Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 1 de setembro de 2015 Páx. 35330

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 25 de agosto de 2015 pola que se convocan axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2015/16.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio) establece, no seu artigo 4, que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto para todas as persoas. Así mesmo, no seu artigo 83 recolle o establecemento de bolsas e axudas ao estudo para garantir a igualdade no exercicio do dereito á educación.

Para tal fin, a Orde do 22 de maio de 2015 convocou axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en 1º, 2º, 4º e 6º de educación primaria, 1º e 3º de educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos para o seu uso no curso escolar 2015/16; e a Orde do 21 de maio de 2015 regulou o fondo solidario de libros de texto destinado ao alumnado matriculado en 3º e 5º de educación primaria e en 2º e 4º de educación secundaria obrigatoria, publicadas ambas no Diario Oficial de Galicia núm. 101, do 1 de xuño de 2015.

Agora, mediante esta orde complétanse as garantías ofrecidas cos citados instrumentos, e coa finalidade de reforzar o apoio ás familias con maiores dificultades, establécese unha nova liña de axudas para a adquisición de material escolar dirixida a aquelas que teñan unha renda per cápita menor.

En exercicio das competencias atribuídas no Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 18 de xaneiro),

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria e procedemento

1. O obxecto desta orde é convocar axudas para a adquisición de material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso escolar 2015/16.

2. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta que polo obxecto e finalidade da subvención non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

Artigo 2. Requisitos

1. Para ser beneficiario desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser pai/nai/titor ou titora legal do alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nun centro sostido con fondos públicos durante o curso escolar 2015/16.

b) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Ter unha renda per cápita familiar igual ou inferior a 5.400 euros.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As axudas serán solicitadas polos pais, nais, titores ou representantes legais do alumnado. Presentarase unha solicitude por cada alumno ou alumna matriculados, de xeito que, se un solicitante ten varios fillos ou fillas matriculados nas ensinanzas obxecto da convocatoria, xa sexa no mesmo ou en distinto centro, deberá presentar unha solicitude para cada un deles.

2. As solicitudes (anexo I) deberán presentarse en soporte papel, preferentemente no centro en que estea matriculado o alumno ou alumna, ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) .

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Solicitudes e documentación

1. Os formularios de solicitude poderán obterse na guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.es, nas xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e tamén se poderán descargar en formato PDF do portal educativo no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.es

Unha vez cuberta a solicitude, deberá presentarse xunto coa documentación, segundo se indica no artigo 3 desta orde, debidamente asinada polo pai, a nai ou titor/a do alumnado. Todo isto sen prexuízo da sinatura por parte do resto dos membros da unidade familiar que obteñan ingresos, excepto nos supostos de separación ou divorcio, nos cales poderá omitirse a sinatura do proxenitor que non teña a custodia do menor.

A aplicación informática para a xestión das axudas tamén permitirá a xeración da solicitude unha vez introducidos os datos polo centro.

2. Se a solicitude se presenta no centro docente onde está matriculado o alumno, presentarase orixinal e copia da documentación, co fin de que a persoa que a reciba poida verificar a autenticidade da copia e devolva os orixinais. En caso de que a presentación non se faga no centro, deberá presentarse orixinal ou copia debidamente compulsada.

A documentación que hai que achegar xunto á solicitude será a seguinte:

a) Copia do DNI ou NIE dos membros computables da unidade familiar, cando non autoricen a consulta telemática.

b) Copia do libro de familia onde figuren todos os membros computables da unidade familiar.

Só no caso de non ter libro de familia ou se a situación familiar, no día 31 de decembro de 2013, non coincide coa reflectida no libro, terá que presentarse documento ou documentos acreditativos do número de membros da unidade familiar, tales como:

1º. Sentenza xudicial de separación ou divorcio e/ou o convenio regulador onde conste a custodia do causante.

2º. Certificado ou volante de convivencia.

3º. Informe dos servizos sociais ou órgano equivalente do concello de residencia que acredite a situación familiar.

c) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas do ano 2013 ou, na falta desta, o certificado tributario de imputacións dos membros computables da unidade familiar distintos da persoa solicitante, cando non autoricen a consulta telemática.

d) No caso de discapacidade igual ou superior ao 33 % dalgún membro da unidade familiar, incluído/a o/a alumno/a, deberá presentarse un dos seguintes documentos que acrediten esta circunstancia en 31 de decembro de 2013:

1º. Certificado emitido polo órgano competente.

2º. Resolución ou certificado emitido pola Seguridade Social de percepción de pensión de incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou

3º. Documentación acreditativa da condición de pensionista de clases pasivas cunha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade.

e) No caso de situación de violencia de xénero no ámbito familiar: documentación acreditativa.

3. A documentación que se achegue deberá ter validez no momento da presentación da solicitude.

4. O centro educativo poderá requirir das persoas solicitantes, en calquera momento, aclaración da documentación presentada.

5. Os centros docentes prestarán asesoramento ás persoas interesadas para que cubran as solicitudes de xeito correcto en todas as súas epígrafes e acheguen a documentación requirida por esta orde.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Contía das axudas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concederá unha axuda por importe de 50 euros por alumno/a que reúna os requisitos previstos nesta orde, cando a renda per cápita familiar no ano 2013 sexa igual ou inferior a 5.400 euros.

No caso de que nunha mesma unidade familiar existan varios alumnos ou alumnas que reúnan os requisitos para seren causantes destas axudas, percibirase a contía que corresponda por cada un deles, segundo o establecido nesta convocatoria.

Os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Artigo 6. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 7. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxcentros@xunta.es

Artigo 8. Renda per cápita familiar

1. Enténdese por renda per cápita a renda familiar dividida entre o número de membros da unidade computables.

2. Para os efectos do cálculo da renda per cápita da unidade familiar, computaranse por dous os membros da familia, incluído/a o/a alumno/a, que figuren na solicitude e teñan recoñecida en 31 de decembro de 2013 unha discapacidade igual ou superior ao 33 %.

Segundo o establecido nos artigos 38 e 42 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, para os efectos do cálculo da renda per cápita nos casos de violencia de xénero no ámbito familiar, quedarán excluídos do cómputo das rendas os ingresos do agresor.

3. Nesta convocatoria, para os efectos de determinar a renda per cápita familiar, terase en conta a situación persoal e familiar en 31 de decembro de 2013 e o exercicio fiscal 2013. Non se terán en conta os fillos nacidos, adoptados ou acollidos despois desta data.

4. A renda familiar obterase por agregación das rendas de cada un dos membros computables que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas. Os membros da unidade familiar que presentasen declaración do imposto sobre a renda de 2013, para os efectos do cálculo da renda familiar sumarán os recadros 366 (base impoñible xeral) e 374 (base impoñible do aforro) da declaración.

No caso de non presentar declaración, teranse en conta os ingresos netos de todos os membros computables da unidade familiar durante o exercicio 2013.

5. No caso das solicitudes de axudas nos cursos incluídos nesta orde, coa sinatura da solicitude a persoa solicitante declara, baixo a súa responsabilidade, que reúne o requisito de ingresos da unidade familiar que fai constar, e queda sometido ao réxime de infraccións e sancións a que se refire a disposición adicional segunda desta orde.

Ademais, coa sinatura da solicitude a persoa solicitante declara baixo a súa responsabilidade que se encontra ao día no cumprimento das obrigacións tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento débeda ningunha coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

6. No caso de divorcio ou separación legal dos pais, non se considerará membro computable aquel que non conviva co causante. Non obstante, se é o caso, terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida por análoga relación, e as rendas incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

Artigo 9. Determinación da unidade familiar

1. Para os efectos previstos nesta orde, e con referencia á situación familiar en 31 de decembro de 2013, considérase que conforman a unidade familiar:

a) Os pais non separados legalmente e, se for o caso, o titor ou titora, ou a persoa encargada da garda e protección do menor.

b) Os fillos ou fillas menores de idade, con excepción dos/as emancipados/as.

c) Os fillos ou fillas maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

d) Os fillos ou fillas solteiros menores de vinte e cinco anos e que convivan no domicilio familiar.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os descendentes que convivan con eles, e que reúnan os requisitos do punto anterior. Esta situación deberá acreditarse documentalmente mediante o correspondente volante ou certificado de convivencia.

3. No caso de falecemento dalgún dos proxenitores que convivan co causante, acreditarase a circunstancia mediante un certificado de defunción.

4. Os casos de separación ou divorcio acreditaranse mediante sentenza xudicial ou convenio regulador onde conste a custodia do/a menor.

5. No caso de separación ou divorcio dos proxenitores con custodia compartida acreditada mediante sentenza xudicial, as rendas de ambos os proxenitores incluiranse dentro do cómputo da renda familiar.

6. En casos especiais en que a unidade familiar non estea conformada do xeito establecido no punto 1 deste artigo, deberá achegarse volante ou certificado de convivencia en que figure o/a alumno/a para o cal se solicita a axuda e todos os familiares que convivan con el ou ela, ou certificado dos servizos sociais do concello que o acredite.

7. Para os menores que se encontren en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, a solicitude deberá ser formulada polo director ou directora do centro de menores correspondente ou, de ser o caso, pola familia en que estea acollido.

Artigo 10. Tramitación das solicitudes e xeración do vale

1. Unha vez recibidas as solicitudes, o centro deberá introducir a información na aplicación informática de xestión das axudas (Axudaslibros) recuperando a información dos datos asociados ao DNI/NIE da persoa solicitante no sistema XADE, información que deberá revisarse e completarse cos datos indicados na solicitude presentada.

Só no caso de que non se recuperase a información de XADE se poderá iniciar unha solicitude nova en branco e cubrir todos os datos indicados pola persoa solicitante. En todo caso, o centro que tramite a solicitude deberá completar toda a información requirida polo sistema segundo os datos indicados e comprobar que a documentación estea completa.

A data máxima para gravar as solicitudes na aplicación informática será o 15 de outubro de 2015 (este incluído).

2. Unha vez que as solicitudes coas autorizacións de acceso de forma telemática ou, de ser o caso, a documentación, estean introducidas na aplicación informática, o centro educativo, se están correctamente cubertas e acompañadas pola documentación preceptiva, procederá a validalas. En caso contrario, quedarán en situación pendente de emendar e a persoa interesada poderá emendalas de acordo co artigo 11 desta orde antes do día 15 de outubro de 2015.

3. A seguir, a aplicación informática comprobará a renda das solicitudes validadas e, se esta é igual ou inferior a 5.400 €, permitirá xerar un vale cun código único, segundo o modelo establecido como anexo II a esta orde, que será selado e asinado polo director ou directora do centro e entregado á persoa solicitante. Só se poderá entregar un vale por cada alumno ou alumna e nunca antes da formalización da matrícula no curso correspondente.

A data máxima para xerar o vale para a adquisición de material escolar será o 19 de outubro de 2015 (este incluído).

O centro deberá levar un sistema de control dos vales entregados, de xeito que en todo momento poida efectuarse calquera comprobación ao respecto, especialmente a data de entrega á persoa interesada.

O centro nunca expedirá un novo vale no caso de que este sexa extraviado polo solicitante ou pola libraría.

O sistema gardará constancia da xeración do vale, indicando a data de xeración e marcando a solicitude como reserva de concesión.

No suposto de que o persoal do centro despois de entregar un vale observe algún erro, deberá poñerse en contacto coa persoa solicitante para requirirlle a súa devolución. Unha vez recuperado, procederá a dar de baixa a solicitude, o que supón a anulación do vale e a necesidade de cubrir unha nova para xerar outro vale cos datos correctos.

4. As solicitudes que non se poidan validar por falta de emenda das deficiencias, así como as presentadas fóra de prazo e as que superen o límite de renda fixado nesta convocatoria, quedarán excluídas.

5. As solicitudes, así como a totalidade da documentación presentada, deberán quedar debidamente arquivadas no centro, á disposición das comprobacións que poidan realizarse segundo se indica no artigo 18 desta orde.

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos será o órgano competente para a instrución do procedemento e a emisión da proposta de resolución, e corresponde á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ditar a resolución de concesión.

Transcorrido o prazo de tres meses desde o día seguinte ao da presentación da solicitude sen que o centro poña á disposición da persoa solicitante o correspondente vale, esta poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, de conformidade co artigo 43.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para os efectos de interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da citada lei, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso- Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Os centros concertados que actúen como entidades colaboradoras na xestión das axudas terán que cubrir e asinar un anexo III, e envialo á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos antes de iniciar a tramitación das solicitudes, quedando suxeitos ao establecido nesta orde.

Artigo 11. Emenda de solicitudes

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non estean correctamente cubertas ou acompañadas polos documentos preceptivos, o centro requirirá a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende as faltas ou remita os documentos preceptivos. De non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente nos termos previstos na citada lei. Ademais da notificación individualizada, publicarase no taboleiro de anuncios do centro educativo a relación de solicitudes pendentes de emendar con indicación das deficiencias ou documentación de que carecen.

Unha vez entregado o vale, se o solicitante detectar algún erro, disporá de dez días hábiles para emendar a solicitude e devolverá o vale recibido.

Artigo 12. Adquisición do material escolar

1. Unha vez que a persoa solicitante estea en posesión do vale, poderá adquirir material escolar no correspondente establecemento, á súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.

As persoas beneficiarias do vale para a adquisición de material escolar poderán usalo no correspondente establecemento ata o día 31 de outubro de 2015 (este incluído).

Se o importe do material escolar adquirido é inferior ao valor do vale, o persoal do establecemento deberá introducir no recadro establecido para tal efecto a contía exacta da venda; se o importe é superior ao valor do vale, a diferenza será aboada polo solicitante. A consellería non asume máis que o importe consignado no vale.

O establecemento receptor dos vales non poderá, en ningún caso, requirir á persoa que lle anticipe o importe do vale nin que lle entregue o vale antes da recepción do material escolar.

O solicitante nunca deberá asinar e entregar o vale antes da recepción do material escolar. A sinatura do vale e a súa entrega implica a súa conformidade co material escolar entregado, así como, se for o caso, co importe indicado polo establecemento no recadro establecido para tal efecto.

Unha vez entregado o material escolar, o establecemento quedará en posesión do correspondente vale.

2. Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe total de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento.

3. A admisión por parte dos establecementos dos vales presentados implica a aceptación das condicións da orde.

Artigo 13. Presentación dos talóns de cargo

1. Co obxecto de axilizar a tramitación, antes da presentación dos talóns de cargo, os establecementos en que se venda o material escolar e que non o fixesen con anterioridade deberán comunicar os seus datos, enviando o anexo IV debidamente cuberto en todas as súas epígrafes, ao enderezo que figura no seu pé. Os establecementos que figuren rexistrados para a xestións das axudas de libros de texto non terán que validar este trámite.

Para acreditar os datos de identidade, os titulares das librarías poderán prestar o seu consentimento para a comprobación por medio de acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e, para tal fin, marcar o recadro correspondente do anexo IV ou, en caso contrario, terán que presentar copia do correspondente documento.

2. Os establecementos, unha vez entregada a totalidade do material escolar, incluirán no talón de cargo única e exclusivamente o importe por vales de material escolar; en ningún caso mesturarán no mesmo talón de cargo estes importes cos procedentes de vales para a adquisición de libros de texto.

Os talóns de cargo dirixiranse á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da súa provincia.

Os enderezos das xefaturas territoriais de cada provincia son:

• Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña.

Praza Luís Seoane, s/n, 15008 A Coruña.

• Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo.

Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo.

• Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Ourense.

Rúa do Concello, 11, 32003 Ourense.

• Xefatura Territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra.

Rúa Fernández Ladreda, 43-7º e 8º, 36003 Pontevedra.

3. En cada talón de cargo deberán figurar, polo menos, os seguintes datos:

• O NIF ou NIE do establecemento.

• O nome do titular do establecemento (empresa/apelidos e nome).

• Os datos do establecemento (denominación comercial, enderezo completo, concello e provincia).

• A data do talón de cargo.

• O número do talón de cargo.

• A relación de todos os códigos de vale que se xunten ao talón do cargo.

• O importe total dos vales relacionados no talón de cargo.

4. Os vales para a adquisición de material escolar deben ir grampados ao talón de cargo na mesma orde en que se relacionaron.

Os vales deben ser orixinais e ter as sinaturas da persoa titular da dirección do centro, do responsable da libraría e da persoa solicitante. Non se aceptan vales fotocopiados nin os que carezan dalgunha das sinaturas indicadas.

O importe do talón de cargo debe coincidir coa suma dos importes dos vales que leve grampados (debe terse en conta que, nalgún caso, o importe gastado pode ser inferior ao total do vale).

Para os efectos da tramitación, cada talón de cargo por material escolar cos seus correspondentes vales de adquisición de material escolar configura unha unidade, de tal xeito que esta non se tramitará cando exista algún problema con calquera dos vales que se xuntan ata que se proceda á súa emenda.

5. O persoal das xefaturas territoriais introducirá e validará os talóns de cargo no sistema. Se no talón de cargo se observa algún defecto de forma ou se o importe deste non coincide co dos vales que o acompañan, non se poderá proceder á tramitación do pagamento e as xefaturas territoriais requirirán o establecemento para que proceda á súa emenda.

O establecemento poderá consultar no sistema cal é o estado en que se atopan os seus talóns de cargo mediante unha clave asignada a cada libraría pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 14. Tramitación e pagamento

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tramitará as ordes de pagamento, nas cales se incluirán os talóns de cargo dos establecementos que subministrasen o material escolar, previamente validados por cada xefatura territorial, logo das correspondentes resolucións de concesión do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 15. Prazos para a tramitación dos vales e para a presentación dos talóns de cargo

As librarías poderán presentar os talóns de cargo correspondentes aos vales ata o 16 de novembro de 2015 (este incluído).

En todo caso, as xefaturas territoriais da consellería competente en materia de educación poderán validar os talóns de cargo correspondentes aos vales ata o 11 de decembro de 2015.

Artigo 16. Obrigas dos beneficiarios

A concesión da axuda comporta as seguintes obrigas:

a) Seguir as directrices que marca a orde de convocatoria e destinar o importe da axuda na súa integridade á adquisición de material escolar do curso académico para o cal se solicitou a axuda.

b) Cooperar coa Administración educativa en cantas actividades de inspección e verificación leve a cabo, para asegurar o correcto destino da axuda.

c) As establecidas para os beneficiarios no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Compatibilidade das axudas

As axudas concedidas en virtude da presente orde serán compatibles con calquera outra axuda que poida percibir coa mesma finalidade doutras entidades públicas ou privadas, sempre que as axudas concorrentes non superen o custo do material escolar subvencionado.

Artigo 18. Control, aplicación e revisión das axudas

1. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir á persoa solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos consignados polos peticionarios.

2. De conformidade co disposto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a concesión das bolsas e axudas ao estudo que se conceden con base na concorrencia dunha determinada situación no perceptor ou perceptora non requirirá outra xustificación que a acreditación previa á concesión de que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria.

3. Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, especialmente, no caso de que se detectase que o importe recibido non foi empregado na adquisición do material escolar.

Para estes efectos, os centros docentes informarán a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos no caso de que detecten que algún alumno ou alumna receptor/a da axuda non dispoña do material escolar correspondente.

4. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas poderán realizar, mediante os procedementos legais pertinentes, as comprobacións oportunas respecto ao destino e aplicación das subvencións, para o cal tanto as persoas beneficiarias como os centros docentes quedan obrigados a facilitarlles canta información lles sexa requirida.

5. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Artigo 19. Financiamento das axudas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.423A.480.0, polo importe total de 3.000.000 euros para o ano 2015.

Se for o caso, poderanse ampliar os importes antes citados conforme o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Recursos contra a convocatoria

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 21. Colaboración dos centros educativos na difusión e participación nesta convocatoria

1. A dirección de cada centro educativo arbitrará as medidas necesarias para que o contido desta orde sexa coñecido por todos os sectores da comunidade educativa e entregará unha copia ao consello escolar, ao claustro, ás ANPAS e, de ser o caso, ás asociacións de alumnado.

2. O contido desta orde e a información complementaria exporase no portal educativo da consellería no seguinte enderezo: http://www.edu.xunta.es

Disposición adicional primeira. Lexislación aplicable

Para o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño), e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento desta lei.

Disposición adicional segunda. Infraccións e sancións

As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar os actos e medidas necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2015

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file