Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Xoves, 12 de novembro de 2015 Páx. 42883

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 161/2015, do 5 de novembro, que modifica o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O 9 de decembro de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nesta norma a Xunta de Galicia estableceu unha serie de liñas, criterios e procedementos para a coordinación, planificación e ordenación do Sistema universitario de Galicia, desde o absoluto respecto á autonomía universitaria, co obxecto de racionalizar a oferta docente universitaria en todos os niveis e lograr a súa adecuación ás demandas e necesidades reais da nosa comunidade autónoma, asegurando elevados índices de calidade que permitan ao noso ensino universitario situarse en óptimos niveis de competitividade, tanto a nivel nacional como internacional. Estes criterios foron consolidados coa publicación da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

Entre as previsións contidas no antedito decreto, establecéronse uns requisitos mínimos de demanda das titulacións oficiais, en forma de cómputo dos/das estudantes de novo ingreso, dos cales se fai depender a súa efectiva impartición, no correspondente curso académico.

A experiencia acumulada desde a entrada en vigor do decreto posibilitou a deteción de deficiencias puntuais que están a repercutir no alumnado do sistema, circunstancia que leva, neste momento, a afrontar unha modificación da norma para solucionalas. Esta situación provoca un diferente tratamento das titulacións conxuntas internacionais Erasmus Mundus, coa finalidade de non entorpecer a mobilidade de profesorado e estudantes, así como as titulacións que habilitan para o exercicio dunha profesión regulada, co obxectivo de fomentar o acceso ao mercado de traballo.

Polo tanto, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tras o informe do Consello Galego de Universidades, de acordo co Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do cinco de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 6 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificado como segue:

Un. O artigo 6 queda redactado nos seguintes termos:

1. Nas ensinanzas universitarias oficiais de grao deberase demostrar que a titulación proposta terá un número anual de estudantes de novo ingreso de acordo coa oferta autorizada pola Conferencia Xeral de Política Universitaria e, en todo caso, nunca por debaixo de 50, nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Para estes efectos, as ensinanzas universitarias oficiais que se impartan en varios campus consideraranse independentes.

No caso de ensinanzas de grao impartidas no SUG, cuxos plans de estudo sexan coincidentes nun mínimo de 90 créditos ECTS nos dous primeiros cursos, e compartan a organización docente deses cursos, en grupos teóricos e prácticos, computaranse conxuntamente os/as estudantes de novo ingreso para os efectos do establecido neste artigo.

2. Nas ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario, demostrarase que a titulación proposta terá un número anual de estudantes de novo ingreso non inferior a 20.

Nas ensinanzas universitarias oficiais de doutoramento acreditarase que nun período de catro anos contados desde a súa implantación, o número de teses lidas é como mínimo de catro e o programa conta cun número de doutorandos non inferior a 10.

Para estes efectos, os másters universitarios e programas de doutoramento interuniversitarios computarán conxuntamente o número de alumnos/as matriculados/as.

O incumprimento do requisito sinalado nos parágrafos anteriores suporá a non impartición da titulación afectada no curso académico inmediatamente posterior. A titulación só poderá ofertarse novamente unha vez que a universidade modifique o plan de estudos para asegurar a súa viabilidade.

Quedarán exceptuadas do cumprimento do requisito mínimo de estudantes de novo ingreso os másters universitarios oficiais vinculados ao programa Erasmus Mundus ou aqueles que habiliten para o exercicio dunha profesión regulada en España, segundo o establecido na normativa estatal e europea aplicable.

Dous. Engádese unha disposición adicional, que pasa a ser a segunda, e a única existente no texto orixinal queda como primeira.

Disposición adicional segunda

No caso de ensinanzas impartidas en Galicia por un centro adscrito a unha universidade non pertencente ao Sistema universitario de Galicia, observarase o establecido na lexislación aplicable á universidade responsable do título, para os efectos do requisito de demanda dos estudos.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria