Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 24 de setembro de 2015 Páx. 37611

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 16 de setembro de 2015 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 25 de xuño de 2015, acordou por unanimidade dos seus membros asistentes, a aprobación das bases reguladoras das axudas do Igape a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), que inclúe o procedemento de selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión; e convocar para 2015 o dito réxime de axudas.

Segundo. As entidades colaboradoras do programa Reforma15 son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e xuntar a documentación xustificativa da actuación).

Para poder ser beneficiario das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo de formulario normalizado que se inclúe como anexo II destas bases.

As solicitudes deberán presentalas as entidades colaboradoras exclusivamente por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , ou ben desde as páxinas web http://tramita.igape.es , http://www.igape.es/reforma15 , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

As entidades colaboradoras poderán solicitar a súa adhesión a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de outubro de 2015 (código de procedemento IG218).

O prazo de presentación de solicitudes de axuda (que inclúen a documentación xustificativa e a solicitude de cobro) comezará 10 días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 16 de novembro de 2015, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito. Neste caso informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia (código de procedemento IG219).

O prazo de xustificación da axuda estenderase ata o 30 de novembro de 2015.

Terceiro. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

2015

08.A1-741A-7802

2.800.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito e modificar a partida orzamentaria, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar axudas por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, do cal se dará a correspondente publicidade no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Poderase obter documentación normalizada ou información adicional sobre os procedementos administrativos que soportan esta convocatoria no Igape, a través dos seguintes medios:

1. Guía de procedementos e servizos.

2. Páxina web do Igape: http://www.igape.es

3. O teléfono de información do Igape: 900 81 51 51.

4. O enderezo electrónico: informa@igape.es

5. Presencialmente, nas oficinas do Igape indicadas no enderezo seguinte:

http://www.igape.es/es/que-e-o-igape/onde-estamos

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facer uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Sexto. Publicar o convenio de colaboración para as axudas a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), ao cal se deben adherir as entidades colaboradoras.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia
non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas
de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión

A crise económica iniciada no ano 2008 foi especialmente traumática na actividade da construción por mor da importante burbulla creada nos anos anteriores ao ano 2008 así como pola facilidade crediticia que nese eido e no da promoción inmobiliaria se produciu ata a chegada da crise.

Como consecuencia, moitas actividades industriais e comerciais que se desenvolven arredor da actividade da construción foron gravemente afectadas no período de crise, chegando ao peche ou a situacións de redución por sobrecapacidade que afectaron a xeración de emprego no conxunto da actividade económica; á situación endóxena sumóuselle ademais a contracción da demanda interna e a falta de decisión de compra por parte dos consumidores.

Co gallo de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais sobrecastigados polo parón e descenso da actividade de construción, a Consellería de Economía e Industria, á vista do éxito que no eido da automoción veñen tendo os diferentes plans PIVE e outros anteriores, de acordo cos representantes das asociacións empresariais de materiais en Galicia, considera conveniente establecer un incentivo temporal á demanda para a adquisición de materiais de rehabilitación e reforma así como pezas de mobiliario de cociña e baño; tendo en conta, ademais, que a venda desta tipoloxía de bens, indirectamente, poden ter unha incidencia positiva no sector industrial de fabricación producida en Galicia, pon en marcha o programa de axudas Reforma15 para o ano 2015 con posibilidades de estender ata 2016 mediante novas convocatorias.

A competencia do Igape para a tramitación destas axudas vén dada, segundo o exposto anteriormente, pola Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, onde se indica coma unha das funcións do ente a promoción, fomento e potenciamento das actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais como territoriais.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder ningunha avaliación das solicitudes, senón a simple comprobación dos requisitos dos beneficiarios, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación por parte da entidade colaboradora de solicitudes será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos axeitados.

Artigo 1. Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape destinadas a incentivar a demanda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño en Galicia, para persoas físicas, co fin de incrementar e incentivar a demanda interna e tratar de repercutir con ela nos sectores industriais e comerciais galegos, así como para a selección de entidades colaboradoras que participan na súa xestión.

O Igape publicará na súa páxina web www.igape.es/reforma15 a relación actualizada en todo momento dos establecementos de venda adheridos ao programa.

Artigo 2. Réxime das subvencións

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

2. A concesión destas axudas estará en todo caso condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia, e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o cal suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Actuacións, gastos subvencionables e contía das axudas

1. Serán subvencionables as operacións de adquisición de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario para cociña e baño (excluídos electrodomésticos) realizadas nun establecemento de venda adherido, que cumpran as seguintes condicións:

a) Adquirir un ou varios bens obxecto de subvención nalgún dos establecementos de venda adheridos á presente iniciativa.

b) Para ser subvencionable unha operación de compra deberá acadar un custo mínimo de 1.000 € (sen incluír IVE).

c) A subvención máxima que se percibirá por persoa física será de 1.000 € nunha ou varias operacións.

d) Os bens obxecto de axuda deberán ser destinados, nun prazo de tres meses desde a solicitude, á reforma ou nova instalación de mobiliario no enderezo indicado na solicitude de axuda. Este domicilio non poderá figurar en ningún expediente doutro solicitante de axuda ao abeiro deste programa. Os beneficiarios da axuda declararán responsablemente que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional.

e) Os establecementos de venda deberán identificar claramente os materiais e pezas de mobiliario susceptibles de axuda conforme o establecido nestas bases.

f) Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

2. Non se considerarán subvencionables os gastos e custos financeiros que sexan consecuencia do investimento nin os gastos realizados en bens usados.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación.

4. O IVE (imposto sobre o valor engadido) considerarase gasto subvencionable, dado que os beneficiarios son particulares, para xustificar o cal será necesario realizar unha declaración responsable (establecida na solicitude-anexo II) en que se indique que o obxecto da subvención non se dedica nin se adscribe a ningunha actividade empresarial ou profesional. Porén, para calcular a contía da subvención terase en conta o prezo dos bens impostos excluídos.

5. A contía da axuda será dun 20 % sobre o prezo dos bens, impostos excluídos, e antes do desconto requirido no seguinte parágrafo, cun máximo acumulado de subvención de 1.000 € por beneficiario.

A axuda do Igape virá condicionada a un desconto realizado polo establecemento de venda, que será realizado sobre a base impoñible da factura, de importe polo menos da mesma contía que a axuda outorgada polo Igape.

Polo tanto, a diferenza de prezo sobre a base impoñible resultante para o comprador dos bens obxecto de axuda será do 40 % desta, cos límites expostos, mediante o desconto e a subvención á compra, sen prexuízo de calquera desconto adicional que se poida obter por políticas concretas de venda ou promocións dos establecementos ou fabricantes.

6. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao seu valor do mercado.

Artigo 4. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgaranse con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

O Igape informará as entidades colaboradoras adheridas, mediante un anuncio inserido na súa páxina web, da data en que finalicen os fondos asignados para este programa de axudas.

3. As subvencións que se outorguen ao abeiro destas bases serán compatibles con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Non obstante, o importe da subvención en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou doutros organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

5. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Artigo 5. Vixencia do programa

O programa Reforma15 entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o día previsto en cada convocatoria deste.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. As entidades colaboradoras actuarán de enlace entre os solicitantes das axudas e o Igape. Serán as encargadas da venda e promoción dos bens subvencionables indicados no artigo 3.

Na súa relación co Igape, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

a) Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda.

b) Realización ante o Igape dos trámites para solicitar a axuda.

c) Desenvolvemento das accións vinculadas ao programa.

d) Xustificación da axuda e a súa certificación ante o Igape.

2. Para os efectos destas axudas, poderán ser entidades colaboradoras os establecementos de venda de materiais de rehabilitación ou pezas de mobiliario de cociña e baño. Deberán ser entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, ou ben empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e acrediten as condicións de solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape. As características técnicas exixibles poderán consultarse na oficina virtual do Igape ( http://tramita.igape.es ).

3. Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten nos prazos que se indican na convocatoria, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria destas bases no Diario Oficial de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas das sinaladas no punto 2 deste artigo, nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

5. As entidades colaboradoras seleccionaranse de acordo co procedemento que se establece no artigo 6 destas bases, con suxeición á normativa que resulte de aplicación.

De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Igape, en que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo IV destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

6. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas, e que permitan a xustificación financeira perante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e o Tribunal de Contas, así como as comprobacións previstas na lexislación do Consello de Contas, de acordo co establecido na letra d) do artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Dar a adecuada publicidade do carácter público do cofinanciamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En concreto, deberán facer constar na súa publicidade ou na información que xeren en relación co proxecto subvencionado o cofinanciamento pola Xunta de Galicia a través do Igape, así como colocar carteis indicativos e visibles nos establecementos onde consten con notoriedade os logotipos da Xunta de Galicia e do Igape.

d) Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada durante un período de cinco anos desde a súa concesión, e deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

e) Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

f) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das operacións de venda subvencionadas así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda, que inclúe a documentación xustificativa, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

b) Vender no marco da iniciativa só os produtos que cumpran coas condicións establecidas nas bases.

c) Aplicar os descontos correspondentes ao establecemento de venda e á subvención conforme o establecido nas bases, o cal reflectirá adecuadamente na correspondente factura.

d) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

e) Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do programa.

Artigo 7. Adhesión de entidades colaboradoras

1. Solicitude de adhesión.

As entidades colaboradoras interesadas deberán acceder á aplicación informática accesible desde a oficina virtual do Igape ( http://tramita.igape.es ) ou desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , para cubrir obrigatoriamente segundo o procedemento IG218 a solicitude de adhesión (anexo I) e o convenio de colaboración (anexo IV); xerarase un documento en formato PDF con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Nesta aplicación deberá enumerar un conxunto de persoas da súa organización que serán as autorizadas por parte da entidade colaboradora para tramitar telematicamente e asinar electronicamente as solicitudes de axuda e cobramento das subvencións. Para poder realizar estas tarefas, as persoas citadas deberán estar provistas de certificado X509v3 dunha das entidades certificadoras das admitidas pola Consellería de Facenda (consultar en tramita.igape.es ).

O usuario e contrasinal utilizado para o acceso á oficina virtual do Igape será, unha vez asinado o convenio, os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda, e para ver o seu estado.

Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no parágrafo seguinte, agás os dous exemplares do convenio de colaboración do cal se deberá presentar o orixinal. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) Copia da escritura de constitución e estatutos, así como do documento acreditativo do poder suficiente do representante legal da entidade.

c) Copia do NIF da entidade colaboradora, só no caso de non autorizar a súa consulta.

d) Copia do último recibo do imposto de actividades económicas (IAE), no caso de non autorizar a súa consulta ou, de ser o caso, declaración responsable de exención de pagamento e declaración censual.

e) Dous orixinais do convenio de colaboración (anexo IV) asinados pola entidade colaboradora, que no caso de que a presentación sexa electrónica deberán enviarse necesariamente os dous orixinais en formato papel, no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de rexistro.

A presentación da solicitude comportará a autorización ao Igape para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 10.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, e deberá presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente. Se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non poden ser obtidos polo órgano xestor poderán serlles requiridos ao interesado.

2. Prazo de presentación das solicitudes de adhesión.

O prazo para a presentación das solicitudes de adhesión será o establecido na convocatoria.

3. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos exixidos, con indicación de que, de non facelo así, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Igual requirimento se efectuará por parte do Igape no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos seguintes: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Consellería de Facenda, así como na verificación do NIF e o IAE.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 2 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Instrución do procedemento e audiencia.

Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de 10 días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Competencia.

É competente para a instrución do procedemento de selección de entidades colaboradoras a Área de Competitividade do Igape e, para a súa resolución, a persoa titular da Dirección Xeral do Igape.

6. Resolución.

O prazo máximo para resolver sobre as adhesións é de 25 días hábiles, contados desde a solicitude. Transcorrido o dito prazo, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos ao programa Reforma15.

O convenio de colaboración asinado polo Igape remitiráselle á entidade colaboradora unha vez resolta a solicitude de adhesión.

7. Notificación das resolucións.

Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e segundo o establecido no artigo 2 en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A dita adhesión será notificada a través da aplicación informática establecendo a seguinte mensaxe: «entidade colaboradora adherida». A partir dese momento, a entidade colaboradora poderá operar na aplicación para solicitar as axudas.

Na páxina web do Igape ( http://www.igape.es/reforma15 ) poderá consultarse a listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

Artigo 8. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas, consumidores individuais, propietarias ou titulares de calquera dereito sobre inmobles do sector residencial situados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que os bens subvencionables descritos no artigo 3 se adquiran nunha entidade colaboradora adherida ao programa Reforma15 e se destinen ao dito inmoble. A titularidade dos dereitos sobre os inmobles non poderá comportar ánimo de lucro.

Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas físicas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. En virtude do establecido no artigo 11.i do Regulamento de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009), a certificación que acredita o cumprimento das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma poderá ser substituída pola declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Os beneficiarios obríganse a facilitar canta información lles sexa requirida polo Igape no exercicio das súas funcións de fiscalización do destino das axudas.

Artigo 9. Obrigas

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 6.6, letras a), b), c) e d), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban ser presentadas ante o Igape. O pagamento corresponderá ao importe total da factura emitida pola entidade colaboradora descontando a axuda outorgada polo Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 11 destas bases.

d) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

e) Someterse ás actuacións de comprobación que serán efectuadas polo órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Autorizacións e consentimentos

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento. A tramitación dos procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que o órgano xestor non sexa autorizado para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención por parte de persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 11. Presentación de solicitudes

As entidades colaboradoras do programa Reforma15 son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

1. O comprador dirixirase a unha entidade colaboradora e elixirá un conxunto de bens para adquirir que cumpra os requisitos mínimos exixidos no artigo 3 destas bases.

Na páxina web do Igape ( http://www.igape.es/reforma15 ) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras do programa Reforma15.

2. Unha vez tomada a decisión de adquisición de materiais de rehabilitación ou pezas de mobiliario de cociña e baño coas condicións establecidas no artigo 3, a entidade colaboradora terá que:

a) Comprobar que o comprador cumpre cos requisitos establecidos no artigo 8 para poder ser beneficiario da axuda.

b) Cubrir a solicitude para ese comprador (procedemento IG219), regulada no punto segundo desta resolución, mediante a aplicación informática habilitada para o efecto e accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia ou ben desde a oficina virtual do Igape ( tramita.igape.es ). A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria, e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

3. A solicitude do beneficiario (anexo II) imprímese por duplicado obrigatoriamente desde a aplicación informática, correspondendo un exemplar ao comprador e outro á entidade colaboradora.

4. A entidade colaboradora presentará telemáticamente na aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario, mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo III a estas bases a título informativo, momento en que se apuntará unha entrada no rexistro telemático da Xunta de Galicia, e se reservará o crédito para esta. Cando a aplicación informática reflicte o estado de «crédito reservado» significa que existe crédito reservado, e indicarase a súa contía. No momento da presentación, a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude e os seus documentos adxuntos. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do formulario electrónico da aplicación.

Co envío da solicitude (anexo III) deberase incluír dixitalmente a seguinte documentación en formato PDF cun tamaño máximo por arquivo individual de 4 MB:

a) Solicitude do beneficiario asinada (anexo II).

b) DNI/NIE da persoa física, só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Copia da escritura da vivenda a nome do solicitante, ou recibo do imposto de bens inmobles (IBI) ou dalgunha subministración (auga, gas, electricidade, etc., sempre que estea ligado a un domicilio concreto) a nome do solicitante.

d) Factura xustificativa, que reflicta con claridade os seguintes datos:

1º. Data de emisión.

2º. Nome e o DNI/NIE do beneficiario.

3º. Descricións dos bens acorde coa solicitude.

4º. Base impoñible, na cal se aplicará o desconto da entidade colaboradora polo mesmo importe (polo menos) que a axuda do Igape.

5º. IVE e total da base impoñible máis IVE.

6º. Axuda do programa Reforma15, indicada como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora.

7º. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total IVE incluído menos a axuda do Igape).

A factura deberá estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

e) Xustificante bancario do pagamento realizado polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo por portelo ou certificación bancaria) en que conste a data e o importe da operación, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación da persoa, empresa ou entidade que recibe o pagamento, e o concepto do pagamento. No caso da banca electrónica deberá vir selado pola entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

Os documentos xustificativos (d) e (e) deben reflectir o pagamento efectivo entre o día da presentación da solicitude e o derradeiro día do prazo de xustificación. Estes documentos poderán entregarse tamén como emenda da solicitude inicial, cando non estean dispoñibles no momento da solicitude, no prazo de emenda a que se fai referencia no artigo 12.

5. Co obxecto de executar o máximo do orzamento, unha vez que a contía reservada sexa equivalente á cantidade máxima destinada a esta convocatoria, poderán seguirse cubrindo formularios de solicitude de axuda ata o límite de 150.000 €. Estas solicitudes aparecerán no estado «Listaxe de espera (núm. na listaxe)» e, de ser o caso, segundo se vaian liberando fondos como consecuencia da cancelación de actuacións reservadas ou da ampliación de crédito, pasarán ao estado «reservada».

6. A aplicación informática informará en tempo real sobre a dispoñibilidade de crédito, impedindo, se é o caso, a presentación de solicitudes, quedando así a entidade colaboradora informada en tempo real da imposibilidade de seguir propoñendo aos seus clientes operacións subvencionables polo Reforma15, despois de consumido o crédito disposto polo Igape para o programa.

7. A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 12. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a instancia non viñese acompañada da documentación citada no artigo 11.4 destas bases, requirirase a entidade colaboradora para que no prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos, con indicación de que en caso contrario se lle terá por desistida da solicitude e se procederá ao arquivo do expediente. Este prazo será de 20 días hábiles no caso de que a documentación requirida sexa a correspondente aos puntos (d) e (e) do artigo 11.4, sempre que o prazo concedido non supere a data final do prazo de xustificación establecida na convocatoria.

De conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como co Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, utilizaranse medios electrónicos para o requirimento de emenda, de xeito que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación da emenda, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada cos efectos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

a) Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

b) Pode acceder ao citado requirimento no taboleiro dispoñible na aplicación informática do programa co seu usuario e contrasinal.

A documentación requirida deberase presentar, así mesmo, por medios telemáticos a través da mesma aplicación informática.

No caso de que a solicitude sexa arquivada debido a que a entidade colaboradora non cumpriu dilixentemente as súas obrigas de comprobación e tramitación, será da súa exclusiva responsabilidade a recuperación do desconto equivalente ao importe da axuda aplicado ao comprador.

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data da solicitude efectuada na aplicación informática, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na listaxe de espera serán atendidas co crédito que quedase libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Existencia de crédito.

A concesión destas axudas estará, en todo caso, condicionada á existencia de crédito orzamentario e, no caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 13. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e o seu pagamento. Correspóndelle ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 14. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous (2) meses contados desde a data da solicitude na aplicación informática. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Resolución e notificación das resolucións

1. Unha vez comprobada a documentación, a Dirección da Área de Competitividade do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e contido da resolución axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarllas aos beneficiarios das axudas.

Artigo 17. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa. O interesado, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, se for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, recurso de reposición, que resolverá o mesmo órgano que ditou o acto administrativo impugnado, se for expresa, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto da subvención, e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 14.

Artigo 19. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 20. Pagamento das axudas

Unha vez concedida a axuda, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

A continuación, o Igape aboaralle directamente ao establecemento que realizou a operación de compravenda, e polo tanto anticipou a subvención do Igape ao beneficiario da axuda, os importes correspondentes ao conxunto de operacións presentadas pola entidade e aprobadas polo Igape, nun prazo medio de 30 días desde a presentación da solicitude de axuda para expedientes sen incidencias, nas contas especificadas polo establecemento no momento da súa adhesión, quedando constancia nos seus rexistros contables de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Incumprimento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, será causa de revogación e reintegro a non instalación dos bens no prazo de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda.

O procedemento para declarar o incumprimento e reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, sendo competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición ante o director xeral do Igape no mes seguinte á súa notificación.

2. As cantidades que se reintegrarán terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, os beneficiarios e entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro queda acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora ou o establecemento de venda, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta dos beneficiarios. A exixencia de reintegro aos beneficiarios procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no curso destas verificacións se detecta que os beneficiarios da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas no programa Reforma15, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

6. Cando se realizasen descontos por parte das entidades colaboradoras adheridas en concepto de axuda obxecto deste programa a titulares dunha solicitude e se comprobase posteriormente por parte do Igape que non se cumpriron as condicións establecidas para recibir a devandita axuda por parte dos beneficiarios ou, de ser o caso, que houbo incumprimentos por algunha entidade colaboradora das bases da convocatoria, a entidade asumirá os devanditos descontos e non llos poderá reclamar ao Igape.

Ademais, o incumprimento por parte dunha entidade colaboradora adherida consistente en aprazar o pagamento da axuda ao cliente final ata despois de que o Igape llo ingrese a el, en lugar de descontalo no momento do pagamento, suporá o incumprimento destas bases coas consecuencias previstas neste artigo.

7. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 22. Control

1. Os beneficiarios das axudas e as entidades colaboradoras, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe o Igape, que poderán incorporar visitas ao domicilio sinalado para a instalación dos bens subvencionados.

2. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. Tendo en conta a contía máxima da axuda e de acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

Artigo 24. Interpretación

Correspóndelle á persoa titular da dirección xeral do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das normas de tramitación previstas nestas bases, así como para resolver as dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Artigo 25. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, quen, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es .

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

ANEXO IV

Convenio de colaboración entre o Igape e a entidade colaboradora... para a xestión de axudas relativas ao programa Reforma15.

Santiago de Compostela, ... de... de...

Dunha parte, Javier Aguilera Navarro, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), nomeado por acordo do Consello de Dirección do Igape, na xuntanza do 24 de outubro de 2011, en virtude do establecido nos artigos 12 da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e 10 do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, que aproba o seu regulamento.

Doutra parte, ..., con NIF..., actuando en nome e representación da entidade... con NIF..., debidamente facultado para subscribir este convenio,

Expoñen:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para o programa Reforma15, estas entidades colaboradoras actuarán de enlace entre o Igape e os beneficiarios das axudas do Programa.

II. Que ambas as dúas partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto da colaboración

O presente convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do 16 de setembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, a particulares para a adquisición de materiais e pezas de mobiliario de cociña e baño (Reforma15), así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (DOG núm...., do... de... de...) (en diante, «as bases reguladoras do programa Reforma15»).

Segunda. Condicións das operacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións das operacións de compravenda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario de cociña e baño, os requisitos dos beneficiarios e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación das solicitudes, a dotación orzamentaria, a xustificación e o aboamento da subvención, modificacións, incumprimentos e reintegros, establécense nas mencionadas bases reguladoras da axuda.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade... é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido nos artigos 6 e 7 das bases reguladoras do programa Reforma15, que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas nas mencionadas bases reguladoras.

Cuarta. Obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais de ao establecido no artigo 6 das bases reguladoras do programa, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Divulgar a liña de axudas do Igape e dar información fidedigna dos bens subvencionables e as porcentaxes de rebaixa sobre o prezo dos produtos, e darlle publicidade á iniciativa mediante a colocación de carteis indicativos e visibles nos establecementos, onde consten con notoriedade os logotipos da Xunta de Galicia e do Igape. Co obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades colaboradoras sobre este convenio, deberán comunicarse previamente ao Igape.

b) Desenvolver os procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das subvencións, poñer todos os medios dispoñibles para facilitarlles o acceso a esta liña de axudas aos beneficiarios e colaborar na difusión deste programa.

c) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Comprobar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos nas bases reguladoras para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como a corrección da documentación que se lles exixe para percibir a subvención.

e) Realizar a venda acollida ao programa Reforma15 unicamente cando o estado da aplicación informática lle indique a existencia de crédito e a corrección da información introducida para o expediente.

f) Tramitar ante o Igape, por conta do beneficiario, as solicitudes de axuda e cobramento para operacións de compra dos bens subvencionables. A tramitación destas solicitudes será unicamente telemática, para o que é necesaria a sinatura dixital das persoas para tal efecto designadas, así como a provisión por parte da entidade colaboradora dos medios técnicos necesarios (ordenador convenientemente configurado, escáner, conexión á internet, etc.).

g) Comunicar aos solicitantes, dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número de expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a remisión da solicitude do comprador) e os efectos do silencio administrativo (negativo).

h) Descontar nos bens suxeitos ao programa Reforma15 un 20 % do seu importe antes de impostos, co límite de 1.000 € por solicitante, e anticipar mediante desconto adicional en factura a axuda do Igape pola mesma contía, que será en todo caso a indicada pola aplicación informática de xestión do programa.

i) Reflectir nas facturas dos bens obxecto de subvención os citados descontos, emitíndoas coa información requirida polo artigo 11.4 das bases reguladoras do programa Reforma15.

j) Deixar clara constancia nos seus rexistros contables das operacións de venda subvencionadas así como dos importes aboados polo Igape, de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) Custodiar durante o prazo de cinco anos desde a finalización dos expedientes a documentación correspondente ás operacións realizadas, da cal remitirán copia dixitalizada ao Igape para proceder á resolución e cobramento das axudas, segundo o previsto no artigo 11 das bases reguladoras da axuda.

l) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 15/1999,do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as normas que as desenvolvan.

m) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6 das bases reguladoras, a entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras do programa e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6 das bases reguladoras do programa.

d) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape segundo o establecido no artigo 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

e) Non estar incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Comunicará ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

g) Autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co seu NIF e IAE da entidade colaboradora, ou ben anexa copia do seu NIF e IAE a este convenio.

h) Autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben anexa copia da certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigas cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada operación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol do beneficiario, a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras do programa Reforma15.

Sétima. Control

Tanto as entidades colaboradoras, como os beneficiarios das operacións de compravenda de materiais de rehabilitación e pezas de mobiliario de cociña e baño, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen por parte do Igape ou polos órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Estas actuacións de control poderán incorporar visitas ao domicilio sinalado para a instalación dos bens subvencionados.

Oitava. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións, que como consecuencia delas se poidan impoñer, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación, e a referida publicidade.

Novena. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, de ser o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da oficina virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Décima. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá en todo caso deixar atendidas fronte aos beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décimo primeira. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 4.1.d) do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveraas o director xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo segunda. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura e estenderá a súa vixencia ata o 31 de decembro do ano 2015, sen prexuízo das prórrogas, que, se é o caso, se pactasen por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo terceira. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG nº 82, do 30 de abril), na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, ... de... de 2015

O director xeral do Igape

O/A representante legal da entidade colaboradora

Javier Aguilera Navarro

......................................

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file