Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Mércores, 10 de decembro de 2014 Páx. 50587

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2014, e se procede á súa convocatoria.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 1 - Xestión do talento, as actuacións de apoio á carreira investigadora, entre as cales está o Programa de apoio á etapa predoutoral.

Segundo o devandito plan, este programa financia contratos cunha duración máxima de tres anos. A contratación deste persoal nas súas etapas iniciais constitúe a base para que, mediante procesos formativos estables, se adquiran as habilidades propias do persoal investigador e ademais permite lograr que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos.

Para dar unha resposta adecuada ás determinacións deste programa establécense tres modalidades neste tipo de axudas que perseguen conseguir a máxima eficacia dos recursos que se invisten, tanto no ámbito global como en distintos sectores estratéxicos da nosa comunidade autónoma.

Nunha primeira modalidade denominada «Xeral» as axudas están enfocadas a todas as ramas de coñecemento, establecendo cotas que permitan un equilibrio que garanta que todas as áreas do saber estarán representadas na convocatoria.

As outras dúas modalidades están enfocadas ao eixo estratéxico 9 - Proxectos singulares do Plan I2C, que plasma o compromiso de establecer iniciativas de alto impacto en sectores especialmente estratéxicos e onde Galicia posúe contrastada potencialidade. Dentro deste eixe, nas súas liñas 9.1, Unha vida de innovación (CEI) e 9.2, Un mar de innovación, recóllese a aposta pola excelencia nos procesos de investigación, como se vén demostrando cos recoñecementos do Campus Vida, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, e do Campus do Mar, liderado pola Universidade de Vigo, como campus de excelencia internacional.

Complementariamente, esta convocatoria pon especial énfase na necesidade de fortalecer aqueles ámbitos que foron seleccionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, dentro da estratexia de especialización intelixente RIS3-Galicia, para mellorar a competitividade, o crecemento económico e o emprego sustentable a través da innovación e que orientarán as políticas de cohesión da UE para o período 2014-2020.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia (SUG), en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre mulleres e homes que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria adoptan medidas específicas para fomentar a igualdade.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral do ano 2014.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e procede á súa convocatoria. O obxecto do Programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros, nas seguintes modalidades:

– Modalidade A: Axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral.

– Modalidade B: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus do Mar».

– Modalidade C: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus Vida».

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á universidade onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as dúas partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda. A duración do contrato será dun ano, prorrogable ata un máximo de tres, logo do informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento.

2. Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concedan a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 3 desta orde para cada unha das diferentes modalidades.

b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2014/15. No caso da modalidade B unicamente serán válidas as matrículas no Programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar (Do*Mar). No caso da modalidade C só serán válidas as matrículas nun programa de doutoramento dos definidos polas universidades para o Campus Vida.

c) A data de finalización dos estudos para a obtención do título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente que deron acceso aos estudos de máster universitario debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2008 nos seguintes casos:

– Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).

– As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2009.

– As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.

No caso dos estudantes que accedan ao doutoramento cunha titulación oficial española dunha ordenación universitaria anterior ao Real decreto 1393/2007 (licenciado, graduado ou equivalente) e que teñan superado 300 ECTS, dos cales 60 ECTS do segundo ciclo sexan recoñecidos polas súas universidades como equivalentes á formación de máster universitario, segundo os acordos sobre recoñecemento da equivalencia das titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007 para os efectos do acceso aos estudos oficiais de doutoramento aprobados polas universidades do SUG, a data de finalización dos estudos deste título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2012. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010 nos seguintes casos:

- Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que, na data de peche do prazo de presentación de solicitudes, estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).

- As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2011.

- As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.

d) Contar no expediente académico da titulación con que se accede á presente convocatoria cunha nota media igual ou superior a 7. Para as titulacións de Enxeñaría e Arquitectura a media deberá ser igual ou superior a 6. Esta media calcularase segundo as indicacións do artigo 4.4.e).

3. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que estean en posesión do título de doutor nin persoas que fosen seleccionadas ou contratadas noutras convocatorias de recursos humanos homologables (bolsas/contratos predoutorais ou equivalentes), agás as axudas predoutorais da propia universidade, ás cales terán que renunciar no caso de resultar seleccionadas.

Artigo 3. Duración, número e importe das axudas

1. A duración das axudas será dun máximo de tres anos, que se desenvolverán a partir do 1 de abril de 2015 ata a data que corresponda segundo a sinatura dos contratos das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima dos tres anos e non poderán ser obxecto de prórroga.

O número e importe máximo das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:

– Modalidade A: 70 axudas. O importe máximo de cada axuda é de 20.500 € anuais. O número máximo de cidadáns non comunitarios que poderán obter este tipo de axudas é de 4. O número de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura; Ciencias da Saúde) non será inferior a 10, sempre que o número de solicitudes o permita.

– Modalidade B: 12 axudas. O importe máximo de cada axuda é de 23.500 € anuais. O número máximo de cidadáns non comunitarios que poderán obter este tipo de axudas é de 4.

– Modalidade C: 12 axudas. O importe máximo de cada axuda é de 23.500 € anuais. O número máximo de cidadáns non comunitarios que poderán obter este tipo de axudas é de 4.

Estes importes só poderán ir destinados ao financiamento dos contratos das persoas seleccionadas, incluíndo os seus custos sociais. Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de catro meses no programa.

2. Ademais dos dereitos de carácter xeral que se sinalan no artigo 21 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e no artigo 5.1 do Real decreto 63/2006, do 27 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto do persoal investigador en formación, as persoas contratadas polas universidades mediante estas axudas teñen dereito a beneficiarse dos dereitos de carácter laboral, así como dos relativos á seguridade social, que deriven do contrato que formalicen coa universidade de adscrición.

3. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ás axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan I2C da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizos e á duración do contrato.

4. Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada para cada modalidade, deberá achegar a diferenza.

5. Establécese un complemento de 1.000 € anuais por axuda, nas tres modalidades, para cubrir os gastos asociados á contratación.

6. En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 4. Formalización e presentación das solicitudes

1. As universidades presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG e finalizará o día 16 de xaneiro de 2015.

3. Cada persoa candidata poderá optar a calquera das modalidades descritas, sempre e cando cumpra os requisitos exixidos para cada unha delas, e tomando en consideración os seguintes aspectos:

a) Se opta a máis dunha modalidade, deberá indicar a orde de prelación elixida no punto sinalado no formulario de solicitude (anexo III).

b) No caso da modalidade B, deberá indicar o clúster a que opta entre os recollidos no anexo I do Programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar.

c) No caso da modalidade C, deberá indicar o programa de doutoramento e o clúster a que opta entre os recollidos no anexo I.

4. As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI ou NIE da persoa candidata a ser destinataria da axuda, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que se recolle no anexo IV de declaracións responsables, ou a fotocopia do pasaporte, no caso das persoas non comunitarias que non teñan permiso de residencia en España.

b) Compromiso asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda aceptando a súa candidatura (anexo IV).

c) Unha declaración da persoa candidata a ser destinataria da axuda en que conste que non foi seleccionada ou contratada con cargo a outras convocatorias de recursos humanos homologables (bolsas/contratos predoutorais ou equivalentes) e, de ser o caso, se recibiu algunha axuda predoutoral dunha universidade (anexo IV).

d) Declaración da persoa candidata a ser destinataria da axuda de non ter o título de doutor/a (anexo IV).

e) Certificación, asinada pola persoa titular da vicerreitoría competente en materia de investigación ou persoa na cal delegue, conforme o modelo normalizado do anexo V, en que se fagan constar os seguintes extremos:

– Programa de doutoramento no que está matriculada a persoa candidata no curso 2014/15.

– Nota media do expediente académico da titulación con que se concorre á presente convocatoria.

– Nota media dos créditos superados no máster universitario cos que se concorre á presente convocatoria (de ser o caso).

– Data de remate dos estudos con que accede á presente convocatoria.

A nota media do expediente académico da titulación, así como a nota media do máster, calcularase segundo o Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional e complementariamente teranse en conta os criterios sinalados no Protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades galegas para a valoración de expedientes académicos que estea vixente no momento de publicación desta convocatoria.

No caso de titulacións estranxeiras deberá empregarse como base a certificación emitida polo servizo de equivalencia de notas medias da Axencia Nacional da Calidade e Acreditación (Aneca) (http://notasmedias.aneca.es).

Para os efectos de control, xunto con esta certificación deberá achegarse a seguinte documentación:

– Copia dos certificados con que se determinaron as notas medias coas que se accede á convocatoria, emitidos de acordo co Real decreto 1125/2003. No caso de titulacións estranxeiras xuntarase a certificación emitida polo servizo de equivalencia de notas medias da Axencia Nacional da Calidade e Acreditación (Aneca) (http://notasmedias.aneca.es).

– No caso das persoas que se acollan aos supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2 sobre as datas de finalización dos estudos, deberá xuntarse a documentación que o acredite.

f) Proxecto de traballo de investigación que se vai realizar para a obtención do grao de doutor/a, cunha extensión entre 1.000 e 2.000 palabras, no que consten especificamente, polo menos, os seguintes aspectos:

– Obxectivos e contidos básicos do traballo.

– Estratexias específicas de análise e indagación que se van utilizar.

– Adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas definidas no anexo II.

– Planificación temporal.

– Sinatura da persoa que vai realizar o traballo e visto e prace da comisión académica do programa de doutoramento da universidade correspondente acreditando a viabilidade da proposta.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de cada universidade de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Para isto, nos anexos correspondentes inclúese unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

As solicitudes das persoas interesadas deberán xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 6. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá as listaxes das solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/ (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listaxes estarán expostas por un período de 10 días naturais e durante este prazo as universidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listaxes definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada, con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Avaliación e selección

1. Os criterios e o baremo que rexeran no proceso de avaliación e selección serán os seguintes:

a) Expediente académico: nota media segundo os criterios sinalados no artigo 4.4.e). Esta nota media do expediente académico, aproximada a catro decimais, será ponderada pola media da titulación dos cursos 2010/11, 2011/12 e 2012/13 da universidade do SUG pola que se presenta a persoa candidata. As ditas medias serán remitidas á Secretaría Xeral de Universidades polas propias universidades durante o prazo en que estea aberta a presentación de solicitudes nesta convocatoria. No caso das persoas cuxa titulación non exista no SUG ponderarase pola media da titulación que se considere máis afín, por proposta da comisión de selección.

A nota media ponderada do expediente académico calcularase de acordo coa seguinte fórmula: nota media do expediente académico da persoa candidata elevada ao cadrado dividida pola nota media da titulación correspondente dos cursos 2010/11, 2011/12 e 2012/13 achegada polas universidades.

De producirse algún caso diferente dos sinalados nos parágrafos anteriores, por imposibilidade de determinar algunha nota ou outras casuísticas non previstas na convocatoria, o órgano instrutor, co asesoramento da comisión de selección, determinará o procedemento que se seguirá, velando polo principio de equidade.

b) Nota media dos créditos superados no máster universitario con que se concorre á presente convocatoria.

c) Valoración da adecuación do proxecto de investigación ás liñas estratéxicas definidas no anexo II nunha escala de 1 a 10 de acordo coa seguinte desagregación:

– Pouco adecuado: ata 2 puntos.

– Adecuado: desde 2,1 a 5 puntos.

– Moi adecuado: desde 5,1 a 8 puntos.

– Totalmente adecuado: desde 8,1 a 10 puntos.

A valoración desta alínea será feita por un equipo de expertos externos ao SUG que será nomeado, para tal efecto, polo órgano instrutor entre persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas estratéxicas definidas no anexo II.

d) A puntuación final de cada persoa candidata obterase segundo a seguinte fórmula:

Nota media ponderada da titulación × 5 + Nota media do máster, de ser o caso, (ou dun mínimo de 60 créditos de máster) + puntuación obtida pola adecuación ás liñas estratéxicas definidas no anexo II.

2. A puntuación final, xunto cos seus valores desagregados, farase chegar a unha comisión de selección, que elaborará un informe para o órgano instrutor de acordo coas bases da convocatoria e a dispoñibilidade de recursos.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– O/a subdirector/a xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

Serán vogais da comisión:

– O/a subdirector/a xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en que delegue.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades.

– Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

– Un/unha xefe/a de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

3. Na modalidade A, as solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007. A adscrición dos diferentes títulos universitarios a estas ramas de coñecemento recóllese no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT) e pode consultarse na páxina web www.educacion.gob.es/ruct. En caso de titulacións de fóra do Sistema universitario español indicarase na solicitude a que rama corresponden.

As solicitudes desta modalidade ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e as axudas adxudicaranse comezando pola persoa candidata de maior puntuación, respectando o número de axudas por ramas de coñecemento recollido no artigo 3 desta convocatoria e o número máximo de cidadáns non comunitarios.

4. Na modalidade B, as solicitudes recibidas agruparanse por clústers. As solicitudes desta modalidade ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e as axudas adxudicaranse comezando polas dúas persoas candidatas de maior puntuación de cada clúster (ata un total de 8). As outras catro prazas adxudicaranse aos candidatos e candidatas restantes con mellor nota, independentemente do clúster en que se apuntasen. En calquera caso respectarase o número máximo de cidadáns non comunitarios.

5. Na modalidade C, as solicitudes recibidas agruparanse por clústers. As solicitudes desta modalidade ordenaranse por orde decrecente de puntuación final e as axudas adxudicaranse comezando polas tres persoas candidatas de maior puntuación de cada clúster (ata un total de 9). As outras tres prazas adxudicaranse ás restantes persoas candidatas con mellor nota, independentemente do clúster en que se apuntasen. En calquera caso respectarase o número máximo de cidadáns non comunitarios.

6. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente se produza unha igualdade de puntuación, utilizaranse os seguintes criterios de desempate:

1º Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º A solicitude da persoa candidata que presentase o plan de traballo en galego.

3º A solicitude da persoa candidata con maior nota media do título de licenciatura, grao ou equivalente.

7. Tendo en conta os puntos anteriores a comisión elaborará un informe no cal fará constar a súa proposta coa relación de persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, distribuídas por universidade beneficiaria e especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos neste artigo.

8. Complementariamente a comisión de selección incluirá no informe unha listaxe de espera para cada modalidade por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección. Para a elaboración destas listaxes non se terán en conta o número mínimo de axudas por ramas de coñecemento recollido no artigo 3 desta convocatoria, nin o número máximo de cidadáns non comunitarios, nin a distribución por clústers.

As persoas que xa figuren no informe da comisión como candidatas a ser destinatarias das axudas nunha modalidade non poderán ser incluídas nas listaxes de espera doutras modalidades. Así mesmo, cada persoa candidata só poderá figurar na listaxe de espera da modalidade que sinalase como primeira opción.

9. A proposta de concesión formulada polo órgano instrutor a partir do informe da comisión así como, de ser o caso, as listaxes de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, na epígrafe de axudas do enderezo http://www.edu.xunta.es. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 8. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O órgano instrutor elevaralle a proposta de resolución que incluirá, para cada universidade beneficiaria o importe da axuda concedida, a relación de persoas seleccionadas, as listaxes de espera de cada modalidade, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. A resolución publicarase no DOG.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de cinco meses, contados desde a publicación desta orde. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada, no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

As universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades un escrito de aceptación da axuda no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias procederán á contratación das persoas seleccionadas para os seus organismos mediante a formalización de contratos predoutorais, consonte o artigo 2 desta convocatoria.

A data límite para a sinatura dos contratos será o 30 de abril de 2015, agás para as persoas non comunitarias que poderán asinar o contrato ata o 30 de xuño de 2015.

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Xunto con cada un dos contratos as universidades achegarán unha certificación, expedida pola comisión académica do programa de doutoramento, na cal conste a aprobación do proxecto de traballo de investigación e os datos relativos ao director ou directora do proxecto de tese e á titora ou titor, no caso de que este/a non sexa o/a director/a da tese.

Artigo 9. Libramento da subvención

1. As universidades como beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes axeitadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

2. Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

a) Copia cotexada dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura.

b) As certificacións dos gastos e pagamentos realizados, acompañadas das nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social das persoas contratadas, da que só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de catro meses, quedando sen ningún tipo de compromiso económico os que non respecten este período.

c) Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

3. A documentación indicada nos puntos 2b) e 2c) achegarase consonte a seguinte periodización:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2015, a documentación correspondente á mensualidade de abril de 2015.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2015 a outubro de 2015, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada pendentes de xustificación no anterior pagamento, logo do envío por parte das universidades dos contratos laborais.

c) Na data límite do 30 de xuño de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2015 a abril de 2016, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

d) Na data límite do 20 de decembro de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2016 a outubro de 2016, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada correspondentes ao segundo ano de contrato que quedasen pendentes de xustificación no anterior pagamento.

e) Na data límite do 30 de xuño de 2017, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2016 a abril de 2017, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao terceiro ano de contrato.

f) Na data límite do 20 de decembro de 2017, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2017 a outubro de 2017, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada correspondentes ao terceiro ano de contrato que quedasen pendentes de xustificación no anterior pagamento.

g) Na data límite do 30 de xuño de 2018, a documentación correspondente ao período de novembro de 2017 a abril de 2018, ambos os dous meses incluídos.

h) Na data límite do 30 de setembro de 2018, a documentación correspondente ás mensualidades que resten.

4. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 365 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

5. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa última xustificación, a universidade beneficiaria presentará:

a) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades, correspondente á propia universidade e a cada unha das persoas contratadas. No caso de que a persoa contratada renunciase durante a vixencia do programa, esta declaración presentarase xunto coa renuncia.

b) Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renuncie antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase no prazo dun mes desde a súa renuncia.

7. Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 10. Réxime de compatibilidade

1. As universidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable, o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

2. Os contratos que se formalicen con cargo a estas axudas serán incompatibles con outras axudas ou subvencións que teñan a mesma finalidade e, en xeral, coa percepción de calquera contía que teña natureza salarial. Non obstante, a persoa contratada poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación).

3. As ausencias temporais ou as estadías breves que se vaian realizar noutros centros, conten ou non con financiamento, deberán ser autorizadas pola Secretaría Xeral de Universidades. Neste caso será preciso que a universidade beneficiaria presente xunto coa solicitude de autorización unha breve memoria descritiva dos traballos, asinada pola persoa contratada e co visto e prace do director ou directora de tese, con indicación expresa de que son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

Os períodos de ausencia temporal da universidade de adscrición en ningún caso poderán superar os seis meses ao longo dos tres anos de contrato nin poderán superpoñerse cos últimos seis meses de contrato.

4. As persoas contratadas con cargo a estas axudas poderán, por petición propia, dedicar ata un máximo de 60 horas por curso académico, non retribuídas, á colaboración en actividades docentes con fins formativos, limitadas a ensinanzas prácticas ou suplencias, logo da conformidade entre a comisión académica do programa de doutoramento e o departamento implicado. Esta colaboración non suporá, en ningún caso, a asunción das responsabilidades que corresponden ao profesorado.

5. No momento en que algunha das persoas contratadas realice a lectura da súa tese de doutoramento, a universidade beneficiaria deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades no prazo dos 15 días seguintes; se o escrito vén acompañado dun informe do/a director/a da tese dando conta de que o/a doutorando/a participa noutras tarefas de investigación do grupo, non retribuídas, a Secretaría Xeral de Universidades poderá autorizar a continuación do aproveitamento da axuda ata o remate da anualidade vixente do contrato, sempre que as disposicións legais e as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan.

Artigo 11. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando o/a beneficiario/a reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá comunicarllo á Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 12. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nesta convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución da concesión, dará lugar á obriga da universidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Renuncia das axudas e interrupcións

No caso de que se produza algunha renuncia, o órgano de resolución da convocatoria poderá adxudicar a axuda ás solicitudes da listaxe de espera, sempre e cando a renuncia se produza dentro do prazo de catro meses a partir da data de resolución. As persoas substitutas quedarán suxeitas ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

No caso de que a persoa seleccionada perdese a condición de contratado/a unha vez percibidas as axudas pola súa universidade, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a universidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza.

Cando se produzan suspensións do contrato pola concorrencia de situacións de incapacidade temporal por un período de polo menos tres meses consecutivos, maternidade ou paternidade, risco durante o embarazo, risco durante a lactación natural dun menor de nove meses e adopción ou acollemento durante o seu período de duración, as universidades poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, conforme ás instrucións publicadas na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A interrupción e a prórroga a que se fai referencia no punto anterior deberá ser autorizada polo órgano concedente, que poderá solicitar os informes que considere oportunos e dar lugar á modificación dos termos da concesión mediante unha nova resolución. A universidade correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

Cando se autorice a interrupción e prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a universidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que se deben incluír nas certificacións de xustificación económica. A anualidade en que se produza a interrupción verase ampliada por un período idéntico ao da duración da interrupción, para os efectos establecidos nesta convocatoria.

Esta autorización en ningún caso supón un aumento na contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será por conta da universidade beneficiaria.

Artigo 14. Control

1. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Antes do remate de cada ano de contrato e para proceder á súa renovación, cada universidade remitirá o informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento, xunto coa proposta de renovación e a prórroga do contrato, de ser o caso.

3. Cando a persoa contratada abandone o programa, ben por renuncia ou por ter rematado o período de permanencia nel, a universidade beneficiaria remitirá unha memoria asinada pola persoa contratada e polo seu director ou directora de tese en que consten os seguintes aspectos:

a) Data de lectura da tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non tela lido.

b) Breve resumo dos principais obxectivos de investigación acadados.

c) Estadías ou ausencias temporais realizadas.

d) Melloras do currículo durante a etapa en que gozou da axuda.

4. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria poderá solicitar un informe ás universidades beneficiarias sobre a execución das axudas e, en particular, sobre as persoas contratadas, a lectura da súa tese de doutoramento ou a explicación do motivo de non tela lido, e a situación actual do contratado/a. Este informe poderá ser solicitado durante os dous anos seguintes á data límite de xustificación da última anualidade, coa finalidade de comprobar o impacto das axudas concedidas.

5. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

Artigo 15. Dotación orzamentaria

Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2015, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.444.0, coa seguinte distribución por anos:

Programa

Modalidade

Crédito en euros

2015

2016

2017

2018

Total

Predoutorais

Xeral (A)

907.083,33

1.505.000,00

1.505.000,00

597.916,67

4.515.000,00

Campus do Mar (B)

176.500,00

294.000,00

294.000,00

117.500,00

882.000,00

Campus Vida (C)

176.500,00

294.000,00

294.000,00

117.500,00

882.000,00

Total

1.260.083,33

2.093.000,00

2.093.000,00

832.916,67

6.279.000,00

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume das solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Dado que o financiamento destas axudas procede do Plan de financiamento do SUG 2011-2015, as anualidades de 2016, 2017 e 2018 integraranse no novo plan de financiamento para os anos seguintes.

Artigo 16. Protección de datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación é autorizado polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía, terceiros e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a promocioncientifica.educacion@xunta.es

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2014

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Clústers. Modalidade B: Campus do Mar

Clúster

Área de especialización

Observación do océano e cambio global

Observación do océano

Cambio global

Uso sustentable dos recursos mariños

Xestión e uso dos recursos

Acuicultura

Transformación e valorización

Xestión integral do mar

Análise e avaliación ambiental da zona costeira

Planificación litoral

Protección costeira e seguridade marítima: enxeñaría e regulación

Progreso tecnolóxico, enxeñaría e xestión empresarial

Tecnoloxía naval e sistemas

Infraestruturas portuarias, xestión e transporte marítimo

Xestión, dereito e competitividade

Enerxía

Clústers. Modalidade C: Campus Vida

Clúster

Área de investigación

Vida saudable e saúde

Ambiente saudable e sustentabilidade dos recursos naturais. Biodiversidade

Nutrición, seguridade e tecnoloxía alimentaria

Saúde e benestar. Envellecemento

Eficiencia dos recursos

Sociedades inclusivas e innovadoras

Bioeconomía

Prevención, diagnose e tratamento de enfermidades

Xenética e xenómica

Desenvolvemento de medicamentos

Medicina molecular

Enfermidades crónicas

Ómicas e saúde. Medicina personalizada

Mellores prácticas no sector sanitario

Tecnoloxías innovadoras e aplicacións da industria para o coidado da saúde

Tecnoloxías da información e a comunicación para unha mellor calidade de vida

Física médica

Química biolóxica. Biomateriais avanzados

Nanomedicina. Nanotecnoloxía

Seguridade e farmacia

Biotecnoloxía e procesos de fabricación avanzados

ANEXO II
Liñas estratéxicas de investigación

Reto

Prioridade

Obxectivos

Xestión innovadora de recursos naturais e culturais

Valorización dos recursos do mar

Poñer en valor os subgrupos e residuos vinculados ao mar, como os descartes da pesca ou os refugallos da industria conserveira.

Modernización da acuicultura, gandaría e sector agrario

Modernizar a acuicultura, gandaría e sector agrario para xerar novos produtos e servizos de base tecnolóxica, principalmente a través da aplicación de coñecemento da biotecnoloxía e das TIC.

Mellora da obtención de enerxía a partir dos recursos naturais

Diversificar o sector enerxético galego mellorando a explotación dos recursos naturais para obter enerxía, en especial a través da produción de biomasa, da enerxía undimotriz, das torres eólicas offshore e dos biocombustibles de orixe mariña.

Modernización do sector turístico e das industrias culturais a través das TIC, así como novas metodoloxías de estudo no ámbito da cultura

Para lograr un posicionamento competitivo a nivel europeo establécese o obxectivo de modernizar o sector do turismo e das industrias culturais a través das TIC así como a aplicación de novas metodoloxías e fórmulas innovadoras nos estudos culturais.

O modelo industrial da Galicia do futuro

Diversificación dos sectores industriais tractores

A diversificación da actividade dos sectores industriais que exercen un papel tractor na economía galega, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación nas empresas -maioritariamente pemes de capacidade tecnolóxica media-baixa- para favorecer modelos de negocio baseados na innovación e na tecnoloxía.

Mellora da competitividade industrial

Potenciar a competitividade do sector industrial galego mediante a innovación nos procesos produtivos.

Impulso da economía do coñecemento

Impulsar e fortalecer un sector tecnolóxico baseado na economía do coñecemento para reforzar a súa capacidade de tracción sobre o resto dos sectores estratéxicos galegos.

Novo modelo de vida saudable

Envellecemento activo

Converter Galicia na rexión líder do sur de Europa na aplicación de novas tecnoloxías no ámbito do envellecemento activo e da autonomía persoal, en especial para beneficio das persoas maiores afectadas por algunha discapacidade.

Prevención, diagnose e tratamento de enfermidades

Continuar a facer de Galicia un referente na vangarda da prevención, diagnose e tratamento de enfermidades.

Alimentación saudable e segura

A diversificación do sector alimentario para facer de Galicia un referente internacional da innovación en nutrición e en seguridade alimentaria como chaves para unha vida saudable.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file