Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49099

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia e se convocan para os anos 2016-2017.

O desenvolvemento das actuacións encamiñadas á prevención e á loita contra diversas enfermidades animais redunda nunha mellora cuantitativa e cualitativa das producións gandeiras e nunha maior rendibilidade aos titulares das explotacións.

Os programas de planificación zoosanitaria levados a cabo polas agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) están dirixidos a mellorar o estado sanitario das explotacións incluídas nelas e permiten incrementar paulatinamente a rendibilidade desas explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios, ademais de facilitar o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal.

A Consellería do Medio Rural mediante a presente orde de axudas, pretende estimular a integración de gandeiros nas ADSG establecendo axudas proporcionais ao sobre esforzo económico que realizan coa execución de programas facultativos para a prevención e control de enfermidades animais que melloran as condicións hixiénicas das explotacións e de benestar animal, elevan o nivel produtivo e sanitario das explotacións e contribúen a acadar un mellor status sanitario para o gando galego.

A convocatoria destas axudas realizase no marco da regulación estatal do Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, polo que se establece as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Estas axudas foron comunicadas polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente á Comisión Europea para o período 1.1.2015 ata o 31.12.2020, segundo o establecido no Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorias de axuda nos sectores agricola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, outorgándoselle o número de axuda SA.40306(2014/XA)-AGRI.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras para a realización das actuacións sanitarias establecidas no anexo IV da presente orde, e efectuar a convocatoria para a anualidade 2016-2017 de conformidade co establecido no Real decreto 81/2015.

Artigo 2. Finalidade das axudas

1. A finalidade destas axudas é a mellora do status sanitario das explotacións gandeiras galegas mediante a execución de programas zoosanitarios comúns e obrigatorios para a prevención e control de enfermidades dos animais.

2. Os programas de planificación zoosanitaria comezarán o 1 de marzo de 2016 ou na data de presentación da solicitude de axudas se esta é posterior e rematarán o 28 de febreiro de 2017, e deberán incluír como mínimo as actuacións sanitarias dos programas sanitarios marco obrigatorios establecidos no anexo IV.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Son gastos subvencionables os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou da remuneración do persoal veterinario responsable das agrupacións para a realización das actuacións sanitarias establecidas nos programas sanitarios marco recollidos no anexo IV.

Poderá subvencionarse a contratación ou remuneración de máis dunha persoa veterinaria responsable por ADSG.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar oficialmente recoñecidas como ADSG e, polo tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido na presente orde, e que manteñan as condicións do recoñecemento ao longo de todo o período de execución da axuda.

Quedan excluidas da condición de beneficiarios as ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún.

b) Comprometerse na execución dun programa sanitario común que incluirá como mínimo o programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo IV da presente orde.

c) Estar integradas por explotacións de productores gandeiros en actividade, e que as ditas explotacións teñan a condición de pemes (pequenas e medianas empresas) de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agricola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As explotacións que integren as agrupacións deberán estar inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, de acordo co Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras.

d) Estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non estar suxeitas as explotacións a unha orde de recuperación pendente tras a decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) Non ter a consideración de empresa en crise, segundo se define nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestructuración de empresas en crise, dacordo coas directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestructuración de empresas non financieiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01, da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

Artigo 6. Procedemento de presentación de solicitudes e documentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade o establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

2. Os anexos desta convocatoria publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario realizar o trámite a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para cubrilos, validalos e presentalos telematicamente.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 e 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. As solicitudes deberán ser asinadas mediante sinatura electrónica do representante legal da entidade solicitante. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, emitirase un recibo, que poderá ser impreso e gardado polo interesado, mediante o cal quedará constancia do feito da súa presentación. A obtención deste recibo é o que lle garante ao solicitante que a presentación tivo lugar e acredita fronte á Administración e fronte a terceiros a presentación da solicitude.

Artigo 7. Solicitude

Os solicitantes deberán cubrir ou xuntar, segundo o caso, como documentos anexos á solicitude (anexo I) en soporte dixital, a seguinte documentación:

a) Acreditación da personalidade xurídica da entidade solicitante, se é o caso.

b) Acreditación da representatividade do solicitante mediante certificación do secretario, en que consten os seguintes datos:

1º. Nome e apelidos.

2º. DNI.

3º. Enderezo.

4º. Tteléfono móbil.

5º. Enderezo electrónico.

A representatividade deberá recaer sempre nun membro da xunta directiva da ADSG.

c) Relación informatizada actualizada de explotacións da ADSG e os seus censos, segundo o anexo III.

d) Copia da acta ou certificación do secretario da agrupación de defensa sanitaria gandeira, conforme se acordou en asemblea xeral a solicitude da axuda e se asume o compromiso de execución do Programa sanitario marco que aproba a Consellería do Medio Rural.

e) Cronograma e planificación do desenvolvemento do Programa sanitario marco obrigatorio, adaptado á realidade da propia ADSG, no cal se inclúa unha estimación das mostras que se debe remitir ao longo do ano ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), e, se é o caso do programa sanitario adicional de actuación que se pretende desenvolver, no cal se definirán obxectivos e o prazo de execución. A planificación presentada debe ser agrupada en prazos trimestrais. Os referidos documentos estarán asinados polo persoal veterinario responsable e polo presidente da entidade recoñecida como agrupación de defensa sanitaria gandeira.

f) Orzamento do gasto por remuneración do persoal facultativo veterinario ou pola contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización do programa sanitario da ADSG (artigo 14.a). Se a ADSG conta con máis dun veterinario/a para a realización do programa sanitario, deberá especificarse o solicitado por cada un deles.

O orzamento deberá estar asinado electronicamente polo presidente da entidade, empregando para iso a sinatura dixital do DNI electrónico, ou calquera sinatura electrónica avanzada.

A súa presentación deberá ser conforme o anexo II.

g) Contrato do persoal veterinario responsable da súa execución en que conste a remuneración anual e, se é o caso, con inclusión dunha cláusula no dito contrato que especifique a dedicación profesional exclusiva para o programa sanitario da agrupación de defensa sanitaria gandeira.

h) Copia do título dos técnicos veterinarios responsables da súa execución.

i) Documento que indique para cada persoa veterinaria que participe no programa o nome e apelidos, NIF, número de colexiado, enderezo, teléfono e correo electrónico.

j) Factura pro forma da prestación de servizos veterinarios (cando a contratación destes sexa a través dunha empresa), ou facturas, se é o caso.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao organo xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas irán acompañadas dos documentos e das informacións determinadas no artigo 7, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas practicas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 9. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781, Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es .

Artigo 10. Prazo de presentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o ultimo día do mes.

2. Poderanse cubrir e rexistrar os formularios a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, ata as 24.00 horas do día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 11. Solicitude de ofertas para realizar o gasto subvencionable

De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou agás que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 12. Emenda

1. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase o interesado na forma establecida na Lei 30/1992, de 26 de novembro, para que nun prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

2. As emendas, melloras da solicitude e todos os trámites e xestións máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, deberán presentarse unicamente por medios electrónicos, accedendo ao expediente correspondente na carpeta do cidadán https://sede.xunta.es/carpeta-do-cidadan da persoa interesada, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar dos peticionarios toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 13. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Para eses efectos constituirase un órgano colexiado formado polo subdirector xeral de Gandaría como presidente, o xefe do Servizo de Sanidade Animal como vogal e o xefe da Sección de Sanidade Animal do dito servizo de como secretario, que elevarán un informe técnico á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para que formule a proposta de resolución das axudas.

2. O expediente será resolto pola persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta, outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados; neste caso, a proposta de resolución formulada terá carácter definitivo. A resolución de concesión da axuda notificarase nun prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo os interesados poderán entender desestimadas as peticións de axuda. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá presentarse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben, alternativamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación.

Artigo 14. Contía das axudas

Para a cuantificación da subvención para a contratación dos servizos técnicos veterinarios ou a remuneración do persoal facultativo veterinario responsable da supervisión e execución do programa sanitario, establécese:

a) Subvencionarase un máximo de 19.800 euros por cada persoa veterinaria con dedicación exclusiva para o desenvolvemento do programa sanitario da agrupación, e un máximo de 8.300 euros por cada persoa veterinaria responsable do programa sanitario sen exclusividade, ou no caso da contratación dos servizos técnicos veterinarios (empresa).

No caso de que unha persoa veterinaria traballe para mais dunha ADSG, a axuda que se percibirá nunca poderá superar o importe establecido no parágrafo anterior para unha relación contractual sen dedicación exclusiva.

b) No caso das ADSG de gando bovino, para acadar os importes indicados no punto anterior, computarase un mínimo de 3.300 UGM por cada persoa veterinaria con dedicación exclusiva ao programa sanitario da ADSG, e un mínimo de 1.650 UGM por cada persoa veterinaria sen dedicación exclusiva, ou cando se contraten os servizos técnicos veterinarios dunha empresa, reducíndose proporcionalmente a axuda da entidade no caso de non acadarse as UGM mencionadas. Se a ADSG conta con varias persoas veterinarias, para o cálculo da axuda que se vai adxudicar asignaranse tanto as UGM mínimas sinaladas como os importes que se percibirá por persoa veterinaria segundo a prelación de facultativos establecida pola propia entidade no orzamento solicitado, realizándose a redución proporcional no último deles no que se asignen as UGM da agrupación por debaixo dos límites indicados.

c) No caso de que exista remanente orzamentario unha vez finalizada a repartición segundo os puntos anteriores, poderanse incrementar os importes subvencionables para o persoal facultativo veterinario con exclusividade en 600 euros, segundo a prelación establecida para cada ADSG no outorgamento da axuda, e para cada persoa veterinaria no orzamento solicitado pola ADSG. Unha vez realizada esta repartición, se aínda queda remanente, aplicaríase un incremento de 300 euros na axuda para o persoal facultativo veterinario sen dedicación exclusiva, ou pertencente a empresas de servizos veterinarios, cos mesmos criterios que no caso anterior, ata agotar o dito remanente. No caso de que unha vez realizadas estas reparticións, aínda quedará remanente, incrementaranse novamente os importes que se percibirá por persoa veterinaria contratada, a razón de 300 euros por persoal facultativo con dedicación exclusiva, e continuando polo persoal facultativo sen exclusividade ou pertencentes a empresas de servizos técnicos veterinarios a razón de 150 euros. Esta última repartición poderá repetirse ata esgotar a totalidade do crédito dispoñible. Estes incrementos realizaranse sempre que non se superen os límites establecidos nas alíneas b) e d).

d) Ademais, o total do importe de subvención motivada por contratación de persoal veterinario non poderá superar un importe máximo que resultará de multiplicar o número de unidade de gando maior (UGM) da ADSG polo seguinte valor en cada caso:

1º. ADSG de vacún: 6,0.

2º. ADSG de ovino e cabrún: 7,5.

3º. ADSG de porcino: 1,7.

4º. ADSG de avicultura: 0,9.

5º. ADSG de cunicultura: 1,5.

6º. ADSG de acuicultura continental: 3.

7º. ADSG de visóns e outras especies: 0,5.

Os valores de UGM de cada especie animal tidos en conta para os cálculos nestas axudas serán os establecidos regulamentariamente, publicados oficialmente (Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia publicado, no DOG do 8 de maio de 2001).

e) En todo caso, o importe da axuda total resultante, non superará nunca o 100 % do gasto solicitado por cada persoa veterinaria no orzamento.

Artigo 15. Criterios de outorgamento da subvención

As solicitudes serán ordenadas en función da súa puntuación de acordo cos seguintes obxectivos e cun máximo de 100 puntos:

1. Terán prioridade as solicitudes daquelas ADSG que integren un maior número de explotacións e de gando. Obterase a puntuación unha vez baremadas as ADSG considerando os seguintes criterios:

1.1.

Nº de explotacións

Nº puntos

0-50

0

51-100

2

101-150

4

151-200

6

201-250

8

251-300

10

301-350

12

351-400

14

401-500

16

>501

18

1.2.

Censo (nº UGM)

Nº puntos

<1.5000

0

1.501-2.000

2

2.001-2.500

4

2.501-3.000

6

3.001-4.000

8

4.001-5.000

10

5.001-6.000

12

6.001-7.000

14

7.001-8.000

16

>8.001

17

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 35 puntos.

2. Número de persoas veterinarias contratadas pola ADSG con dedicación exclusiva para o desenvolvemento do programa sanitario. Aplicarase a seguinte puntuación:

Nº persoas veterinarias con exclusividade

Nº puntos

1

7

2-3

12

>3

15

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 15 puntos.

3. Segundo a ADSG por especie:

Especie

Nº puntos

Bovino e porcino

30

Ovino e cabrún

20

Aves e équidos

15

Coellos

10

Troitas e visóns e outras especies

5

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 30 puntos.

4. Valorarase a fusión entre varias ADSG, no periodo comprendido desde o 20.4.2015, data de publicación da anterior orde de axudas ás ADSG, ata a data de publicación da presente orde, e segundo o número de ADSG fusionadas, coa seguinte puntuación:

Nº ADSG fusionadas

Nº puntos

2 ADSG

10

3 ou máis ADSG

20

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 20 puntos.

Artigo 16. Modificación das axudas

1. As subvencións a que se refire a presente orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario, da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos na presente orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Xustificacións

1. Consideraranse gastos subvencionables, para os efectos previstos na presente orde, aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido ata o 28 de febreiro de 2017.

Para subvencionar considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado.

2. Os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas ou nóminas orixinais ou copias compulsadas delas. Nos casos en que isto non sexa posible e que non existan facturas, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

Por regra xeral, presentaranse as facturas, nóminas e xustificantes bancarios do pagamento da realización do programa sanitario na oficina agraria comarcal correspondente ata o 10 de decembro de 2016 as xustificacións económicas do traballo realizado no período transcorrido desde o inicio do programa sanitario ata o 30 de novembro para a anualidade 2016 e ata o 10 de marzo de 2017 presentaranse as xustificacións económicas do traballo realizado desde o 1 de decembro de 2016 ata o 28 de febreiro de 2017, para a anualidade 2017.

3. Os documentos mencionados deberán vir acompañados dunha relación en papel e outra informatizada e unha memoria explicativa sobre a realización do programa subvencionado, que acredite a prestación efectiva dos servizos.

Tanto na relación informatizada como na de papel deberán constar perfectamente diferenciados os seguintes conceptos:

a) Facturas definitivas ou nóminas que xustifiquen o gasto subvencionable que teña a ADSG dos cales poida presentar xustificante bancario do pagamento polo beneficiario: número de factura ou nómina, identificación do beneficiario que paga, destinatario do pagamento, a data de emisión e a data do pagamento.

b) Documentos bancarios (xustificante de transferencia, certificación bancaria etc.) que xustifiquen o pagamento polo beneficiario do gasto subvencionable no que consten: número de factura obxecto de pagamento (obrigatorio), a identificación do beneficiario que paga (nome da ADSG) e o destinatario do pagamento que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria deberá ser orixinal ou copia cotexada, e estará selada pola entidade bancaria.

4. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas no gasto, deberanse identificar no documento do pagamento as facturas obxecto do pagamento.

5. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento, e irá acompañada dunha relación de todos os documentos de pagamento e importes acreditativos do pagamento desa factura.

Para os efectos do establecido no artigo 49 párágrafo segundo do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a selaxe dos xustificantes orixinais de gasto para o control da concorrencia de subvencións farase cun selo que indique «subvencionado».

6. Se realizada a actividade e finalizado o prazo para xustificar se pagase só unha parte dos gastos indicados no orzamento presentado, para os efectos de perda do dereito ao cobramento aplicarase o principio de proporcionalidade ao total da axuda adxudicada á ADSG e tendo en conta sempre o xustificado por cada persoa veterinaria.

7. Ademais das xustificacións económicas indicado no parágrafo primeiro deste artigo, deberán presentar ata o 10 de marzo de 2017, unha memoria do programa desenvolvido, asinada pola persoa veterinaria responsable da execución deste.

Artigo 18. Prazos para xustificar

1. O prazo de presentación dos xustificantes bancarios do pagamento polo beneficiario final rematará o 10 de decembro de 2016 para as actuacións realizadas ata o 30 de novembro de 2016, e o 10 de marzo para as actuacións realizadas ata o 28 de febreiro de 2017.

2. Poderá solicitarse antes do 1 de outubro de 2016 un anticipo do 43,469 % do total da subvención autorizada, suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes. Para poder ser autorizado o dito anticipo, as entidades beneficiarias non poderán ter abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

En virtude do artigo 67.4. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, os beneficiarios deste anticipo quedan exonerados da constitución das garantías establecidas no artigo 65 do mesmo decreto, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. De acordo co artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

Artigo 19. Control de execución dos programas

1. Se como consecuencia dos controis se detectan incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a efectividade deste, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

Para estes efectos considéranse incumprimentos relevantes:

a) Non ter executado en 28 de febreiro de 2017 a mostraxe obrigatoria recollida no programa sanitario marco no 100 % das explotacións da ADSG.

b) A incorporación de animais, bovinos que resulten positivos a anticorpos fronte ao IBRgE e paratuberculose e a antíxeno de BVD nas análisis feitas previas á súa incorporación.

c) A permanencia prolongada nunha explotación dun animal bovino confirmado como persistentemente infectado pola BVD sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas.

d) Non cumprir os programas vacinais cando estes sexan obrigatorios segundo a normativa vixente.

e) Utilizar vacinas fronte á IBR que non sexan marcadas, salvo nos casos de cebadeiros de gando vacún integrados en ADSG e a non comunicación previa aos servizos provinciais de Gandería da vacinación con vacinas vivas fronte á BVD.

f) Permitir a saída de animais bovinos positivos a antixeno de BVD sen proba de confirmación negativa ou confirmados como persistentemente infectados ou confirmados como positivos á paratuberculose con destinos diferentes do matadoiro.

Nos casos de novas incorporacións os animais ELISA positivos a paratuberculose poderán ser devoltos á explotación de orixe para a súa confirmación dentro dos 30 días desde a súa incorporación. Asi mesmo, os animais menores de cinco meses ELISA positivos á paratuberculose poderán ser devoltos con destino a un cebadoiro no prazo indicado anteriormente.

g) Permitir a saída de animais ovinos confirmados como positivos á paratuberculose con destinos diferentes do matadoiro.

h) Non comunicar aos gandeiros ou aos servizos veterinarios oficiais os animais confirmados positivos á paratuberculose e a antíxeno de BVD.

i) Non entregar aos titulares das explotacións en documento escrito as recomendacións derivadas da enquisa de bioseguridade incluída no programa, ou non realizar a mencionada enquisa, cando proceda.

j) Non realizar a actuación de formación ou a reunión informativa previstas no programa, así como a falta de comunicación das datas da realización ao Servizo Provincial de Gandaría correspondente no prazo de 10 días previos á realización.

k) Non ter cubertas polo persoal veterinario responsable as fichas de actuación en que se reflictan as actuacións realizadas, ou non telas á disposición dos servizos veterinarios oficiais.

l) Non realizar os controis previstos nas incorporacións de animais ás explotacións no prazo máximo de 20 días naturais contados desde a data da incorporación. En todos os casos, os animais incorporados deberán estar illados do resto do rabaño ata coñecer os resultados das probas analíticas tomando as medidas de bioseguridade necesarias para evitar o contaxio de infeccións.

m) Non ter implantado o correspondente programa de manexo e eliminación de animais bovinos clínicos ou confirmados naquelas explotacións onde se estea a facer unha mostraxe maior do 40 % para a detección de paratuberculose.

n) Non ter feita en prazo por parte dalgunha das explotacións integrantes da ADSG a declaración censual obrigatoria establecida pola normativa vixente conforme ás obrigas exixidas polo Real decreto 479/2004, polo que se establece e regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras. Non se aplicará este punto para o caso das ADSG de gando bovino e de gando ovino e cabrún.

ñ) No caso de explotacións avícolas, non realizar os correspondentes autocontrois de salmonela, ou realizalos en laboratorios non autorizados, cando estes sexan preceptivos, ou non telos á disposición dos servizos veterinarios oficiais cando estes os requiran. Así mesmo, non realizar a vacinación fronte á salmonela naquelas poboacións en que sexa obrigatoria.

o) Incumprir as instrucións de remisión de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

p) Non actualizar na aplicación informática as actuacións do programa sanitario realizadas no prazo de 15 días tras a súa execución.

q) Realizar o programa sanitario por parte de persoal veterinario non recoñecido para a correspondente ADSG ou a realización no caso de persoal veterinario con dedicación exclusiva, de actuacións veterinarias en explotacións gandeiras que non teñan ningunha relación co programa sanitario da ADSG.

r) Non ter clasificadas as explotacións segundo se recolle no Programa sanitario marco para as ADSG de gando bovino, ovino-cabrún e visóns, en data 10 de marzo de 2017 .

2. As deducións aplicables no caso de detectarse estes incumprimentos serán as seguintes:

a) No caso de non ter executada en 28 de febreiro do 2017 a mostraxe obrigatoria recollida no Programa sanitario marco no 100 % das explotacións, reducirase o total da axuda que se percibirá na parte proporcional ás mostraxes non executadas.

b) No caso de non executar as mostraxes obrigatorias recollidas no Programa sanitario marco en máis dun 35 % das explotacións da ADSG, perderase o dereito ao total da axuda que se percibirá.

c) No caso da incorporación de animais bovinos que resulten positivos a anticorpos nas análisis feitas previas á súa incorporación fronte ao IBRgE e paratuberculose e a antíxeno de BVD, deducirase 200 € por animal do total da axuda que se percibirá.

d) No caso de superar os 30 días de permanencia nunha explotación dun animal confirmado como persistentemente infectado pola BVD sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas, deducirase 200 € por animal do total da axuda que se percibirá.

e) Por non cumprir os programas vacinais cando estes sexan obrigatorios segundo a normativa vixente, deducirase cando proceda 200 euros por explotación.

f) Por cada explotación bovina en que se detecte a utilización fronte á IBR de vacinas que non sexan marcadas, deducirase un importe de 500 € do total da axuda que se percibirá e cando non se faga a comunicación previa aos servizos provinciais de Gandaría da vacinación con vacinas vivas fronte a BVD, deducirase un importe de 300 euros por explotación.

g) Por cada explotación en que se detecte a saída de animais bovinos positivos a antixeno de BVD sen proba de confirmación negativa ou confirmados como persistentemente infectados ou confirmados como positivos á paratuberculose, ou de animais ovinos e cabrúns confirmados como positivos á paratuberculose, con destinos diferentes do matadoiro, deducirase un importe de 500 € do total da axuda que se percibirá.

h) Cando non se comuniquen aos gandeiros ou aos servizos veterinarios oficiais os animais confirmados positivos á paratuberculose e ao antíxeno de BVD, deducirase por cada animal un importe de 500 € da axuda que se percibirá.

i) Por cada explotación en que se detecte que non foi realizada a enquisa de bioseguridade establecida no programa marco, cando proceda, deducirase un importe de 200 € do total da axuda que se percibirá.

j) No caso de non realizarse a actividade formativa ou a reunión anual establecidas no programa marco, así como a falta de comunicación das datas da realización ao Servizo Provincial de Gandaría correspondente no prazo de 10 días previos á realización, deducirase 300 euros da axuda que se percibirá.

k) Por non ter cubertas as fichas de actuación en que se reflictan as actuacións realizadas nas explotacións polo persoal veterinario responsable, ou por non ter as fichas a disposición do servizos veterinarios oficiais, cando proceda, deducirase un importe de 100 euros por explotación.

l) Por cada explotación en que se detecte que non foron realizados os controis previstos nas incorporacións de animais no prazo máximo de 20 días naturais desde a súa chegada á explotación, ou no caso de que os animais incorporados non se manteñan illados do resto do rabaño ata coñeder os resultados, cando proceda, deducirase un importe de 200 € do total da axuda que se percibirá.

m) Por non ter implantado o correspondente programa de manexo e eliminación de animais bovinos clínicos ou confirmados naquelas explotacións onde se estea a facer unha mostraxe maior do 40 % para a detección de paratuberculose, e cando proceda, deducirase un importe por explotación de 200 € do total da axuda que se percibirá.

n) Por cada explotación en que se detecte que non foi realizada en prazo a declaración censual obrigatoria ou outras obrigas administrativas establecidas pola normativa vixente, deducirase un importe de 200 € do total da axuda que se percibirá.

ñ) Por cada explotación avícola en que se detecte que non foron realizados os correspondentes autocontrois preceptivos de salmonela (incluíndo os autocontrois de eficacia da limpeza e desinfección en baleiros en explotacións), que foron realizados en laboratorios non autorizados ou non estean á disposición dos servizos veterinarios oficiais cando estes os requiran, deducirase un importe de 500 € do total da axuda que se percibirá.

o) Por cada explotación avícola en que se detecte que non foi realizada a correspondente vacinación fronte á salmonela, cando esta sexa preceptiva, deducirase un importe de 500 € do total da axuda que se percibirá.

p) Por cada explotación avícola na que se detecten, dentro dos programas de salmonela, incumprimentos referidos á inexistencia na explotación da documentación acreditativa de orixe das aves, pensos ou auga, deducirase un importe de 100 € do total da axuda que se percibirá.

q) Por cada explotación porcina en que se detecte que non foi realizada a correspondente vacinación fronte á enfermidade de Aujeszky, cando esta sexa preceptiva, ou os controis serolóxicos obrigatorios, deducirase un importe de 500 € do total da axuda que se percibirá.

r) No caso de detectarse incumprimentos de calquera tipo dos sinalados en máis do 35 % das explotacións da ADSG, perderase o dereito ao 100 % da axuda que se percibirá.

s) No caso de que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia informe, ao final do período subvencionable, que unha ADSG non respectou os criterios de mostraxe e de envíos de mostras establecidos no anexo IV, enviando durante un mes máis do 15 % do total que enviará cada ADSG durante todo ano, deducirase 300 euros da axuda que se percibirá por cada mes en que sexa superado este límite.

t) Por cada actuación do programa sanitario detectada como non actualizada en prazo na aplicación informática das ADSG, deducirase un importe de 100 € na axuda ques e percibirá.

u) Por non ter clasificadas as explotacións segundo se recolle no Programa sanitario marco para as ADSG de gando bovino, ovino-cabrún e visóns en data 10 de marzo de 2017, aplicarase unha dedución de 200 € da axuda que se percibirá.

v) No caso de detectarse a non actualización da aplicación informática nun 35 % das actuacións do programa sanitario realizadas, perderase o dereito ao 100 % da axuda que se percibirá.

w) No caso de detectarse que o programa sanitario foi realizado por parte de persoal veterinario non recoñecido na correspondente ADSG, ou a realización no caso de persoal veterinario con dedicación exclusiva de actuacións veterinarias que non teñan relación ningunha co programa sanitario da ADSG, perderase o dereito ao 100 % da axuda que se percibirá.

x) No caso das ADSG de gando porcino, establécese unha dedución parcial de 500 € na axuda que lle correspondera cobrar á agrupación por cada unha das explotacións de produción pertencentes a ela que non estean cualificadas fronte á enfermidade de Aujeszky ao final do período subvencionable. Para estes efectos, non serán tidas en conta as explotacións que presentasen positividade ao longo do dito período, e que estean executando correctamente un programa de erradicación e control da enfermidade, de cara á súa posterior cualificación.

Artigo 20. Reintegro da axuda e obriga de facilitar información

O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e nos demais supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se se detectan incumprimentos en controis posteriores ao pagamento da axuda, nos procedementos de reintegro aplicaranse as reducións de axuda establecidas no artigo 19.

Así mesmo, ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Réxime de incompatibilidades

As axudas establecidas na presente orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 22. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Para o ano 2016: 12.22.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 922.850 euros.

b) Para o ano 2017: 12.22.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 1.200.150 euros.

2. Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da normativa estatal.

Disposición adicional segunda

As axudas reguladas pola presente orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Disposición derradeira

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Base de datos das explotacións integradas nas ADSG

Nome do campo

Tipo de datos

Tamaño do campo

1. Agrupación

2. CIF agrupación

3. Apelidos

4. Nome

5. DNI

6. Letra NIF

7. Código REGA

8. Lugar

9. Parroquia

10. Concello

11. Provincia

12. Teléfono

13. Alta/baixa

14. Data

En bovino (censo):

15. Bovinos < 12 meses

16. Bovinos > 12 e < 24 meses

17. Bovinos > 24 meses leite

18. Bovinos > 24 meses carne

En ovino e cabrún (censo):

19. Ovinos reprodutores

20. Ovinos non reprodutores

21. Cabrúns reprodutores

22. Cabrúns non reprodutores

En équidos (censo):

23. Animais > 6 meses

24. Animais < 6 meses

En porcino (capacidade):

25. Reprodutoras

26. Verróns

27. Reposición

28. Recría/transición

29. Leitóns

30. Cebo

En coellos (capacidade):

31. Femias reprodutoras

32. Machos reprodutores

33. Animais reposición

34. Cebo

En aves (capacidade):

35. Poñedoras

36. Reprodutoras

37. Recría

38. Engorda

En visóns (censo):

39. Reprodutores

En abellas (censo):

40. Número colmeas

En acuicultura (tm):

41. Produción anual

Texto

Texto

Texto

Texto

Numérico

Texto

Texto

Texto

Texto

Texto

Numérico

Texto

Texto

Data

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Numérico

Númerico

40

10

40

20

Dobre

1

16

30

30

30

Dobre

10

1

10

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Dobre

Descrición dos campos:

1. Agrupación: nome completo da agrupación

2. NIF agrupación: NIF da agrupación

3. Apelidos: apelidos do socio

4. Nome: nome do socio

5. DNI: número do DNI do socio

6. Letra NIF: letra do NIF do socio

7. Código REGA: código REGA da explotación gandeira

8. Lugar: lugar onde está situada a explotación

9. Parroquia: parroquia onde está situada a explotación

10. Concello: concello onde está situada a explotación

11. Provincia: A Coruña (15), Lugo (27), Ourense (32) e Pontevedra (36). Provincia onde está situada a explotación

12. Teléfono: teléfono do titular da explotación

Datos de censo: número de cabezas de animais

ANEXO IV
Programas sanitarios das ADSG

As ADSG deberán executar un programa sanitario cun contido mínimo obrigatorio e, se fose o caso, poderán desenvolver un programa sanitario complementario voluntario que convirá a ADSG.

Programas sanitarios marco obrigatorios que desenvolverán as ADSG para todas as especies.

1. Obrigas. Todas as explotacións integradas nas ADSG deberán cumprir o exixido no Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, e na normativa vixente de identificación animal e rexistro de explotacións. O persoal veterinario das ADSG será responsable de levar a cabo todas as actuacións recollidas no punto 2 do artigo 6 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia. En especial, o persoal veterinario das ADSG colaborará na Rede de epidemio-vixilancia de Galicia e terá obriga de comunicar aqueles acontecementos que poidan motivar sospeita de alerta sanitaria, colaborarán, se fora preciso, na toma de mostras para as análises oficiais e achegarán o seu coñecemento do estado sanitario da explotación.

As explotacións integradas en ADSG deberán ter toda a documentación relativa ao desenvolvemento do programa sanitario á disposición dos SS.VV.OO.

2. Formación sanitaria. O persoal veterinario das ADSG fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas que estes dispoñan dunha formación axeitada. Para estes efectos, as ADSG organizarán polo menos un curso de formación ao ano, dirixido aos titulares das explotacións.

O mencionado curso poderá ser substituído, ou se é o caso coincidir, cunha reunión anual na cal sexan convocados todos os socios da ADSG, e na cal se expoñan polo miúdo as actuacións desenvolvidas no marco dos programas sanitarios executados e os seus resultados na última anualidade.

A data, o lugar, a hora e o contido do curso ou, se é o caso, da reunión convocada, comunicaranse polo menos con dez días de antelación, mediante escrito dirixido ao respectivo Servizo Provincial de Gandaría.

Cando se realicen, os cursos de formación deberán incluír no seu programa contidos relacionados, polo menos, con algún dos seguintes temas, cando proceda e segundo a especie:

– Prevención e control das enfermidades incluídas no programa sanitario propio da ADSG.

– Formación en benestar animal.

– Plans de alerta sanitaria veterinaria, enfermidades de declaración obrigatoria en España e na Unión Europea ou incluídas no Código zoosanitario internacional da Organización Mundial de Sanidade Animal.

– Pautas de manexo e medidas de bioseguridade nas granxas e protocolos de limpeza desinfección, desinsectación e desratización (DDD).

– Guía das practicas correctas de hixiene

– Xestión ambiental e sustentabilidade.

– En ADSG de gando bovino, ovino e cabrún, programas de vixilancia pasiva das encefalopatías esponxiformes transmisibles (EET).

3. Fichas de actuación. Por cada explotación integrada nos programas sanitarios o persoal veterinario responsable da ADSG cubrirá unha ficha na cal se reflictan as actuacións realizadas. As fichas elaboradas identificarán a explotación, e incluirán os seguintes campos:

– Data.

– Nome e apelidos da persoa veterinaria.

– Descrición detallada da actuación e, se é o caso, número de animais sobre os cales se actuou.

As fichas de actuación conservaranse na explotación xunto á restante documentación relativa ao programa sanitario da ADSG, e deberán estar á disposición dos servizos veterinarios oficiais, para a súa supervisión.

4. Enquisa de bioseguridade. O persoal veterinario das ADSG realizará en todas as explotacións unha enquisa de bioseguridade, na cal se recolla a infraestrutura sanitaria e as prácticas de manexo, de xeito que permita descubrir os puntos críticos en bioseguridade que poidan favorecer a entrada ou diseminación de enfermidades. Baseándose nos resultados das enquisas, o persoal veterinario establecerá as oportunas medidas correctoras para emendar as deficiencias detectadas, e controlará a súa aplicación por parte dos coidadores e responsables do gando afectado. Ao respecto, o persoal veterinario das ADSG entregará ao gandeiro un documento co resultado da enquisa (favorable ou desfavorable), en que se indique, se é o caso, as medidas correctoras que se recomendan.

Realizarase unha primeira enquisa en todas as explotacións da ADSG, así como en cada nova explotación que se incorpore a esta. Unicamente será necesario repetir a enquisa nunha explotación cando se producisen cambios substanciais nalgún dos aspectos nela recollidos (instalacións, condicións de manexo...), ou cando se detecte a aparición de enfermidades que permitan facer sospeitar deficiencias na bioseguridade da explotación.

Así mesmo, na aplicación de programas especificos de supervisión das condicións de bioseguridade, poderase exixir a realización da enquisa que corresponda á totalidade das explotacións integradas.

As enquisas realizaranse segundo o modelo facilitado polos servizos veterinarios oficiais. As enquisas realizadas, xunto cunha copia dos documentos en que se indiquen as medidas correctoras indicadas ao gandeiro, estarán á disposición dos servizos veterinarios oficiais.

Gando bovino

O persoal veterinario das ADSG levará a cabo as seguintes actuacións:

1. Colaboración coas actuacións que correspondan en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (medidas ou pautas de bioseguridade no caso de sospeita e confirmación da enfermidade, tratamento e manexo dos estercos, pautas de limpeza e desinfección despois da eliminación de animais positivos) así como no resto de programas oficiais de loita, control e erradicación das enfermidades animais.

2. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Programa de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles (pautas de vixilancia pasiva, información aos gandeiros, controis dos provedores de pensos, control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres).

4. Programa de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación ás persoas titulares das explotacións integradas na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de DDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou rebrotes das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando e outros vehículos nas explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos propios ou que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

6. Programa de control de parasitos internos e externos.

O obxectivo do programa será a detección da carga parasitaria das explotacións e/ou a toma de medidas encamiñadas a diminuír ou erradicar a presenza de parasitos nas explotacións baixo control.

7. Programas específicos de prevención e control fronte ás enfermidades do gando bovino que a continuación se citan, encamiñados a diminuír a prevalencia e incidencia das distintas enfermidades:

7.1. Control da diarrea viral bovina (BVD).

7.1.1. Obxectivo do programa:

O obxectivo do programa será a diminución dos efectos negativos da enfermidade en explotacións con infección activa e a monitorización do estatus sanitario dos rebaños.

7.1.2. Finalidade das probas diagnósticas:

– Detección das explotacións con infección activa.

Son sospeitosas de padecer unha infección activa aquelas explotacións que presentan animais novos con presenza de anticorpos anti-p80 ou nas cales se produce unha seroconversión ou unha alta taxa de anticorpos anti-p80 en mostras de leite do tanque.

– Detección de animais persistentemente infectados (PI).

Considérase animal PI aquel que sexa positivo a dúas probas diagnósticas de antíxeno cun intervalo de polo menos 21 días entre elas.

– Investigación epidemiolóxica da orixe de novas infeccións.

– Implementación de medidas de bioseguridade para evitar novas infeccións.

7.1.3. Pautas de actuación en explotacións de leite (BVD):

– Como mínimo, deberanse realizar dúas mostraxes anuais en leite de tanque, cun intervalo aproximado de 6 meses, para detección de anticorpos anti-p80.

– Realizarase unha mostraxe anual en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 24 meses nados na explotación, para determinación de anticorpos anti-p80 segundo a táboa do anexo V. No caso de non existir animais deste grupo de idade, tomaranse mostras dos animais reprodutores entre os que resultasen negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos. No caso de explotacións con máis dunha unidade de produción, segundo o criterio do persoal veterinario responsable, a mostraxe anterior poderá realizarse de xeito diferenciado en cada unha delas.

7.1.3.1. Pautas de actuación en explotacións con sospeita de circulación vírica:

– No caso das explotacións en que os niveis de anticorpos en leite de tanque indiquen un aumento significativo, é dicir que:

– Os resultados da mostraxe en leite de tanque pasen de indicar valores negativos de anticorpos (prevalencias menores dun 5 %) a valores baixos, medios ou altos.

– De valores de baixa positividade a media ou alta positividade.

– De media positividade a alta positividade.

Ou no caso de explotacións cunha positividade superior ao 25 % dos animais e na poboación de animais novos maiores de 9 meses e menores de 24 meses de idade nados na explotación exista algún resultado positivo, procederase da seguinte forma:

– En rabaños en que a información epidemiolóxica de anos anteriores indique a presenza dun abrocho recente, deberase realizar unha investigación de anticorpos anti-p80, entre os animais incorporados recentemente á explotación e os animais nados desde a última mostraxe con resultados negativos, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos p80 someteranse a probas de antíxeno. Non se realizarán mostraxes de anticorpos nin de antíxeno en animais xa existentes antes da sospeita do abrocho ou sobre animais previamente positivos a anticorpos.

- Cando a información epidemiolóxica dos tres anos anteriores indique a circulación do virus (nacemento de animais PI, positividade a anticorpos nos animais menores de 24 meses e valores de prevalencia en leite de tanque por encima do 25 %), así como en rabaños de nova incorporación á ADSG e sen probas diagnósticas anteriores, realizarase a proba de detección de anticorpos anti-p80 no resto do rabaño descartando os positivos da primeira proba.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos, someteranse a probas de antíxeno, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Neste caso poderase realizar unha proba complementaria previa que consistirá nunha proba de PCR sobre unha mostra de leite de tanque co fin de descartar, en caso de negatividade, a presenza dun PI no grupo de animais en produción, sen necesidade de realizar unha mostraxe de soro individual dese grupo de animais. Para admitir esta proba, o número de vacas en lactación deberá ser superior a 30 animais e o veterinario responsable deberá remitir ao laboratorio un informe detallado que xustifique o emprego desta técnica.

7.1.4. Pautas de actuación en explotacións de carne (BVD):

– Realizarase unha mostraxe anual en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación segundo o indicado na táboa do anexo V (poderán quedar exentos desta mostraxe os machos de ceba). No caso de non existir animais deste grupo de idade, realizarase a mostraxe dos animais reprodutores entre os que resultaran negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos.

7.1.4.1. Pautas de actuación en explotacións con sospeita de circulación vírica:

– No caso de existir unha positividade maior do 25 % neste grupo de animais, realizarase a analítica en soro de anticorpos anti-p80, da seguinte forma:

– En rabaños nos que a información epidemiolóxica de anos anteriores indique a presenza dun abrocho recente, deberase realizar unha investigación de anticorpos anti-p80, entre os animais incorporados recentemente á explotación e os animais nados desde a última mostraxe con resultados negativos, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos anti p80, someteranse a probas de antíxeno. Non se realizarán mostraxes de anticorpos nin de antíxeno en animais xa existentes antes da sospeita do abrocho ou sobre animais previamente positivos a anticorpos.

– Cando a información epidemiolóxica dos tres anos anteriores indique a circulación vírica (nacemento de animais PI, positividade a anticorpos nos animais menores de 36 meses), así como en rabaños de nova incorporación á ADSG e sen probas diagnósticas anteriores, realizarase a proba de detección de anticorpos anti-p80 no resto do rabaño descartando os positivos da primeira proba. Os animais que resulten negativos ás probas de anticorpos, someteranse a probas de antíxeno, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI.

Neste caso poderase realizar unha proba complementaria previa que consistirá nunha proba de PCR sobre un pool de soros dos animais reprodutores que permitirá descartar, en caso de negatividade, a presenza dun animal PI no grupo de animais en produción, sen necesidade de realizar unha mostraxe de soro individual dese grupo de animais. Para admitir esta proba, o número de femias reprodutoras deberá ser superior a 30 animais e o persoal veterinario responsable deberá remitir ao laboratorio un informe detallado que xustifique o emprego desta técnica.

7.1.5. Pautas de actuación en explotacións vacinadas con vacinas vivas.

A presenza de anticorpos como consecuencia da vacinación, fai necesario a realización de probas de detección de antíxeno para detectar a circulación vírica nestas explotacións.

– En explotacións de aptitude láctea, deberanse realizar dúas mostraxes en leite de tanque cun intervalo aproximado de 6 meses para a detección por PCR do virus da BVD. Igualmente, e de ser posible, deberase realizar a mostraxe dunha porcentaxe de animais menores de 24 meses non vacinados nados na explotación (segundo a táboa do anexo V) para detectar a presenza de anticorpos de BVD. No caso de non existir animais non vacinados, deberase realizar unha vez ao ano unha proba de PCR de antíxeno de BVD dun pool de soros de animais procedentes dese grupo de idade. No caso dos animais menores de 3 meses, a mostraxe deberá realizarse en cartílaxe auricular.

– En explotacións de aptitude cárnica deberase realizar unha mostraxe dun pool de soros de animais maiores de 3 meses para a súa analítica por PCR unha vez ao ano. Igualmente, e de ser posible, deberán realizar a mostraxe dunha porcentaxe de animais menores de 24 meses non vacinados nados na explotación (segundo táboa do anexo V) para detectar a presenza de anticorpos de BVD. No caso de non existir animais non vacinados, deberase realizar unha vez ao ano unha proba de detección de antíxeno nos animais menores de 3 meses de idade en cartílaxe auricular.

7.1.5.1. Pautas de actuación en explotacións con sospeita de circulación vírica vacinadas con vacinas vivas:

Nas explotacións de aptitude láctea cando a PCR de leite de tanque resulte positiva, deberase realizar a mostraxe individualmente os animais en lactación para a súa investigación mediante pools de soros ou mostras individuais ata localizar o animal ou animais con excreción vírica. Igualmente se resultasen positivos a anticorpos os animais non vacinados ou resulta positiva a PCR de calquera dos pools de mostras realizados nos outros grupos de idade, deberase investigar ata a localización do animal ou animais con excreción vírica.

Nas explotacións de aptitude cárnica, se resultasen positivos a anticorpos os animais non vacinados ou resulta positiva a PCR de calquera dos pools de mostras realizados nos outros grupos de idade, deberase investigar para antíxeno de BVD cada un dos pools positivos ata a localización do animal ou animais con excreción vírica.

7.1.6. Pautas de actuación comúns a todas as explotacións (BVD):

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar, en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións lindeiras, etc.).

– En todas as explotacións tanto de leite como de carne, no caso de existir touros reprodutores, deberaselles realizar unha mostraxe como mínimo anualmente para a determinación de anticorpos e antíxeno de BVD.

– Os animais negativos a anticorpos anti p-80 someteranse á proba de antíxeno se as analíticas anteriores indican a posibilidade de presenza de animais PI.

– En calquera caso, aos animais seropositivos á proba de detección de anticorpos non se lles realizara a mostraxe repetidamente, limitando as novas mostraxes aos animais seronegativos. En casos excepcionais, e logo autorización do Laboratorio de Sanidade e produción Animal de Galicia, poderanse repetir as probas de antíxeno en animais positivos a p80.

– A proba de detección de antíxeno nos animais menores de 3 meses realizarase preferentemente en mostra de orella ou en soro recollido antes da toma do primeiro costro, para minimizar a interferencia con anticorpos presente nos costros.

– No caso dun abrocho recente, aínda que o resultado de antíxeno sexa negativo nunha primeira proba, en animais menores de 3 meses, recoméndase realizar novas probas aos 4-5 meses de idade para detectar a posible presenza de falsos negativos, debidos á interferencia cos anticorpos costrais.

– En todo caso, un animal positivo a antíxeno, non se poderá trasladar a outra explotación (exceptuando matadoiros) nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, ata que sexa sometido a unha segunda proba de antíxeno con resultado negativo.

– Os animais confirmados como PI pola BVD non poderán en ningún caso ser destinados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino o seu traslado directo a matadoiro. O persoal veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da positividade aos servizos veterinarios oficiais mediante un informe da posible orixe da infección, co fin de determinar as causas que permitan prever no futuro a presenza de novas infeccións, e informará o titular da explotación afectada das anteriores obrigas, establecendo un plan para a eliminación inmediata destes animais, considerándose como un incumprimento a súa permanencia prolongada na explotación sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas.

Cando se confirme como PI un animal adulto con descendencia, deberáselle realizar a esta a mostraxe a antíxeno de BVD para confirmar ou descartar posibles animais PI.

– A utilización de vacinas vivas nas explotacións de reprodución deberá ser comunicada previamente á Subdirección Xeral de Gandaría.

– O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como persistentemente infectados. En todos os casos, os servizos veterinarios oficiais comunicarán á persoa titular da explotación a restrición dos movementos e o posible destino dos animais sinalados, e realizarán un control estrito sobre estes, rexistrando a inmobilización dos animais afectados na base de datos da Consellería do Medio Rural.

– A realización dunha mostraxe diferente á indicada e a realización de probas de PCR en leite, exixirá a autorización do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, logo de informe razoado do persoal veterinario da ADSG. O laboratorio poderá denegar a realización da mostraxe por considerala pouco útil ou por saturación de mostras no laboratorio.

– O tamaño dos pools de mostras para a proba de PCR e o calendario de mostraxe para as explotacións en que se realice esta técnica será determinado polo Lasapaga.

7.1.7. Clasificación de explotacións (BVD):

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2017, nos niveis que se indican a continuación:

– Nivel 0. Explotacións con infección activa ou sospeitosas de manter unha infección activa. Con detección de animais PI nos últimos 12 meses ou analíticas que indican a posibilidade de presenza de animais PI, sen completar a realización das probas necesarias para descartalos.

Ou ben explotacións de nova incorporación sen información epidemiolóxica:

– Nivel 1. Explotacións de leite: con tanque positivo (máis de 25 % de prevalencia) ou negativo e animais entre 9 e 24 meses nados na explotación positivos a anticorpos, pero sen detección de animais PI nos últimos 12 meses. Explotacións de carne: animais entre 9 e 36 meses nados na explotación positivos a anticorpos, pero sen detección de animais PI nos últimos 12 meses.

Nas explotacións vacinadas con vacina viva, a realización dunha mostraxe de detección de antíxeno en todos os animais da explotación (en pools ou individualmente) sen resultados positivos nos últimos 12 meses.

– Nivel 2. Explotacións de leite: tanque positivo (máis do 25 % de prevalencia) e animais de 9-24 meses negativos. Explotacións de carne: animais de 9-36 meses negativos durante o último ano.

Nas explotacións vacinadas con vacina viva, a realización dunha mostraxe de detección de antíxeno en todos os animais da explotación (en pools ou individualmente) sen resultados positivos nos últimos 2 anos.

– Nivel 3. Explotacións de leite: tanque negativo (menos do 25 % de prevalencia) e animais de entre 9 e 24 meses negativos. Explotacións de carne: animais de 9-36 meses negativos, desde hai 2 ou máis anos.

Nas explotacións vacinadas con vacina viva, a realización dunha mostraxe de detección de antíxeno en todos os animais da explotación (en pools ou individualmente) sen resultados positivos nos últimos 3 anos.

7.2. Control da rinotraqueíte bovina infecciosa (IBR).

7.2.1. Obxectivo do programa:

O obxectivo do programa será a diminución da prevalencia da enfermidade mediante a detección e eliminación progresiva de animais seropositivos.

7.2.2. Finalidade das probas diagnósticas:

As analíticas individuais ou en leite de tanque realizaranse:

– Para detección de anticorpos totais ou anti-gB, se a explotación non vacina de IBR dada a súa maior sensibilidade.

– Para detección de anticorpos anti-gE, no caso de explotacións que utilicen vacina marcada de IBR.

7.2.3. Pautas de actuación en explotacións de leite (IBR):

Como mostraxe mínima, realizaranse:

– Analíticas de anticorpos en leite de tanque. Como mínimo, deberanse realizar dúas mostraxes anuais, cun intervalo mínimo de 6 meses.

– Unha mostraxe anual para analítica de anticorpos en soro dos animais maiores de 9 meses e menores de 24 meses nados na explotación, segundo a taboa do anexo V. No caso de non existir animais deste grupo de idade, realizaráselles a mostraxe aos animais reprodutores entre os que resultasen negativos a anticorpos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos. No caso de explotacións con máis dunha unidade de produción, segundo o criterio do persoal veterinario responsable, a mostraxe anterior poderá realizarse de xeito diferenciada en cada unha delas.

En función dos resultados das mostraxes anteriores, poderanse realizar as seguintes probas:

– Nas explotacións en que o resultado de anticorpos en leite de tanque indique a ausencia de animais reactivos, e a mostraxe dos animais entre 9 e 24 meses de idade resulte negativa durante dous ou máis anos poderase realizar outra analítica en soro do resto dos animais para detectar a posible existencia de animais seropositivos. Esta analítica farase unha soa vez coa finalidade de clasificar a explotación como negativa (nivel 3).

– Nas explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo realizarase a mostraxe anual en animais maiores de 9 e menores de 24 meses nados na explotación, segundo a táboa do anexo V e efectuarase como mínimo unha mostraxe cuadrimestral en leite de tanque (3 mostraxes repartidas ao longo do ano) co fin de conseguir a clasificación da explotación como nivel 3 ou nivel 4 segundo realicen ou non vacinación de IBR.

7.2.4. Pautas de actuación en explotacións de carne (IBR):

Como mostraxe mínima:

– Realizarase anualmente unha analítica en soro en animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses, segundo a táboa do anexo V, (poderán quedar exentos desta mostraxe os machos de ceba) para comprobar a presenza de anticorpos gB ou totais, ou de gE no caso de animais vacinados con vacina marcada. No caso de non exisitir animais deste grupo de idade, realizaráselles a mostrexe aos animais reprodutores entre os cales resultasen negativos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais mais novos.

En función da mostraxe anterior, poderanse realizar as seguintes probas:

– As explotacións que manteñan a negatividade na mostraxe dos animais entre 9 e 36 meses de idade durante dous ou máis anos poderán realizar outra analítica en soro do resto dos animais para detectar a posible existencia de animais seropositivos. Esta analítica farase unha soa vez coa finalidade de clasificar a explotación como negativa (nivel 3).

– Nas explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo realizarase a mostraxe anual en animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, segundo a táboa do anexo V, co fin de conseguir a clasificación da explotación como nivel 3 ou nivel 4 segundo realicen ou non vacinación de IBR.

7.2.5. Pautas de actuación comúns a todas as explotacións (IBR):

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar, en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións lindeiras, etc.).

– En todas as explotacións tanto de leite como de carne, no caso de existir touros reprodutores, deberánselles realizar a mostraxe como mínimo anualmente para a determinación de anticorpos de IBRgB ou de IBRgE no caso de estar vacinando con vacina marcadora.

– A analítica da IBR non se realizará nas explotacións vacinadas anteriormente con vacinas convencionais, agás naqueles animais que non estean vacinados.

– En calquera caso, e seguindo as indicacións do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, as analíticas realizadas estarán destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións, definíndose as actuacións que se realizarán en cada unha delas en función dos resultados obtidos: non se poderá realizar unha mostraxe do 100 % dos animais da explotación, mentres se obteñan resultados positivos en animais menores de 24 meses ou no leite de tanque.

– As únicas vacinas autorizadas dentro do programa oficial das ADSG de Galicia fronte á IBR en explotacións de reprodución serán vacinas marcadas. No caso dos cebadeiros de gando vacún integrados en ADSG, poderanse empregar vacinas non marcadas fronte ao IBR.

– As explotacións que en anos anteriores realizasen a mostraxe fronte a gE do 100 % dos animais con resultado negativo (nivel 3) e que non vacinasen nos últimos anos con vacinas marcadoras poderán, logo de autorización do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, realizar outra mostraxe do 100 % dos animais fronte a gB, por unha soa vez, para poder cualificar a explotación co nivel 4.

7.2.6. Clasificación de explotacións (IBR):

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións en función das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2017, nos niveis que se indican a continuación:

– Nivel 0. Explotacións de leite: valores de anticorpos en mostra de leite de tanque que indiquen a presenza de animais positivos ou que existan animais positivos a anticorpos no grupo de idade de 9 a 24 meses. Explotacións de carne: animais positivos a anticorpos no grupo de idade de 9 a 36 meses.

Ou ben explotacións de nova incorporación das que non se teña información epidemiolóxica.

– Nivel 1. Explotacións de leite: con tanque positivo e animais entre 9 e 24 meses de idade negativos a anticorpos no último ano. Explotacións de carne: animais entre 9 e 36 meses de idade negativos a anticorpos no último ano.

– Nivel 2. Explotacións de leite: con leite de tanque positivo ou negativo e animais de 9 a 24 meses de idade negativos nos últimos 2 ou máis anos, pero nunca se realizou unha mostraxe do 100 % dos animais con resultados negativos. Explotacións de carne: animais de 9 a 36 meses de idade negativos a anticorpos nos últimos 2 ou máis anos, pero nunca se realizou unha mostraxe do 100 % dos animais con resultados negativos.

– Nivel 3. Explotacións cunha mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo a anticorpos anti-gE e, no caso de explotacións de leite, con tanque negativo.

– Nivel 4. Explotacións cunha mostraxe do 100 % dos animais con resultado negativo a anticorpos anti-gB ou totais e, no caso de explotacións de leite, con tanque negativo.

Unha vez acadados os dous últimos niveis o mantemento destes conseguirase con resultados negativos nas mostraxes indicadas anteriormente (mostraxes en animais entre 9 e 36 meses de idade e, se é o caso, 3 mostraxes anuais negativas en leite de tanque).

7.3. Control da paratuberculose.

7.3.1. Obxectivos do programa:

– Divulgar o significado da enfermidade.

– Minimizar o risco de infección en explotacións non afectadas pola enfermidade.

– Detectar explotacións infectadas.

– Aplicar pautas de manexo nas explotacións segundo o nivel de risco.

– Minimizar os efectos da enfermidade nas explotacións infectadas.

7.3.2. Definicións:

– Explotación infectada de paratuberculose: aquela con polo menos un animal confirmado como positivo nos últimos 2 anos.

– Animal bovino confirmado positivo á paratuberculose: aquel en que se dea calquera das seguintes situacións:

– O animal presenta lesións patognomónicas nas cales se visualiza a presenza de microorganismos ácido-alcohol resistentes.

– En feces do animal visualízase a presenza de niños de bacilos ácido-alcohol resistentes e presenta síntomas clínicos compatibles coa enfermidade.

– En calquera tipo de mostra procedente do animal obtívose un resultado positivo a PCR.

– Nas explotacións confirmadas como infectadas: calquera animal con síntomas clínicos compatibles coa enfermidade ou calquera animal positivo a ELISA ata que a prevalencia da explotación baixe do 10 %.

7.3.3. Pautas de mostraxe en explotacións confirmadas como infectadas de paratuberculose:

– Realizarase unha analítica de detección de anticorpos mediante probas ELISA no 40 % ao 100 % dos animais maiores de 24 meses, incluíndo os animais positivos a ELISA non confirmados por PCR de anos anteriores, cunha periodicidade mínima anual. Terán preferencia na mostraxe os animais negativos non mostrexados en anos anteriores.

Para realizar unha mostraxe maior do 40 %, deberase implantar na explotación un exhaustivo programa de manexo e eliminación de animais clínicos ou confirmados, establecido polos servizos técnicos veterinarios responsables da ADSG e supervisado pola autoridade competente en materia de sanidade animal e deberá estar asinado tanto polo persoal veterinario da ADSG como polo gandeiro. As explotacións afectadas que non realicen o dito programa manterán a clasificación de infectadas e non poderán facer a mostraxe do 100 % dos animais negativos.

– Ata que a seroprevalencia da explotación, considerando todos os animais mostrexados, descenda por debaixo do 10 % a ELISA non se realizarán probas de confirmación distintas do ELISA. Excepcionalmente, nas explotacións nas cales un só animal positivo supoña o 10 % de prevalencia na explotación, poderase realizar a mostraxe para a súa confirmación por PCR.

7.3.4. Pautas de mostraxe en explotacións non confirmadas como infectadas de paratuberculose:

– Realizarase unha analítica de detección de anticorpos mediante probas ELISA do 40 % dos animais cunha periodicidade anual, dando prioridade a:

– Os animais de risco (con diarrea crónica, adelgazamento, descenso de produción inxustificada).

– Os adquiridos nos últimos anos.

– Os animais, non confirmados positivos coa PCR, que deron positivo a ELISA en anos anteriores.

– Outros animais negativos en anos anteriores ata completar o 40 % dos animais maiores de 36 meses, se esa porcentaxe non se acadou cos animais citados anteriormente, dando preferencia aos animais aos cales non se lles realizou a mostraxe recentemente.

– Os animais positivos a ELISA, deberán ser confirmados por PCR.

– Os animais positivos a ELISA, cun resultado negativo por PCR, someteranse a unha nova proba de ELISA despois de coñecidos os resultados da proba de confirmación.

7.3.5. Outras pautas de actuación (paratuberculose):

– Nas explotacións non confirmadas como positivas a paratuberculose estableceranse pautas de manexo axeitadas para minimizar o risco de introdución da infección. Estas pautas serán determinadas polo veterinario da ADSG en función da clasificación da explotación.

– Os animais confirmados como positivos a paratuberculose non poderán en ningún caso ser trasladados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino posible destes o seu traslado directo a matadoiro.

– O persoal veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da positividade aos servizos veterinarios oficiais, informará a persoa titular da explotación afectada das obrigas sinaladas no punto anterior e establecerá un plan de manexo, tendente a atenuar os efectos da enfermidade na explotación e minimizar o risco de infección doutras explotacións.

– Todo animal positivo a anticorpos de paratuberculose (ELISA), antes do seu movemento cara a outras explotacións, deberá ser sometido ás probas de confirmación de laboratorio. De obter un resultado negativo ás ditas probas, antes do movemento deberá realizar unha nova analítica a anticorpos de ELISA con resultado negativo.

– O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como positivos á paratuberculose detectados.

– Os servizos veterinarios oficiais comunicarán á persoa titular da explotación o posible destino dos animais sinalados, e realizarán un control estrito sobre estes.

– En explotacións infectadas de paratuberculose onde convivan outros ruminantes, deberase investigar igualmente a presenza de anticorpos da enfermidade en todas as especies susceptibles.

7.3.6. Clasificación de explotacións (paratuberculose):

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2017 nos grupos que se indican a continuación:

– Nivel 0. Explotación con algún animal confirmado de paratuberculose nos dous últimos anos.

– Nivel 1. Explotación cunha seroprevalencia igual ou maior do 10 % a ELISA e probas de confirmación negativas.

– Nivel 2. Explotación con menos dun 10 % de animais positivos a ELISA e con probas de confirmación negativas.

– Nivel 3. Explotación cun ano de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 4. Explotación con dous anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 5. Explotación con tres anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 6. Explotación con catro anos de mostraxe negativa a ELISA.

7.4. Control de incorporacións.

A animais de nova incorporación deberáselles realizar mostraxe preferentemente na explotación de orixe e no prazo máximo de 20 días previos á incorporación co fin de evitar incorporacións de animais positivos e a aparición de abrochos na explotación de destino. De non ser posible e no mesmo prazo, realizaráselles a mostraxe na explotación de destino onde deberán permanecer en corentena, illados do resto do rabaño ata polo menos coñecer os resultados das probas analíticas.

7.4.1. Comunicación de incorporacións:

– As persoas titulares das explotacións comunicarán con antelación todas as entradas de novos animais na súa explotación ao persoal veterinario responsable da ADSG.

– Durante a corentena os animais estarán illados do resto do rabaño polo menos ata coñecer os resultados das probas analíticas.

– As explotacións integradas en ADSG, baixo a supervisión do persoal veterinario responsable, deberán realizar corentena e control serolóxico fronte á BVDac, BVDax, IBRgE e paratuberculose de todos os animais de nova incorporación. En animais menores de tres meses a proba da BVDax realizarase preferentemente en cartilaxe auricular.

– O control serolóxico en soro non será necesario que se realice en animais incorporados menores de 5 meses e destinados a ceba, sendo necesario neste caso realizar unicamente o control de BVD Ax en cartilaxe auricular. No caso de que estes animais finalmente se incorporen ao grupo de reprodución da explotación, será necesario realizar neles un control serolóxico de BVDac, BVDAx, IBR gE e paratuberculose unha vez superados os 6 meses de idade.

– Non se incorporarán ás explotacións da ADSG animais que resulten positivos a anticorpos ou PCR de paratuberculose, a anticorpos gE de IBR e a antíxeno de BVD.

– Se as analíticas realizadas revelan positividade nos animais en corentena, poderase devolver á explotación de orixe nun prazo máximo de 30 días, coa autorización dos servizos veterinarios oficiais, que controlarán o seu posterior destino, coa excepción dos animais positivos a antíxeno de BVD, que non poderán ser devoltos ata que sexan sometidos a unha segunda proba con resultado negativo.

Se durante a corentena algún dos animais resultase positivo a antíxeno de BVD, a explotación considerarase infectada ata a realización das probas que descarten o contaxio da infección.

No caso de animais seroloxicamente positivos a paratuberculose que se devolvan a orixe, non se permitirá a súa nova venda cara a explotacións de reprodución ata que a enfermidade sexa descartada mediante as probas correspondentes.

Os animais menores de 5 meses seroloxicamente positivos á paratuberculose poderán saír da explotación con destino a cebadoiros nun prazo máximo de 30 días.

– Non serán necesarios estes controis cando os animais procedan de explotacións pertencentes a ADSG que cumpran co mesmo programa sanitario e veñan acompañados cunha acreditación sanitaria asinada polo persoal veterinario da ADSG que deberá reflectir os controis a que foron sometidos os animais implicados, que deberán ser, en todo caso, negativos. Nestes casos, as probas analíticas deberán estar realizadas nos tres meses anteriores ao traslado do animal.

– No caso de que se incorporen á explotación animais xestantes positivos a anticorpos de BVD, estes deberán parir en corentena, illados do resto de animais da explotación e deberá realizarse a analítica de BVD antíxeno do tenreiro ao nacemento, ou do aborto no seu caso para descartar a existencia dun animal PI.

7.4.2. Comunicación de retornos:

– As persoas titulares de explotacións comunicarán o retorno de animais da súa explotación cando tivesen contacto con outros animais doutras explotacións (pastos comunais, concursos, feiras, centros de recría en común, etc).

– No caso de animais retornados coas orixes mencionadas no primeiro parágrafo, e coa finalidade de coñecer a situación sanitaria destes, realizaranse analíticas da BVDac e IBRgE.

Os centros de recría integrados en unha ADSG deberán incorporar animais procedentes de explotacións integradas en ADSG ou que cumpran co Programa sanitario marco recollido na orde de axudas ás ADSG, o cal acreditará documentalmente o persoal veterinario da explotación de orixe. Estes animais someteranse ás analíticas establecidas para as novas incorporacións antes da súa chegada ao centro de recría o que deberá reflectirse no documento de envio de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

A animais con destino a un centro de recría integrado nunha ADSG realizaráselles a mostrexe sempre na explotación de orixe e deberán ser negativos a BVDax e paratuberculose para podelos incorporar. En calquera caso, os animais incorporados ao centro de recría non deberán ter contacto coas xovencas preñadas ata a realización dunha nova analítica a BVDax dun pool de soros dos animais aos catro meses de idade.

Antes da saída dos animais do centro de recría, deberase facer unha nova analítica das enfermidades obxecto deste programa.

Coa presentación da solicitude de axuda por parte da ADSG, enténdese que as persoas titulares das explotacións bovinas integradas nesta prestan o seu consentimento para que a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias facilite ao persoal veterinario responsable da agrupación os datos dos animais pertencentes a aquelas, así como a información correspondente aos animais incorporados, para os efectos de proceder ao seu control sanitario, sen prexuízo da responsabilidade destes en relación co pleno cumprimento da normativa de protección de datos de carácter persoal.

Gando ovino e cabrún

O persoal veterinario das ADSG de gando ovino e cabrún levará a cabo as actuacións necesarias para a elevación do nivel sanitario e produtivo e das condicións zoosanitarias das explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das condicións hixiénicas e produtivas:

1. Colaboración coas actuacións que correspondan en relación cos programas de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (medidas ou pautas de bioseguridade no caso de sospeita e confirmación da enfermidade, tratamento e manexo dos estercos, pautas de limpeza e desinfección despois da eliminación de animais positivos).

2. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Programa de vixilancia e control das encefalopatías esponxiformes transmisibles (pautas de vixilancia pasiva, información ás persoas titulares das explotacións, controis dos provedores de pensos, control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres).

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando ou outros vehiculos con acceso ás explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos propios ou que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

6. Control de parasitos internos e externos. Encamiñados a coñecer as posibles cargas parasitarias para tomar as medidas máis axeitadas de prevención.

7. Programas específicos de prevención e control fronte ás enfermidades do gando ovino e cabrún que a continuación se citan, encamiñados a coñecer o nivel de prevalencias das distintas enfermidades, e ademais á súa diminución.

7.1. Control de paratuberculose.

7.1.1. Obxectivos das probas diagnósticas:

Realizaranse analíticas destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións, identificándose os rabaños negativos e os que presentan baixa ou alta prevalencia, definíndose as actuacións que se deben realizar en cada un deles en función dos resultados obtidos.

7.1.2. Pautas xerais de actuación:

Nas explotacións sen información epidemiolóxica da enfermidade, realizarase unha mostraxe dun número de animais de acordo cun tamaño de mostra que asegure a detección dunha prevalencia do 5 % cunha fiabilidade do 95 %, segundo a táboa seguinte:

Censo da explotación

Número de animais para mostraxe

1-30

Todos

31-40

31

41-50

35

51-70

40

71-100

45

101-200

51

201-300

54

Máis de 300

57

As mostras tomadas serán sometidas a análise mediante a técnica ELISA de anticorpos.

– Os rabaños que resulten negativos ás probas serán sometidos ao ano seguinte ao control serolóxico anual, mediante mostraxe aleatoria segundo os criterios 95/5 anteriores.

– Nos rabaños que resulten cunha prevalencia da enfermidade inferior ao 8 % realizarase unha proba de confirmación en feces por PCR de todos os animais positivos a anticorpos. Igualmente se someterán a unha estreita vixilancia clínica do efectivo para observar a evolución da enfermidade e, de ser o caso, detectar animais con sintomatoloxía clínica. Someteranse áo ano seguinte á mostraxe aleatoria anual (95/5) co fin de comprobar a evolución da enfermidade.

Nestas explotacións, os animais ELISA positivos con resultado negativo á proba de confirmación, no caso de que queiran abandonar a explotación con destino a vida, deberán realizar unha nova analítica separada como mínimo 60 días da primeira con resultado negativo.

– Nos rabaños cunha prevalencia superior ao 8 % e/ou con algún animal positivo á proba de confirmación en feces, co obxecto de identificar o maior número posible de animais positivos, procederase á revisión da totalidade dos animais da explotación. Igualmente a unha porcentaxe dos animais positivos a ELISA deberaselle realizar a mostraxe para a súa confirmación en feces ata un máximo de 10 animais.

Considerase animal positivo confirmado á paratuberculose a:

– Todo animal positivo á proba de confirmación en feces e/ou ELISA positivo procedente dun rabaño cunha prevalencia superior ao 8 %.

– Aquel animal con dúas probas ELISA positivas separadas como mínimo 60 días en rabaños con prevalencia menor ao 8 %.

– En rabaños xa confirmados como positivos, calquera animal que presente síntomas compatibles coa enfermidade segundo diagnóstico clínico veterinario.

As explotacións con algún animal positivo á proba de confirmación en feces, non poderán en ningún caso destinar animais a outras explotacións de reprodución nin a pastos comunais, sendo o único destino posible destes o seu traslado directo a matadoiro.

Naquelas explotacións cunha prevalencia a anticorpos superior ao 8 %, e probas de confirmación en feces negativas, so poderán mover animais ELISA negativos con destino a outras explotacións de produción-reprodución tras a realización dunha proba negativa a ELISA anticorpos antes do seu movemento.

O persoal veterinario da ADSG establecerá nas explotacións afectadas un plan específico de control e erradicación da enfermidade, baseado na aplicación de medidas hixiénico-sanitarias e de manexo, eliminación de animais positivos e control e corentena dos animais incorporados.

O persoal veterinario da ADSG comunicará aos servizos veterinarios oficiais a relación de animais confirmados como positivos e as medidas a realizar e informará a persoa titular da explotación afectada desta obriga.

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais a identificación dos animais confirmados como positivos á paratuberculose detectados. En todos os casos, os servizos veterinarios oficiais comunicarán á persoa titular da explotación o posible destino dos animais da explotación, e realizarán un control estrito sobre estes.

7.1.3. Vacinación.

As persoas titulares das explotacións ovinas ou cabrúas en que se confirmase a presenza de paratuberculose nunha prevalencia superior ao 8 %, co informe favorable do persoal veterinario da ADSG, poderán solicitar á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias autorización expresa para a utilización de vacina fronte á enfermidade.

Non se autorizará en ningún caso a vacinación fronte á paratuberculose de rabaños de gando cabrún que convivan ou teñan relación epidemiolóxica con gando bovino, nin tampouco de rabaños cabrúns que comercialicen leite, xa que estes deben ser sometidos ao programa de erradicación da tuberculose e poderían existir interferencias diagnósticas. Non obstante, excepcionalmente poderase autorizar a aplicación dun programa vacinal extraordinario fronte á paratuberculose no caso de rabaños con prevalencias superiores ao 8 %, co cumprimento das seguintes condicións:

– O rabaño deberá ter presentado resultados negativos a tuberculose en todos os animais antes do inicio do programa de vacinación.

– Os animais que se incorporen ao rabaño procederán doutros rabaños negativos a tuberculose, ou serán sometidos a probas de diagnóstico de tuberculose nos 30 días anteriores á súa incorporación, con resultados negativos.

– Os animais que resulten positivos ás probas anuais de diagnóstico da tuberculose ou, se é o caso, un número significativo deles, serán sacrificados para realizar o estudo microbiolóxico da enfermidade, co obxecto de determinar ou descartar a súa presenza no rabaño. No caso de confirmarse a existencia de tuberculose, serán sacrificados de xeito inmediato todos os animais reaccionantes que non fosen eliminados anteriormente.

– Despois do comezo do programa de vacinación, a vacinación anual da recría realizarase tras a execución no rabaño das probas sanitarias anuais de tuberculose.

No caso de ser concedida a oportuna autorización, a vacinación realizarase coa supervisión de persoal veterinario oficial, permitíndose unicamente a saída de animais cara ao matadoiro, a un cebadeiro para o seu traslado directo ao matadoiro, ou a outras explotacións cun programa vacinal fronte á paratuberculose aprobado, nas cales os rabaños cumpran idénticas condicións ás establecidas.

As persoas titulares das explotacións comprometeranse a manter a vacinación da recría durante polo menos tres anos consecutivos tras a primeira vacinación e ata que os resultados dos controis realizados sobre feces teñan resultados negativos. Permitirase a venda de animais vacinados despois deste período, sempre que antes do movemento teñan un resultado negativo á técnica de ELISA anticorpos.

As explotacións vacinadas poderán facer controis anuais nas feces sobre unha porcentaxe de animais co fin de determinar a existencia ou non de excreción bacteriana que permita avaliar a eficacia do programa vacinal.

7.1.4. Clasificación de explotacións (paratuberculose).

O persoal veterinario responsables da ADSG deberá clasificar as explotacións en función das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2017, nos niveis que se indican a continuación:

– Explotación vacinada: explotación que empregou a vacinación para o control da enfermidade.

– Nivel 0: explotación con animais confirmados de paratuberculose ou cunha porcentaxe de animais positivos a ELISA igual ou superior ao 8 %.

– Nivel 1: explotación cunha porcentaxe de animais positivos a ELISA menor do 8 %.

– Nivel 2: explotación con 1 ano de mostraxe negativa a ELISA:

– Nivel 3: explotación con 2 anos de mostraxe negativa a ELISA.

– Nivel 4: explotación con 3 ou máis anos de mostraxe negativa a ELISA:

As probas diagnósticas necesarias para a consecución e mantemento da cualificación serán as que estableza a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Gando porcino

O persoal veterinario das ADSG de gando porcino levará a cabo as actuacións necesarias para a elevación do nivel sanitario e produtivo e das condicións zoosanitarias das explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das condicións hixiénicas e productivas.

1. Programa de control fronte á enfermidade de Aujeszky, seguindo as pautas establecidas na normativa legal vixente ao respecto, e concretamente na aplicación da vacina fronte a dita enfermidade.

O persoal veterinario das ADSG tomará todas as medidas necesarias para conseguir no prazo máis breve posible a cualificación sanitaria fronte á enfermidade de Aujeszky da totalidade das granxas integradas.

Así mesmo, no caso de detectarse a presenza da enfermidade de Aujeszky nunha granxa, o persoal veterinario da ADSG presentará un plan de erradicación da enfermidade. O persoal veterinario será responsable da súa supervisión e correcta execución.

2. Controis serolóxicos nos reprodutores e na ceba, se é o caso, coa periodicidade e porcentaxe establecidos na normativa vixente ao respecto de PPC, PPA, EVP e enfermidade de Aujeszky.

3. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

5. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou rebrotes das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

6. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando ou outros vehículos con acceso ás explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo coas persoas titulares das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

7. Programa de control de parasitos internos e externos.

Aves

O persoal veterinario das ADSG de aves levará a cabo as actuacións necesarias para a elevación do nivel sanitario e produtivo e das condicións zoosanitarias das explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das condicións hixiénicas e productivas.

1. Plans sanitarios de control, seguimento e loita (segundo corresponda) establecidos na normativa vixente e especificamente nos programas oficiais de salmonelose e influenza aviaria.

Dentro do programa sanitario de salmonela, especificamente a realización dos autocontrois establecidos e a existencia nas explotacións da documentación acreditativa referente a subministración de aves, alimentos e auga de uso na explotación.

2. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres, plumas, ovos, etc...

4. Programa de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos avicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou nos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de aves ou outros vehículos con acceso ás explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo coas persoas titulares das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos propios ou que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

6. Programa de control de parasitos internos e externos.

7. Programa de control de calidade microbiolóxica que permita avaliar o estado sanitario nas incubadoras.

Coellos

O persoal veterinario das ADSG de coellos levará a cabo as actuacións necesarias para a elevación do nivel sanitario e produtivo e das condicións zoosanitarias das explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das condicións hixiénicas e productivas.

Específicamente o programa sanitario comprenderá as actuacións de:

1. Cumprimento do establecido no Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

a) Levaranse a cabo programas de vixilancia e control específicos dos seguintes procesos infectocontaxiosos:

– Programa de vixilancia e control fronte a mixomatose.

– Programa de vixilancia e control fronte á enfermidade hemorráxica vírica, incluída a nova variante.

– Control de enfermidades micóticas.

– Control de parasitose externas e internas.

b) Control e asesoramento sanitario nas condicións de bioseguridade estrutural e funcional das explotacións, cun código de boas prácticas de hixiene, con indicación das medidas de bioseguridade que se prevexa adoptar, incluíndo entre outros:

Un programa de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización. O programa incluirá as seguintes actuacións do veterinario:

– A formación ás persoas titulares das explotacións integradas na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

Un programa de eliminación hixiénica de cadáveres e outros subprodutos animais non destinados ao consumo humano.

c) O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas nas ADSG a formación básica en materia de bioseguridade e besnestar animal adecuados para os operarios.

d) Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando nas explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos propios ou que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

Équidos

1. Programa de vixilancia das enfermidades recollidas no artigo 8 do Real decreto 804/2011, de 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino.

2. Control da arterite viral equina e a metrite contaxiosa equina nos animais reprodutores con servizo a terceiros.

3. Colaboración nos programas de vixilancia e control da febre do Nilo Occidental.

4. Programa de coñecementos básicos en materia de bioseguridade e benestar animal, axeitados para as persoas ao coidado dos animais.

5. Así mesmo as paradas de sementais ou outras explotacións nas cales se leve a cabo a reprodución animal con destino aos animais doutras explotacións, comprenderá tamén formación básica na devandita materia.

6. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

7. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

8. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

9. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de gando ou outros vehículos con acceso ás explotacións da agrupación:

– O persoal veterinario das ADSG, a través das reunións que leven a cabo cos gandeiros das explotacións integradas na ADSG, e mediante o asesoramento persoal, fomentará o uso de medios de limpeza e desinfección nos vehículos propios ou que visiten as explotacións (mochilas desinfectantes...).

10. Control de parasitos internos e externos.

Acuicultura continental

1. Programa de vixilancia da septicemia hemorráxica viral (SHV) e a necrose hematopoiética infecciosa (NHI), e da anemia infecciosa do samlmón.

2. Programa de corentena e control sanitario das incorporacións de ovos e crías.

3. Programas de control, mediante profilaxe vacinal ou tratamentos preventivos, das principais enfermidades con transcendencia na acuicultura.

4. Formación e sensibilización dos piscicultores integrantes na ADSG en relación coas enfermidades dos animais acuáticos, especialmente na detección precoz destas.

5. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

6. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos piscicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

7. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais ou outros vehículos con acceso ás explotacións da agrupación.

Abellas

O persoal veterinario das ADSG apícolas controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de sanidade animal, e noutros aspectos con repercusión na explotación apícola, especificamente:

1. Programa de vixilancia fronte á loque americana.

2. Programa de vixilancia fronte á loque europea.

3. Programa de control e loita fronte á varroose.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de colmeas.

5. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nos apiarios. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos apicultores integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

6. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de colmeas das explotacións da agrupación.

7. Vixilancia e control da vespa velutina.

Visóns

1. Programa de loita e control fronte á enfermidade aleutiana do visón ou plasmocitose.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas ata o 28 de febreiro de 2017 segundo a clasificación establecida no programa sanitario da ADSG.

2. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal, específicamente farase fincapé no cumprimento dos aspectos de protección animal durante o sacrificio na explotación.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres e outros movementos de Sandach (materia prima de alimentación, peles frescas, etc..).

4. Programa de desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións. O programa incluirá as seguintes actuacións do persoal veterinario:

– A formación aos gandeiros integrados na ADSG nesta materia, tanto nas reunións mantidas con eles como a través do asesoramento persoal nas propias explotacións.

– Dar as pautas para realizar as operacións de LDDD nas explotacións integradas na ADSG, e levar a supervisión destas nos casos en que se detectasen positividades a enfermidades obxecto de plans de erradicación, ou novos abrochos das enfermidades suxeitas a control dentro dos programas de planificación sanitaria.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais das nas explotacións da agrupación.

Outras especies

1. Deberá cumprirse coas actuacións que correspondan á ADSG en relación cos programas de erradicación de enfermidades, e realizar os programas de prevención e control que correspondan fronte ás enfermidades de maior transcendencia económica ou sanitaria na especie de que se trate.

2. O persoal veterinario das ADSG controlará e fomentará entre os gandeiros das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres.

4. Programa de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización nas explotacións.

5. Programa de control da desinfección dos vehículos de transporte de animais nas explotacións da agrupación.

Laboratorios de análise para os programas sanitarios

As mostras obtidas na execución dos programas sanitarios obrigatorios remitiranse para a súa análise ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, ou a outros laboratorios que acrediten ter implantado un sistema de control de calidade. Neste caso, os kits de diagnóstico para estas enfermidades terán que ter igual ou superior sensibilidade e especificidade que os utilizados no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia.

O envío de mostras ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, realizarase de xeito gradual e proporcionado durante todo o ano, en función do cronograma de actuacións elaborado e ás instrucións que indique o propio laboratorio, non sendo posible superar no número de mostras remitidas durante un mes máis do 15 % do total a enviar por cada ADSG durante todo o ano. O laboratorio poderá en caso necesario rexeitar os envíos de mostras cando se supere o número de mostras permitido.

As ADSG que desexen realizar analíticas correspondentes aos programas sanitarios marco obrigatorios sinalados nesta orde en laboratorios distintos ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, deberán comunicar expresamente este feito á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

En todos os casos, os informes dos laboratorios cos resultados analíticos obtidos deberán conservarse á disposición dos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural durante un prazo mínimo de dous anos.

Programas sanitarios complementarios

As ADSG que o desexen poderán desenvolver un programa sanitario adicional, complementario ao Programa sanitario marco obrigatorio, este programa sanitario adicional debe estar aprobado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, logo de consulta co Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia. En calquera caso será o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia o que delimitará o número e a frecuencia da mostraxe, logo de estudo da solicitude.

En todo caso, a aprobación de programas sanitarios complementarios estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria e de medios persoais e materiais do laboratorio, non realizándose nas analíticas correspondentes ao diagnóstico das enfermidades incluídas neles a redución de taxas contemplada para os programas sanitarios obrigatorios.

Presentación dos programas

Os programas sanitarios presentados polas ADSG incluirán:

– No caso de programas de control de enfermidades, explicación detallada das pautas dos tratamentos ou vacinacións a realizar, incluíndo a frecuencia das aplicacións destas, segundo os distintos tipos de animais da explotación, e os produtos que se van utilizar.

– No caso dos programas de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización, explicación detallada dos produtos que se van utilizar e das súas pautas de aplicación.

En todos os casos, farase unha valoración económica detallada do custo deste programa, segundo as pautas establecidas.

ANEXO V

Mostraxe estatística de animais novos segundo o tamaño do grupo. Detección dun animal positivo cunha confianza do 95 % e unha a prevalencia esperada do 10 %.

Tamaño do grupo

Nº de animais novos para realizar a mostraxe mostrexar

<10

Todos

11-12

11

13

12

14-15

13

16-17

14

18-19

15

20–24

16

25–34

20

35–44

21

45–69

23

70–89

24

90–110

25

>110

26