Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 30 de outubro de 2014 Páx. 45904

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2014 pola que se convoca o programa de autoformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática e probas de avaliación de carácter libre.

A Orde do 29 de abril de 2014 habilita e autoriza a Rede de centros para a modernización tecnolóxica de Galicia (rede CeMIT) para a formación e avaliación dos contidos formativos que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia, dentro das actuacións e obxectivos do Plan de inclusión dixital de Galicia.

En liña co artigo 3 da citada orde de poñer en marcha diversas modalidades formativas que consoliden a habilitación das aulas CeMIT para a formación e avaliación cara á obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, esta convocatoria ten como obxectivos o de ofertar un programa aberto na modalidade de autoformación para todas aquelas persoas que teñan a necesidade de formarse nos contidos que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia, así como o de convocar probas libres de avaliación presencial para as que soamente requiran o recoñecemento formal a través da obtención desta certificación.

A autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de maneira autónoma, asumindo o participante un papel activo no proceso de aprendizaxe e achegando estes contidos formativos a un maior número de cidadáns, especialmente a aqueles que por barreiras xeográficas ou razóns de conciliación non poden optar á modalidade presencial.

As probas de avaliación de carácter libre ofrecen a posibilidade de acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos mediante unha proba presencial que dá dereito a obter a certificación.

A cidadanía que desexe participar nesta convocatoria dispón de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra. Por unha banda, pode acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse como usuario/a na rede CeMIT, tal e como se prevé no anexo I. Por outra banda, pode solicitar presentarse ás probas de avaliación presenciais que ofrecen a posibilidade de acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos que dan dereito a obter o certificado de equivalencia regulado polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro, e cuxas bases establécense no anexo II. Por tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas. A pesar diso, só as persoas que se matriculen nestas probas de avaliación presencial e as superen teñen dereito á certificación de competencias dixitais en ofimática.

Por todo iso, e en execución do Plan de formación 2014 da Rede CeMIT, convócase o programa de autoformación nos contidos que constitúen o Plan formativo ofimático de Galicia, cuxas bases se detallan nos anexos desta resolución.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2014

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I
Actividades do programa de autoformación

Primeiro. Contidos

1. As actividades do programa de autoformación son as seguintes:

Código

Actividade do programa de autoformación

Horas

UF0319

Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico

30

UF0320

Aplicacións informáticas de tratamento de textos: LibreOffice Writer

30

UF0321

Aplicacións informáticas de follas de cálculo: LibreOffice Calc

50

UF0322

Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: LibreOffice Base

50

UF0323

Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información: LibreOffice Impress

30

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados, material complementario e, dado que non existe a figura do titor, ofrécense cuestionarios de corrección automática que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segundo. Acceso aos contidos

1. Todas as persoas maiores de 16 anos que desexen acceder aos contidos das actividades do programa de autoformación poden facelo, sen pasar por un proceso de selección, inscribíndose como usuarios/as da rede CeMIT na zona de altas da web
http://cemit.xunta.es.

2. Unha vez obtidas as credenciais de usuario/a da rede CeMIT, a inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia na aula virtual de CeMIT
http://cemit.xunta.es/ema, categoría «Autoformación»-«CODIX Ofimática», clave de automatriculación «codix 2014».

3. Cada persoa determinará libremente o número de actividades en que queira inscribirse e o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas. A rede CeMIT adoptará as medidas necesarias para facilitar a inscrición.

4. Ao tratarse de actividades impartidas na modalidade de teleformación deberase dispoñer dun equipamento informático que cumpra cos seguintes requisitos técnicos:

– Un computador con conexión a internet.

– Un navegador web con plugin de flash.

5. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación non implica a obrigación nin o dereito a presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas.

6. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación e a resposta a cuestionarios de corrección automática non dá dereito á expedición do certificado regulado no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, nin á obtención de ningún tipo de certificación.

ANEXO II
Probas de avaliación presenciais para a obtención da certificación galega
de competencias dixitais en ofimática

Primeiro. As probas de avaliación presenciais para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática: participación

Poden participar na proba de avaliación presencial recollida no artigo 6.1 do Decreto 218/2011, do 7 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, todas aquelas persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan antes da finalización do prazo de inscrición, inscritas como usuarios/as da rede CeMIT.

Segundo. As probas de avaliación presencial: prazas convocadas, datas, lugar e horario

1. As probas de avaliación presencial que se convocan desenvolveranse de acordo co seguinte calendario:

Localidade

Provincia

Día

Hora

Nº prazas

Brión

Coruña, A

Luns, 1 de decembro

10.00

10

Fisterra

Coruña, A

Luns, 1 de decembro

10.00

6

Oroso

Coruña, A

Luns, 1 de decembro

10.00

12

Ortigueira

Coruña, A

Luns, 1 de decembro

10.00

10

Pontedeume

Coruña, A

Luns, 1 de decembro

10.00

10

Barreiros

Lugo

Luns, 1 de decembro

10.00

12

Carballedo

Lugo

Luns, 1 de decembro

10.00

7

Fonsagrada, A

Lugo

Luns, 1 de decembro

10.00

10

Vicedo, O

Lugo

Luns, 1 de decembro

10.00

6

Barco de Valdeorras, O

Ourense

Luns, 1 de decembro

10.00

15

Ourense

Ourense

Luns, 1 de decembro

10.00

18

Cuntis

Pontevedra

Luns, 1 de decembro

10.00

9

Estrada, A

Pontevedra

Luns, 1 de decembro

10.00

14

Localidade

Provincia

Día

Hora

Nº prazas

Abegondo

Coruña, A

Mércores, 3 de decembro

16.00

18

Betanzos

Coruña, A

Mércores, 3 de decembro

16.00

18

A Coruña-Eirís

Coruña, A

Mércores, 3 de decembro

16.00

16

Narón

Coruña, A

Mércores, 3 de decembro

16.00

15

Padrón

Coruña, A

Mércores, 3 de decembro

16.00

10

Ribadeo

Lugo

Mércores, 3 de decembro

16.00

8

Celanova

Ourense

Mércores, 3 de decembro

16.00

12

Verín

Ourense

Mércores, 3 de decembro

16.00

10

Moaña

Pontevedra

Mércores, 3 de decembro

16.00

8

Ponteareas

Pontevedra

Mércores, 3 de decembro

16.00

9

Pontevedra

Pontevedra

Mércores, 3 de decembro

16.00

25

Tomiño

Pontevedra

Mércores, 3 de decembro

16.00

9

Valga

Pontevedra

Mércores, 3 de decembro

16.00

10

2. As probas de avaliación terán lugar nas dependencias das aulas CeMIT de cada localidade indicada no punto anterior, localizacións que se poden consultar na web
http://cemit.xunta.es/centros.

3. Na páxina web http://cemit.xunta.es actualizarase e ampliarase a información sobre estas probas de avaliación presencial.

Terceiro. As probas de avaliación presencial: solicitudes de participación

1. As persoas que desexen participar nas probas presenciais deberán inscribirse na páxina web de CeMIT http://cemit.xunta.es.

2. Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario/a da rede CeMIT. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

3. O prazo para a inscrición será de 7 días naturais a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

4. A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

5. Unha vez que termine o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.es), así como un número adecuado de reservas.

6. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días naturais desde a data da publicación da relación provisional de persoas admitidas a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame; serán excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

7. Unha vez finalizado este prazo para que as persoas admitidas aboen os dereitos de exame, e no caso de que existan prazas libres, chamarase da lista de espera para cubrir todas as prazas.

Cuarto. As probas de avaliación presencial: criterios de selección

1. Por rigorosa orde de recepción de inscricións.

2. As persoas que resulten seleccionadas poderán comunicar a súa renuncia a participar no desenvolvemento da actividade con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberá comunicarse por correo electrónico ao enderezo:
formacion-cemit@xunta.es.

Quinto. As probas de avaliación presencial: contía das taxas de exame

1. Segundo o anexo 1 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro), o importe da taxa para inscribirse nas probas de obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática será de 10 euros.

2. Para a liquidación das taxas de exame deberán acceder preferiblemente por vía electrónica á Oficina Virtual Tributaria da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia
(www.conselleriadefacenda.es), e seguindo a ruta: Servizos de acceso libre -> entrar na Oficina Virtual -> Taxas, prezos, multas e sancións -> Pagamento telemático de taxas e prezos -> Iniciar.

Os datos para cubrir o impreso son os seguintes:

Consellería: 04-Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Servizo: 024-Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega).

Delegación: 13-Servizos Centrais.

Taxa: 304202-Avaliación da unidade de competencia.

Obxecto: certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

3. Tamén poderán optar por cubrir o impreso de autoliquidación que se lles facilitará ás persoas interesadas en calquera rexistro ou oficina de atención ao cidadán da Xunta de Galicia.

4. O xustificante de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, así como calquera documentación complementaria deberá presentarse electronicamente no enderezo formacion-cemit@xunta.es, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para a comprobación da validez da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sexto. Desenvolvemento das probas de avaliación presencial

1. As probas de avaliación presencial para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática teñen o seguinte formato:

Proba de avaliación

Preguntas tipo test: número

Tempo dispoñible: minutos

Intentos

Respostas incorrectas: desconto

Superación: porcentaxe de respostas correctas

50

90

Un

Non

60 %

2. É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Levarase a cabo un único chamamento por orde alfabética.

3. As persoas participantes deben presentarse provistas do DNI ou doutro documento fidedigno acreditativo da súa identidade.

4. Para poder facer a proba de avaliación, cada participante debe lembrar o seu usuario e contrasinal que lle permite entrar na plataforma aula virtual, que coincide co que lle dá acceso á zona de usuario da rede CeMIT.

5. Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas de avaliación.

6. As persoas que se inscriban e non se presenten ás probas de avaliación pasarán ao final das listaxes de futuras probas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Sétimo. Facultades da Amtega

1. Resolver aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das probas de avaliación. Así mesmo, correspóndelle prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. Modificar o desenvolvemento e contido das probas, as datas e os lugares, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

3. Expedir a certificación galega de competencias dixitais en ofimática a todas aquelas persoas que superen a proba da avaliación final presencial, segundo o disposto no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, que regula a citada certificación (DOG nº 229, do 30 de novembro).