Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 5 de decembro de 2014 Páx. 50131

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 150/2014, do 27 de novembro, polo que se regulan as infraestruturas de soporte e os espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas en estradas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico.

Nun contexto de cambio do sistema produtivo cara unha nova economía baseada no coñecemento, resulta fundamental que a cidadanía, as empresas e as administracións públicas de Galicia poidan acceder ás tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) e, en concreto, ás redes de comunicacións electrónicas que constitúen o seu soporte indispensable.

Conscientes do rol que xogan as TIC no crecemento económico, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a cohesión social, e coñecedoras da súa función facilitadora, as administracións públicas están comprometidas na posta en marcha de políticas activas coa finalidade de que os beneficios das TIC cheguen, coa maior brevidade e capacidade posible, ao conxunto da sociedade galega.

Unha das actuacións específicas necesarias para acelerar o achegamento das TIC á cidadanía é a realización de actuacións facilitadoras do despregamento de redes de comunicacións electrónicas nas obras públicas a executar pola propia Administración.

Neste sentido, a Directiva 2009/140/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009 prevé a obriga das administracións territoriais de establecer procedementos axeitados de coordinación na execución de obras públicas ou na utilización de calquera recurso ou propiedade pública, que garantan a dispoñibilidade de información polas partes interesadas no momento oportuno e facilite o uso compartido no máximo grao posible.

Enlazando co principio de coordinación entre os sectores público e privado, o aproveitamento de sinerxías e a potenciación do uso compartido do dominio público, as directrices de Ordenación do Territorio, eixe central do conxunto de instrumentos de ordenación territorial recollidos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, dispoñen que as actuacións en materia de transportes e comunicacións deberán incorporar actuacións específicas en relación cos sistemas de telecomunicacións, incluíndo nos proxectos de execución a previsión dos espazos necesarios para a súa posterior implantación (Determinación 4.6.7 das directrices de Ordenación do Territorio).

Así mesmo, o Plan de banda larga de Galicia, enmarcado na Axenda dixital de Galicia e aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de febreiro de 2010, considera entre os seus obxectivos a realización de actuacións facilitadoras do despregamento de redes de comunicacións electrónicas.

Neste escenario, o artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, establece que os proxectos de obra pública promovidos pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, as entidades locais e os seus organismos públicos no ámbito das súas competencias, deberán prever a instalación de canalizacións relativas aos servizos de comunicacións electrónicas así como a reserva de espazos habilitados para equipamentos de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións.

O presente decreto establece, en desenvolvemento das previsións do artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, o marco normativo para a inclusión das infraestruturas de soporte necesarias para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas nos proxectos de estradas promovidas pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

As devanditas infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas deberán utilizarse en condicións transparentes, equitativas e non discriminatorias polos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas, coa finalidade de potenciar o achegamento das TIC á cidadanía.

Os conceptos relativos ás estradas incluídos neste decreto deben entenderse segundo a descrición destes que se realiza na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

No que se refire á estrutura deste decreto, divídese en catro títulos, un deles referido ás disposicións xerais; outro ás obrigas, no tocante ás infraestruturas e espazos de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas, dos axentes implicados na execución dun proxecto de obra pública; un terceiro título relativo ás condicións de acceso dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas ás infraestruturas de soporte vinculadas ás obras públicas e o último relativo aos criterios de deseño e dimensionamento das citadas infraestruturas e espazos de reserva.

O título I contén as disposicións xerais que establecen o obxecto do decreto e o seu ámbito de aplicación establecendo as recomendacións técnicas de referencia e identificando os elementos principais da rede.

O título II ten por obxecto regular as obrigas dos distintos axentes que interveñen na execución dunha estrada no tocante ás infraestruturas de soporte e espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas así como o contido mínimo da memoria técnica a remitir polos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas no proceso de coordinación co resto de axentes, co fin de conseguir a coordinación desexable e necesaria para asegurar a dispoñibilidade de información por todos os axentes interesados.

O título III establece as condicións de acceso dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas ás infraestruturas de soporte vinculadas ás estradas, condicións que deberán respectar en todo caso os principios básicos de transparencia, obxectividade e non discriminación e o marco normativo xeral en materia de telecomunicacións.

O título IV ten por obxecto establecer os criterios de deseño e dimensionamento mínimos das infraestruturas e espazos de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas, criterios de observancia obrigatoria na execución dos proxectos das obras públicas que constitúen o seu obxecto.

Por último, completan as previsións do decreto dúas disposicións adicionais relativas á cooperación coas administracións locais para fomentar a aplicación do disposto neste decreto aos proxectos de estradas promovidos polas ditas administracións e á modificación dos formularios de comunicación, unha disposición transitoria relativa á aplicación das disposicións previstas no decreto aos proxectos en tramitación e dúas disposicións derradeiras, a primeira relativa á habilitación para o desenvolvemento das disposicións do presente decreto e para a modificación dos seus anexos e a segunda relativa á entrada en vigor deste.

Debido a que o presente regulamento se dita en execución de lei, concretamente, das previsións do artigo 10 da Lei 3/2013, do 20 de maio, de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, foi sometido a consulta e ditame preceptivo do Consello Consultivo de Galicia.

Por todo o anterior, na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de novembro de dous mil catorce,

DISPOÑO:

Título I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto establecer o marco normativo relativo á previsión da instalación de infraestruturas de soporte para o despregamento das redes de comunicacións electrónicas e de espazos de reserva habilitados para a situación de equipamento de telecomunicacións e localizacións de radiocomunicacións nas estradas que sexan promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico no ámbito das súas competencias.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. As previsións do presente decreto son de aplicación aos proxectos de estradas que sexan promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico no ámbito das súas respectivas competencias, que teñan por obxecto:

a) A construción dunha nova vía.

b) O desdobramento dunha vía existente.

c) A construción dun trazado de características especiais coma pontes, viadutos ou túneles.

d) A execución de obras que afecten a un trazado continuo de vía existente superior a 5 km e que supoñan a modificación do trazado ou a apertura de gabias para canalizacións.

e) Outro tipo de actuacións en estradas, distintas das anteriores, cando a Administración ou entidade do sector público promotora da estrada considere que concorren razóns de interese e oportunidade que fagan recomendable a aplicación das previsións contidas neste decreto.

2. Exceptúanse do ámbito de aplicación os camiños públicos ou privados, entre os que se inclúen os camiños de servizo, veciñais, agrícolas, forestais ou pecuarios.

Artigo 3. Recomendacións técnicas de referencia

Na execución das infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicación electrónica obxecto deste decreto, salvo disposición expresa en contra, tomarase coma referencia técnica básica a seguinte normativa, ou, se é o caso, a norma vixente que a substitúa:

a) UNE 133100-1: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 1: canalizacións subterráneas.

b) UNE 133100-2: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 2: arquetas e cámaras de rexistro.

c) UNE 133100-3: 2002: infraestruturas para redes de telecomunicacións. Parte 3: tramos interurbanos.

d) UNE-EN 124:1995 e UNE-EN 124:2000 Erratum: dispositivos de cubrición e peche para zonas de circulación utilizadas por peóns e vehículos. Principios de construción, ensaios de tipo, marcaxe, control de calidade.

Artigo 4. Elementos principais das infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. Integran as infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas obxecto deste decreto, os seguintes elementos principais situados dentro do dominio público viario:

a) Canalizacións ou conducións soterradas podendo ser superficiais no caso de túneles, pontes ou viadutos.

b) Elementos de rexistro ou arquetas para o tendido de cables, a interconexión de redes e a instalación de elementos pasivos ou activos de telecomunicacións.

c) Espazos de reserva en forma de espazos baldíos, adecuados para equipamentos de telecomunicacións e para localizacións de radiocomunicacións.

d) Infraestruturas de interconexión con outros servizos que poidan requirir as redes de comunicacións electrónicas tales como a interconexión á rede eléctrica, á rede de pluviais ou acceso rodado, entre outras.

2. O proxecto de construción deberá detallar as solucións construtivas adoptadas en cada caso, xustificando a idoneidade dos materiais e procedementos que se vaian utilizar.

Título II
Información e coordinación na execución das infraestruturas de soporte
ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas

Artigo 5. Responsabilidade da execución das infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas e coordinación dos axentes implicados

1. A Administración ou entidade do sector público promotora da estrada (en diante «promotor da estrada») e, no caso de contratos para a construción e/ou explotación da estrada en réxime de concesión de obra pública, o concesionario desta serán os responsables de asegurar que a execución e xestión das infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas cumpren as disposicións do presente decreto. Para estes efectos, no caso de contratos para a construción e/ou explotación da estrada en réxime de concesión de obra pública, os pregos de cláusulas administrativas particulares da correspondente concesión farán referencia expresa ás obrigas para o concesionario derivadas do presente decreto.

2. O promotor da estrada e, no caso de contratos para a construción e/ou explotación da estrada en réxime de concesión de obra pública, o concesionario desta, deberán comunicar á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, «Amtega») a información necesaria para garantir a axeitada coordinación cos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas e conseguir a correcta definición das infraestruturas de soporte necesarias para o despregamento das redes de comunicacións electrónicas.

Artigo 6. Proceso de coordinación entre os axentes implicados

O proceso de coordinación entre os axentes implicados incluirá a realización das seguintes actuacións:

1. Comunicación previa por parte do promotor da estrada:

O promotor da estrada deberá remitir á Amtega o documento provisional do anteproxecto ou proxecto de trazado, o cal deberá prever a execución das infraestruturas de soporte e a reserva de espazos necesarios para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas pertinentes.

Na redacción do anteproxecto ou proxecto de trazado deberán observarse os criterios técnicos previstos no título IV e anexos II, III e IV deste decreto.

2. Consulta pública e comunicación de necesidades de ocupación de infraestruturas por parte dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas:

A Amtega someterá a información relevante para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas contida no anteproxecto ou proxecto de trazado a un proceso de consulta pública aos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas, con aplicación dos principios de publicidade e concorrencia, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia e na páxina web institucional garantindo o cumprimento das condicións previstas na normativa xeral estatal en materia de telecomunicacións, en particular en canto ao fomento dunha competencia leal e efectiva entre os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas e a protección dos seus dereitos.

O prazo de consulta pública será como mínimo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da consulta relativo á obra proxectada.

Os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas interesados achegarán as súas comunicacións de necesidades de ocupación das infraestruturas proxectadas ás que deberán anexar unha memoria técnica co contido previsto no seguinte artigo.

No caso de que a información contida na memoria técnica non se considere suficiente, a Amtega poderá requirir os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas que participasen no proceso para que, no prazo de 10 días hábiles, acheguen a información complementaria requirida. As solicitudes de información complementaria que se realicen aos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas deberán ser motivadas, ter unha xustificación obxectiva, ser proporcionadas para o fin perseguido e limitarse ao estritamente necesario.

3. Informe de necesidades de infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas:

Recibidas as comunicacións coas necesidades de ocupación de infraestruturas dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas, a Amtega remitirá por medios electrónicos ao promotor da estrada un informe no que se detallen e analicen as devanditas necesidades, así como o impacto técnico da súa satisfacción. Neste informe poderanse formular requirimentos específicos que excedan os criterios mínimos de referencia recollidos nos anexos ao presente decreto.

Se no prazo de 2 meses desde a publicación da consulta pública no Diario Oficial de Galicia a Amtega non remitise ao promotor da estrada o devandito informe, este poderá considerar que non existen requirimentos específicos. Neste caso, o proxecto final deberá cumprir os criterios mínimos previstos no título IV e anexos II, III e IV deste decreto.

4. Comunicación do proxecto da actuación:

Con anterioridade ao inicio das obras, o promotor da estrada facilitará á Amtega acceso ao proxecto da actuación, que deberá incorporar, de xeito específico e diferenciado, unha separata de «infraestruturas de soporte e espazos de reserva para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas» como un anexo do proxecto ou ben como un apéndice do anexo de obras complementarias.

Tendo en conta as necesidades de ocupación de infraestruturas postas de manifesto no informe remitido pola Amtega, o proxecto de actuación deberá reflectir un dimensionamento e unhas características construtivas acordes cos criterios previstos no título IV e anexos II, III e IV deste decreto.

Naqueles supostos nos cales, por razóns técnicas, non sexa posible cumprir os criterios previstos neste decreto o promotor da estrada deberá sinalar de xeito explícito esta circunstancia.

Nos casos mencionados no parágrafo anterior a Amtega determinará, de forma motivada, as solucións que se adoptarán respecto das infraestruturas e espazos de reserva obxecto do presente decreto.

O promotor da estrada indicará a forma na que os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas que participen neste proceso deberán formalizar a súa solicitude de ocupación das infraestruturas ou espazos de reserva demandados.

5. Información aos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas implicados no proceso de consulta pública:

A Amtega informará por medios electrónicos aos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas que comparecesen coma interesados no período de consulta pública, do dimensionamento previsto no proxecto da actuación.

Á vista do contido do proxecto da actuación, estes poderán, no prazo dun mes:

a) Desistir do seu interese de ocupación das infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas. Se algún dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas desistise do seu interese inicial, non formalizando a solicitude de ocupación de parte ou todas as infraestruturas ou espazos de reserva inicialmente comunicados, o promotor da estrada poderá desistir da execución destas modificando para tal efecto a separata coa información relativa ás infraestruturas de soporte e aos espazos de reserva necesarios para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas.

b) Formalizar unha solicitude de ocupación seguindo o procedemento indicado polo promotor da estrada. Nestes casos, o promotor da estrada poderá exixir a constitución dunha garantía tendo en conta o incremento do investimento necesario para dar resposta ás necesidades de ocupación de infraestruturas formuladas na solicitude de ocupación e o número de solicitudes formalizadas, coa finalidade de asegurar a utilización futura das infraestruturas comprometidas.

6. Comunicación da fin de obra por parte do promotor da estrada:

Unha vez executada, entregada e aceptada a obra por parte do promotor da estrada, este informará a Amtega da súa finalización así como de calquera variación respecto do proxecto enviado con anterioridade facilitando á Amtega o acceso ao documento final de obra ou, no seu defecto, ao proxecto de construción vixente e definitivo, no cal se recollan as modificacións que, se é o caso, fosen introducidas.

Coa finalidade de verificar o estado final da infraestrutura executada e dos espazos de reserva previstos, a Amtega poderá realizar visitas de comprobación.

Así mesmo, nos supostos nos cales o promotor da estrada non xestione directamente a infraestrutura de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas, comunicará á Amtega a identidade do organismo que leve a cabo a devandita explotación.

7. Explotación das infraestruturas de soporte e espazos de reserva:

Os xestores das infraestruturas de soporte vinculadas á obra pública executada resolverán as solicitudes de ocupación formuladas polos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas. No caso das administracións e entidades públicas serán aplicables as fórmulas previstas na normativa patrimonial que sexa de aplicación.

Se finalmente o operador de redes e servizos de comunicacións electrónicas non procedese á ocupación das infraestruturas de soporte executadas, o promotor da estrada poderá incautar total ou parcialmente a garantía constituída en concepto de danos e prexuízos ocasionados polo maior custo da actuación. En todo caso, o importe que se vaia incautar nunca poderá ser superior ao investimento que fose necesario realizar para dar resposta ás necesidades de ocupación de infraestruturas formuladas na solicitude de ocupación presentada polo operador no trámite descrito no punto 5 deste artigo.

Os xestores das infraestruturas de soporte vinculadas á obra pública executada deberán cumprir, no que respecta á realización de acordos para o seu uso, os criterios recollidos no artigo 12.

8. Comunicación ante calquera modificación nas infraestruturas por parte do xestor da estrada:

Os xestores destas infraestruturas informarán a Amtega de calquera modificación que se produza nestas e afecte as infraestruturas ou os espazos de reserva obxecto do presente decreto.

Artigo 7. Contido mínimo da memoria técnica de comunicación de necesidades de ocupación de infraestruturas

1. De conformidade co disposto no artigo 6 deste decreto, os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas interesados en ocupar as infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas proxectadas deberán comunicar as súas necesidades de ocupación, comunicación á que deberán anexar unha memoria técnica na que detallen as súas necesidades.

2. A información mínima que deberán incluír na dita memoria os ditos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas para os efectos dun mellor aproveitamento das posibles sinerxías que implique a obra será a seguinte:

a) Por cada tramo no que requiran condutos:

1º. Punto quilométrico de inicio ou, no seu defecto, coordenadas especificadas en UTM para o fuso 29, no sistema de referencia xeodésico ETRS89 (en diante «as coordenadas»).

2º. En caso de existir algunha preferencia, marxe preferente pola que se desexa que transcorra a canalización.

3º. Punto quilométrico de remate ou, no seu defecto, as coordenadas.

4º. Necesidades de cruzamentos e/ou accesos a outras vías, indicando punto quilométrico ou as coordenadas.

5º. Número de condutos requiridos no tramo en cuestión e previsión de uso destes e as técnicas de tendido preferentes.

6º. Necesidades específicas de arquetas en localizacións puntuais e marxe/s da vía nas que serían precisas. Para estes efectos deberanse proporcionar os puntos quilométricos ou as coordenadas.

b) Por cada espazo de reserva:

1º. As coordenadas dos puntos dentro da área de influencia da obra onde se requiren espazos de reserva para a instalación de equipamento.

2º. Dimensións físicas mínimas dos espazos que requiriría o operador de redes e servizos de comunicacións electrónicas, diferenciando o uso que se lle daría a cada un destes. Será preciso indicar para cada un deses espazos se se recollen elementos de obra civil susceptibles de seren compartidos con outros operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas.

3º. Descrición das necesidades de infraestruturas de interconexión con outros servizos dentro da área de influencia da obra planificada.

Artigo 8. Forma de presentación das comunicacións e documentación

1. A presentación das comunicacións realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade ao establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. No caso de que algún dos documentos que se presenten de forma electrónica superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Na sede electrónica atópanse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa interesada desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizala de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados, e deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude inclúen autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Artigo 10. Notificacións

1. Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas, realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora na que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

3. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

4. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a lopd@xunta.es.

Título III
Acceso ás infraestruturas de soporte executadas para o despregamento
de redes de comunicacións electrónicas

Artigo 12. Condicións xerais de acceso ás infraestruturas de soporte para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas

1. As infraestruturas de soporte e as reservas de espazo vinculadas a obras públicas ás que lles sexa de aplicación o presente decreto poranse á disposición dos operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas interesados no seu uso na forma e condicións establecidas no marco normativo xeral en materia de telecomunicacións, respectando os principios de transparencia, obxectividade e non discriminación.

2. Coa finalidade de garantir o cumprimento destes principios básicos, os acordos de acceso ás ditas infraestruturas e espazos de reserva estarán condicionados ao uso efectivo e eficiente dos elementos ocupados. Os xestores destas infraestruturas velarán porque os acordos de uso que se realicen recollan os devanditos principios como condicións esenciais.

A resolución dos conflitos entre operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas derivados dos incumprimentos dos indicados principios é competencia da autoridade nacional competente en materia de telecomunicacións de acordo co marco normativo xeral estatal aplicable.

3. No suposto de que as solicitudes de utilización das infraestruturas excedan a capacidade libre dispoñible, favorecerase a realización de acordos voluntarios entre os operadores de redes e servizos de comunicacións electrónicas.

No caso de que non resulte posible chegar a un acordo, as condicións de uso estableceranse de acordo coa normativa xeral estatal aplicable pola autoridade nacional competente en materia de telecomunicacións.

Título IV
Criterios de deseño e dimensionamento

Artigo 13. Criterios de deseño e dimensionamento das canalizacións

O trazado e as características e dimensionamento dos condutos que formen parte das canalizacións destinadas a facilitar o despregamento de redes de comunicacións electrónicas deberán cumprir os criterios indicados no anexo II e as prescricións técnicas indicadas no anexo IV deste decreto.

Artigo 14. Tipoloxías e criterios de situación, selección e identificación das arquetas

As arquetas que formen parte das canalizacións destinadas a facilitar o despregamento de redes de comunicacións electrónicas deberán cumprir os criterios indicados no anexo III e as prescricións técnicas indicadas no anexo IV deste decreto.

Artigo 15. Criterios para a reserva de espazos adicionais

Considérase espazo adicional á reserva de espazo nalgunha das zonas de influencia da vía á marxe das reservas de condutos en canalizacións.

Na medida na que se indique no informe de necesidades de infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas remitido pola Amtega deberanse habilitar reservas de espazo adicionais para a instalación de estacións base ou nodos de comunicación en xeral.

En todo caso, o promotor da estrada poderá xustificar a imposibilidade de reservar e habilitar os ditos espazos por impedimentos técnicos maiores ou pola afección que poidan ter sobre as funcionalidades principais das infraestruturas afectadas pola obra. Nestes casos, a Amtega determinará, de forma motivada, as solucións a adoptar respecto dos espazos que procede reservar nestas condicións.

Sempre que se considere a reserva de espazos adicionais para o despregamento de redes de comunicacións electrónicas, deberanse habilitar as infraestruturas de interconexión con outros servizos precisas dentro da área de influencia da vía, na forma e condicións indicadas no informe de necesidades de infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas remitido pola Amtega. Igualmente será preciso habilitar un acceso adecuado ao tráfico rodado ata os ditos espazos.

Disposición adicional primeira. Infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicacións electrónicas en estradas promovidas polas corporacións locais

A Xunta de Galicia promoverá a difusión desta norma entre as corporacións locais de Galicia, fomentando a aplicación voluntaria dos criterios e recomendacións técnicas contidas nela co obxecto de acadar un mellor aproveitamento do dominio público viario e fomentar o despregamento das redes de comunicacións electrónicas no territorio da comunidade autónoma.

Neste sentido, habilítase a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a formalización de instrumentos de colaboración coas corporacións locais de Galicia co fin fomentar e facilitar que as ditas administracións adopten, nos seus ámbitos competenciais, criterios para a execución das infraestruturas de soporte ao despregamento de redes de comunicación electrónica coherentes cos desenvoltos neste decreto.

Disposición adicional segunda. Modificación de formulario de comunicación

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán actualizarse na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de nova publicación no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición transitoria única. Proxectos en tramitación

1. As disposicións do presente decreto serán de aplicación aos expedientes de obras de estradas promovidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico xa iniciados, sempre que o anteproxecto ou proxecto de trazado non estivese aprobado definitivamente á entrada en vigor do presente decreto.

Porén, no caso de actuacións sometidas a algún trámite de información pública, só serán de aplicación as disposicións do presente decreto no suposto de que non se tivese iniciado o antedito trámite.

2. Nos restantes casos, a Administración ou entidade do sector público promotora da obra poderá decidir a aplicación das disposicións do presente decreto cando sexa técnica, xurídica e economicamente viable, tendo en conta as características da obra e o estado de execución do contrato.

Disposición derradeira primeira. Normativa de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento, así como para modificar os anexos a este adaptándoos ás evolucións técnicas e tecnolóxicas e, de ser o caso, identificar a normativa vixente que substitúa as normas UNE recollidas no artigo 3.

Sen prexuízo do anterior, habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de novembro de dous mil catorce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO II
Criterios de deseño e dimensionamento das canalizacións

1. O trazado e as características e dimensionamento dos condutos que forman parte das canalizacións destinadas a facilitar o despregamento de redes de comunicacións electrónicas deberán cumprir os seguintes criterios:

a) Trazado da canalización:

A canalización deberá transcorrer, salvo impedimentos de forza maior, de forma paralela á estrada. Para planificar o seu trazado, deberanse ter en consideración as canalizacións pertencentes a outros servizos, respectando as distancias e localizacións relativas que figuran na normativa técnica de referencia (especialmente o punto 4.3 da UNE 133100-1) e a lexislación de aplicación. En todo caso, o trazado da canalización terá o menor número de curvas posibles tendo estas o meirande ángulo de curvatura que sexa viable. Cando sexa preciso realizar dobres curvas en forma de S para salvar obstáculos, seguiranse as indicacións ao respecto que figuran na dita norma UNE 133100-1.

Igualmente, as solucións construtivas polas que se opte para a execución da canalización deberán ser acordes co tipo de vía e a tipoloxía do proxecto (calzada convencional sobre plataforma consolidada, pontes, viadutos, túneles, etc.) tomando coma referencia o especificado na normativa técnica básica de aplicación.

Por norma xeral a canalización transcorrerá por unha das marxes da vía. Nos casos nos que sexa preciso (zonas de terreo pouco consistente, obstáculos, mellora da viabilidade técnica do proxecto, etc.), poderanse facer cambios de marxe, que se realizarán mediante trazados perpendiculares á vía empregando as técnicas adecuadas para protexela do tránsito rodado. Sempre que sexa posible e non se menoscaben as funcións principais destes elementos, os cruzamentos solucionaranse aproveitando pasos inferiores, obras de drenaxe transversal, etc.

En concreto, no caso de cruzamentos a nivel con outras vías, disporase a canalización de modo que tamén se permita a continuidade desta pola vía secundaria conforme os seguintes casos:

1º. Caso de cruzamento único na marxe polo que transcorre a canalización. Neste caso disporase dunha arqueta adecuadamente dimensionada previa ou posterior ao cruzamento (no esquema móstrase, a modo de exemplo, a primeira opción).

missing image file

2º. Caso de cruzamento único na marxe polo que non transcorre a canalización. Neste caso, disporase dunha canalización perpendicular á vía. A dita canalización deberá rematar en arquetas adecuadamente dimensionadas en ambos os dous extremos da vía.

missing image file

3º. Caso de cruzamento en ambas as dúas marxes. Neste caso disporase dunha arqueta adecuadamente dimensionada previa ou posterior ao cruzamento na marxe polo que transcorre a canalización, aproveitando a dita arqueta para realizar unha canalización perpendicular á vía, rematada nunha arqueta adecuadamente dimensionada no outro extremo (no esquema móstrase, a modo de exemplo, a primeira opción).

missing image file

4º. Caso de cruzamento mediante rotonda. Neste caso será preciso dispoñer de canalización en todo o contorno desta, situando arquetas adecuadamente dimensionadas en cada extremo dos cruzamentos, e aquelas que sexan precisas en función do cumprimento dos criterios de deseño.

missing image file

Ademais do anterior, deberá realizarse como mínimo un cruzamento da canalización cada 2.000 m de trazado, perpendicular á vía e rematado en arquetas adecuadamente dimensionadas en ambos os dous extremos da vía.

b) Dimensionamento mínimo da canalización:

A canalización albergará un conxunto de condutos de diámetro interno mínimo de 32 mm.

En todo caso, independentemente das súas dimensións, as estruturas de condutos instaladas deberán ter configuración de prisma, empregando, na medida que sexa preciso, os respectivos elementos separadores.

2. O número de condutos que se instalen deberá ser uniforme en todo o trazado da vía, respectando sempre os mínimos recollidos na seguinte táboa:

Topoloxía de estradas

Número mínimo
de condutos

Clasificación funcional

Clasificación técnica

Rede de altas prestacións

Autoestrada ou autovía

9

Vía para automóbiles

6

Rede convencional

Estrada convencional

3

ANEXO III
Tipoloxías e criterios de situación, selección e identificación das arquetas

1. As arquetas son, ademais de elementos de apoio á realización de cambios de dirección e cruzamentos do trazado da canalización, elementos de rexistro que teñen por obxecto posibilitar a extensión de cables e a conexión das redes que se instalen nos condutos.

De cara aos criterios recollidos neste anexo diferenciaranse tres tipos de arquetas segundo a súa función e dimensións:

a) As arquetas de conexión, nas cales os condutos sempre están abertos, están destinadas principalmente a facilitar o tendido de cables e a interconexión de redes.

b) As arquetas de rexistro, nas cales os condutos sempre están abertos, están destinadas principalmente a facilitar o tendido de cables no interior dos condutos.

c) As arquetas de paso, nas cales os condutos se atopan pechados, instálanse coma salvagarda para os casos nos que sexa preciso realizar tarefas de mantemento ou resolver a obturación de condutos.

2. Situación das arquetas.

a) No caso das arquetas de conexión deberán respectarse os seguintes principios:

1º. A distancia máxima entre arquetas de conexión consecutivas será de 2.000 metros de canalización.

2º. Deberán instalarse arquetas de conexión nos casos de cruzamentos transversais da canalización.

3º. Deberán instalarse arquetas de conexión en puntos singulares da infraestrutura coma cruzamentos con outras vías.

4º. Requirirase a instalación de arquetas de conexión en ambos os dous extremos de pasos especiais (túneles, pontes e viadutos).

5º. Requirirase a instalación de arquetas de conexión en todo cambio de tipoloxía de canalización.

6º. Requirirase a instalación, de arquetas de conexión nos extremos das acometidas destinadas aos espazos de reserva adicionais.

b) No caso das arquetas de rexistro deberán respectarse os seguintes principios:

1º. Deberá existir un mínimo dunha arqueta de rexistro cada 500 m de canalización sen arquetas de rexistro ou conexión.

2º. Deberán empregarse arquetas de rexistro en todos os cambios de dirección da canalización.

c) No caso das arquetas de paso deberán respectarse os seguintes principios:

1º. Deberá existir un mínimo dunha arqueta de paso cada 250 m de canalización sen arquetas de conexión ou rexistro.

d) En canto á súa localización, as arquetas situaranse nalgunha das zonas da área de influencia da vía e, na medida do posible, fóra da calzada, sendo compatibles cos elementos da vía e coa seguridade vial. En todo caso, analizarase a localización de todas as arquetas para garantir que non se prexudican as zonas da plataforma viaria empregando, na medida que sexa preciso, elementos de protección.

3. Selección do tipo de arqueta.

A seguinte táboa de referencia clasifica as arquetas susceptibles de ser empregadas en base as súas dimensións mínimas e características construtivas:

Denominación

Dimensións interiores mínimas
(ancho × longo × profundo)

Tipo A

400×400×600 mm

Tipo B

800×800×800 mm

Tipo C

900×1200×900 mm

Tendo en consideración a clasificación de arquetas incluída na táboa anterior así como a separación funcional mencionada (arquetas de conexión, rexistro e paso), a seguinte táboa especifica a elección construtiva de arqueta que se corresponde a cada caso:

Nº de condutos

Arqueta de paso

Arqueta de rexistro

Arqueta de conexión

Ata 9

Tipo A

Tipo B

Tipo C

Mais de 9

Tipo B

Tipo B

Tipo C

En calquera caso será preciso garantir que o dimensionamento das arquetas é adecuado á disposición do prisma de condutos, non obrigando a variacións na dirección ou disposición deste para a súa pasaxe polas arquetas.

4. Identificación das arquetas.

As arquetas e tapas marcaranse con logotipos e etiquetas que permitan diferencialas e identificar o seu uso.

ANEXO IV
Prescricións técnicas aplicables a materiais e elementos construtivos

Neste anexo recóllense as prescricións técnicas específicas aplicables a materiais e elementos construtivos co obxecto de remarcar algúns dos aspectos xerais máis importantes.

En todo caso, sempre que non se proporcione ningunha directriz específica acudirase á normativa técnica e lexislación de referencia para cada caso.

a) Canalizacións:

As canalizacións estarán constituídas por condutos cun diámetro interno mínimo de 32 mm, os cales deberán estar recubertos de formigón, dispostos en prisma e aloxados en gabias de profundidade e dimensións variables segundo o contorno e as dimensión da propia canalización, tomando como referencia o indicado na norma UNE 133100-1. En todo caso, á hora de realizar o recheo da gabia, este deberá ser tal que non implique ningún risco para os elementos da canalización, garantindo a inexistencia de corrementos futuros que poidan afectar a integridade dos condutos.

No tocante á resistencia dos condutos da canalización e demais características construtivas, seguirase o especificado na normativa de referencia e, en concreto, na UNE 133100-1 e na ISO 9969.

Nas arquetas onde os condutos da canalización rematen abertos instalaranse os respectivos elementos obturadores resistentes á corrosión, que deberán estar unidos ao fío guía que servirá de axuda ao tendido de cables e/ou subcondutos no interior dos condutos. Os ditos fíos guía deberán instalarse en todos e cada un dos tramos e condutos da canalización.

b) Arquetas:

Todas as arquetas (incluíndo as tapas e coberturas) deberán soportar as accións derivadas das cargas e sobrecargas fixadas como referencia na norma UNE 133100 en función da localización destas.

Optarase preferentemente pola instalación de arquetas prefabricadas de formigón armado con soleira, catro fiestras de conexión e sumidoiro inferior.

No que respecta aos elementos asociados ás arquetas (tapas, obturadores, sumidoiros, ganchos…) seguirase a configuración básica descrita na UNE 133100.

Igualmente, todos os materiais empregados para a construción das arquetas (formigóns, aceiros, poliésteres…) terán, como mínimo, as propiedades e características que se mencionan na norma UNE 133100 e na restante normativa técnica específica que sexa aplicable segundo o caso (UNE 83313, UNE 36068, UNE 36092, UNE-EN 10025, UNE EN ISO 1461, UNE-EN 10088).

missing image file