Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Luns, 2 de febreiro de 2015 Páx. 4666

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 17 de decembro de 2014 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Cerdido para a ampliación do cemiterio da Barqueira.

O Concello de Cerdido remite a modificación puntual referida en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Cerdido conta cun PXOM aprobado definitivamente mediante a Orde da CPTOPT do 21 de xullo de 2006.

2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu o 31 de xullo de 2012 non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

3. A arquitecta da asistencia urbanística ao concello emitiu informe o 4 de abril de 2013 que avala a calidade técnica do proxecto; e a Secretaría municipal emitiu informe o 10 de abril de 2013, favorable á aprobación inicial (artigo 85.1 da LOUG).

4. A modificación non foi sometida a informe previo á súa aprobación inicial (artigo 85.1 da Lei 9/2002) porque non afecta a clasificación do solo, a intensidade de uso nin os sistemas xerais previstos no planeamento (artigo 93.4 da LOUG).

5. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 29 de abril de 2013. Foi sometida a información pública durante o prazo dun mes, no canto dos dous meses sinalados no artigo 85.2 da LOUG (Diario de Ferrol, do 10 de maio de 2013, La Voz de Galicia, do 17 de maio e Diario Oficial de Galicia, do 31 de maio). O acordo foi notificado aos concellos limítrofes de Moeche, Ortigueira, Valdoviño e As Somozas.

6. A Axencia Galega de Infraestruturas emitiu informe favorable en materia de estradas autonómicas o 23 de maio de 2013 (artigo 85.2 da LOUG).

7. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno de 28 de agosto de 2013.

8. O Concello solicitou a aprobación definitiva da CMATI o 26 de setembro de 2013, quen requiriu, en virtude do disposto no artigo 85.7 da LOUG, a emenda das deficiencias documentais e de tramitación observadas mediante escrito do 16 de outubro de 2013.

9. O arquitecto redactor da modificación emitiu informe o 12 de febreiro de 2014 en que propoñía a alteración do proxecto de modificación, recategorizando o solo urbanizable delimitado a non delimitado. A arquitecta da asistencia urbanística ao concello emite ao día seguinte informe técnico favorable ao novo proxecto de modificación. A secretaria do concello, en informe do 14 de febreiro de 2014, propón a revogación dos acordos plenarios anteriores e a aprobación inicial do novo proxecto de modificación.

10. O Pleno municipal, en sesión do 28 de febreiro de 2014, acordou revogar a aprobación inicial do 28 de abril de 2013 e a aprobación provisional do 28 de agosto de 2013, e dar aprobación inicial á modificación do plan xeral que agora se somete a aprobación definitiva.

11. A Axencia Galicia de Infraestruturas emitiu informe favorable á modificación o 22 de abril de 2014 (artigo 85.2 da LOUG).

12. A nova modificación foi sometida a información pública durante dous meses (Diario Oficial de Galicia do 14 de abril de 2014 e La Voz de Galicia e Diario de Ferrol do 25 de marzo). Non foron presentadas alegacións, segundo certificado do 17 de xuño de 2014. O acordo foi notificado aos concellos limítrofes. O Concello de Cedeira respondeu que non se formulan alegacións.

13. O Pleno municipal do 30 de xuño de 2014 resolveu sobre a aprobación provisional da modificación.

14. A solicitude de aprobación definitiva foi presentada pola Alcaldía o 3 de xullo de 2014. Esta consellería requiriu, en virtude do disposto no artigo 85.7 da LOUG, a emenda de deficiencias documentais e de tramitación o 7 de agosto de 2014. A secretaria do concello emitiu informe favorable sobre a modificación o 19 de agosto de 2014.

15. O Concello Pleno do 29 de agosto de 2014 aprobou provisionalmente a modificación.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación ten por finalidade facilitar a ampliación do cemiterio da Barqueira, de 1.318 m2 a 2.136 m2 de superficie.

2. Os terreos, tanto do cemiterio actual como da súa ampliación están clasificados no plan xeral vixente como solo urbanizable delimitado de uso global residencial S-03. A ficha correspondente carece de previsións sobre o mantemento do cemiterio.

3. Os cambios que se propoñen son a ampliación en 818 m2 do ámbito cualificado no PXOM como sistema local de equipamento CEL-1, cemiterio de titularidade eclesiástica, e a desprogramación do solo urbanizable delimitado S-03 a solo urbanizable non delimitado, UND-03, debido á súa falta de desenvolvemento unha vez finalizados practicamente os prazos para iso establecidos. Os elementos de sistemas xerais vinculados ao sector (EDAR SRX-2 e ZVX-2(c) manteñen a súa programación con cargo ao concello.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación motívase na necesidade de contar con máis espazo para enterramentos dado o próximo esgotamento da capacidade dos tres cemiterios existentes e a imprevisión no plan xeral dun novo cemiterio. A reserva de máis terreos para usos dotacionais ao servizo da poboación pode considerarse como razón de interese público (artigo 94.1 da LOUG).

2. A descategorización do solo urbanizable delimitado a non delimitado xustifícase pola ausencia de iniciativa dos propietarios e a falta de demanda efectiva.

De conformidade co artigo 89 da LOUG e o artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

IV. Resolución.

En consecuencia, e de conformidade co establecido no artigo 85.7.a) da LOUG, resolvo:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Cerdido para a ampliación do cemiterio da Barqueira.

2. Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do plan aprobado definitivamente.

4. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2014

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas