Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Luns, 2 de febreiro de 2015 Páx. 4670

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 30 de decembro de 2014 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, establece no seu artigo 6, como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia, o apoio e a protección da familia como medio de transmisión da vida e como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal, e artella, ao longo dos seus artigos, medidas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

A Xunta de Galicia, co fin de paliar na medida do posible os gastos dos primeiros anos de crianza dun filla ou fillo, establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) polo nacemento de fillas e/ou fillos. Por outra banda, o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015 prevé, na súa disposición adicional sétima, que aquelas persoas que, na data do 1 de xaneiro de 2015, teñan ao seu cargo fillas ou fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros pola primeira filla ou fillo, de 1.200 euros pola segunda ou segundo, e de 2.400 euros polo terceiro e sucesivos cando nin elas nin ningunha das persoas que integran a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente ao ano 2013, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Consellería de Traballo e Benestar e exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu gozo, sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (en diante Orde do 11 de febreiro de 1998), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian a imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficientes no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 17 de outubro de 2014.

De acordo co disposto no artigo 3.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e o procedemento para a percepción desta prestación e adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante Lei 9/2007, do 13 de xuño), así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, na aplicación 11.05.312B.480.0, existe unha partida orzamentaria consignada pola contía de 1.800.000 euros para as prestacións que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión da prestación familiar polas fillas ou fillos menores de tres anos, así como a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillas ou fillos menores de tres anos o 1 de xaneiro de 2015 (nacidos entre o 2.1.2012 e o 1.1.2015, incluídos) e que, durante o ano 2013, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración polo IRPF correspondente a este período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estaren obrigadas a iso.

No caso de fillas ou fillos adoptadas/os ou acollidas/os entre o 31 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.

2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio das persoas proxenitoras, o beneficiario ou beneficiaria da prestación será aquela persoa que teña a custodia das fillas ou fillos, de acordo co establecido no convenio regulador ou sentenza de separación ou divorcio.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a tutela ou a garda fose asumida por unha institución pública.

4. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e os requisitos establecidos nesta orde. Ademais, deberán ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio.

5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 3. Requisitos

Será requisito necesario para a concesión da prestación:

a) Que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así, poderán ser requiridas para que presenten documentación complementaria que o demostre.

b) Que na data da solicitude os nenos ou as nenas convivan coa persoa solicitante.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será a seguinte:

– Cando sexa a primeira filla ou fillo: 360 euros.

– Cando sexa a segunda filla ou fillo: 1.200 euros.

– Cando sexa a terceira ou terceiro e sucesivos: 2.400 euros.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. A solicitude formalizarase no formulario normalizado que figura como anexo I desta orde e que estará dispoñible na guía de procedementos e servizos que está no enderezo http://www.xunta.es/resultados-da-guia-de-procedementos

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante, LRX-PAC).

3. As novas solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar a data de nacemento e o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

b) Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.

c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza as medidas paterno-filiais dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, de ser o caso.

d) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a adopción ou acollemento, de ser o caso (só no suposto de que a formalización se realizase noutra comunidade autónoma).

e) Anexo II debidamente cuberto e asinado polo ou pola cónxuxe ou parella, de ser o caso.

4. Se a persoa solicitante recibiu a prestación familiar por filla ou fillo menor de tres anos no ano 2014 terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I), o certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar e copia do libro ou libros de familia da unidade familiar ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada unha das fillas ou fillos da persoa solicitante, para os efectos de acreditar o número de orde que ocupa a filla ou fillo na descendencia da persoa solicitante.

Ademais do anterior, aquelas solicitudes que se presenten eliminando delas algunha das persoas proxenitoras que figuraba o ano anterior, deberán estar acompañadas da xustificación documental correspondente:

a) En caso de nulidade, separación ou divorcio: copia da sentenza e do convenio regulador, de ser o caso.

b) No caso de que non houbese matrimonio entre as persoas proxenitoras: convenio regulador ratificado polo xulgado, que poderá substituírse por un informe dos servizos sociais do concello ou da policía local.

c) En caso de falecemento: certificado de defunción ou copia da folla do libro de familia onde figure esta circunstancia.

5. As persoas que non foron beneficiarias no ano 2014 e solicitaron a prestación deberán achegar a documentación establecida no punto 4 deste artigo para as novas solicitudes.

6. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, a persoa solicitante deberá presentar unha copia dixitalizada dos documentos necesarios indicados nos puntos anteriores.

Artigo 6. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos (en diante, Lei 11/2007, do 22 de xuño), e no artigo 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes (en diante, Decreto 198/2010, do 2 de decembro). Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da LRX-PAC.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da LRX-PAC, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Familia e Inclusión para solicitar as certificacións de estar ao día nas súas obrigas que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesourería Xeral Seguridade Social e a Consellería de Facenda tal e como establece o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso de non dar autorización deberán achegar os certificados correspondentes.

Artigo 8. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda efectuarase sen fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, por non ser necesario realizar a comparación e prelación destas de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A resolución destas axudas correspóndelle á conselleira de Traballo e Benestar, no prazo de cinco meses contado desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interporse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interporse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

Artigo 9. Compatibilidade

Sen prexuízo do establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as prestacións reguladas na presente orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.

Artigo 10. Pagamento

O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta bancaria que as persoas solicitantes fagan constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.

O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 11. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e especificamente o seguinte:

a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios. Para este fin achegarase canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 12. Revogación da prestación

Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devindicados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos seguintes casos:

a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou a non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 13. Información

A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2015, poderase obter nos seguintes enderezos da internet: http://traballoebenestar.xunta.es, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.es, así como no teléfono 981 54 72 46.

Artigo 14. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Traballo e Benestar, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es.

Disposición adicional primeira

De acordo co disposto no artigo 3.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da dita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Disposición adicional segunda

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional terceira

As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia e Inclusión para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2014

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file