Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Martes, 13 de outubro de 2015 Páx. 39667

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos para a tempada 2016.

Segundo o disposto no artigo 34 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os sorteos de permisos de pesca en coutos realizaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza, segundo a normativa que fixe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para cada tempada.

De conformidade co anterior, as normas dos sorteos de permisos de pesca en coutos para a tempada 2016 serán as seguintes:

1. Número de sorteos.

En cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza realizaranse dous sorteos:

– Sorteo de salmón: incluirá os permisos de coutos de salmón, mesmo os de pesca sen morte en coutos de salmón.

– Sorteo de troita: incluirá os permisos de troita, de reo, de pesca intensiva e aqueles de pesca sen morte non incluídos no sorteo anterior.

2. Calendario.

Inicio do período de presentación de solicitudes: ao día seguinte da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas.

Límite de presentación de solicitudes: 7 de novembro de 2015, ás 14.00 horas.

Publicación das listaxes de admitidos: 13 de novembro de 2015.

Período de reclamacións: do 14 ao 25 de novembro de 2015.

Data de sorteo: 10 de decembro de 2015, ás 12.00 horas.

Escolla: as datas e as horas das sucesivas roldas de escolla serán notificadas a cada participante e publicadas no taboleiro de anuncios de cada Servizo Provincial de Conservación da Natureza e na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ .

3. Tipos de solicitudes.

Para cada sorteo poderán presentarse solicitudes individuais ou en grupo, cun máximo de tres solicitantes por grupo.

As solicitudes poderán ser telemáticas ou por escrito.

Quen participe só poderá figurar nunha solicitude para cada un dos sorteos.

4. Presentación das solicitudes.

As solicitudes telemáticas presentaranse por medio dunha aplicación informática dispoñible na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ .

Os impresos de solicitude escrita estarán dispoñibles na páxina web:

https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ ou nos servizos provinciais de Conservación da Natureza.

Na admisión de solicitudes aplicaranse as seguintes normas:

4.1. Solicitudes telemáticas.

Para formular a solicitude será necesario introducir o número de DNI e máis o da licenza de pesca fluvial, a vixente ou calquera outra de anos anteriores. Para solicitudes en grupo será preciso introducir tanto os números de DNI como os das licenzas da totalidade de participantes.

O enderezo para notificacións relacionadas co sorteo será o que figura na licenza do solicitante principal; non obstante, poderase modificar este enderezo na propia páxina web durante o rexistro da solicitude. Así mesmo, quen así o indique poderá substituir as notificacións en papel por notificacións mediante correo electrónico e, opcionalmente, SMS.

Cada participante poderá acceder a todas as súas notificacións en formato descargable e imprimible a través da páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ .

4.2. Solicitudes por escrito.

Presentaranse nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou mediante calquera dos procedementos descritos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Tanto nas solicitudes individuais como nas solicitudes en grupo deberá figurar a sinatura de cada solicitante.

4.3. Duplicidade de solicitudes nun mesmo sorteo.

O acceso ás solicitudes telemáticas quedará bloqueado logo de que o solicitante xa conste nunha primeira solicitude.

No caso de que un mesmo DNI conste nunha solicitude telemática e mais nunha solicitude escrita, anularase a solicitude telemática.

No caso de que un mesmo DNI conste en varias solicitudes escritas, anularanse as máis antigas e prevalecerá sempre a última data de rexistro de entrada.

No caso de solicitudes en grupo, as anulacións afectarán unicamente aqueles DNI repetidos.

Non se considerarán duplicidades cando as solicitudes presentadas teñan por obxecto diferentes sorteos.

Calquera manipulación que se detecte nas solicitudes con ánimo de variar o resultado do sorteo ou de participar con máis posibilidades que os outros solicitantes suporá a anulación de todas as solicitudes presentadas en todos os sorteos.

5. Consulta da admisión de solicitudes e reclamacións.

As solicitudes admitidas, logo da súa introdución na aplicación informática, poderán ser consultadas na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ e no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial de Conservación da Natureza. Para acceder á consulta telemática unicamente será preciso introducir o número de DNI.

As reclamacións poderanse facer directamente a través da páxina web:

https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ ou ben por escrito. No caso de presentación telemática, será preciso identificarse introducindo o número de DNI.

6. Realización dos sorteos.

En cada sorteo as solicitudes numeraranse correlativamente, comezando polo 1, segundo a orde de entrada na aplicación informática.

Os sorteos serán públicos. Cada sorteo realizarase con tres ou catro bombos, segundo sexa preciso polo número de solicitudes presentadas, que corresponden, cada un deles, ás unidades, decenas, centenas e unidades de millar. En cada bombo introduciranse dez números, do 0 ao 9, excepto no que corresponda ás unidades de millar, en que unicamente se introducirán os números necesarios para cubrir os miles de solicitudes presentadas. Sacarase un número completo formado por tres ou catro bólas, segundo proceda. No caso de que o número constituído polas bólas exceda o que corresponda á última solicitude presentada, procederase a sortear de novo, devolvendo as bólas aos correspondentes bombos e repetindo a operación.

A solicitude que se corresponda co número extraído será a primeira en elixir e continuarase a elección por orde correlativa ata rematar a listaxe e seguir a partir do 1.

Os sorteos terán lugar nos servizos provinciais de Conservación da Natureza na data e na hora antes indicadas.

7. Resultados dos sorteos.

Os resultados dos sorteos poderán consultarse na páxina web:

https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Para acceder á consulta será preciso introducir o número de DNI.

Así mesmo, a cada solicitante notificaráselle o día e mais o rango horario en que poderá escoller os permisos. No caso de solicitudes en grupo, só recibirá a notificación quen figure en primeiro lugar.

8. Elección de permisos.

Para a elección de permisos de troita e reo, os servizos provinciais de Conservación da Natureza establecerán grupos de permisos de pesca. Para os permisos de salmón haberá un só grupo en cada provincia. A listaxe dos grupos será exposta no taboleiro de anuncios de cada servizo provincial e na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/. Xunto coas notificacións dos resultados dos sorteos remitirase unha copia desta listaxe.

Á hora da escolla, cada solicitante só poderá seleccionar dous permisos de cada grupo, dos cales só un poderá corresponderse cun sábado, domingo ou festivo. Nos sorteos de salmón só se poderá escoller un permiso.

Na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ poderá consultarse en tempo real o número de permisos dispoñibles en cada couto e para cada xornada de pesca.

A escolla poderá realizarse por calquera dos seguintes medios:

8.1. Directamente na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ na data e rango horario que se sinalen na notificación.

Para acceder a este servizo deberase introducir o número de DNI e unha clave subministrada para tal efecto xunto coa notificación do resultado dos sorteos. O usuario poderá realizar comprobacións e reservas previas antes da súa quenda, e mesmo gravar os datos da reserva, pero só se poderá confirmar unha reserva previa dentro da data e o rango horario asignados ao solicitante, existindo a posibilidade de cambiar os permisos que xa non estean dispoñibles.

Rematado o rango horario sen terse producido a escolla, o usuario non terá dispoñible o servizo web durante os rangos horarios asignados a outros participantes. Completadas as quendas de escolla do día, e ata as 8.00 horas do día seguinte, calquera usuario que non escollese na súa quenda poderá escoller de entre os permisos dispoñibles en cada momento ata o remate do período de escolla da primeira venda, que se indicará na notificación do sorteo.

8.2. Mediante chamada telefónica ao número que se indique na notificación, na cal tamén se sinalarán a data e o rango horario en que deberá realizarse esta chamada.

Unha vez confirmada unha reserva por calquera dos medios previstos, non poderá ser modificada polo solicitante.

9. Segunda venda de permisos.

Unha vez rematada a escolla, os permisos sobrantes e aqueles non retirados nos prazos fixados serán incluídos nun segundo proceso de escolla. Este procedemento será unicamente a través da páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/, cos mesmos requisitos de acceso que anteriormente. O servizo de reserva pola internet estará dispoñible ininterrompidamente para todos os participantes no sorteo a partir da data e hora de inicio.

Xunto coa notificación dos resultados do sorteo facilitarase a data previa en que se exporá na páxina web indicada o total dos permisos dispoñibles para esta segunda escolla e que deberá ser, cando menos, tres días antes do comezo da escolla.

As normas, en canto aos grupos de coutos e ao número de permisos por grupo, serán as mesmas que na primeira escolla.

10. Venda libre.

Os permisos non escollidos e aqueles non retirados nos prazos fixados serán postos á venda a través da internet e nos centros de venda regulados no artigo 35 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais. Para a venda a través da internet reservarase como mínimo o 50 % dos permisos sobrantes en cada couto para cada xornada de pesca.

Na venda libre só se poderá adquirir un permiso diario.

11. Vendas libres colectivas.

Na fase de venda libre, os permisos dun couto concreto nunha xornada concreta poderán ser adquiridos por colectivos interesados na organización dalgún evento relacionado coa pesca. A entidade interesada presentará unha solicitude perante o Servizo Provincial de Conservación da Natureza, acompañada da documentación que identifique o colectivo solicitante. No prazo que fixe o citado servizo realizarase un pagamento único da totalidade dos permisos solicitados. Previamente á expedición dos permisos, comunicaranse ao servizo provincial os datos de identificación de cada unha das persoas titulares dos permisos.

12. Expedición de permisos.

No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou telematicamente.

Poderase efectuar o pagamento telematicamente mediante tarxeta de crédito na páxina web, mediante o documento de ingreso telemático presencial (modelo 739) nunha oficina bancaria ou por calquera outra das modalidades dispoñibles no servizos web da Consellería de Facenda.

O permiso emitirase e poderá imprimirse na aplicación informática desde o momento en que se introduza na reserva previa o código N.R.C. xustificativo de ter realizado o pagamento.

Cada participante poderá acceder a todos os seus permisos en formato descargable e imprimible a través da páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/ .

Para o pagamento mediante impreso de liquidación nas oficinas bancarias autorizadas, en cada servizo provincial de Conservación da Natureza facilitaranse os modelos necesarios. Tamén se poderá conseguir na páxina web: http://www.conselleriadefacenda.es o formulario «Modelo L. Prezos públicos/privados da Comunidade Autónoma de Galicia. Liquidación». Os impresos tamén poderán confeccionarse seguindo as instrucións que figuran na páxina web: https://www.xunta.es:444/pescafluvial/.

Segundo o establecido no artigo 7.3 do Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais, os permisos de pesca teñen carácter persoal e intransferible; cada titular de permisos debe realizar o pagamento individualmente, mesmo nos casos de solicitudes en grupo e coa única excepción das vendas libres colectivas.

Nos casos en que non se retiren os permisos persoal nin telematicamente, o pagamento deberá acreditarse, dentro do mesmo prazo de 5 días naturais establecido no parágrafo primeiro deste número 12, remitindo por fax ao servizo provincial a copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado. Tamén será posible facelo mediante correo electrónico, escaneando a copia citada do impreso de liquidación e remitíndoa ao correo electrónico, que se indicará na carta de notificación do resultado do sorteo. Nestes casos, os permisos serán remitidos por correo ao enderezo que conste na solicitude.

13. Outras normas.

A normativa de funcionamento dos coutos será a que estableza a orde anual que regulará os períodos hábiles de pesca e normas relacionadas con ela nas augas continentais da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada de 2016. Os permisos serán outorgados con esta condición e sen que os posibles cambios na normativa poidan dar lugar a cambios de permisos, agás no caso concreto de que se prohiba a práctica da pesca na data ou no couto obtido.

Logo da expedición dun permiso non se poderá anular nin transferir a outra persoa, nin obter o reintegro do seu importe, agás no caso previsto no parágrafo anterior. En todo caso, cando proceda o reintegro do importe, será preciso presentar unha solicitude escrita á cal se xuntará unha copia do impreso de pagamento en que figuren os datos do titular do permiso.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2015

Verónica Tellado Barcia
Directora xeral de Conservación da Natureza