Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 12 de agosto de 2015 Páx. 33086

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2015 pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, derroga o Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

A pesar da dita derrogación, na disposición transitoria única do Decreto 18/2014 indícase que os expedientes iniciados ao abeiro do Decreto 44/2011 seguirán tramitándose conforme este decreto e que poden realizarse convocatorias de subvencións para os citados expedientes.

As actuacións subvencionadas no Decreto 44/2011 teñen por finalidade fomentar a recuperación do patrimonio arquitectónico e tradicional, en prol de favorecer a súa utilización como vivenda habitual e permanente.

Debido ás restricións orzamentarias dos últimos anos, non se puido realizar convocatoria nos exercicios 2011, 2012 e 2014, e a dotación orzamentaria do presente exercicio económico non é suficiente para atender todas as posibles solicitudes con cualificación definitiva xa concedida, polo que se considera necesario establecer un punto de corte que virá determinado pola data da cualificación definitiva para poder solicitar as axudas. A dotación económica da convocatoria asignarase ás actuacións de maior antigüidade na data de cualificación definitiva.

Debe terse en conta tamén que a disposición transitoria cuarta do citado Decreto 44/2011 prevé a posibilidade de presentarse ás convocatorias de subvencións a aquelas persoas solicitantes cuxos expedientes dispuxesen da cédula de rehabilitación concedida de acordo co derrogado Decreto 157/2006, do 7 de setembro.

Esta convocatoria axústase ao disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

De conformidade coa Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2015, habilítanse créditos para o financiamento das axudas.

De acordo co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no artigo 25.3 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, e nos artigos 4 e 5 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS, a competencia corresponde á persoa titular da Presidencia do IGVS e, en consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade de 2015, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Segundo. Bases reguladoras

As bases reguladoras destas subvencións están recollidas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo (Diario Oficial de Galicia número 58, do 23 de marzo), polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Terceiro. Actuacións subvencionables

Serán subvencionables as actuacións previstas no Decreto 44/2011 para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva de data anterior ao 21 de maio de 2012.

Cuarto. Orzamento

1. Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2015 figura o crédito a través do cal serán atendidas as solicitudes de axudas previstas nesta convocatoria e que se poderán outorgar no ano 2015.

As axudas no ámbito rural faranse efectivas na aplicación orzamentaria 07.81.451A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe de 833.706 euros.

As axudas no ámbito histórico e dos Camiños de Santiago faranse efectivas na aplicación orzamentaria 07.81.451A.780.2, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe de 300.000 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación por resolución da Dirección Xeral do IGVS, tendo efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de subvencións de Galicia.

Quinto. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva de data anterior á mencionada no punto terceiro desta resolución.

Así mesmo, poderán ser persoas beneficiarias aquelas que, estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non a tivesen solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores á data de presentación da súa solicitude de subvención ou que, téndoa presentado nese período, rematase o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

2. Será requisito para poder ser persoa beneficiaria da subvención estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente. Ademais, no caso de destinarse a uso propio, esta dedicación deberá ser, cando menos, desde a data da notificación da cualificación definitiva ou, no caso de destinarse a alugamento, desde a sinatura do contrato de arrendamento, que deberá estar comprendida entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención. No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o cumprimento deste requisito de residencia habitual e permanente polos/as propietarios/as ou polos/as inquilinos/as, no caso de aluguer, deberá ser desde a data da solicitude da subvención.

No caso de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine as vivendas a aluguer, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante o período de, polo menos, 15 días ao ano.

3. No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións, en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

4. Para o caso de actuacións con destino ao aluguer, os ingresos ponderados das unidades familiares que residan nas vivendas terán que ser inferiores a 4,5 veces o IPREM. No caso de vivendas con cédula de rehabilitación, os ingresos da unidade familiar da persoa beneficiaria deberán ser inferiores a 3,5 veces o IPREM.

Sexto. Importes máximos das subvencións

1. As actuacións subvenciónanse nunha contía equivalente ao 50 % do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que esta subvención poida superar a cantidade de 6.600 euros, no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación, e a cantidade de 8.600 euros, na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas. En todo caso, o importe da subvención non poderá superar a contía do gasto subvencionable, de acordo co establecido no artigo 3.g) do Decreto 44/2011.

2. No suposto de actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, a subvención máxima prevista calcularase para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras. Para o caso de que, simultaneamente coas obras de elementos comúns, se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subvención total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as contías establecidas no punto anterior.

Sétimo. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes deberán achegar os documentos e os datos exixidos nesta resolución, salvo que xa estivesen en poder da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou do seu sector público; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade de obter algún documento, o órgano competente poderá requirir á persoa solicitante a súa achega.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para obter as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o devandito consentimento, e neste caso deberá presentar as certificacións exixidas para a obtención da subvención.

Oitavo. Presentación de solicitudes

1. A solicitude de concesión realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución, debidamente cuberto, á cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberase dirixir á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.

2. A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Para a presentación da solicitude por vía electrónica será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Tamén se poderá presentar a solicitude en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, utilizando para isto o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal, baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que estean debidamente compulsadas.

6. No modelo de solicitude poderán asinarse as seguintes autorizacións:

a) Para acreditar a identidade da persoa solicitante, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a copia do DNI ou NIE.

b) No caso de actuar por medio de representante, para acreditar a súa identidade, poderase asinar a autorización ao IGVS para a consulta dos datos de identidade (DNI ou NIE) no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que a desenvolve. No caso de non facelo, deberase xuntar a súa copia do DNI ou NIE.

c) Para consultar os datos de residencia da persoa solicitante no Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde do 7 de xullo de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. No caso de non facelo, deberase presentar o certificado de empadroamento.

7. No modelo de solicitude realizaranse, ademais, as seguintes declaracións:

a) Declaración de non ter solicitado ou obtido ningunha outra axuda para o mesmo proxecto. No caso de ter solicitado ou térselle concedida algunha outra axuda, deberá indicar cales.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida.

c) Que todos os datos da solicitude son correctos.

d) Non estar incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención das axudas.

e) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

f) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

Noveno. Documentación complementaria

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante e, de ser o caso, do seu representante, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

b) Certificados acreditativos de acharse ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para o suposto de non ter autorizado a súa consulta.

c) Xustificación do pagamento, conforme o establecido no artigo 48.2 do Decreto 11/2009 e no punto 15º desta resolución. Para tal efecto, cubrirase o anexo II e achegarase a documentación xustificativa.

d) No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma, haberá que acreditar o cumprimento do requisito mínimo de residencia na vivenda de, polo menos, 15 días ao ano, establecido no artigo 6.4º do Decreto 44/2011. Para o cumprimento deste requisito achegarase unha declaración responsable, acompañada de documentación xustificativa, tal como copia das facturas dos consumos de auga, luz ou calquera outra documentación a nome da persoa solicitante que poida acreditar esta circunstancia.

e) Acreditación do uso da vivenda, de acordo co artigo 6 do Decreto 44/2011, nos seguintes termos:

Para o caso de uso propio: presentación do certificado de empadroamento, de non ter autorizado a súa consulta.

Para o caso de alugamento: presentación dun contrato de arrendamento, o cal deberá ter un período mínimo de vixencia de cinco anos.

f) Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións en ámbito rural que conten con cédula de rehabilitación de calidade, deberase acreditar o cumprimento dos límites de ingresos familiares establecidos no punto 5.5 desta resolución, presentando a seguinte documentación:

1. Anexo III de declaración responsable da composición da unidade familiar e autorización ao IGVS para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos. Para o suposto de non ter autorizado a devandita consulta, deberase presentar a copia da declaración do Imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante IRPF) correspondente ao exercicio vencido, inmediatamente anterior á data de solicitude, e o certificado das rendas expedido pola Axencia Estatal Tributaria, relativo ao conxunto dos membros da unidade familiar.

2. No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola Axencia Estatal Tributaria. No suposto de que non se achegase o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, que se deberá acompañar, de ser o caso, do certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Inem e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

3. No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma, deberanse xustificar os ingresos familiares mediante a achega dunha copia da declaración do IRPF presentada en España ou, se for o caso, da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular de España no seu país de residencia.

g) Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións con destino a alugamento, deberase acreditar o cumprimento do límite de ingresos familiares establecidos no punto 5.4, nos termos sinalados no punto anterior, segundo o modelo do anexo IV.

Décimo. Procedemento de concesión

1. O procedemento iniciase de oficio, en réxime de concorrencia non competitiva, mediante a presente convocatoria.

2. A instrución do procedemento corresponde á persoa titular da xefatura da área do IGVS competente, quen elevará a proposta de concesión, no caso de cumprir os requisitos, ou de denegación motivada, no caso contrario.

3. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, á vista das propostas de concesión ou de denegación e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá o que en dereito proceda.

Décimo primeiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Décimo segundo. Requirimentos de emenda

De conformidade co establecido nos artigos 59, 60 e 61 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os requirimentos de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do IGVS.

Décimo terceiro. Resolución e notificación

a) A resolución da Dirección Xeral do IGVS é susceptible de recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

b) O prazo para resolver e notificar a concesión será de tres meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. A resolución notificarase no enderezo que a persoa solicitante tivese sinalado para estes efectos na solicitude.

Unha vez transcorrido o citado prazo sen que se ditase e notificase a resolución, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Décimo cuarto. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgúns dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas aquelas solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, o criterio que se utilizará para a súa tramitación será o da maior antigüidade da data de resolución da cualificación definitiva ou, se for o caso, da cédula de rehabilitación de calidade. No caso de igualdade da data de resolución da cualificación definitiva, atenderase á orde cronolóxica de entrada da solicitude completa no rexistro da área provincial do IGVS. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo quinto. Xustificación do gasto subvencionable

1. A obtención da cualificación definitiva substitúe a documentación que regula o artigo 48.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, para a conta xustificativa.

2. A persoa beneficiaria deberá achegar a seguinte documentación, establecida para a memoria económica no artigo 48.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:

a) Relación clasificada de gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento acreditativo do gasto, o seu importe, a data de emisión e, se for o caso, as datas de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporadas na relación a que se fai referencia no apartado anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se for o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos, incorporados na relación a que se fai referencia na alínea a).

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e procedencia.

3. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios/as, as facturas e documentos bancarios poderán vir a nome da comunidade e indicarase a porcentaxe de participación de cada vivenda no orzamento protexible das obras.

4. De acordo co establecido nos artigos 3.g) e 31 do Decreto 44/2011, o gasto subvencionable deberá estar efectivamente pagado e xustificado.

Décimo sexto. Pagamento da subvención

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria na conta que sinalen para o efecto.

Décimo sétimo. Compatibilidade

De acordo co establecido no artigo 36 do Decreto 44/2011 e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, o réxime de compatibilidades é o seguinte:

a) As subvencións previstas nesta convocatoria son compatibles coas axudas establecidas en materia de rehabilitación, tanto na normativa estatal como na autonómica, excepto no suposto previsto na alínea c) deste punto.

b) O importe das subvencións non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos supere o custo da actividade subvencionada.

c) Non poderán concederse axudas para aquelas vivendas que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación, reconstrución ou renovación, ou ao abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as teñan solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude de subvención, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Décimo oitavo. Publicidade das subvencións concedidas

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e a publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e ás subvencións recibidas no devandito rexistro e das posibles sancións que se lle poidan impoñer.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o IGVS publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación.

Décimo noveno. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición cuxo tratamento e publicación estean autorizados polas persoas solicitantes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e con entidades». O obxecto deste ficheiro é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a aluga.igvs@xunta.es

Disposición adicional primeira. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2015

Ethel María Vázquez Mourelle
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

VI408Eg.pdf
VI408Eg.pdf
VI408Eg.pdf
VI408Eg.pdf
VI408Eg.pdf
VI408Eg.pdf