Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2015 Páx. 4165

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 20 de xaneiro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para fomentar a remuda comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (código de procedemento IN216A).

O sector comercial de Galicia constitúe un dos principais estímulos para activar a economía e xerar emprego e segue sendo un aliciente para moitos emprendedores.

Por iso a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, ten como obxectivo prioritario consolidar o sector comercial mediante o fomento e apoio da remuda comercial para asegur a continuidade daqueles negocios que veñen funcionando desde hai máis dunha década ao mesmo tempo que incentiva aqueles emprendedores que queren iniciar a súa andaina comercial nun negocio xa posicionado no sector e viable.

Con este dobre obxectivo, a presente orde encádrase dentro dos programas de actuación previstos pola Consellería de Economía e Industria dirixidos, por unha banda, a manter vivo o comercio de proximidade, pois que exerce un papel cohesionador básico na actividade económica xeral ao revelarse como unha das actividades con maior capacidade de incidencia no contorno urbano e social onde se desenvolve, e, por outra, á creación de emprego no sector comercial mediante a transmisión aos novos emprendedores non só do comercio senón tamén do bo facer e dos coñecementos profesionais do transmisor asegurando, ademais, a continuidade da calidade e profesionalidade do sector.

De acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, esta orde tramítase na modalidade de concorrencia non competitiva, de modo que as solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible. A elección deste procedemento de concesión de axudas vén xustificado pola propia natureza destas e a súa concesión vén determinada polo cumprimento por parte dos comerciantes dos requisitos establecidos na propia orde.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm.34, do 19 de febreiro de 1998), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm.231, do 29 de novembro de 2000) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm.209, do 29 de outubro de 2001), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo VII no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro
de 2014.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda
do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 existe, na aplicación orzamentaria 08.02.751-A 770.2, crédito por importe de 150.000,00 euros para atender as axudas da presente orde.

Segundo o teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Economía e Industria en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Economía e Industria para fomentar a remuda comercial.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o
ano 2015.

3. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 150.000,00 €, que será imputado á aplicación orzamentaria 08.02.751A.770.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 2. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es).

2. O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de agosto de 2015.

Artigo 3. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes de subvencións resolveranse a medida que se presenten, unha vez que estean debidamente cubertas, ata esgotar o límite de crédito orzamentario consignado para o efecto nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia (artigo 1.3 desta convocatoria).

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN216A, poderase obter información na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo:

https://sede.xunta.es

b) Páxina web oficial da Consellería de Economía e Industria:

http://economiaeindustria.xunta.es, na súa epígrafe de axudas

c) No teléfono 981 54 59 15 da Dirección Xeral de Comercio.

d) No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.es

e) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do
estado: 902 12 00 12).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Recursos

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para fomentar a remuda comercial

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto facilitar a remuda comercial dos pequenos comerciantes individuais autónomos que transmitan o seu negocio a un terceiro, asegurando a súa continuidade e fomentando a rexeneración do tecido comercial.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4º desta lei.

O procedemento de concesión destas subvencións quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos de 200.000 euros nun período de tres anos establecidos no Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión da Unión Europea, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013,L352/1).

3. As contías da subvención serán as seguintes:

a) Os transmisores que teñan a idade ordinaria para causar a pensión de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, que se fixa na cantidade de oitocentos euros (800,00 €).

b) Os transmisores que non teñan acadado a idade ordinaria de xubilación percibirán un pagamento único, con independencia do número de establecementos comerciais que se posúan e a variedade de actividades comerciais que se viñesen desenvolvendo, a razón de oitocentos euros (800,00 €) mensuais ata o último mes en que cumpran a idade ordinaria de xubilación legalmente establecida, contados desde o mes seguinte á resolución de concesión.

c) Os adquirentes do negocio comercial percibirán un pagamento único de dos mil euros (2.000 €), con independencia do número de establecementos que adquiran.

4. Durante o período de percepción das axudas reguladas nesta orde, os transmisores beneficiarios quedarán coa obriga de cotizar no correspondente réxime da Seguridade Social, no caso de que deban seguir cotizando para cubrir o período mínimo de cotización establecido, e deberán ser as propias persoas beneficiarias as que fagan o pagamento das devanditas cotas de cotización á Seguridade Social, e a subscrición, de ser o caso, do correspondente convenio, ou documentación acreditativa de causar baixa no réxime de autónomos, se non se subscribe.

5. A Dirección Xeral de Comercio poderá solicitar das persoas beneficiarias o cumprimento do indicado nos preceptos anteriores, así como realizar cantas xestións sexan precisas para a súa comprobación.

6. As persoas solicitantes ou beneficiarias deberán comunicar, o antes posible, toda variación, no referente a súa situación respecto á Seguridade Social que se produza e, en todo caso, nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias. Así mesmo, no caso de falecemento dalgún solicitante ou beneficiario, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros inmediatamente, xuntando a correspondente certificación de defunción.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas subvencións destínase un crédito de 150.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.751A.770.2 (Apoio á modernización e innovación das pemes comerciais), dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

2. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles coa percepción por parte das persoas beneficiarias da pensión de xubilación, en calquera réxime da Seguridade Social ou sistema de previsión que se financie en todo ou en parte con recursos públicos, ou de invalidez permanente no réxime especial de traballadores autónomos.

As persoas beneficiarias deberán comunicar á Dirección Xeral de Comercio calquera destas situacións nun prazo non superior aos dez días seguintes ao da recepción da documentación acreditativa de tales circunstancias.

3. Tamén é incompatible esta subvención con calquera outra axuda concedida por outra Administración pública, os seus organismos ou sociedades ou entes públicos, nacionais ou internacionais co mesmo obxectivo.

Artigo 3. Beneficiarios/as

1. Poderán ser beneficiarios/as das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes retallistas que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia e, así mesmo, o seu domicilio social e fiscal radique na dita comunidade autónoma.

b) Ter unha idade mínima de 64 anos cumpridos na data en que se presenta a solicitude.

c) Exercer, como titular do comercio, unha ou varias das actividades comerciais relacionadas no anexo II, de forma ininterrompida durante os últimos dez anos.

Non obstante, considerarase cumprido este requisito polo comerciante que sucedese ou substituíse no exercicio da actividade comercial que viña desenvolvendo o seu cónxuxe, tras o falecemento deste ou tras o abandono deste de toda actividade comercial, antes da entrada en vigor desta orde, sempre que entre ambos os dous sumen os dez anos exixidos.

No caso de que a persoa solicitante estea dada de alta en dúas ou máis epígrafes do IAE, será considerada beneficiaria sempre que a actividade principal estea incluída dentro das agrupacións citadas. Considerarase actividade principal aquela que resulte de conxugar os elementos de facturación e superficie de venda destinada á actividade, que deberá acreditarse, se é o caso, coa presentación da declaración da renda do último exercicio.

d) Estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social nos dez últimos anos de forma ininterrompida e ter cotizado á Seguridade Social un período previo tal que lle permita completar o período de carencia exixido para causar dereito á pensión de xubilación, polo menos, ao chegar á idade ordinaria de xubilación.

e) Designar a persoa física continuadora da actividade, con capacidade legal para exercer o comercio.

f) Que figure inscrito no Rexistro Galego de Comercio ou ter solicitada a inscrición con anterioridade á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Tamén se considerarán beneficiarios/as as persoas designadas polo solicitante para a remuda comercial, con capacidade legal para exercer o comercio, quedando vinculadas ambas as persoas para a concesión da subvención.

En ningún caso pode un cónxuxe ser adquirente do outro cónxuxe que transmite a actividade comercial.

Non poderán acadar a condición de beneficiarios aqueles solicitantes en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento da concesión da subvención presentaranse na forma e prazo que se indica na convocatoria.

2. Xunto coa solicitude (anexo III), deberase presentar a seguinte documentación:

2.1. Persoa solicitante:

a) Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro.

b) Só no caso de non autorizar o órgano xestor a súa petición, certificación expedida pola Axencia Tributaria en que consten as epígrafes do imposto de actividades económicas en que figura de alta a persoa solicitante durante 10 anos ininterrompidos. De ser o caso, deberá acreditarse a circunstancia prevista no segundo parágrafo do artigo 3.1.c).

c) Informe de vida laboral que acredite estar dado de alta no réxime de traballadores autónomos da Seguridade Social durante os últimos dez anos continuados, así como dos períodos realmente cotizados aos distintos réximes da Seguridade Social.

d) Copia da declaración da renda do último exercicio en caso de estar dado de alta en varias actividades cando unha delas non é subvencionable, só no caso de que non se autorice a súa consulta.

e) Certificacións expedidas polos organismos competentes acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda, no caso de que a persoa solicitante denegue expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio estas certificacións. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

2.2. Persoa designada para a remuda comercial:

a) Só no caso de non autorizar a súa verificación, documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiro.

b) Breve memoria descritiva da actividade.

A documentación complementaria presentarase en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006,
do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da
Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Rexistros», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Economía e Industria, Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n bloque 5 planta 4ª ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es.

Artigo 7. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución ao conselleiro, e corrresponde ao conselleiro de Economía e Industria ditar resolución, sen prexuízo da delegación noutros órganos.

Artigo 8. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no
artigo 42 da devandita lei.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que subministre cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

Artigo 9. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes.

2. Non obstante, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 10. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o instrutor formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se for o caso, a causa de denegación.

3. A resolución deberá ditarse e ser notificada aos interesados nun prazo de dous meses a partir da data de recepción da documentación completa. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

4. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nesa notificación comunicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto de subvención, e o seu carácter de axuda de minimis, en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).

As resolucións de inadmisión ou desestimación de solicitudes notificaranse individualmente, con indicación das súas causas.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión das subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, debendo cumprir os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e as circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda ou subvención.

3. A persoa beneficiaria deberá solicitar esta modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Economía e Industria, xunto coa documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite de vinte días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado. Non facelo dará lugar á perda da totalidade da subvención na parte afectada pola modificación, sen prexuízo de que tamén poderá implicar a perda da totalidade da subvención concedida no caso de variación substancial do proxecto, tramitándose se for o caso, o correspondente procedemento de reintegro.

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia á persoa interesada no termos previstos no artigo 9 destas bases.

Artigo 13. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, de conformidade co disposto polo artigo 21.5 da Lei 9/2007, transcorridos dez días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que a persoa interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 14. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. Ademais, deberá acreditar a formación dada pola persoa transmisora ao adquirente.

3. Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedfente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases. Así mesmo, comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

5. Acreditar con anterioridade a se ditar a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, na forma que se determine regulamentariamente, e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 15. Obrigas específicas de publicidade

Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, as entidades beneficiarias de axudas deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto empregarán adhesivos ou distintivos similares coa inscrición «Proxecto cofinanciado pola Consellería de Economía e Industria», acompañado do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 2 da convocatoria, en orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación, tendo de prazo ata o 30 de novembro de 2015:

a) Declaración responsable do transmisor pola que se compromete ao abandono definitivo da actividade de comercio retallista en calidade de empresario.

b) Acreditación na forma que a Consellería de Economía e Industria determine na correspondente resolución desta convocatoria de que o transmisor da actividade realizou a formación do adquirente e a conformidade deste de que recibiu estes coñecementos satisfactoriamente, durante un período mínimo dun mes.

c) Contrato de doazón, cesión, arrendamento, traspaso ou venda do establecemento comercial a nome da persoa adquirente designada na solicitude onde conste a data de reinicio do negocio, que non poderá exceder un mes.

d) Só no caso de non autorizar o órgano xestor para pedida, certificación expedida pola Axencia Tributaria de baixa no imposto de actividades económicas do transmisor e de alta do adquirente.

e) Baixa no réxime de autónomos e copia do convenio subscrito coa Seguridade Social, no caso de non reunir o período de carencia exixido para causar dereito á prestación por xubilación ao acadar a idade ordinaria de xubilación ou cando o subscriba voluntariamente, e alta no réxime de autónomos do adquirente.

f) Anexo IV da orde de convocatoria debidamente asinado.

g) No caso de que a persoa transmisora e a adquirente deneguen expresamente a autorización ao órgano xestor, certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Se o certificado dispón de código electrónico de verificación coa Administración pública correspondente, poderá presentarse o dito documento sen compulsar.

h) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

2. Os órganos competentes poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.

Artigo 17. Pagamento

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención e antes de proceder ao pagamento, os órganos competentes da consellería poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

2. O importe da subvención aboarase nun único pagamento para cada un dos beneficiarios, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado por estes, quedando vinculados ambos ao pagamento pola xustificación e presentación da documentación xustificativa.

Artigo 18. Incumprimento, reintegros e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro.

4. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007 e no título VI do seu regulamento.

Artigo 19. Control

1. A Consellería de Economía e Industria poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 20. Publicidade

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Economía e Industria.

Artigo 21. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007,
do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no regulamento desta lei, aprobado polo
Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto
lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade, no Regulamento (CE) nº 1407/2013 da Comisión e no resto da normativa que resulte de aplicación.

ANEXO II
Relación de epígrafes do IAE subvencionables

641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.

642. Comercio polo miúdo de carnes e miúdos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza; e de produtos derivados.

643. Comercio polo miúdo de peixe e doutros produtos da pesca e da acuicultura, e caracois.

644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.

645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.

647.1. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en establecementos con vendedor.

647.2. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en establecementos cuxa sala de vendas teña unha superficie inferior a 120 metros cadrados.

647.3. Comercio polo miúdo de calquera clase de produtos alimenticios e de bebidas en réxime de autoservizo ou mixto en supermercados, denominados así cando a superficie da súa sala de vendas se encontre comprendida entre 120 e 399 metros cadrados.

651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.

652.2. Comercio polo miúdo de produtos de drogaría, perfumaría e cosmética, limpeza, pinturas, vernices, disolventes, papeis e outros produtos para a decoración e de produtos químicos.

652.3. Comercio polo miúdo de produtos de perfumaría e cosmética, e de artigos para hixiene e aseo persoal.

652.4. Comercio polo miúdo de plantas e herbas en herbolarios.

653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento da casa e da construción.

654.2 . Comercio polo miúdo de accesorios e pezas de recambio para vehículos terrestres.

654.5.- Comercio polo miúdo de toda clase de maquinaria.

657.- Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.

659.2.- Comercio polo miúdo de mobles de oficina e máquinas e equipamentos de oficina.

659.3. Comercio polo miúdo de aparellos e instrumentos médicos, ortopédicos, ópticos e fotográficos.

659.4. Comercio polo miúdo de libros, xornais, artigos de papelaría e escritorio e artigos de debuxo e belas artes.

659.5. Comercio polo miúdo de artigos de xoiaría, reloxaría, prataría e bixutería.

659.6. Comercio polo miúdo de xoguetes, artigos de deporte, roupa deportiva, de vestido, calzado e tocado, armas, cartucharía e artigos de pirotecnia.

659.7. Comercio polo miúdo de sementes, fertilizantes, flores e plantas e pequenos animais.

661.3. Comercio polo miúdo en almacéns populares, entendendo por tales aqueles establecementos que ofrecen en seccións múltiples e venden en autoservizo ou en preselección unha variedade relativamente ampla e pouco profunda de bens de consumo, cunha gama de prezos baixa e un servizo reducido.

662.2. Comercio polo miúdo de toda clase de artigos.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file