaranse os usos e actividades que se fomentarán na ordenación dos terreos forestais e describiranse as súas compatibilidades no tempo ou espazo.

b) A seguir, procederase á zonificación e asignación de obxectivos en cuarteis de ordenación baixo a conseguinte definición dos obxectivos específicos ou concretos, principais e/ou secundarios, asignados a eles.

c) Todos os proxectos de ordenación forestal presentarán un plan xeral. Este plan representa a planificación indicativa, a medio-longo prazo, do monte ou montes e definiranse, así mesmo, os modelos silvícolas ou de xestión forestal que se aplicarán e os referentes de boas prácticas obxecto de adhesión.

d) Nos modelos silvícolas ou de xestión forestal e nas prácticas específicas contidas nos referentes de boas prácticas obxecto de adhesión explicitaranse as medidas contra a prevención dos incendios forestais, prevención e loita contra pragas e enfermidades, con especial atención aos riscos das pragas emerxentes, así como de prevención fronte a outros riscos naturais.

e) Este plan xeral complementarase coa definición e características principais do método de ordenación que se aplicará, que incluirá:

a. Denominación do método de ordenación, podendo apoiarse naqueles métodos de ordenación técnica e cientificamente contrastados.

b. Especie principal ou especies principais.

c. Quenda, idade de madurez ou diámetro de cortabilidade da especie principal ou especies principais.

d. Posibilidade anual de corta.

e. Superficie media e número de unidades de ordenación.

f. Intermitencia das cortas de rexeneración, en anos.

g. Número de unidades de ordenación que se formarán ao longo do plan especial.

f) A seguir elaborarase o plan especial que representa a planificación executiva a curto prazo. Nel definiranse as unidades de actuación en que se levarán a cabo actividades de xestión forestal durante a súa vixencia, en aplicación dos modelos silvícolas ou de xestión forestal declarados e do método de ordenación escollido. Deberanse incluír as actuacións que se efectuarán en materia de silvicultura e na rede de infraestruturas forestais que garantan a descontinuidade horizontal e vertical da biomasa forestal, para a prevención dos incendios forestais, no ámbito das orientacións do planeamento de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, de ser o caso.

g) Cada unidade de actuación enumerarase de forma unívoca e a súa delimitación será única para todo o plan especial, non podendo existir solapamentos entre elas ao longo do dito plan.

h) Para cada unidade de actuación describirase o cuartel de ordenación, a unidade de ordenación, o tipo de actuación, o ano de inicio e finalización estimado para a dita actuación, a unidade de medición e o valor desta unidade. Asemade, estimaranse os ingresos e investimentos asociados a cada actuación a fin de asegurar a sustentabilidade económica do modelo proposto.

i) Unha mesma unidade de actuación poderá ser obxecto dunha ou varias actuacións ao longo do prazo de vixencia do plan especial.

G) Cartografía.

Na parte da cartografía, deberanse presentar, cando menos, os seguintes planos:

a) Plano de situación da superficie final do proxecto de ordenación forestal. Completarase cun plano de parcelas catastrais da superficie do instrumento e dun plano de cualificación urbanística do solo da superficie do instrumento (de existir).

b) Plano de limitacións á xestión forestal.

c) Plano de infraestruturas forestais.

d) Plano de inventario. Este plano debe recoller a delimitación dos estratos de inventariación, potestativamente dos cantóns e mouteiras de inventariación, dos puntos de mostraxe, no suposto de que existan, e da localización dos servizos do monte.

e) Plano de ordenación, que debe recoller a delimitación dos cuarteis e unidades de ordenación.

f) Plano de actuacións, que debe recoller a delimitación das unidades de actuación.

H) Documentación técnica complementaria.

1. Deberase presentar, cando menos, a seguinte documentación complementaria de tipo técnico:

a) Referentes de boas prácticas ou modelos silvícolas ou de xestión forestal específicos, de ser o caso.

b) Datos do inventario; esta documentación conterá un informe técnico en que se dispoñan os datos e fontes utilizadas, entre as cales se incluirán as coordenadas xeográficas dos puntos de mostraxe, de ser o caso, así como a metodoloxía, cálculos, erros e resultados obtidos para consignar a información que figura no resumo; asemade, incluirase unha breve discusión e cálculo da posibilidade do monte ou montes.

c) Cartografía dixital da planimetría entregada en formato vectorial xeorreferenciado e consonte o sistema xeodésico de referencia oficial.

d) Breve estudo sobre o grao de seguimento e consecución de obxectivos do plan xeral logrado en aplicación do plan especial finalizado (só aplicable a revisións en aplicación do artigo 17).

ANEXO VII
Estrutura e contidos mínimos dos documentos simples e compartidos
de xestión forestal

Estrutura mínima dos documentos simples e compartidos de xestión forestal.

Da estrutura dos documentos simples e compartidos de xestión forestal.

1. A estrutura dos documentos simples ou compartidos de xestión forestal será a seguinte:

a) Datos do documento simple ou compartido de xestión forestal.

b) Datos xerais e administrativos.

c) Limitacións á xestión forestal.

d) Inventario dos recursos e servizos forestais.

e) Planificación forestal.

f) Cartografía.

g) Documentación técnica complementaria.

2. Estes documentos simples ou compartidos de xestión forestal na Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentarse, para a súa aprobación, incorporando no seu contido, cando menos, a información de forma tabulada, documentación técnica complementaria e cartografía disposta no presente anexo.

Contidos mínimos dos documentos simples e compartidos de xestión forestal.

A) Datos dos documentos simples ou compartidos de xestión.

A parte relativa aos datos dos documentos simples ou compartidos de xestión conterá os datos que se indican a seguir:

a) A categoría do instrumento de xestión forestal elaborado, que se denominará documento simple de xestión forestal ou documento compartido de xestión forestal.

b) Os datos da persoa solicitante: poderá ser a persoa propietaria ou titular, a persoa xestora ou quen exerza a representación, individual ou colectiva, da xestión forestal.

c) No caso dos documentos compartidos de xestión, os datos do representante poderán recaer na figura da persoa coordinadora do documento compartido de xestión forestal.

d) Os datos da persoa redactora, que debe ser persoal técnico competente en materia forestal.

B) Datos xerais e administrativos.

1. A parte relativa aos datos xerais e administrativos dos documentos simples ou compartidos de xestión conterá os datos que se indican a seguir:

a) Estudo e delimitación da superficie de xestión forestal. Para cada referencia catastral que compoña a parcela ou parcelas forestais obxecto do instrumento deberá declararse a:

a. Situación administrativa e localización.

b. Definición legal dos seus límites coa delimitación dos encravados.

c. Servidumes, ocupacións, cesións, dereitos de superficie, contratos de xestión ou outras posibles afeccións.

d. Grao de consolidación da propiedade: delimitación daquelas partes onde exista conflito, dúbida ou litixio. As partes do monte respecto das cales exista conflito ou litixio, en tanto non se resolva o litixio ou non se adopte unha decisión xudicial ou administrativa ao respecto, non se incluirán no instrumento de xestión forestal.

e. Cualificación urbanística do solo obxecto do documento, de existir, consonte a Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e, de ser o caso, plan xeral de ordenación municipal ou normas subsidiarias de planeamento a que está suxeito ese solo.

f. Superficie final obxecto do documento simple ou compartido de xestión. Esta superficie final debe axustarse aos terreos que teñan a natureza de monte ou terreo forestal, excluíndo aqueles terreos que non posúan a dita consideración en aplicación do artigo 2 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

b) A relación de persoas propietarias ou titulares ou persoas xestoras, e para cada un deles:

a. Nome e número de identificación fiscal.

b. Enderezo e outros datos de contacto.

c. As referencias catastrais das cales é persoa propietaria ou titular ou responsable da súa xestión forestal.

2. Os datos reflectidos serán cartografados e incluídos nos seguintes planos:

a) Plano das parcelas catastrais afectas pola superficie final obxecto do documento simple ou compartido de xestión forestal, acompañada dos límites legais e encravados, superficies obxecto de servidume, ocupacións e outras afeccións, e superficies en conflito, dúbida ou litixio, de existiren.

b) Plano de cualificación urbanística dos solos que compoñen a superficie final obxecto do documento, de existir.

3. Os datos de superficies e límites descritos non presupoñen dereito de propiedade en ningún caso. Non poderán ser utilizados como proba documental polas persoas interesadas que acudan á vía xurisdicional civil a dirimir conflitos de propiedade.

C) Limitacións na xestión forestal.

1. A parte relativa ás limitacións na xestión forestal conterá os datos que se indican a seguir:

A) Limitacións bióticas e abióticas:

a) Limitacións bióticas, como pragas ou enfermidades, danos producidos polo gando ou presenza de especies invasoras. Existencia, grao de afectación e localización de danos.

b) Limitacións abióticas, como vendavais ou incendios forestais. Existencia, grao de afectación e localización de danos. No caso de incendios forestais haberá que incluír a data en que aconteceu o dito suceso, a fin de poder aplicar as limitacións legais existentes.

B) Limitacións á xestión en espazos suxeitos a algún réxime de protección especial ou de xestión:

a) Posición hidrográfica. Demarcación hidrográfica, bacía do río a que pertence, existencia de cursos de auga coa delimitación das zonas de servidume e policía, tramos da rede hidrográfica que constitúen áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI), de existir, e afectación de zonas protexidas sinaladas no Plan hidrolóxico de Galicia-Costa aprobado polo Real decreto 1332/2012, do 14 de setembro, sempre que existan e sexa de aplicación para a superficie obxecto do instrumento.

b) Espazos naturais protexidos, LIC, ZEPAS, afectación de superficies incluídas en hábitats prioritarios.

c) Afectación de superficies incluídas nas zonificacións declaradas nos plans de conservación ou recuperación establecidos para especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

d) Presenza de individuos ou mouteiras inscritas no Catálogo de árbores senlleiras.

e) Existencia de elementos incluídos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia. Afectación do Camiño de Santiago.

f) Inscrición no rexistro de montes protectores.

g) Superficies inscritas no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo como prohibidas ou reguladas.

h) Matrícula do Tecor obxecto do Plan de ordenación cinexética (POC).

i) Outras superficies afectas dalgún réxime legal de especial protección.

2. Os datos reflectidos nesta parte serán desagregados a nivel de referencia catastral.

D) Inventario dos recursos e servizos forestais.

A parte relativa ao inventario dos recursos e servizos forestais conterá os datos que se indican a seguir:

a) Para cada referencia catastral ou, potestativamente, para o conxunto da superficie obxecto do documento, relacionaranse os estratos de inventariación forestal.

b) Para cada referencia catastral:

a. Definiranse os estratos que están presentes e a superficie que ocupan na referencia.

b. Aqueles estratos forestais de inventariación non arborados ou cuxa produción principal non sexa a madeira haberá igualmente que caracterizalos e cuantificar a súa superficie na referencia.

c. De xeito complementario haberá que relacionar os servizos, xa sexan deportivos, turísticos, recreativos, históricos ou culturais que presenta a referencia catastral, realizando a súa descrición.

E) Planificación forestal.

A planificación forestal presentarase da seguinte forma:

a) A cada referencia catastral asignaránselle obxectivos específicos ou concretos de xestión forestal, sexan recreativos, protectores, productivos ou as súas combinacións, entre outros.

b) A cada referencia catastral vincularanse os modelos silvícolas ou de xestión forestal aplicables. En adición, para cada referencia catastral ou, potestativamente, para o conxunto da superficie obxecto do instrumento, declararanse os referentes de boas prácticas obxecto de adhesión.

c) Nos modelos silvícolas ou de xestión forestal e nas prácticas específicas contidas nos referentes de boas prácticas obxecto de adhesión explicitaranse as medidas contra a prevención dos incendios forestais, prevención e loita contra pragas e enfermidades, con especial atención aos riscos das pragas emerxentes, así como de prevención fronte a outros riscos naturais.

F) Cartografía.

Na parte de cartografía deberase presentar, cando menos, un plano de situación da superficie final das parcelas catastrais que comporán o instrumento, co seu número de referencia. De existir instrumento de ordenación urbanística, estas parcelas serán caracterizadas coa cualificación urbanística outorgada.

G) Documentación técnica complementaria.

1. Deberase presentar, cando menos, a seguinte documentación complementaria de tipo técnica:

a) Referentes de boas prácticas ou modelos silvícolas ou de xestión forestal específicos, de ser o caso.

b) Cartografía dixital da planimetría entregada en formato vectorial xeorreferenciado e consonte ao sistema xeodésico de referencia oficial.

ANEXO VIII
Estrutura e contidos mínimos dos documentos de adhesión a boas prácticas
e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos

Contidos mínimos para a adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos.

Os contidos mínimos para a adhesión expresa a referentes de boas prácticas e aos modelos silvícolas ou de xestión forestal orientativos, coa estrutura reflectida no modelo de comunicación disposto no anexo IV, serán os seguintes:

a) Datos da persoa promotora sexa persoa propietaria ou titular, ou persoa xestora; se non coincide cos anteriores deberá acreditar tal condición.

b) Documentos acreditativos de propiedade e da representación da persoa responsable da xestión co da persoa propietaria ou titular, de ser o caso. No caso de montes veciñais en man común achegarase acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio da copia da acta da asemblea ben por medio de certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade.

c) Situación e localización, mediante a referencia ou referencias catastrais e a superficie de afectación en cada unha delas.

d) Para cada referencia catastral: o modelo ou modelos silvícolas ou de xestión forestal que serán obxecto de aplicación e a superficie de afectación de cada modelo na referencia catastral, debendo adherirse aos establecidos por orde da consellería competente en materia forestal ou aos contidos no plan de ordenación dos recursos forestais de aplicación, de existir este.

e) Compromiso expreso de adhesión a referente de boas prácticas asinado pola persoa xestora, debendo adherirse ao establecido por orde da consellería competente en materia forestal ou ao contido no plan de ordenación dos recursos forestais de aplicación, de existir este.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file