Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 8 de xuño de 2015 Páx. 22155

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 18 de maio de 2015 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán e do seu Consello Regulador, e se nomea o Consello Regulador provisorio.

Tras a remisión aos servizos da Comisión Europea do prego de condicións e da restante documentación necesaria para o rexistro da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, esta foi inscrita no rexistro europeo de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas mediante o Regulamento de execución (UE) nº 1199/2014 da Comisión, do 24 de outubro, que foi publicado no Diario Oficial de la Unión Europea o 7 de novembro dese ano.

Por outra parte, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores establece no seu artigo 4 que, unha vez remitido o expediente á Comisión Europea, por orde da persoa titular da consellería competente en materia de agricultura aprobarase o Regulamento da indicación xeográfica e do seu consello regulador, que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Ademais, segundo o citado decreto, a dita orde recollerá tamén o nomeamento, de acordo coas propostas do sector, dos membros do Pleno do Consello Regulador, que terá carácter provisorio e estará encargado da posta en marcha da indicación xeográfica ata a celebración do proceso electoral polo que se constitúa o novo órgano de xestión.

De acordo co anterior, a agrupación de produtores que solicitou no seu día o rexistro da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán presentou un borrador de regulamento para esta indicación xeográfica e para o seu Consello Regulador e unha proposta de membros para configurar o Consello Regulador provisorio.

Por tanto, unha vez analizada a documentación presentada polo sector, tendo en conta o disposto no artigo 11 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e no artigo 4 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación do Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán e do seu Consello Regulador

Apróbase o Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán e do seu Consello Regulador, que figura como anexo a esta disposición.

Artigo 2. Nomeamento do Consello Regulador provisorio

Noméase, por proposta do sector, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, con carácter provisorio ata que se celebren eleccións na forma determinada pola normativa vixente.

Queda formado polos membros seguintes:

Presidente: José Luis López Fernández.

Vogais:

– José Vega Vigo.

– César López López.

– Mª Elena Lorenzo López.

– José Manuel Valín Rodríguez.

– Julio Vázquez Vigo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2015

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO

Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán
e do seu Consello Regulador

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Base legal da protección

De acordo co disposto no Regulamento (UE) 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios; na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, quedan amparados coa indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán os pementos que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, recolección, almacenamento e comercialización todos os requisitos exixidos por el, polo prego de condicións que serviu de base para a inscrición desta indicación xeográfica no Rexistro de Denominacións de Orixe Protexidas e de Indicacións Xeográficas Protexidas e pola lexislación vixente.

Artigo 2. Extensión da protección

A indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán quedará protexida fronte a un uso distinto ao regulado na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, neste regulamento e na demais normativa concordante.

Artigo 3. Órganos competentes

1. A defensa da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos pementos amparados quedan encomendados ao Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, ao Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no ámbito das súas respectivas competencias.

2. O órgano de control e certificación para os produtos da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán é o Ingacal, de acordo co disposto no artigo 15.1.c) da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no artigo 66 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 4. Manual de calidade

A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do Pleno do Consello Regulador, o programa de control, os procedementos operativos, as instrucións técnicas e os formatos relativos ao proceso de control e certificación da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, que serán integrados no manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas (en diante, manual de calidade).

CAPÍTULO II
Características do produto

Artigo 5. Características do produto

1. Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán son os froitos da especie Capsicum annuum, L., do ecotipo local coñecido por ese mesmo nome na zona de produción, procedentes de parcelas inscritas no correspondente rexistro.

2. O pemento de Mougán ten un froito semicartilaxinoso de cor verde en estado de inmadurez e vermello en estado maduro. O froito é cadrado (A4 segundo Pochard 1966), clasificándose segundo a súa forma como CMV3L (cadrado morro de vaca tres lóbulos) sendo colleitado en verde (estado inmaturo precoz) e destinado á comercialización en fresco.

3. As plantas deste ecotipo son de consistencia herbácea, moi ramificadas, de porte medio, e acadan unha altura aproximada entre 50 e 90 cm ao aire libre e entre 60 e 120 cm en estruturas baixo cuberta. Son de ciclo semiprecoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración cos froitos normalmente colgantes.

4. As características do froito destinado á comercialización son as seguintes:

a) Forma: sección lonxitudinal cadrada e sección transversal lixeiramente sucada e co extremo apical marcado con tres ou catro cantos.

b) Peso: entre 6 e 15 gramos por unidade.

c) Lonxitude do froito: entre 3 e 6,5 cm.

d) Largura: entre 2,5 e 4 cm.

e) Pedúnculo: entre 2 e 5 cm, sempre de menor lonxitude que o froito. É ríxido e con curvatura.

f) Pel: de cor verde escura brillante.

g) Espesor da parede ou carne: fina de 1,5 mm aproximadamente.

h) Cata: carne de textura fina e zumarenta, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada.

CAPÍTULO III
Produción e envasamento

Artigo 6. Zona de produción

O ámbito xeográfico da zona de produción amparada pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán está constituída pola totalidade do concello de Guntín en Lugo

Artigo 7. Aspectos xerais do cultivo

1. A fertilización estará orientada a manter o equilibrio e os niveis de nutrientes no solo e na planta, tendo en conta deste modo as extraccións do cultivo, o estado nutricional da planta, o nivel de fertilidade do solo e as achegas realizadas por outras vías (auga, materia orgánica etc.).

2. A loita contra posibles pragas e/ou enfermidades estará dirixida fundamentalmente á aplicación de métodos culturais, desinfección de sementes, tratamento de alcouves e axeitadas doses de rega, e evitarase sempre o alagamento do terreo e os aporcamentos excesivos.

3. No caso de resultar necesaria a intervención química, as materias activas empregadas serán as que xeren menor impacto ambiental, maior eficacia, menor toxicidade e problema de residuos, menor efecto sobre a fauna auxiliar e menor problema de resistencia.

Artigo 8. Obtención de semente e plántula

1. As plantacións aptas tanto para a produción de pementos como para a obtención de semente e plántula, acollidas á indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) As plantas pertencerán a algunha das liñas seleccionadas deste ecotipo. Procederán de agricultores autorizados inscritos no Rexistro de Produtores e Plantacións.

b) Coa fin de evitar hibridacións indesexables, as sementes obteranse de plantacións realizadas baixo cuberta ou en lugares suficientemente afastados de parcelas con cultivos ao aire libre doutras liñas de pementos deste ecotipo.

c) O material vexetal empregado estará en correcto estado produtivo.

d) Estarán situadas na área xeográfica do concello de Guntín.

e) Estarán inscritas no Rexistro de Produtores e de Plantacións.

f) Seguiranse as recomendacións técnicas que se recollen no prego de condicións do produto e demais normas complementarias de aplicación.

2. O proceso de selección das plantas e froitos destinados á obtención de semente para propagación será o realizado de maneira tradicional polos propios agricultores que, baseados na súa experiencia, escollen aqueles que presentan as mellores características (tamaño, forma e aspecto) para asegurar a duración do ecotipo no tempo, mellorando e tipificando ao mesmo tempo a produción.

Os froitos escollidos, unha vez maduros (vermellos), secaranse e extraeráselles a semente.

3. Os alcouves prepararanse nos meses de decembro, xaneiro e febreiro sobre un substrato feito de area e turba a partes iguais. Após a xerminación, e unha vez que a planta acade os 5 cm aproximadamente, procédese á repicaxe e a transplantalas a bandexas con alvéolos. Tamén se admite o método tradicional de sementeira sobre o terreo e posterior transplante.

4. Para manter unha humidade suficiente e constante do alcouve debe procederse á rega, sobre todo desde a fase de xerminación ata o nacemento da planta.

Artigo 9. Técnicas de cultivo

1. O cultivo pode realizarse ao aire libre ou baixo cuberta. As estruturas baixo cuberta son simples túneles de plástico sen calefacción nin iluminación artificial, que se utilizan unicamente para protexer o cultivo (que se realiza directamente sobre o chan) das ocasionais xeadas e, sobre todo, para anticipar a produción e prolongala unhas semanas no outono. Tamén se estendeu o seu uso para salvagardar as liñas seleccionadas deste ecotipo de pemento de hibridacións non desexadas.

2. A plantación baixo cuberta faise en marzo e abril, para comezar a colleita dos froitos a mediados de xuño. A densidade será de 2-4 plantas por metro cadrado. É recomendable cubrir o chan con lámina de polietileno para impedir a competencia de malas herbas. Non é necesario entitorar debido a que, co marco de plantación empregado, unhas plantas sosteñen as outras.

3. No cultivo ao aire libre, a plantación realízase en abril, maio e xuño cunha densidade de 3-6 plantas por metro cadrado. No caso de que se pretenda utilizar semente para producir plántula, as parcelas deberán estar afastadas doutros cultivos ao aire libre deste ecotipo, para preservar as liñas seleccionadas.

4. Na primeira etapa despois da plantación é importante que exista unha restrición de auga, xa que isto favorecerá un mellor desenvolvemento do sistema radicular co fin de que a planta poida aguantar sen dobrarse durante toda a fase de produción.

5. As condicións idóneas para o cultivo poderían resumirse en humidade relativa alta, temperaturas moderadas, baixa oscilación térmica, solos lixeiramente ácidos e suficiente circulación de aire para favorecer o movemento de pole entre as distintas plantas.

Artigo 10. Recolección e almacenamento

1. A recolección realizarase de forma manual no momento en que, a xuízo dos agricultores, de acordo coa súa experiencia, o froito presente as condicións idóneas para a súa comercialización, coincidentes coas características físicas relacionadas no artigo 5. Constará de tantas apañaduras como sexan precisas para a obtención de froitos de excelente calidade, cos medios materiais e humanos necesarios para evitar a súa deterioración.

2. Os pementos apañados serán trasladados en caixas ou outro tipo de contedores ríxidos, para evitar o seu esmagamento, ata o almacén manipulador. A descarga realizarase de modo que se minimicen os efectos de caída libre do produto. O traslado farase coa maior prontitude posible ao almacén manipulador.

3. Os rendementos máximos permitidos serán de 6 kg por metro cadrado ao aire libre e de 8 kg por metro cadrado baixo cuberta. Non obstante o anterior, a consellería competente en materia de agricultura, por petición do Consello Regulador e co informe favorable do órgano de control e certificación, poderá permitir rendementos máis elevados en determinadas campañas en función das condicións climáticas.

4. Os lugares de almacenamento atoparanse correctamente aireados, cunha adecuada humidade relativa e cunha temperatura óptima. Realizarase unha selección poscolleita na cal se eliminarán os pementos non comercializables baixo a indicación xeográfica, ben por presentaren un tamaño desconforme co especificado neste regulamento, ou unha aparencia con defectos ou pola que se lle supoña un picor excesivo, determinado case intuitivamente pola experiencia dos agricultores da zona debido a unha certa rixidez da carne.

Artigo 11. Envasamento e comercialización do produto

1. O período de comercialización estará comprendido entre o 1 de xuño e o 15 de novembro. A consellería competente en materia de agricultura, por petición do Consello Regulador e co informe favorable do órgano de control e certificación, poderá alongar ou acurtar este período cando, en razón das circunstancias climáticas da temporada, as características do produto o aconsellen.

2. A comercialización dos pementos amparados será en lotes homoxéneos canto a calidade, e deben presentar similar estado de madurez e coloración. A presentación realizarase en bolsas de polietileno transparente para uso alimentario autorizado pola lexislación vixente, con pesos de entre 200 e 400 gramos. Poderanse establecer outras formas de presentación cando se comprobe que non afectan negativamente a calidade do produto.

3. Co obxecto de obter un produto de calidade superior, os pementos acollidos á indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán serán sometidos a unha esmerada selección e deben presentarse:

– Enteiros e firmes.

– Sans, excluíndo os produtos podres ou que presenten outras alteracións que os fagan impropios para o consumo.

– Exentos de manchas.

– Limpos e exentos de materias estrañas visibles.

– Provistos de pedúnculo.

– Exentos de humidade exterior anormal.

4. O envasamento realizarase na zona xeográfica delimitada como método eficaz de protección das características particulares e de calidade dos pementos de Mougán, que, ao ser un produto perecedoiro e delicado, obriga a extremar os coidados na manipulación e envasamento, que normalmente se realiza nas primeiras 24 horas desde a recolección.

CAPÍTULO IV
Control e certificación do produto

Artigo 12. Autocontrol

Os controis de calidade e rastrexabilidade sobre o produto serán responsabilidade dos distintos operadores inscritos nos correspondentes rexistros da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán. Estes operadores deberán contar no seu proceso produtivo con sistemas de traballo que permitan asegurar, en calquera etapa deste, tanto a rastrexabilidade do produto como o cumprimento das especificacións deste regulamento e do manual de calidade.

Artigo 13. Control e certificación

1. O Ingacal realizará o control e certificación dos pementos acollidos á indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

2. Todas as persoas físicas ou xurídicas titulares de bens inscritos nos rexistros, as plantacións, instalacións e os produtos estarán sometidas ao control levado a cabo polo Ingacal co obxecto de verificar que os produtos que posúan a indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán cumpren os requisitos deste regulamento e demais normativa aplicable.

3. Os controis basearanse en inspeccións ou auditorías das plantacións, almacéns e industrias, revisión da documentación e un control do cumprimento dos parámetros físicos descritos neste regulamento. Comprobarase tamén que os pementos estean enteiros, sans, limpos e exentos de danos e feridas.

Poderá procederse, ademais, á realización de análises multirresiduos. A súa finalidade será comprobar que os valores obtidos nos praguicidas investigados se atopan por baixo dos límites máximos de residuos (LMR) fixados pola lexislación vixente para este cultivo.

4. No manual de calidade recolleranse as normas que permitan o perfecto control dos pementos e mesmo tamén das partidas defectuosas ou non certificadas, de xeito que se garanta a orixe e calidade do produto amparado pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

5. Co fin de garantir a orixe do produto, queda prohibido durante o período de comercialización definido no artigo 11 que as industrias que envasen pementos co distintivo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán envasen tamén outros pementos de similares características que procedan de parcelas non rexistradas, salvo naqueles casos en que estea implantado un sistema de rastrexabilidade axeitado a xuízo do órgano de control.

6. Os pementos amparados pola indicación xeográfica protexida con destino ao consumo levarán, ademais da etiqueta comercial correspondente a cada envasador, unha contraetiqueta numerada que será controlada polo Ingacal, de acordo coas normas establecidas no manual de calidade. O dito distintivo será colocado, en todo caso, antes da expedición e de forma que non permita unha segunda utilización.

Artigo 14. Produto non conforme

1. No caso de que se constate calquera tipo de incumprimento nas características dos pementos ou que na súa produción, acondicionamento ou maduración non se cumpriron os preceptos deste regulamento, do manual de calidade e das demais disposicións legais que os afecten, os pementos non poderán comercializarse baixo a indicación xeográfica. Neste caso, o órgano de control poderá emitir unha «non conformidade», que será comunicada ao interesado para que a corrixa no prazo que se estableza. Antes da finalización dese prazo, o interesado deberá comunicar ao órgano de control as medidas correctoras adoptadas. Sen prexuízo do anterior, cando as irregularidades detectadas así o aconsellen, o órgano de control poderá suspender temporalmente a certificación ata que a empresa adopte as medidas correctoras necesarias, sen que esta suspensión teña carácter de sanción.

2. Cando as irregularidades detectadas polo órgano de control poidan ser constitutivas de infracción, este dará conta dos feitos á consellería competente en materia de agricultura para a incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador.

3. Os pementos non considerados aptos para seren amparados poderán ser utilizados para obter outros produtos ou para consumo directo se a alteración ou defecto non constitúe perigo para o consumo. Nese caso poderán comercializarse sen o amparo da indicación xeográfica protexida e sempre baixo a supervisión do órgano de control.

Artigo 15. Control dos volumes de produción

O órgano de control verificará en cada campaña as cantidades de pemento certificado pola indicación xeográfica protexida que foron expedidas ao mercado por cada firma inscrita no rexistro de almacéns e plantas envasadoras. Confirmará así que é correcta a súa relación coas cantidades adquiridas aos produtores inscritos no rexistro de plantacións e a outras firmas inscritas. Tamén comprobará a coherencia entre as cantidades producidas e declaradas por cada agricultor e os rendementos das parcelas inscritas cultivadas na campaña.

Artigo 16. Declaracións para o control

1. Co obxecto de poder controlar os procesos de produción, colleita, almacenaxe, envasamento e expedición, así como os volumes de existencias e canto sexa necesario para poder acreditar a orixe e a calidade dos pementos certificados pola indicación xeográfica protexida, as persoas físicas ou xurídicas titulares das plantacións e das instalacións de almacenaxe e envasamento estarán obrigadas a cumprir coas seguintes formalidades:

a) Todos os titulares de plantacións de pemento susceptible de ser amparado pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán presentarán ao órgano de control as seguintes declaracións:

1º. Declaración de sementeira, na cal se especificará:

– Datos de identificación dos alcouves.

– Cantidade e procedencia da semente.

– Calquera outro dato que en cada momento o órgano de control poida considerar necesario para o seu labor.

2º. Declaración de plantación, na cal se especificará:

– Superficie plantada e densidade de plantación.

– Datos de identificación das parcelas utilizadas con tal fin.

– Calquera outro dato que en cada momento o órgano de control poida considerar necesario para o seu labor.

b) Todas as firmas que teñan instalacións inscritas para almacenaxe e envasamento levarán un libro de control, segundo o modelo adoptado no manual de calidade, no cal figurarán diariamente e durante a campaña os datos seguintes:

– Cantidade e procedencia dos pementos adquiridos.

– Cantidade de pemento envasado baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

– Calquera outro dato que en cada momento o órgano de control poida considerar necesario para o seu labor. Así mesmo, nos quince primeiros días de cada mes durante o período de comercialización, presentarán ao órgano de control unha declaración onde se reflictan todos os datos do mes anterior, sendo suficiente con copia dos asentos que figuren no mencionado libro.

2. O órgano de control poderá solicitar calquera outra declaración complementaria que considere oportuna para realizar de xeito eficaz as súas tarefas.

3. As declaracións especificadas no presente artigo non poderán facilitarse nin publicarse máis que de forma xeral, sen referencia ningunha de carácter individual.

Artigo 17. Circulación do produto

Toda expedición de pemento con dereito a protección que se realice antes da súa etiquetaxe regulamentaria entre persoas físicas ou xurídicas inscritas nos correspondentes rexistros, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada dun volante de circulación, segundo se estableza no manual de calidade, ademais da documentación requirida pola lexislación vixente.

Artigo 18. Almacenaxe e envasamento do produto non protexido

As instalacións de almacenaxe e envasamento que manipulen ou envasen pementos non protexidos pola indicación xeográfica protexida farano constar expresamente no momento da súa inscrición e, ademais, someteranse ás normas establecidas no manual de calidade para efectuar o seu control, cumprindo en todo momento as condicións de almacenaxe e separación do produto, para garantir, en todo caso, a orixe e a calidade dos produtos protexidos pola denominación.

CAPÍTULO V
Rexistros

Artigo 19. Rexistros do Consello Regulador

O Consello Regulador levará os seguintes rexistros:

a) Rexistro de produtores e plantacións.

b) Rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

Artigo 20. Rexistro de produtores e plantacións

1. Neste rexistro inscribiranse todas as parcelas que estean situadas na zona de produción e que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, os seus titulares queiran destinar toda ou parte da súa produción de pementos a ser comercializada baixo o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

– Nome do propietario (persoa física ou xurídica) e, de ser o caso, do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para xestionar a plantación.

– Relación das parcelas en que estea prevista a produción de plántula e/ou pemento susceptible de ser amparado pola indicación xeográfica protexida, identificadas mediante as súas respectivas referencias no Sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac).

– Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das parcelas que se van inscribir.

Artigo 21. Rexistro de almacéns e plantas envasadoras

1. Neste rexistro inscribiranse todas aquelas instalacións que, reunindo as condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, se dediquen a almacenar e/ou envasar pementos que poidan optar a ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

2. Na inscrición figurarán os seguintes datos:

– Nome ou razón social da persoa física ou xurídica titular das instalacións.

– Enderezo ou domicilio social.

– Localidade onde estean situadas as súas instalacións.

– Capacidade de almacenaxe e, de ser o caso, de envasamento.

– No caso de sociedades, exixirase a súa inscrición rexistral e o nome do xerente ou responsable.

– Se a empresa non é propietaria dos locais e instalacións, farase constar na solicitude de inscrición, acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

– Cantos outros datos sexan necesarios para a cualificación, localización e correcta identificación das instalacións que pretendan inscribir.

3. Ademais dos datos e documentación que se recollen no número 2 anterior, achegarase a documentación xustificativa da inscrición naqueles rexistros en que esta sexa obrigatoria para o exercicio da actividade.

Artigo 22. Procedemento para a inscrición nos rexistros

1. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao Consello Regulador, achegando os datos, documentación e comprobantes que en cada caso sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes, utilizando os impresos que se establezan no manual de calidade.

2. Formulada a petición, as solicitudes transmitiranse ao órgano de control, para os efectos de comprobar o cumprimento de todos os requisitos necesarios para a inscrición.

3. De ser o caso, despois do informe favorable do órgano de control, o Consello Regulador entregará ao interesado un certificado acreditativo da inscrición en que se indique a actividade ou actividades para as cales queda inscrito.

4. De acordo co establecido no número 5 do artigo 8 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, o órgano de control e certificación denegará, de forma motivada, a inscrición daqueles solicitantes que non cumpran os requisitos establecidos, o cal será comunicado ao interesado polo Consello Regulador.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueles outros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, o que deberá acreditarse con anterioridade á inscrición nos rexistros do Consello Regulador.

Artigo 23. Vixencia e renovación das inscricións

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir en todo momento cos requisitos impostos polas normas da indicación xeográfica e demais normativa de aplicación, e deberá comunicarse calquera variación que afecte os datos achegados coa inscrición. O Consello Regulador poderá suspender provisoria ou definitivamente as inscricións cando os seus titulares non se ateñan a tales prescricións, logo da instrución e resolución do correspondente expediente.

2. As inscricións nos rexistros renovaranse cada 4 anos no caso dos produtores e cada ano no caso de almacenistas e envasadores. O órgano de control fará as comprobacións oportunas para verificar que se seguen a cumprir os requisitos necesarios.

Artigo 24. Baixa nos rexistros

1. A baixa nos rexistros pode ser voluntaria ou consecuencia da incoación e resolución dun expediente. Unha vez producida esta, deberá transcorrer un ano para procederse a unha nova inscrición. Esta limitación non será aplicable no caso de cambio de titularidade.

2. Será motivo de baixa a falta de actividade na denominación por un período superior a dúas campañas no caso dos inscritos no rexistro de produtores e plantacións e de unha no caso dos inscritos no rexistro de almacéns e plantas envasadoras. Quedan exceptuados os casos de forza maior debidamente xustificados.

3. Quen sexa dado de baixa nun rexistro deberá cumprir as obrigas pendentes co Consello Regulador.

CAPÍTULO VI
Dereitos e obrigas dos inscritos

Artigo 25. Dereito ao uso da denominación

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas as súas plantacións e almacéns e instalacións nos rexistros indicados no artigo 19 poderán destinar a súa produción a ser amparada pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

2. Unicamente os pementos que se cultiven de acordo coas condicións establecidas neste regulamento e no manual de calidade, nas parcelas e polos produtores inscritos no correspondente rexistro, poderán ser amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán.

3. Do mesmo xeito, só poderán obter o amparo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán os pementos manipulados e envasados en instalacións inscritas no correspondente rexistro do Consello Regulador.

4. O dereito ao uso da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán e dos seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintos e etiquetas é exclusivo dos operadores inscritos nos diferentes rexistros do Consello Regulador e baixo a aprobación deste. Non obstante, o Consello Regulador poderá autorizar que nos envases de pementos procesados se indique que están elaborados con pementos amparados pola indicación xeográfica protexida cando a materia prima estea controlada polo órgano de control e certificación e se cumpran as condicións deste regulamento e as que para o efecto se establezan no manual de calidade.

Artigo 26. Obrigas xerais

1. Polo mero feito da inscrición nos rexistros correspondentes, as persoas inscritas quedan obrigadas ao cumprimento do disposto neste regulamento, así como no manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura, o Consello Regulador e o órgano de control.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para se poderen beneficiar dos servizos que preste o Consello Regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do Consello Regulador están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que sexan nomeados.

4. Sen prexuízo do establecido no artigo 36 deste regulamento, o incumprimento do indicado nas alíneas 1 a 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata un ano nos dereitos do inscrito ou a súa baixa, despois da decisión do Pleno do Consello Regulador, logo da instrución do correspondente expediente. A resolución de suspensión ou baixa poderá ser obxecto de recurso perante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 27. Marcas, nomes comerciais e razóns sociais

A utilización polos inscritos nos rexistros do Consello Regulador das marcas, nomes comerciais e razóns sociais axustarase ao disposto na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. De acordo co anterior, no caso de que unha mesma marca, nome comercial ou razón social sexa utilizada para a comercialización de pementos da indicación xeográfica protexida e pementos de similares características que carezan da dita indicación xeográfica, deberán introducirse na etiquetaxe, presentación e publicidade destes produtos elementos suficientes que permitan diferenciar de xeito claro e sinxelo o produto con indicación xeográfica do que non a ten, para evitar, en todo caso, a confusión nos consumidores.

Artigo 28. Etiquetaxe

1. As etiquetas dos produtos amparados pola indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán axustaranse ao disposto na lexislación vixente en materia de etiquetaxe así como ao establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Nas etiquetas comerciais dos pementos amparados, que deberán ser autorizadas polo Consello Regulador, figurará sempre de xeito destacado a mención «Indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán» e o logotipo europeo que identifica as indicacións xeográficas protexidas e, optativamente, o logotipo propio da IXP Pemento de Mougán a que se refire o artigo 29. Ademais, figurarán os datos que con carácter xeral se determinan na lexislación vixente.

Artigo 29. Logotipo da indicación xeográfica

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán adoptará como logotipo o que figura no anexo deste regulamento.

2. Os establecementos de venda polo miúdo e os de restauración que comercialicen produto amparado poderán utilizar o logotipo da indicación xeográfica para identificar os produtos acollidos á súa protección, facéndoo sempre de xeito que non dea lugar á confusión do consumidor e de acordo coas normas que se recollan no manual de calidade.

CAPÍTULO VII
O Consello Regulador

Artigo 30. Natureza e ámbito competencial

1. O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán é unha corporación de dereito público á cal se atribúe a xestión da denominación, coas funcións que determina a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, e demais normativa que lle sexa de aplicación. Ten personalidade xurídica propia, autonomía económica e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

2. O ámbito competencial do Consello Regulador está limitado aos produtos protexidos pola denominación –en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, envasamento, circulación e comercialización– e ás persoas inscritas nos diferentes rexistros.

3. O Consello Regulador actuará en réxime de dereito privado, exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas, en que deberá observarse o dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do Consello Regulador en materia de xestión dos rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo.

4. A tutela administrativa sobre o Consello Regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo con isto, a actividade do Consello Regulador está sometida ao control da Administración, de acordo co establecido nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 a 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

5. Consonte os números 3 e 4 anteriores, as decisións que adopten os órganos de goberno do Consello Regulador cando exerzan potestades administrativas poderán ser impugnadas ante a persoa titular da consellería competente en materia de agricultura na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 31. Órganos de goberno do Consello Regulador

Os órganos de goberno do Consello Regulador son o Pleno, a Presidencia e a Vicepresidencia. Ademais, o Pleno poderá crear comisións para tratar ou resolver asuntos específicos.

Artigo 32. O Pleno: composición e funcións

1. O Pleno está constituído por:

– Catro vogais en representación do sector produtor, elixidos democraticamente por e entre os titulares de explotacións inscritas no rexistro de produtores e plantacións.

– Un vogal en representación do sector industrial, elixido democraticamente por e entre os titulares de instalacións inscritas no rexistro de almacéns e plantas envasadoras.

2. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, do secretario ou secretaria do Consello Regulador.

3. A consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dúas persoas, que actuarán como delegadas da Administración e que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

4. O réxime de funcionamento e as funcións do Pleno, así como os dereitos e deberes dos seus membros, serán os contidos no capítulo IV do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 33. A Presidencia

1. A Presidencia do Consello Regulador será exercida pola persoa elixida polo Pleno, co voto favorable da maioría dos seus membros.

2. O presidente ou presidenta non ten por que contar coa condición previa de vogal. No caso de que así sexa, deixará a súa vogalía, que será ocupada polo seu substituto legal, de acordo co establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

3. As funcións da Presidencia, así como as causas de cesamento do seu titular e demais cuestións relativas a este órgano, serán as recollidas no citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 34. A Vicepresidencia

1. O Consello Regulador contará cunha Vicepresidencia, que será desempeñada pola persoa elixida por e entre os vogais do Pleno.

2. A persoa que exerza a Vicepresidencia substituirá o presidente ou presidenta nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lles sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 35. O persoal do Consello Regulador

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime de dereito laboral, de acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. Na contratación de persoal adaptará a súa actuación á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Tamén poderá asinar acordos e contratos co Ingacal para que este lle preste os servizos que libremente acorden en relación coas funcións e actividades do Consello Regulador.

2. O Consello Regulador contará cun secretario ou secretaria, designado/a polo Pleno, que terá como misións específicas as sinaladas na alínea 2 do artigo 28 do citado Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. A persoa que ocupe a secretaría poderá pertencer ao cadro de persoal do consello ou estar adscrita ao do Ingacal.

CAPÍTULO VIII
Réxime económico e contable

Artigo 36. Recursos económicos

1. Para o cumprimento dos seus fins, o Consello Regulador poderá contar cos recursos económicos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, así como no seu regulamento de desenvolvemento, o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

2. Conforme a citada normativa, establécense neste regulamento as seguintes cotas que deberán aboar os inscritos:

a) Titulares das plantacións:

– Cota de inscrición: satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación do rexistro: satisfarase cunha periodicidade cuadrienal, coincidindo coa renovación dos datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

– Cota en función da actividade do inscrito na denominación: aboarase anualmente e equivalerá a unha porcentaxe do valor potencial teórico da produción, obtido como produto da superficie declarada, o rendemento agronómico e o prezo medio percibido polos agricultores.

b) Titulares dos almacéns e plantas envasadoras.

– Cota de inscrición: satisfarase no momento de realizar a alta no Consello Regulador.

– Cota de renovación do rexistro: satisfarase con periodicidade anual, coincidindo coa renovación de datos do rexistro e a correspondente visita de inspección.

– Cota en función da actividade do inscrito na denominación: será proporcional ao valor da súa produción e equivalerá a unha porcentaxe do valor do produto certificado, calculado en función do prezo medio de venda en orixe.

– Cota polas contra-etiquetas expedidas: será satisfeita polos envasadores que soliciten contra-etiquetas e o seu importe será ata o dobre do valor material de produción e distribución.

3. O Pleno do Consello Regulador, de acordo cos datos agronómicos e de mercado, fixará para cada campaña os rendementos por unidade de superficie e o prezo do produto ao agricultor e ao envasador, así como o das contraetiquetas, para o cálculo das cotas correspondentes. Tamén aprobará o valor das cotas de carácter fixo e as porcentaxes que serven de base para o cálculo das variables, tendo en conta os límites establecidos no artigo 29 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

4. O Pleno do Consello Regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. No caso de que no devandito prazo non se realice o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co Consello Regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, logo da instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento de acordo cos artigos 24 e 26.

Artigo 37. Réxime contable

O réxime contable do Consello Regulador é o que se determina no artigo 19 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e máis no artigo 31 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

CAPÍTULO IX
Réxime electoral

Artigo 38. Réxime electoral do Consello Regulador

O réxime electoral do Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán é o contido nas seccións primeira e segunda do capítulo VI do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

CAPÍTULO X
Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 39. Base legal

1. O réxime sancionador da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán é o establecido no título VI da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Complementa a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análises; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento de procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, e cantas disposicións estean vixentes no seu momento sobre a materia.

Anexo ao Regulamento da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán
e do seu Consello Regulador

Logotipo da indicación xeográfica protexida Pemento de Mougán

missing image file