Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 30 de maio de 2014 Páx. 24350

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de maio de 2014 pola que se convocan os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2013 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, regula o dito sistema, con respecto á autonomía universitaria, no marco do Sistema universitario español e do Espazo Europeo de Educación Superior.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, desenvolve actuacións encamiñadas a prestar apoio económico ao alumnado de ensino universitario coas que se pretende favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Un dos obxectivos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é a promoción, desenvolvemento e mellora da calidade do Sistema universitario de Galicia. Iso implica tamén apreciar e incentivar a excelencia académica dos seus estudantes como aposta de futuro do noso país.

Neste marco xeral, hai que indicar que esta orde ten por obxecto establecer as bases para regular a concesión de premios fin de carreira cos cales se pretende recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións e no establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, e ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, á Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e ao Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta convocatoria é galardoar os/as estudantes do Sistema universitario de Galicia que remataron brillantemente os seus estudos cun recoñecemento de carácter oficial que ao mesmo tempo comporte unha dotación económica.

2. Os premios fin de carreira convócanse en réxime de concorrencia competitiva e están destinados aos alumnos/as que, contando co mellor expediente académico de entre os solicitantes, rematasen os estudos universitarios conducentes á obtención dos títulos de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, no curso académico 2012/13 nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

Artigo 2. Orzamento

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estes premios con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, cunha contía global de 187.500 euros, sen prexuízo de poder ser incrementados de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, de conformidade cos supostos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Período e dotación do premio

1. Para os efectos desta orde, entenderase por curso académico o período comprendido entre o 1 de setembro de 2012 e o 30 de setembro de 2013.

2. Os/as premiados/as recibirán unha dotación económica dun máximo de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción.

Artigo 4. Requisitos dos/das solicitantes

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e alumnas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teren cursado integramente os estudos da titulación universitaria pola que opta ao premio nas universidades do Sistema universitario de Galicia.

b) Teren unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos, para os/as alumnos/as das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde; e 7,50 puntos, para os/as alumnos/as da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

c) En ningún caso, o 1º ciclo dunha titulación das recollidas na Lei de reforma universitaria (LRU) poderá servir de base para a concesión de máis dun premio fin de carreira.

d) Aqueles/as alumnos/as que xa obtiveron un premio fin de carreira da Comunidade Autónoma en anteriores convocatorias, non poderán obtelo de novo.

Artigo 5. Forma e prazo de presentación de solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado ED415A dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria. Deberá remitirse ao Rexistro Xeral da Xunta de Galicia. Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou no caso de necesidade de máis información durante o proceso de obtención dos formularios e da súa presentación por vía electrónica, as persoas interesadas poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao enderezo electrónico 012@xunta.es

Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico orientacion.sug@edu.xunta.es

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. Xunto coa solicitude (anexo I, modelo normalizado ED415A), deberá achegar:

a) Copia do DNI, cando o/a solicitante non autorice a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a consulta dos seus datos no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia dixitalizada da certificación académica completa emitida pola universidade correspondente, na cal se fará constar a nota media do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito con data 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

Os/as alumnos/as que estean cursando estudos de 2º ciclo (licenciado, arquitecto e enxeñeiro) por accederen desde unha titulación de 1º ciclo ou desde o 1º ciclo doutra titulación, deberán enviar ademais unha copia dixitalizada da certificación académica relativa ao primeiro ciclo realizado. Igualmente, os alumnos que estean cursando estudos oficiais de grao por accederen desde unha titulación de primeiro ou primeiro e segundo ciclo, deberán presentar unha copia dixitalizada da certificación académica completa na cal se inclúa o recoñecemento dos créditos das materias cursadas nestes.

c) Copia dixitalizada do título universitario oficial español ou documento que legalmente o substitúa.

No suposto de que a persoa solicitante non dispoña do sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, para a presentación dixitalizada da certificación académica e do título admitirase, igualmente, a presentación da certificación académica orixinal e título, ou copia compulsada deles, en formato papel, presentándoos nos mesmos termos establecidos no número 1 deste artigo.

Artigo 6. Instrución do procedemento e exposición de listaxes provisionais para emenda de solicitudes e documentación

1. A Secretaría Xeral de Universidades, rematado o prazo de presentación de solicitudes e, unha vez examinadas estas e a documentación presentada polos/as solicitantes, exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e as excluídas, sinalando os motivos de exclusión, que se publicarán na primeira quincena do mes de agosto de 2014 nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas súas xefaturas territoriais e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas. Así mesmo, poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es/

2. As persoas interesadas disporán dun prazo de reclamación de dez días, e durante ese prazo poderán emendar erros e a falta de documentación ante a Secretaría Xeral de Universidades e presentar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o/a interesada/o desiste da súa petición, nos termos e condicións establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Comisión avaliadora

1. A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaria Xeral de Universidades.

Secretario/a: a xefa do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios, que actuará con voz e voto.

2. A comisión avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de expertos/as na materia obxecto da convocatoria.

3. Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/as compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. A comisión avaliadora levará a cabo a selección atendendo ao expediente académico coa cualificación da nota media máis alta obtida polo alumno/a en cada unha das distintas titulacións establecidas na LRU (licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico), ou as titulacións de grao implantadas no Sistema universitario de Galicia segundo a táboa incluída nesta orde.

2. No caso de que unha titulación de grao compita con máis dunha titulación LRU, ou unha titulación LRU compita con máis dunha titulación de grao quedará sen premio a titulación coa nota media máis baixa.

3. A nota media calcularase de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito o 27 de xuño de 2011 entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos, cuxa publicación no DOG foi acordada pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG do 30 de setembro).

4. En caso de empate na nota media do expediente académico entre varios/as solicitantes, procederase ao desempate de acordo coa seguinte orde de prelación:

1º. Menor número de suspensos.

2º. Maior número de matrículas de honra.

3º. Maior número de sobresalientes.

4º. Maior número de notables.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a selección, a comisión avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a adxudicación dos premios mediante a correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución terá o seguinte contido:

a) Beneficiarios/as dos premios e a contía destes.

b) As persoas ás cales lles sexa denegado o premio por non reunir algún ou algúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

2. Para os efectos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, e comezará a contar desde o día seguinte á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Pagamento

O aboamento dos premios convocados nesta orde realizarase de acordo co estipulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co previsto no último parágrafo do apartado 1 do artigo 60 do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Farase un pagamento único do premio concedido, que se aboará na conta bancaria indicada polo/a beneficiario/a.

Artigo 12. Obrigas dos/as beneficiarios/as

A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria e a obriga de:

1. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Acreditar mediante certificación que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Esta certificación poderá ser substituída pola declaración responsable que figura dentro do anexo I desta orde segundo se regula no artigo 11 do Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 13. Compatibilidade, modificación e reintegro dos premios

1. Estes premios son compatibles con outros premios, bolsas e axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra administración ou de entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro, total ou parcial, polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A obtención do premio falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que impedirían a súa concesión constituirá causa determinante de revogación do premio e do seu reintegro polo/a beneficiario/a, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da tramitación establecida no artigo 77 e seguintes do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 9 de xaneiro.

Disposición adicional primeira

As persoas beneficiarias dos premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda

A presentación da solicitude de concesión do premio comportará autorización á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para:

1. Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o/a peticionario/a poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar por escrito, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2.c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Disposición adicional terceira

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, ou directamente mediante un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Táboa de titulacións

Grao

Títulos LRU

Graduado/a en Administración e Dirección de Empresas

Licenciado en Administración e Dirección de Empresas

Graduado/a en Arquitectura

Arquitecto

Graduado/a en Arquitectura Naval

Enxeñeiro Técnico Naval, esp. en Estruturas Mariñas

Graduado/a en Belas Artes

Licenciado en Belas Artes

Graduado/a en Bioloxía

Licenciado en Bioloxía

Graduado/a en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

 

Graduado/a en Ciencia Política e da Administración

Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración

Graduado/a en Ciencias Ambientais

 

Graduado/a en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Graduado/a en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural

Licenciado en Humanidades

Graduado/a en Humanidades

Graduado/a en Ciencias do Mar

Licenciado en Ciencias do Mar

Graduado/a en Ciencias Empresariais

Diplomado en Ciencias Empresariais

Graduado/a en Comercio

 

Graduado/a en Comunicación Audiovisual

Licenciado en Comunicación Audiovisual

Graduado/a en Consultoría e Xestión da Información

 

Graduado/a en Dereito

Licenciado en Dereito

Graduado/a en Dirección e Xestión Pública

Diplomado en Xestión e Administración Pública

Graduado/a en Economía

Licenciado en Economía

Graduado/a en Educación Infantil

Mestre, especialidade de Educación Infantil

Graduado/a en Educación Primaria

Mestre, especialidade de Educación Musical

Mestre, especialidade de Lingua Estranxeira

Mestre, especialidade de Educación Primaria

Mestre, especialidade de Educación Especial

Mestre, especialidade de Educación Física

Mestre, especialidade de Audición e Linguaxe

Graduado/a en Educación Social

Diplomado en Educación Social

Graduado/a en Enfermaría

Diplomado en Enfermaría

Graduado/a en Enxeñaría Agraria

Enxeñeiro Técnico Agrícola, esp. en Industrias Agrarias e Alimentarias

Graduado/a en Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias

Graduado/a en Enxeñaría Civil

Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas, esp. en Transportes e Servizos Urbanos

Graduado/a en Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural

Enxeñeiro Técnico Agrícola, esp. en Mecanización e Construcións Rurais

Enxeñeiro Técnico Agrícola, esp. Explotacións Agropecuarias

Enxeñeiro Técnico Agrícola, esp. Hortofruticultura e Xardinaría

Graduado/a en Enxeñaría da Enerxía

 

Graduado/a en Enxeñaría de Edificación

Arquitecto técnico

Graduado/a en Enxeñaría de Obras Públicas

Enxeñeiro Técnico de Obras Públicas, esp. en Construcións Civís

Graduado/a en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. en Química Industrial

Graduado/a en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación

Enxeñeiro Técnico de Telecomunicación, esp. en Sistemas de Telecomunicación

Enxeñeiro Técnico de Telecomunicación, esp. en Son e Imaxe

Graduado/a en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos

 

Graduado/a en Enxeñaría Eléctrica

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. en Electricidade

Graduado/a en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. en Electrónica Industrial

Graduado/a en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto

Enxeñeiro Técnico en Deseño Industrial

Graduado/a en Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. en Electrónica Industrial

Graduado/a en Enxeñaría en Organización Industrial

 

Graduado/a en Enxeñaría en Propulsión e Servizos do Buque

Enxeñeiro Técnico Naval, esp. en Propulsión e Servizos do Buque

Graduado/a en Enxeñaría en Química Industrial

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. En Química Industrial

Graduado/a en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais

 

Graduado/a en Enxeñaría Forestal

Enxeñeiro Técnico Forestal, esp. en Industrias Forestais

Graduado/a en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

Graduado/a en Enxeñaría en Xeomática e Topografía

Enxeñeiro Técnico en Topografía

Graduado/a en Enxeñaría Mariña

Diplomado en Máquinas Navais

Graduado/a en Enxeñaría Informática

Enxeñeiro Técnico en Informática de Xestión

Enxeñeiro Técnico en Informática de Sistemas

Graduado/a en Enxeñaría Mecánica

Enxeñeiro Técnico Industrial, esp. en Mecánica

Graduado/a en Enxeñaría Náutica e de Transporte Marítimo

Diplomado en Navegación Marítima

Graduado/a en Enxeñaría Química

 

Graduado/a en Lingua e Literatura Españolas

Licenciado en Filoloxía Hispánica

Graduado/a en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios

Graduado/a en Farmacia

Licenciado en Farmacia

Graduado/a en Estudos de Galego e Español

Licenciado en Filoloxía Galega

Graduado/a en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

Graduado/a en Lingua e Literatura Galegas

Graduado/a en Filoloxía Clásica

Licenciado en Filoloxía Clásica

Graduado/a en Filosofía

Licenciado en Filosofía

Graduado/a en Física

Licenciado en Física

Graduado/a en Fisioterapia

Diplomado en Fisioterapia

Graduado/a en Historia

Licenciado en Historia

Graduado/a en Xeografía e Historia

Graduado/a en Historia da Arte

Licenciado en Historia da Arte

Graduado/a en Información e Documentación

Diplomado en Biblioteconomía e Documentación

Graduado/a en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios

Licenciado en Filoloxía Inglesa

Graduado/a en Linguas Estranxeiras

Graduado/a en Lingua e Literatura Inglesas

Graduado/a en Matemáticas

Licenciado en Matemáticas

Graduado/a en Lingua e Literatura Modernas

Licenciado en Filoloxía Alemá

Licenciado en Filoloxía Francesa

Licenciado en Filoloxía Italiana

Licenciado en Filoloxía Portuguesa

Licenciado en Filoloxía Románica

Graduado/a en Logopedia

Diplomado en Logopedia

Graduado/a en Medicina

Licenciado en Medicina

Graduado/a en Nutrición Humana e Dietética

 

Graduado/a en Odontoloxía

Licenciado en Odontoloxía

Graduado/a en Óptica e Optometría

Diplomado en Óptica e Optometría

Graduado/a en Pedagoxía

Licenciado en Pedagoxía

Graduado/a en Podoloxía

Diplomado en Podoloxía

Graduado/a en Psicoloxía

Licenciado en Psicoloxía

Graduado/a en Publicidade e Relacións Públicas

Licenciado en Publicidade e Relacións Públicas

Graduado/a en Química

Licenciado en Química

Graduado/a en Relacións Laborais e Recursos Humanos

Diplomado en Relacións Laborais

Graduado/a en Socioloxía

Licenciado en Socioloxía

Graduado/a en Tecnoloxía de Enxeñaría Civil

 

Graduado/a en Terapia Ocupacional

Diplomado en Terapia Ocupacional

Graduado/a en Traballo Social

Diplomado en Traballo Social

Graduado/a en Tradución e Interpretación

Licenciado en Tradución e Interpretación

Graduado/a en Turismo

Diplomado en Turismo

Graduado/a en Veterinaria

Licenciado en Veterinaria

Graduado/a en Xeografía e Ordenación do Territorio

Licenciado en Xeografía

Graduado/a en Xornalismo

Licenciado en Xornalismo

Enxeñeiro Agrónomo

Enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos

Enxeñeiro de Minas

Enxeñeiro de Montes

Enxeñeiro de Organización Industrial

Enxeñeiro de Telecomunicación

Enxeñeiro en Automática e Electrónica Industrial

Enxeñeiro en Informática

Enxeñeiro Industrial

Enxeñeiro Naval e Oceánico

Enxeñeiro Químico

Licenciado en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos

Licenciado en Documentación

Licenciado en Máquinas Navais

Licenciado en Náutica e Transporte Marítimo

Licenciado en Psicopedagoxía

missing image file
missing image file