Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Venres, 18 de setembro de 2015 Páx. 37128

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 2015 pola que convoca un curso de monitor de tiro dirixido aos corpos de policía local da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2015 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do día 23 de decembro de 2014, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse un curso de monitor de tiro, cuxas bases se especifican a continuación:

Obxectivos.

a) Controlar adecuadamente o estado, uso e mantemento das armas de dotación de cada cadro de persoal.

b) Establecer os programas das correspondentes prácticas de tiro do seu concello.

c) Intervir na adquisición de munición para a realización das prácticas de tiro do seu concello.

d) Levar o control de realización individualizada das prácticas de tiro programadas polo concello, mediante o correspondente caderno persoal de tiro.

e) Determinar as técnicas de manexo e control dos alumnos-tiradores, para que lles permitan actuar como apoio ou auxilio do instrutor das prácticas de tiro que, se é o caso, se realicen na Academia Galega de Seguridade Pública.

f) Adquirir coñecementos sobre o manexo e funcionamento das armas orientados á instrución dos demais policías.

Desenvolvemento e contido do curso.

O curso constará dunha parte teórica e dunha parte práctica, realizarase con anterioridade unha proba práctica de acceso.

A parte teórica comprenderá:

• Normas de seguridade con armas de fogo.

• As armas de fogo: clasificación e evolución.

• Armas de canón estriado. O canón poligonal. Medidas.

• Cartucharía: metálica e semimétalica.

• Balística: interna, externa e de efectos.

• Técnicas de disparo.

• O revólver e a pistola semiautomática.

• Normas para a dirección de exercicios de tiro.

• Interrupcións no revólver e na pistola.

• A pistola GLOCK 17 e a H&K USP COMPACT.

• A escopeta policial e a súa munición.

• Psicoloxía da comunicación: o emisor e o receptor. A comunicación verbal e non verbal.

• Estudo do Regulamento de armas.

A parte práctica desenvolverase na galería de tiro utilizando diferentes armas para a realización de prácticas de:

• Prácticas de tiro con revólver, pistola e escopeta policial.

• Prácticas das diversas técnicas de tiro policial.

• Tiro de precisión e tiro instintivo.

• Parapetos.

• Resolución de percorridos de tiro.

• Dirección de liñas de tiro.

• Deseño e dirección de plans de tiro.

Destinatarios.

Persoal funcionario dos corpos da policía local que estea realizando funcións de mantemento do armamento ou de dirección das prácticas de tiro naqueles concellos que o precisen, ou que o pretenda facer no futuro.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertan neste curso é de 10. Non obstante, convocaranse máis solicitantes para facer unha proba de aptitude inmediatamente antes do comezo do curso, que permita seleccionar os aspirantes de xeito adecuado.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp ( htpp://agasp.xunta.es ); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a continuación se indican, o/a solicitante deberán remitir a Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación: (non será preciso, se tal documentación xa está en poder da Agasp, neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude).

a) Profesionais que estean desfrutando ou desfrutasen, nos dous últimos anos, dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. É preciso que remitan, pola súa vez, un escrito do/a alcalde/alcaldesa ou concelleiro/a delegado, onde informe de que o solicitante desenvolve ou desenvolverá, se é o caso, as tarefas propias de monitor de armamento e tiro policial nese concello, e solicite a súa admisión no curso.

O dito escrito enviarase por fax (886 20 61 22), por correo electrónico ( formación.agasp@xunta.es ) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. O prazo de presentación de solicitudes é de cinco días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Criterios xerais de selección.

Terán prioridade todos aqueles que na actualidade estean a realizar funcións de monitor e adestramento de tiro no concello de pertenza e non realizasen o curso, sempre e cando o órgano competente do seu concello emitise informe correctamente sobre tal circunstancia.

Seguidamente, terán preferencia aqueles que pretendan realizar as ditas funcións no seu concello e esa entidade emita informe debidamente.

No caso de quedar prazas vacantes despois de aplicar os criterios mencionados con anterioridade ou no caso de recibir máis solicitudes que o número de prazas que se oferta, aplicaranse os criterios xerais de selección que figuran na normativa de aplicación.

Admisión.

A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, con polo menos, tres días naturais antes do inicio de cada curso.

O prazo de presentación de alegacións será de dous días naturais desde a súa publicación.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxaría telefónica, todos aqueles que non figuren na relación, non foron seleccionados, ben porque ocupan un posto máis afastado na listaxe de reservas, ben porque foron excluídos por algún motivo dos expresados nesta convocatoria, todo de acordo co previsto no artigo 59.6.b) da LRXPAC.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar dos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

O alumnado seleccionado deberá asistir ás clases co uniforme regulamentario e portando a arma regulamentaria.

Datas e horario.

– Proba de acceso: 1 de outubro ás 16.00.

– 6, 7 e 8 de outubro de 2015, das 10.00 ás 14.00 e das 15.30 ás 19.30.

– 9 de outubro de 2015, das 10.00 ás 14.00.

– Do 19 ao 27 de outubro de 2015, das 15.30 ás 20.00 horas.

Duración.

60 horas lectivas.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade.

Avaliación.

Co fin de determinar o nivel de aproveitamento do curso e o grao de consecución dos obxectivos propostos, realizarase unha proba escrita sobre o contido visto na parte teórica, sendo obrigatorio superala para poder realizar a parte práctica do curso.

Así mesmo, realizaranse avaliacións nas prácticas sobre explicación, dirección e realización de exercicios de tiro.

Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de setembro de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública