Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 21 de xullo de 2015 Páx. 30233

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 10 de xullo de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013–2016, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

O Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016 (en diante Plan estatal 2013-2016), establece no seu capítulo V o Programa de fomento da rehabilitación edificatoria.

Por outra banda, o 13 de febreiro de 2014 aprobouse o Decreto 18/2014, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016. O artigo 13 deste decreto establece que os programas incluídos no Plan estatal 2013-2016 poderán aplicarse na Comunidade Autónoma de Galicia unha vez asinado o convenio bilateral co Ministerio de Fomento.

O 5 de setembro de 2014 asinouse o Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución do Plan estatal 2013-2016, no cal se prevé que este programa de rehabilitación edificatoria será xestionado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, no citado artigo 13 do Decreto 18/2014 indícase que os programas incluídos no Plan estatal 2013-2016 se desenvolverán por orde da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Na devandita orde regularanse os requisitos para acollerse aos ditos programas, así como as bases reguladoras das axudas previstas no Plan estatal 2013-2016 e, de ser o caso, as axudas autonómicas complementarias que se poidan establecer.

En virtude do anterior, ditase a presente orde, que está estruturada en tres capítulos, ten 24 artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

No capítulo I (artigo 1) establécense as disposicións xerais; no capítulo II (artigos 2 a 22) recóllense o obxecto das bases reguladoras, as actuacións subvencionables, os requisitos e as obrigas das persoas beneficiarias, a contía das axudas, os criterios de valoración, o procedemento para a súa concesión, a documentación xustificativa do gasto, o seu pagamento, o procedemento de reintegro, a publicidade e o réxime de compatibilidades. Finalmente, no capítulo III (artigos 23 a 24) realízase a convocatoria destas axudas para o ano 2015.

En consecuencia e segundo o disposto no artigo 13 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, e no Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ACORDO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión de subvencións do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016, regulado no Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

2. Así mesmo, por medio desta orde procédese á convocatoria destas subvencións para a anualidade 2015.

CAPÍTULO II
Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto das bases reguladoras e réxime das subvencións

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios para a concesión das subvencións previstas no programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013-2016 na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estas axudas están destinadas a subvencionar a realización de actuacións de rehabilitación, que consisten na execución de obras e traballos de mantemento e intervención nas instalacións fixas e equipamento propio, así como nos elementos e espazos privativos comúns dos edificios de tipoloxía residencial colectiva que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que estean finalizados antes de 1981.

b) Que, polo menos, o 70 % da súa superficie construída sobre rasante teña uso residencial.

c) Que, polo menos, o 70 % das súas vivendas constitúa o domicilio habitual das persoas moradoras.

3. Excepcionalmente, admitiranse neste programa os edificios que, sen cumprir as condicións anteriores:

a) Presenten graves danos estruturais ou doutro tipo, que xustifiquen a súa inclusión no programa.

b) Se destinen na súa totalidade ao alugamento durante, polo menos, 10 anos, contados desde a recepción da axuda.

4. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia competitiva, a través de convocatoria pública, seguindo a orde de prelación que resulte da valoración prevista nestas bases, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Son subvencionables as actuacións dirixidas á conservación, á mellora da calidade e da sustentabilidade, así como á realización de axustes razoables en materia de accesibilidade, nos edificios de tipoloxía residencial colectiva.

2. Consideraranse actuacións subvencionables para a conservación as obras e traballos que se emprendan para emendar as seguintes deficiencias:

a) As detectadas, con carácter desfavorable, polo informe de avaliación do edificio ou informe de inspección técnica equivalente, relativas ao estado de conservación da cimentación, estrutura e instalacións.

b) As detectadas, con carácter desfavorable, polo informe de avaliación do edificio ou informe de inspección técnica equivalente, relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras ou outros elementos comúns, cando se realicen en edificios declarados bens de interese cultural, catalogados, protexidos ou situados dentro de conxuntos histórico-artísticos e que, aínda non concorrendo as devanditas circunstancias, se executen simultaneamente con actuacións para a mellora da calidade e sustentabilidade que resulten subvencionables por este programa.

c) As que se realicen nas instalacións comúns de electricidade, fontanaría, gas, saneamento, telecomunicacións ou recollida e separación de residuos, co fin de adaptalas á normativa vixente.

3. Consideraranse actuacións subvencionables para a mellora da calidade e sustentabilidade nos edificios, as seguintes:

a) A mellora da envolvente térmica do edificio para reducir a súa demanda enerxética de calefacción ou refrixeración, mediante actuacións de mellora do seu illamento térmico, a substitución de carpintarías e acristalamentos dos ocos ou outras de similar natureza. En todo caso, deberá cumprirse o establecido no documento básico do código técnico da edificación DB-HE1.

b) A instalación de sistemas de calefacción, refrixeración, produción de auga quente sanitaria e ventilación para o acondicionamento térmico ou o incremento da eficiencia enerxética dos xa existentes.

c) A instalación de equipamento de xeración ou que permitan a utilización de enerxías renovables que reduzan o consumo de enerxía convencional térmica ou eléctrica do edificio.

d) A mellora da eficiencia enerxética das instalacións comúns de ascensores e iluminación, do edificio ou da parcela.

e) A mellora das instalacións de subministración e instalación de mecanismos que favorezan o aforro de auga, así como a implantación de redes de saneamento separativas no edificio e doutros sistemas que favorezan a reutilización das augas grises e pluviais no propio edificio ou na parcela ou que reduzan o volume de vertedura ao sistema público da rede de sumidoiros.

f) A mellora ou acondicionamento de instalacións para a axeitada recollida e separación dos residuos domésticos no interior dos domicilios e nos espazos comúns das edificacións.

g) As actuacións que supoñan unha mellora dos parámetros establecidos no documento básico do código técnico da edificación DB-HR, de protección contra o ruído.

h) O acondicionamento dos espazos privativos da parcela para mellorar a permeabilidade do chan, adaptar a xardinaría a especies de baixo consumo hídrico, optimizar os sistemas de rega e outras actuacións bioclimáticas de similar natureza.

4. Consideraranse actuacións para realizar os axustes razoables en materia de accesibilidade as que adecuen os edificios e os accesos ás vivendas e locais á normativa vixente. En particular:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluíndo os adaptados ás necesidades de persoas con minusvalía sensorial, así como a adaptación dos xa existentes á normativa sectorial correspondente.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos que permitan o acceso e uso por parte das persoas con minusvalía a elementos comúns do edificio, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros que permitan a orientación no uso de escaleiras e ascensores.

d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior.

Artigo 4. Condicións particulares das actuacións subvencionables

1. As actuacións deberán axustarse ao proxecto de execución das obras presentado coa solicitude e, para o caso de que este non sexa preceptivo, á memoria subscrita polo/a técnico/a competente. O proxecto ou memoria técnica deberá conter todas as especificacións que xustifiquen a rehabilitación do edificio, así como un resumo valorado das partidas que se van executar en capítulos, de acordo coa desagregación establecida no artigo 3, seguindo o esquema previsto no modelo de solicitude que se xunta como anexo I.

2. O edificio deberá contar co informe de avaliación, cuxo contido debe axustarse ao modelo tipo previsto no anexo II do Real decreto 233/2013, do 5 de abril.

3. Cando for o caso, as actuacións deberán contar co acordo validamente adoptado da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidade de propietarios/as.

4. O edificio en que se proxecta realizar actuacións de accesibilidade e/ou mellora da calidade e sustentabilidade debe ter como mínimo ocho vivendas. Este requisito non será esixible cando no inmoble se vaian emprender simultaneamente obras de conservación ou cando residan persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos.

5. As actuacións para o fomento da calidade e da sustentabilidade deben conter algunha das partidas sinaladas nas letras a), b) e c) do apartado 3 do artigo anterior, de forma que se consiga unha redución da demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración do edificio de, polo menos, un 30 % sobre a situación previa ás devanditas actuacións. Para a súa xustificación, poderase utilizar calquera dos programas informáticos recoñecidos conxuntamente polos ministerios de Fomento e de Industria, Enerxía e Turismo.

6. Todas as actuacións deberán contar coa licenza municipal ou de ser o caso, someterse ao réxime de intervención municipal de comunicación previa, así como dispoñer de todas as autorizacións sectoriais preceptivas.

7. As actuacións de rehabilitación poderán estar iniciadas con posterioridade á data de entrada en vigor do Plan estatal 2013-2016, sempre que non se finalizasen con carácter previo á publicación da convocatoria das axudas.

8. O prazo máximo de execución das obras será de 16 meses, salvo cando se trate de actuacións en edificios que conten con 40 ou máis vivendas; neste caso, o prazo máximo será de 18 meses. Estes prazos computaranse desde a data que figure no certificado de inicio das obras de rehabilitación.

9. As actuacións subvencionables poderán incluír, para os efectos da determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñan, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. No custo total das obras non se incluirán os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

De ser o caso, e para os efectos da desagregación prevista no ordinal primeiro deste artigo, estes custos ratearanse entre todos os importes das diferentes actuacións que se vaian realizar.

10. O custo subvencionable das obras, incluíndo os gastos sinalados no punto anterior, non poderán superar os custos medios do mercado que correspondan a tales actuacións, os cales se determinarán de conformidade coa última edición publicada da base de prezos da construción de Galicia 2011 ou normativa que a substitúa.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas axudas, as comunidades de propietarios/as, as agrupacións de comunidades de propietarios/as e as persoas propietarias únicas de edificios de vivendas.

Para os efectos desta orde, considerarase como persoa propietaria única do edificio a persoa física titular do pleno dominio do edificio.

2. Cando as persoas beneficiarias sexan persoas físicas, deberán posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. As persoas estranxeiras non comunitarias deberán ter residencia legal en España.

3. Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias aquelas que estean incursas nalgunha das causas previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou a quen se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda por causas imputables á persoa solicitante.

4. Para o caso de que a persoa solicitante sexa unha comunidade de propietarios/as ou agrupación de comunidades de propietarios/as, os requisitos sinalados nos puntos anteriores deberán ser cumpridos polos seus membros.

Artigo 6. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias:

a) Executar as actuacións subvencionadas dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, cumprindo as condicións e prescricións que nela se establezan.

b) Xustificar a execución coas facturas e documentos bancarios de pagamento nas cales se identifiquen as persoas beneficiarias.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que o IGVS considere pertinentes ao longo do proceso de execución.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

f) As demais obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As persoas beneficiarias destinarán o importe íntegro da axuda ao pagamento das correspondentes actuacións. Cando se trate de comunidades de propietarios/as e agrupacións de comunidades de propietarios/as, esta regra resultará igualmente de aplicación, con independencia de que, tanto o importe desta como o custo das obras, deba repercutirse nas persoas propietarias de vivendas e locais, de conformidade coas regras previstas na lexislación de propiedade horizontal.

Non obstante o disposto no parágrafo anterior, cando algún dos membros da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as incorra nunha ou varias das prohibicións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se atribuirá á devandita persoa propietaria a parte proporcional que lle correspondería da axuda recibida, que se rateará entre os restantes membros da comunidade ou agrupación de comunidades de propietarios/as.

Artigo 7. Contía das subvencións

1. A contía máxima das axudas determinarase en función do custo máximo subvencionable da actuación prevista no edificio ou edificios, que comprenderá o custo total das actuacións subvencionables, nos termos previstos no artigo 3. No caso de conter actuacións de máis dun dos tipos indicados, o orzamento deberá desagregarse para cada unha delas.

2. A contía máxima das subvencións que se concederán por edificio, que non poderá superar o importe de multiplicar 11.000 euros por cada vivenda e por cada 100 m2 de superficie útil de local, ou 12.100 euros cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, determinarase da seguinte maneira:

a) Calcularase multiplicando polo número de vivendas e por cada 100 m2 de superficie útil de local do edificio que consten na escritura de división horizontal ou, no seu defecto, no rexistro da propiedade ou no catastro, as axudas unitarias establecidas a continuación:

– 2.000 euros, para as actuacións de conservación. Neste caso, se ademais se emprenden simultaneamente actuacións para a mellora da calidade e sustentabilidade, a axuda de conservación incrementarase en 1.000 euros, e noutros 1.000 euros máis, se tamén se realizan obras de accesibilidade.

– 2.000 euros, para as actuacións de mellora da calidade e sustentabilidade, ou de 5.000 euros, como máximo, se como consecuencia destas actuacións se reduce, polo menos, nun 50 % a demanda enerxética anual global de calefacción e refrixeración do edificio.

– 4.000 euros, para as actuacións de mellora da accesibilidade.

As contías sinaladas anteriormente poderán incrementarse nun 10 % cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

b) A contía máxima das subvencións que se concederán por edificio non poderá superar o 35 % do custo subvencionable da actuación. Non obstante, no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, e só na partida correspondente á accesibilidade, poderase chegar ao 50 %.

3. En calquera dos casos anteriores, para poder computar a contía establecida por cada 100 m2 de superficie útil de local será necesario que os acordos a que se refire o artigo 4.3º establezan que os locais participan no custo de execución das obras correspondentes. Para estes efectos, non se terán en conta como locais os garaxes e rochos.

Artigo 8. Criterios de avaliación

1. A avaliación de todos os expedientes realizarase de acordo cos seguintes criterios e puntuacións:

a) Edificios en que as súas vivendas constitúan domicilio habitual e permanente das persoas propietarias:

Edificios en que máis do 90 % das vivendas constitúa o domicilio habitual e permanente dos/as propietarios/as: 5 puntos.

Edificios en que entre entre o 80 % e o 90 % das vivendas constitúa o domicilio habitual e permanente dos/as propietarios/as: 3 puntos.

Edificios en que entre o 70 % e o 80 % das vivendas constitúa o domicilio habitual e permanente dos/as propietarios/as: 2 puntos.

b) En función das actuacións subvencionables previstas no artigo 3 aplicarase a seguinte puntuación:

I. Obras para realizar os axustes razoables en materia de accesibilidade:

Obras do artigo 3.4.a): 6 puntos.

Obras do artigo 3.4.b): 4 puntos.

Obras do artigo 3.4.c): 3 puntos.

Obras do artigo 3.4.d): 2 puntos.

II. Obras de conservación:

Obras do artigo 3.2.a): 5 puntos.

Obras do artigo 3.2.b): 4 puntos.

Obras do artigo 3.2.c): 2 puntos.

III. Obras para a mellora da calidade e sustentabilidade do edificio:

Aforro enerxético superior ao 50 %: 4 puntos.

Aforro enerxético superior ao 40 % e inferior ao 50 %: 3 puntos.

Aforro enerxético superior ao 30 % e inferior ao 40 %: 2 puntos.

c) En función do número de vivendas que compoñen o edificio:

De 6 a 10 vivendas: 1 punto.

De 11 a 20 vivendas: 3 puntos.

Máis de 20 vivendas: 6 puntos.

2. Cando se trate de actuacións de conservación, terán preferencia as actuacións en que máis do 60 % das persoas propietarias das vivendas do edificio estean integradas en unidades de convivencia cuxos ingresos non superen 6,5 veces o IPREM.

3. No caso de igualdade de puntuación, resolverase atendendo á orde cronolóxica da data de presentación da solicitude da subvención, tendo prioridade as de data anterior sobre as posteriores. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude, aquela en que esta quedase validamente presentada, por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos esixidos nesta orde.

Artigo 9. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán de achegar os documentos e os datos exixidos nesta orde, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se for o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos dende a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Artigo 10. Solicitudes de subvención

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta orde, debidamente cuberto, á cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para isto o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderanse asinar as seguintes autorizacións:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a copia do seu DNI ou NIE.

7. No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitado ou concedida algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Que todos os datos da solicitude e nos documentos que se achegan son correctos.

d) Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Declaración responsable de que non se lle revogase algunha das axudas contidas neste ou en anteriores plans de vivenda, por causas imputables á persoa solicitante.

g) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude, relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

h) No suposto do artigo 2.3.b), declaración responsable de que o edificio se destinará integramente ao alugamento durante un período de 10 anos.

Artigo 11. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Para o caso da persoa física, propietaria única do edificio, deberá xuntar a copia do seu DNI ou NIE, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) De ser o caso, acreditación da representación da persoa que actúe no nome da persoa propietaria única do edificio.

c) Acta de constitución da comunidade de propietarios/as ou do documento de constitución como agrupación de comunidades de propietarios/as.

d) Certificado de quen exerza as funcións de secretario/a da comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, no cal se recolla tanto o acordo de solicitar as axudas do programa de rehabilitación edificatoria, como o nomeamento da persoa que represente na tramitación do expediente á comunidade de propietarios/as ou da agrupación de comunidades de propietarios/as, conforme ao modelo que se xunta a esta orde como anexo II.

e) Copia do DNI ou NIE acreditativo da identidade do representante da persoa solicitante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

f) Anexo III debidamente cuberto, no cal se relacionan as vivendas e locais do edificio e demais datos necesarios para a concesión da subvención.

g) Relación das persoas propietarias das vivendas e locais do edificio partícipes nas actuacións de rehabilitación, conforme o anexo IV. Neste anexo cubriranse, de ser o caso, as declaracións de non estar incursos en ningunha das circunstancias do artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e outorgaranse as seguintes autorizacións:

1. Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non facelo, deberá presentar a copia do DNI ou NIE.

2. Autorización para a consulta dos datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. No caso de non facelo, deberá presentar o certificado de empadroamento que acredite a data da solicitude e as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

3. Autorización para obter por vía telemática as acreditacións relativas ao cumprimento das súas obrigas tributarias e de non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración estatal tributaria, a Seguridade Social e a Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non facelo, deberanse presentar as copias dos certificados acreditativos destas circunstancias.

h) As solicitudes relativas a obras de conservación deberán achegar o anexo V de declaración responsable da composición da unidade de convivencia, coas seguintes autorizacións:

1. Autorización para consultar os datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade. No caso de non facelo, deberse presentar a copia do seu DNI ou NIE.

2. Autorización para a consulta dos datos de residencia no Sistema de verificación de datos de residencia. No caso de non facelo, deberase presentar o certificado de empadroamento que acredite, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda.

3. Autorización para obter por vía telemática as acreditacións relativas ao cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e ingresos referidos ao último período impositivo, a non ter débedas baixo ningún concepto coa Administración estatal tributaria, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de non facelo, deberase presentar a copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data da solicitude e o certificado das rendas expedido pola Axencia Estatal Tributaria, referidos ao conxunto de membros da unidade de convivencia, e os certificados acreditativos de non ter débedas coas citadas administracións.

No caso de que algún membro da unidade de convivencia non estea obrigado a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola Axencia Estatal Tributaria. No suposto de que non achegasen o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, á cal deberá xuntar, de ser o caso, o certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

i) No suposto do artigo 4.4º, cando o edificio teña menos de oito vivendas e non se vaian empreder simultaneamente actuacións en materia de accesibilidade e/ou mellora da calidade e sustentabilidade e obras de conservación, deberase achegar, de ser o caso, conforme o anexo VI, declaración responsable de situación de discapacidade e autorización para comprobar a condición de discapacidade das persoas da unidade de convivencia, no suposto de que a declaración de discapacidade fose emitida por un organismo competente da Xunta de Galicia. Para o suposto de non autorizar a consulta ou no caso de que a declaración de discapacidade non fose emitida por un organismo da Xunta de Galicia, deberase presentar a citada declaración.

k) Informe de avaliación do edificio en formato dixitalizado XML, cos contidos que figuran no anexo II do Plan estatal 2013-2016, ou documento análogo que inclúa todos os aspectos que forman parte do citado anexo, cubertos e subscritos por técnico/a competente e emitidos con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

l) Proxecto ou memoria das actuacións de rehabilitación que se van realizar, redactada por técnico/a competente, agrupando as partidas que se van executar en capítulos, segundo o establecido no artigo 3. O proxecto ou memoria identificará, ademais, o edificio, así como os datos que se refiren na solicitude, e incluirá fotografías que amosen os elementos que se van rehabilitar.

m) Certificado do inicio das obras, no caso de obras iniciadas con anterioridade á data da resolución da convocatoria.

n) No caso de edificios declarados bens de interese cultural (BIC), catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente, deberán presentar a documentación xustificativa destas circunstancias.

Artigo 12. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado o edificio en que se realicen as actuacións.

2. Co obxecto de realizar a selección das persoas beneficiarias, constituirase unha comisión de valoración, composta polas persoas titulares das seguintes unidades:

Presidente/a: Secretaría Xeral do IGVS.

Vogais:

Dirección Técnica de Fomento do IGVS, quen realizará as funcións de secretario/a.

Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade.

Xefaturas territoriais ou persoas en quen deleguen.

Servizo de Rehabilitación e Renovación Urbana.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. É competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Artigo 13. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a convocatoria aprobada por resolución da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

2. O prazo de presentación de solicitudes será establecido na correspondente convocatoria.

3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se as solicitudes non reúnen algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se lle dará por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa solicitante non poderá modificar a súa solicitude, aumentando o importe do custo das actuacións nin variando os tipos de actuacións que se realizarán.

6. O órgano instrutor remitirá o expediente ao servizo técnico das áreas provinciais para a elaboración dun informe, no cal se definirá a tipoloxía das actuacións requiridas, a aptitude da solución técnica aplicable, o prazo máximo de execución e o orzamento da actuación.

7. Emitido o correspondente informe técnico e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, as solicitudes serán preavaliadas polo órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 21.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

8. O órgano instrutor ordenará as solicitudes comprendidas no informe anterior, en función da orde de prelación que resulte dos criterios de valoración previstos, e remitirá o citado informe á comisión de valoración.

9. A comisión de valoración, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren os requisitos e a subvención que lle corresponde, de acordo co establecido no artigo 33.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

10. A persoa que exerza a presidencia da comisión de valoración elevará a proposta da resolución de concesión da subvención á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, quen, á vista dela e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que conforme dereito proceda, logo da preceptiva fiscalización do gasto.

Artigo 14. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará o custo subvencionable, a data de finalización das obras así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a subvención concedida. Así mesmo, indicará a anualidade aprobada para o pagamento da subvención.

2. O prazo para resolver e notificar a concesión será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes. Finalizado o prazo máximo establecido sen que se dite e notifique a resolución, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución da Dirección Xeral do IGVS é susceptible de recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 15. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se é o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas concedidas por calquera outra entidade pública ou privada, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. En todo caso, a modificación da resolución de concesión realizarase nos termos do artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de subvencións.

Artigo 16. Xustificación da subvención

1. A persoa beneficiaria comunicará á Área Provincial do IGVS na cal se tramita o expediente o remate das obras nun prazo máximo de 30 días, contados desde a súa finalización ou desde o prazo máximo outorgado para a terminación das obras fixado na resolución de concesión da subvención, conforme o anexo VII desta orde, debendo xuntar a seguinte documentación:

a) Fotografías que amosen as obras realizadas.

b) Memoria na cal se describan as actuacións realizadas e nas cales se xustifique, de ser o caso, o aforro enerxético derivado da actuación.

c) Facturas dos provedores que deberán reflectir de xeito desagregado o seu importe e a súa descrición conforme o anexo VIII.

d) Documentos bancarios acreditativos do pagamento das facturas presentadas. Non se admitirán pagamentos en efectivo, nin se admitirán como xustificantes os obtidos a través da rede internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos de verificación na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) De non ter autorizado o IGVS para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberanse presentar as ditas certificacións de todas as persoas propietarias das vivendas e locais.

f) Licenzas e/ou autorizacións preceptivas.

g) Certificado do inicio das obras, no caso de non ter iniciadas as obras con anterioridade á resolución da convocatoria.

h) Certificado do remate das obras.

i) Nome, enderezo e NIF da empresa que executou as obras.

k) Copia de tres ofertas de diferentes provedores, no suposto de que o importe do custo que se vai executar supere a contía de 30.000 €. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa, nos termos establecidos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

l) Para o suposto concreto dos edificios destinados integramente ao alugamento, documento que acredite a inscrición no Rexistro da Propiedade da carga de destinar cada unha das vivendas do edificio ao alugamento durante 10 anos.

2. O prazo para a xustificación material e documental da finalización das actuacións de rehabilitación será, en todo caso, o 30 de novembro do ano previsto para o pagamento das subvencións. Transcorrido o prazo indicado, sen que a persoa beneficiaria presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriraa para que a presente nun prazo improrrogable de dez días.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As áreas provinciais do IGVS poderán requirir a presentación de documentación complementaria, para comprobar a axeitada xustificación da subvención ou a realización das obras conforme o previsto na resolución de concesión.

Artigo 17. Pagamento da subvención

1. O gasto subvencionable determinarase logo da comprobación da execución de todas as obras e a emisión do informe favorable dos servizos técnicos das áreas provinciais do IGVS e tendo en conta as facturas e documentos bancarios de pagamento que se presenten como xustificación destas. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

2. O pagamento realizarase por transferencia bancaria na conta sinalada para o efecto pola persoa beneficiaria.

Artigo 18. Incumprimento e reintegro das axudas

1. Se a persoa beneficiaria incumpre calquera dos requisitos establecidos nestas bases e demais normas aplicables, así como as condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, poderanse anular os beneficios concedidos coa obriga do reintegro da subvención, nos termos legal e regulamentariamente establecidos.

2. Procederá o reintegro da subvención concedida e dos xuros de mora correspondentes nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Conforme o artigo 36.2 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de propietarios/as responden solidariamente da obriga de reintegro, en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

Artigo 19. Infraccións e sancións

1. Ás persoas beneficiarias das axudas reguladas nestas bases seranlles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Conforme o artigo 68.1 da Lei 9/2007, do 13 xuño, os membros da comunidade de propietarios/as responden solidariamente da sanción pecuniaria, en proporción ás súas respectivas cotas de participación.

Artigo 20. Incompatibilidade

1. Non poderán obter os beneficios deste programa de rehabilitación edificatoria as persoas beneficiarias das axudas do programa de fomento da rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2013-2016.

2. Sen prexuízo do sinalado no parágrafo anterior, as subvencións deste programa son compatibles con calquera outra axuda pública, sempre e cando a suma de todas elas non supere o custo total da actuación concreta.

Artigo 21. Publicidade

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro, así como das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Artigo 22. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a: rehabilitacion.igvs@xunta.es .

CAPÍTULO III
Convocatoria con financiamento no ano 2015

Artigo 23. Obxecto

1. A convocatoria das subvencións do programa de rehabilitación edificatoria do Plan estatal 2013–2016 para o exercicio 2015 rexerase polo establecido nesta orde.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbera día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. As obras obxecto desta convocatoria deberán estar finalizadas antes do 30 de novembro de 2015.

Artigo 24. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria, faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.81.451A.780.5, por importe de 1.500.000 euros, e con cargo á anualidade 2015 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

3. As achegas estarán supeditadas ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Fomento, de acordo co estipulado na cláusula cuarta do convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 5 de setembro de 2014.

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto en:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.

d) Real decreto 233/2013, do 5 de abril, polo que se regula o Plan estatal 2013-2016.

e) Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Convenio de colaboración entre o Ministerio de Fomento e a Comunidade Autónoma de Galicia, asinado o 5 de setembro de 2014 (Diario Oficial de Galicia núm. 206, do 28 de outubro).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file