Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Xoves, 2 de xullo de 2015 Páx. 27623

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 90/2015, do 18 de xuño, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para o curso 2015/16.

O artigo 81.3.b) da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, na redacción dada polo Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo, determina que a Comunidade Autónoma fixará os prezos públicos e dereitos dos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional dentro dos límites que estableza a Conferencia xeral de política universitaria, que estarán relacionados cos custos de prestación do servizo nos seguintes termos:

1º. Ensinanzas de grao: os prezos públicos cubrirán entre o 15 % e o 25 % dos custos en primeira matrícula; entre o 30 % e o 40 % dos custos en segunda matrícula; entre o 65 % e o 75 % dos custos en terceira matrícula; e entre o 90 % e o 100 % dos custos a partir da cuarta matrícula.

2º. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España: os prezos públicos cubrirán entre o 15 % e o 25 % dos custos en primeira matrícula; entre o 30 % e o 40 % dos custos en segunda matrícula; entre o 65 % e o 75 % dos custos en terceira matrícula; e entre o 90 % e o 100 % dos custos a partir da cuarta matrícula.

3º. Ensinanzas de máster non comprendidas no número anterior: os prezos públicos cubrirán entre o 40 % e o 50 % dos custos en primeira matrícula; e entre o 65 % e o 75 % dos custos a partir da segunda matrícula.

Para os restantes estudos, serán fixados polo consello social da respectiva universidade, de acordo co disposto no artigo 81.3.c) da citada lei orgánica, e no artigo 75.3.f) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 8/1989, do 13 de abril (BOE do 15 de abril), de taxas e prezos públicos, outórgalle aos referidos importes a consideración de prezos públicos; pola súa parte, a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 43 que se entende por prezos públicos.

Neste contexto normativo, o presente decreto fixa os importes que deberá aboar o alumnado polos estudos conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario, correspondentes ao curso 2015/16, tendo en conta o custo estimado dos servizos académicos, e a distinción entre ensinanzas renovadas e de grao, así como a diferenza entre o prezo da 1ª matrícula fronte ao prezo da 2ª, 3ª e sucesivas matrículas, e ao abeiro do establecido no artigo 47 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Dada a situación macroeconómica actual, unha vez estudadas as posibles repercusións no contorno social e académico, e de modo excepcional, os prezos públicos para o curso 2015/16 non sufrirán ningún incremento sobre os prezos establecidos para o curso 2014/15.

Na súa virtude, por proposta de o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, co informe do Consello Galego de Universidades, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

1. Os prezos que se aboarán no curso académico 2015/16 polos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no Sistema universitario de Galicia, son os establecidos neste decreto e na contía que se sinala no seu anexo.

2. O importe dos prezos por estudos conducentes a títulos ou diplomas que non teñan carácter oficial será fixado nas universidades galegas polo seu respectivo consello social, de conformidade co establecido no artigo 81.3.c) da Lei orgánica 6/2001, de universidades, e pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 75.3.f).

Artigo 2. Modalidades de matrícula

1. Ensinanzas renovadas. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.1 da tarifa primeira do anexo deste decreto. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos nos que se realice a matrícula.

2. Ensinanzas de grao adaptadas ao Espazo Europeo de Ensino Superior. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.2 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos nos que se realice a matrícula.

3. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais, e aquelas que habilitan para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.3 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos nos que se realice a matrícula.

4. Ensinanzas de máster non comprendidas no punto anterior. Os prezos públicos que serán aboados pola matrícula son os establecidos no punto 1.4 da tarifa primeira do anexo. A liquidación dos prezos farase en función do número de créditos nos que se realice a matrícula.

5. Para o alumnado estranxeiro maior de dezaoito anos, que non teña a condición de residente, excluídos/as os/as nacionais de Estados membros da Unión Europea e aqueles/as a quen sexa de aplicación o réxime comunitario, tanto en grao como en máster, cada universidade establecerá, por resolución reitoral, un prezo que oscilará entre o 25 % e o 100 % do custo de referencia para cada unha das epígrafes da tarifa primeira do anexo deste decreto. A dita resolución deberá motivar a decisión adoptada con base en aspectos formativos específicos e servizos complementarios ofertados a este alumnado.

Artigo 3. Matrícula de primeiro curso

O alumnado que comece os seus estudos de grao a tempo completo deberá matricularse do primeiro curso na súa integridade, coa excepción dos casos en que se validen materias do dito primeiro curso, en cuxo caso os prezos son os establecidos no artigo 8, e outros réximes de matrícula.

Artigo 4. Matrícula en créditos de libre elección

Os prezos públicos correspondentes aos créditos de libre elección serán aboados de acordo coa tarifa establecida para a titulación que se pretende obter, con independencia do departamento ou centro onde se cursen os ditos créditos.

Artigo 5. Programas oficiais de doutoramento

Os prezos que serán aboados pola matrícula en programas de doutoramento son os establecidos no punto 1.5 da tarifa primeira do anexo.

Artigo 6. Pagamento dos prezos públicos

Os/as obrigados/as ao pagamento dos prezos públicos establecidos no anexo deste decreto deberán liquidar os importes correspondentes no momento de facer a súa matrícula.

As universidades galegas, na resolución reitoral na cal se establezan os prazos de matriculación do alumnado, fixarán os prazos correspondentes para efectuar a liquidación e o pagamento dos prezos públicos universitarios e o seu fraccionamento, de ser o caso.

Unha vez transcorrido o prazo establecido por cada universidade, se é o caso, para que o/a solicitante de matrícula desista da súa solicitude, o feito de non facer efectivo o pagamento dos prezos públicos universitarios ou de calquera dos seus fraccionamentos nos prazos establecidos na resolución reitoral, comportará a exixencia dos importes correspondentes polo procedemento de constrinximento sobre o patrimonio do/a obrigado/a ao pagamento, consonte a normativa vixente.

Artigo 7. Centros adscritos

O alumnado dos centros adscritos aboaralle á universidade, en concepto de actividade docente, o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo, sen prexuízo do establecido no correspondente convenio que o dito centro teña asinado coa respectiva universidade. Os demais prezos aboaranse na contía íntegra prevista.

Artigo 8. Adaptación a novos plans de estudo, validación de estudos, recoñecemento e transferencia de créditos e acreditación de competencias nos programas correspondentes a estudos universitarios

1. A adaptación de estudos, regulada polo Acordo do 25 de outubro de 2004, do Consello de Coordinación Universitaria, polo que se establecen os criterios xerais a que se axustarán as universidades en materia de convalidación e adaptación de estudos, é o acto administrativo polo que se recoñece validez académica aos estudos conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plan de estudos. Esta adaptación será gratuíta se provén de centros públicos. No caso de centros non públicos ou centros estranxeiros, o/a alumno/a aboará á universidade de destino o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

2. A validación de estudos, regulada polo Acordo do 25 de outubro de 2004, do Consello de Coordinación Universitaria, polo que se establecen os criterios xerais a que se axustarán as universidades en materia de convalidación e adaptación de estudos, é o acto administrativo polo que se recoñece validez académica aos estudos conducentes á obtención doutra titulación oficial distinta á cursada, debendo o/a alumno/a aboar á universidade que realiza a validación o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

3. O recoñecemento de créditos, regulado polo Real decreto 1393/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, é a aceptación por unha universidade dos créditos que, sendo obtidos nunhas ensinanzas oficiais, na mesma ou outra universidade, computados noutras distintas para efectos da obtención dun título oficial. Este recoñecemento será gratuíto para os créditos conducentes á obtención dunha mesma titulación oficial e cursados consonte un plan de estudos, se provén de centros públicos. Esta mesma consideración estenderase aos estudos cursados en titulacións que, por transformación, son substituídos polas novas de grao.

No caso de créditos conducentes á obtención doutra titulación oficial distinta á cursada, o/a alumno/a deberá aboar á universidade que realice o recoñecemento o 25 % dos prezos establecidos na tarifa primeira do anexo.

4. A transferencia de créditos, regulada polo Real decreto 1393/2007, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, implica que, nos documentos académicos oficiais acreditativos das ensinanzas seguidas por cada estudante, incluiranse a totalidade dos créditos obtidos en ensinanzas oficiais cursadas con anterioridade, na mesma ou noutra universidade, que non conduciron á obtención dun título oficial. Esta transferencia será gratuíta se provén de centros públicos. No caso de centros non públicos ou centros estranxeiros, o/a alumno/a aboará á universidade de destino 30 euros en concepto de gastos de xestión.

5. Nos estudos de máster e programas de doutoramento, os prezos que se aboarán pola acreditación de competencias serán o 25 % dos prezos establecidos no anexo.

Artigo 9. Bolsas

Os/as alumnos/as que ao formalizar a súa matrícula queiran acollerse á exención de prezos por seren solicitantes dunha bolsa ou axuda ao estudo, deberán presentar xustificación de ter solicitada unha das anteditas bolsas ou axudas. Se posteriormente non obtiveren a condición de bolseiro/a ou lles for revogada a bolsa concedida, estarán obrigados/as ao aboamento do prezo correspondente á matrícula que efectuaron.

Artigo 10. Matrículas de honra

Nas ensinanzas adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) as bonificacións correspondentes a unha ou varias matrículas de honra aplicaranse a un número de créditos igual ao das materias nas que se obtivo a matrícula de honra, tanto nos mesmos estudos como na continuación destes no caso de paso dos estudos de grao aos de master.

O alumnado con matrícula de honra global no segundo curso de bacharelato, matrícula de honra global no último curso dos estudos superiores de formación profesional, con premio extraordinario no bacharelato ou no ciclo superior de formación profesional, terá dereito, durante o primeiro ano e por unha soa vez, á exención total do pagamento dos prezos públicos por matrícula.

Artigo 11. Exencións

1. Os/as alumno/as membros de familia numerosa beneficiaranse das exencións e reducións previstas na Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas. A condición de familia numerosa acreditarase no momento da formalización da matrícula mediante documento expedido pola Administración competente, que deberá estar vixente no prazo de matrícula fixado por cada universidade.

2. De conformidade co previsto na disposición adicional vixésima cuarta da Lei orgánica 6/2001, de universidades, os/as alumnos/as con discapacidade, considerándose por tales aqueles/as comprendidos/as no artigo 1.2 da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade, terán dereito á exención total de prezos públicos nos estudos conducentes á obtención dun título universitario, debendo aboar unicamente os prezos previstos na tarifa terceira.

Para estes efectos, a condición de persoa con discapacidade acreditarase coa correspondente resolución administrativa pola que se recoñecese a condición de discapacitado/a que deberá presentarse, necesariamente, no prazo de matrícula fixado por cada universidade, para que teña eficacia.

3. De conformidade co previsto no artigo 7 da Lei 32/1999, do 8 de outubro, de solidariedade coas vítimas do terrorismo, están exentos/as de todo tipo de taxas académicas nos centros oficiais de estudos de todos os niveis de ensinanza, as vítimas de actos terroristas así como os seus cónxuxes e fillos/as. En consecuencia, deberán aboar unicamente os prezos da tarifa terceira.

A condición de vítima de acto terrorista acreditarase coa resolución administrativa pola que se recoñecese a condición de vítima do terrorismo que deberá presentarse, necesariamente, no prazo de matrícula fixado por cada universidade para que teña eficacia.

4. As persoas que sexan vítimas de violencia de xénero, de acordo co establecido na Lei orgánica 1/2004, do 28 do decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, así como os seus fillos e as súas fillas, terán dereito á exención do pagamento dos prezos públicos por servizos académicos. En consecuencia, deberán aboar unicamente os prezos da tarifa terceira.

A condición de vítima de violencia de xénero acreditarase no momento da formalización da matrícula, mediante a presentación de calquera dos documentos que prevé a normativa vixente.

Artigo 12. Dereito a exame nos plans que se van extinguir

No caso das materias de plans de estudos con dereito a exame pero nas cales non se imparte xa docencia, excepto nas ensinanzas adaptadas ao EEES, aboarase a cantidade de 20 euros por disciplina.

Disposición adicional primeira. Compensacións ás universidades

Os importes que as universidades do Sistema Universitario de Galicia deixen de percibir como consecuencia da concesión de bolsas ou axudas ao estudo, serán financiados con cargo aos orzamentos xerais do Estado na cantidade correspondente ao límite inferior do intervalo establecido para o prezo público en cada ensinanza.

A Comunidade Autónoma de Galicia financiará con cargo aos seus orzamentos a diferenza entre o prezo público fixado neste decreto e o vixente no curso 2012/13.

Para estes efectos, as universidades do Sistema universitario de Galicia solicitarán á Comunidade Autónoma a compensación pola diferenza existente entre os prezos públicos e os límites mínimos correspondentes a cada ensinanza.

Disposición adicional segunda. Relación de estudos de grao e máster universitarios oficiais

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fará pública a relación dos estudos de grao e máster universitarios oficiais que serán impartidos no curso 2015/16 no Sistema universitario de Galicia.

Disposición transitoria. Custo de referencia

En tanto as universidades non dispoñan de contabilidade analítica, o custo de referencia será o establecido no Decreto 154/2012, do 12 de xullo, polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional no ensino universitario para curso 2012/13, e como máximo, ata o curso 2015/16.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e as tarifas fixadas no anexo serán de aplicación no curso académico 2015/16.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO
Tarifa primeira. Actividade docente

1.1. Ensinanzas renovadas (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

13,93 €

19,30 €

31,21 €

39,79 €

Epígrafe B)

9,85 €

13,62 €

22,04 €

28,06 €

Epígrafe A)

Titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura

Epígrafe B)

Titulacións encadradas dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.2. Ensinanzas de grao adaptadas ao EEES (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

13,93 €

19,30 €

31,21 €

39,79 €

Epígrafe B)

9,85 €

13,62 €

22,04 €

28,06 €

Epígrafe A)

Titulacións encadradas dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, e grao en Belas Artes

Epígrafe B)

Titulacións encadradas dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.3. Ensinanzas de máster que habiliten para o exercicio de actividades profesionais reguladas en España, e análogos (prezo dun crédito).

Primeira

matrícula

Segunda

matrícula

Terceira matrícula

Cuarta e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

29,81 €

29,81 €

38,54 €

45,72 €

Epígrafe B)

20,25 €

20,25 €

26,68 €

31,75 €

Epígrafe A)

– Máster universitario en Enxeñaría de Montes

– Máster universitario en Enxeñaría Industrial

– Máster universitario en Psicoloxía Xeral Sanitaria

– Máster universitario en Enxeñaría Agronómica

– Máster universitario en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos

– Máster universitario en Enxeñaría de Minas

– Máster universitario en Enxeñaría de Telecomunicacións

– Máster universitario en Enxeñaría Naval e Oceánica

– Máster universitario en Enxeñaría Mariña

– Máster universitario en Enxeñaría Náutica e Transporte Marítimo

– Máster universitario en Enxeñaría Química

– Máster universitario en Enxeñaría Química e Bioprocesos

– Máster universitario de Enxeñaría Informática

– Máster universitario en Prevención de Riscos Laborais e Saúde Medioambiental

Pendentes da verificación do MECD:

– Máster universitario en Arquitectura

Epígrafe B)

– Máster universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas

– Máster universitario en Avogacía

1.4. Outras ensinanzas de máster oficiais (prezo dun crédito).

Primeira matrícula

Segunda e sucesivas

matrículas

Epígrafe A)

31,36 €

38,54 €

Epígrafe B)

21,61 €

26,68 €

Epígrafe A)

Máster non comprendidos no punto anterior, encadrados dentro da rama de Ciencias, CC. da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, e os seguintes máster:

– Máster universitario en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual

– Máster universitario en Arte Contemporánea, Creación e Investigación

– Máster universitario en Innovación Industrial e Optimización de Procesos

– Máster universitario en Xestión do Desenvolvemento Sostible

Epígrafe B)

Máster non comprendidos no punto anterior, encadrados dentro da rama de Arte e Humanidades e CC. Sociais e Xurídicas

1.5. Outros estudos.

1. Estudos conducentes ao título de doutor/a regulados polo Real decreto 778/1998, do 30 de abril, e polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo.

Titoría anual de doutoramento

200,00 €

2. Estudos conducentes ao título de doutor/a regulados polo Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro.

Cursos ou complementos formativos en ECTS

32,00 €/crédito

Cursos non estruturados en ECTS

3,30 €/hora

Titoría anual de doutoramento

200,00 €

3. Estudos de especialidades.

Estudos de especialidades médicas que non precisen formación hospitalaria do parágrafo 3º do anexo do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, en unidades docentes acreditadas

33,84 €/crédito

Estudos de especialidades en enfermaría en unidades docentes acreditadas, consideradas no Real decreto 992/1987, do 3 de xullo

8,63 €/crédito

Estudos das especialidades de farmacia, análises clínicas, en escolas profesionais recoñecidas segundo o Real decreto 2708/1982, do 15 de outubro

33,84 €/crédito

Tarifa segunda. Avaliación e probas

1. Probas de acceso á universidade

63,67 €

2. Realización de requisitos formativos complementarios para a homologación de títulos estranxeiros de educación superior:

a) Proba de aptitude/proba de conxunto

116,53 €

b) Período de prácticas correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe A)

13,25 €/crédito

c) Período de prácticas correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe B)

9,37 €/crédito

d) Proxecto ou traballo

116,53 €

e) Cursos tutelados correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe A)

13,25 €/crédito

f) Cursos tutelados correspondentes a un dos títulos especificados na epígrafe B)

9,37 €/crédito

3. Proxectos fin de carreira

117,09 €

4. Exame para o grao de licenciado/a

117,09 €

5. Exame para o grao de doutor/a

117,09 €

6. Cursos e exame de reválida/tese de licenciatura nas escolas sociais

117,09 €

7. Obtención por validación do título de diplomado/a en escolas universitarias:

a) Por avaliación académica e profesional conducente á devandita validación

b) Por traballos exixidos para a dita validación

117,09 €

194,99 €

8. Recoñecemento de títulos estranxeiros (grao ou máster) aos títulos universitarios españois de carácter oficial

114,34 €

Tarifa terceira. Títulos e secretaría

1. Expedición de títulos académicos

a) Doutor/a

183,10 €

b) Licenciado/a, arquitecto/a ou enxeñeiro/a, grao, máster oficial

123,10 €

c) Diplomado/a, arquitecto/a técnico/a ou enxeñeiro/a técnico/a

60,10 €

d) Diploma de estudos avanzados

59,16 €

e) Duplicados de títulos universitarios oficiais e do SET

28,09 €

2. Secretaría

a) Apertura de expediente académico ao comezar os estudos

22,31 €

b) Certificacións académicas e traslados de expediente académico

22,31 €

c) Expedición e mantemento de tarxetas de identidade

4,79 €

d) Solicitude de equivalencia de estudos estranxeiros

27,09 €