Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 21 de decembro de 2015 Páx. 47538

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego a Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael), dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos

Primeiro. Benigna Peña Sánchez, presidenta do Padroado da fundación, formulou unha solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 30.7.2015, ante o notario Francisco Manuel Ordóñez Armán, co número de protocolo 2083, por Benigna Peña Sánchez, Francisco Javier Peña García, Gonzalo Peña Pérez, José Cuenca Castillo e Joaquín Mosquera Oses, que actúan no seu nome propio e dereito.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

1º. O desenvolvemento e o fomento da investigación biomédica e a súa promoción no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de favorecer a aplicación de novos produtos, técnicas e tecnoloxías para o tratamento e a prevención das enfermidades co máximo nivel que ofreza, en cada momento, a comunidade científica.

2º. A promoción da saúde en xeral, a través da docencia e da divulgación.

3º. A organización de actividades de formación continua dirixidas ao colectivo de profesionais sanitarios.

4º. O apoio, cos seus recursos e coñecementos, ao desenvolvemento e á protección de colectivos vulnerables ou desfavorecidos.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os datos relativos á personalidade da fundadora; á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios e a designación do Padroado inicial.

Sexto. O Padroado inicial da fundación está formado por Benigna Peña Sánchez, como presidenta; Aquilino Peña Sánchez, como vicepresidente; Francisco Javier Peña García, como secretario, Gonzalo Peña Pérez, José Cuenca Castillo e Joaquín Mosquera Oses, como vogais.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael), dado o seu obxecto e finalidade, polo que, ao cumprírense os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de novembro de 2015, clasificouse como de interese sanitario a Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael) e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, conforme a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndelle á dita consellería a declaración de interese galego, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael), así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa de aplicación en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Instituto Médico Quirúrgico San Rafael (Fundación IMQ San Rafael), ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

Josefina Monteagudo Romero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade