Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 49442

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 2015 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 20 de novembro de 2015, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, facultando ao director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2016, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas do Igape á execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas), e convocar para o exercicio 2016 as ditas axudas, en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.

Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.

Segundo

Esta convocatoria tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro de 2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia como expediente anticipado de gasto, existindo crédito suficiente previsto no proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para o exercicio 2016. Na súa virtude a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 4 de xaneiro de 2016 e rematará o 26 de febreiro de 2016.

Cuarto. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2016

Orzamento 2017

09.A1.741A.7708

3.500.000 €

1.500.000

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos e modificar as partidas orzamentarias, previa declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Tamén poderá realizar modificacións a nivel de subconcepto sen necesidade de que se modifique o importe total da convocatoria e sen que sexa necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o 31 de maio de 2016.

O prazo de execución dos proxectos iniciarase o 4 de xaneiro de 2016 (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir desta data) e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 30 de xuño de 2017.

Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 29 de xullo de 2016, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 12 de agosto de 2016. Para aqueles proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 30 de xuño de 2017, o beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento como máximo o 11 de xullo de 2017.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2015

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a execución de accións
de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta Empresas),
cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional,
no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020

A internacionalización, como resultado exitoso do impulso colectivo das empresas da nosa rexión, e especialmente para as pemes, supón a confirmación do valor engadido do seu modelo de negocio e, polo tanto, é una fonte de mellora continua da competitividade. Por outro lado, a internacionalización é expoñente e dinamizador dos atributos ligados á marca Galicia Calidade.

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe, conseguindo economías de localización, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis esixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva.

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, calidade e impacto efectivo das exportacións da empresa galega en 2020: aumento no número de empresas da base exportadora, o afondamento na diversificación de destinos, consolidación de cota nos mercados maduros, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, busca e apertura de novos mercados. En definitiva, este plan de internacionalización persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020:

a) Eixe 2. Maior presenza en mercados. Obxectivo: diversificación de mercados, pero sobre todo, zonas xeográficas.

b) Eixe 4. Galicia unha forma de facer. Obxectivos: mellorar o coñecemento e posicionamento de Galicia nos mercados internacionais e consolidar a percepción dos produtos e servizos galegos: calidade, prestixio, etc.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O Igape é xestor de fondos Feder do marco regulamentario 1420 no seguinte encaixe: obxectivo temático 3: Mellorar a competitividade das pemes. Prioridade de investimento 3d: Apoio a capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais. Obxectivo específico 3.4.3: Promover a internacionalización das pemes, cuxo indicador de resultado é o incremento do número de pemes exportadoras.

O obxectivo destas bases é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países e a diversificación dos sectores internacionalizados.

Esta liña de axuda compleméntase coa liña de axuda Galicia Exporta Organismos Intermedios, coa liña de axudas á promoción conxunta en mercados exteriores (Primex), coa liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización financiada con Fondo Social Europeo, e cos servizos do Igape á internacionalización, entre os cales cabe destacar o apoio en destino a través da rede PEXGA de plataformas da Xunta no exterior, o asesoramento para primeira exportación, asesoramento para acceso a licitacións de organismos multilaterais e servizos de formación e de información de mercados.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución do director xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nestas bases, outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

Co obxectivo de incentivar a realización de accións de promoción exterior xeradoras de vantaxes competitivas que incidan na proxección e posicionamento das empresas galegas nos mercados internacionais, o Igape, poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de actuacións:

a) Actuacións de difusión:

1º. Campañas de publicidade en prensa, revistas, televisión, internet ou outros medios, sempre que a súa difusión se realice no estranxeiro

2º. Plataforma de promoción en liña para mercados estranxeiros.

3º. Mercadotecnia dixital. Deseño de web para mercados internacionais, posicionamento da web nos mercados internacionais e posicionamento internacional en redes sociais.

a) Actuacións de promoción:

1º. Participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos organizados por terceiros fóra de España. E participación en feiras, desfiles, certames e outros eventos expositivos organizados por terceiros fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que estean incluídos no calendario de feiras comerciais internacionais publicado pola Secretaría de Estado de Comercio de España para o ano 2015 ou 2016 no Boletín Oficial del Estado (independentemente da data de celebración do evento para o que se solicita a axuda).

No caso de participación en accións agrupadas organizadas polo ICEX só se subvencionarán conceptos subvencionables non subvencionados por este organismo polo que se requirirá convocatoria ou escrito deste organismo no que se manifeste cales son os conceptos de gasto subvencionados.

Non se subvencionará a participación en eventos nos que estea programada unha participación agrupada subvencionada pola Xunta, a non ser que non se poida participar na acción por exceso de cota ou outras causas non imputables ao solicitante da axuda.

2º. Elaboración de material promocional como catálogos, contidos audiovisuais, folletos e similares, en calquera soporte, e que contribúan á divulgación e coñecemento no estranxeiro da empresa ou os seus produtos e servizos (só se concedera axuda para este tipo de actuación no caso de que se conceda axuda para unha actuación de promoción do tipo das anteriores).

c) Prospección novos mercados: Axendas de reunións no estranxeiro e seguimento de contactos iniciais no estranxeiro con posibles socios ou clientes.

2. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por beneficiario, na que se poderán incluír varias actuacións das mencionadas na letra a) deste artigo. No caso de presentar máis dunha solicitude atenderase a primeira presentada -no caso de non mediar desistencia ou renuncia da anterior-.

3. Non se concederá axuda a aquelas solicitudes que, unha vez avaliadas, presenten un gasto subvencionable total inferior a 5.000 €.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria, ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

4. A subvención aos proxectos estará cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, nun 80 %, eixe prioritario 3, prioridade de investimento 3d, obxectivo específico 3.4.3, e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular as establecidas no anexo XII, apartado 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

5. Debe tratarse de proxectos de promoción que se inicien en 2016 con execución de gasto entre o 4 de xaneiro e 29 de xullo de 2016 teñan ou non continuación a partir desa data. Non se admitirán proxectos que se inicien a partir do 29 de xullo de 2016 e que, polo tanto, soliciten só orzamento de 2017.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención pública para a mesma actuación, agás as cofinanciadas con fondos ou instrumentos da UE ata o 100 % do gasto subvencionable.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan sociedades mercantís ou outras sociedades con obxecto empresarial (en diante, empresas), que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192. Este requisito non é necesario para empresas con diagnóstico positivo de potencial de internacionalización feito polo Igape no exercicio 2016, ou en exercicios anteriores.

d) Que teñan na data de publicación destas bases no DOG e, ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia.

e) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido poderán ser subvencionables os conceptos seguintes, que cumprirán coa normativa estatal de subvencionabilidade de gastos para o período 2014-2020:

a) Nas actuacións de difusión, previstas na letra a) do artigo 1 terán a consideración de conceptos subvencionables os seguintes (por un gasto subvencionable máximo por solicitude de axuda, por todos os seguintes conceptos 1º a 4º de 6.500 euros):

1º. Inserción nos medios de comunicación.

2º. Cotas de participación en plataformas de promoción en liña.

3º. Asistencia externa para posicionamento en internet (community manager).

4º. Deseño, creación e aloxamento de páxina web ou aplicación soporte comercio electrónico. Non serán subvencionables os gastos de mantemento.

Será necesario xustificar os gastos 3º e 4º antes da concesión da axuda cun informe da empresa ou empresas a contratar na que se indique como mínimo: tipos de servizos a prestar, cronograma e resultados esperados.

En todo caso, deberá xustificarse coa solicitude a necesidade e alcance das actuacións para as que se solicita axuda, mercados aos que se dirixe e resultados esperados.

b) Nas actuacións de promoción, previstas na letra b) do artigo 1, terán a consideración de conceptos subvencionables os seguintes (por un gasto subvencionable máximo total por todos os seguintes conceptos 1º a 3º de 24.000 euros por evento para o que se conceda axuda ou se liquide axuda):

1º Gastos de viaxes:

i) Viaxe á cidade de realización do evento desde algunha cidade de España. Por motivos empresariais admitirase que se viaxe ou regrese dende outro país distinto de España, nese caso só se subvencionará o hotel do país no que se realiza a acción.

ii) Hotel (en réxime de aloxamento e almorzo). Só se subvencionarán noites comprendidas entre as datas das accións cun máximo de 5 noites.

O gasto subvencionable máximo polos conceptos anteriores por solicitante e por evento é o establecido no anexo IV destas bases.

Só se admitirán os gastos de viaxe correspondentes a unha persoa por empresa solicitante.

2º. Gastos de alugamento de espazos e servizos relacionados:

i) Suelo e/ou stand: contratación de espazo, alugamento ou construción de stand, alugamento de mobiliario ou outra decoración.

ii) Servizos inherentes á participación facturados polo organizador do evento.

3º. Gastos de asistencia externa: gasto subvencionable máximo por estes conceptos i) a iii) seguintes por solicitude de axuda: 13.000 €.

i) Intérpretes, modelos, azafatas, ou outro persoal de apoio.

ii) Envío de mostras e catálogos.

iii) Deseño, elaboración, edición, montaxe, produción, tradución e impresión do material promocional.

c) Nas actuacións de prospección de novos mercados, previstas na letra c) do artigo 1, terá a consideración de concepto subvencionable:

Asistencia externa no estranxeiro para a realización de axendas, e/ou seguimento de contactos iniciais (excepto para servizos ofertados pola rede Pexga). Gasto subvencionable máximo por este concepto por solicitude de axuda: 2.500 €.

Xunto coa solicitude de cobramento o beneficiario deberá achegar o detalle das axendas elaboradas, incluíndo datas, identificación das contrapartes, resultados das entrevistas, contratos e acordos acadados.

As empresas que presten este tipo de servizos descritos neste apartado deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Esta é unha base de expertos en comercio exterior con experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización e con amplos coñecementos do mercado do país de situación. Os requisitos para darse da alta nesta base están publicados na Resolución de 2 de novembro de 2004 (DOG nº 223, do 16 de novembro) pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, que aproba as bases reguladoras para a cualificación de axentes comerciais mediadores no exterior para o apoio á internacionalización da empresa galega.

Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por: oficinas comerciais ou cámaras de España no estranxeiro ou oficinas comercias ou organismos doutros gobernos estranxeiros. En definitiva, unicamente requirirase no caso de que este servizo sexa prestado por empresas privadas a efectos de avaliar a súa capacidade e para enriquecer a base de datos de axentes comerciais mediadores de utilidade para todas as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.

2. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os seguintes conceptos:

a) Os custos de mailings, convites, regalos promocionais e os relativos á realización de cócteles e actos análogos.

b) Imposto sobre o valor engadido (IVE) a non ser que se acredite que non é recuperable.

c) Aqueles gastos que resulten de carácter xeneralista ou non estean expresamente referidos á actuación concreta que se propón para a subvención.

d) Folletos e outro material que non estea dirixido estritamente a fins promocionais.

e) Aqueles outros que non estean directamente vinculados coa realización da actuación subvencionable.

3. Os gastos e investimentos subvencionables serán os realizados dentro do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión para os efectos de cumprir todas as condicións nela establecidas. O prazo de execución iniciarase na data establecida na resolución de convocatoria (polo que a solicitude de axuda poderá incluír accións que se leven a cabo a partir desa data) e rematará na data establecida na resolución de concesión de axuda, sen que nunca poida exceder do prazo máximo de execución indicado na resolución de convocatoria.

Tamén serán subvencionables os gastos efectuados no segundo semestre do exercicio 2015 exixidos en concepto de reserva para a participación en eventos expositivos realizados no exercicio 2016.

4. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, o que deberá acreditar o solicitante, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude de subvención.

5. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

A non vinculación demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Admítese a subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios, sen límite respecto ao importe da actividade subvencionada, exixíndose aos beneficiarios o cumprimento das obrigas establecidas nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

6. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 6. Intensidade de axuda e criterios de avaliación e selección de proxectos

1. Intensidade da axuda sobre os gastos subvencionables: 75 %.

Para a clasificación das empresas, segundo o seu tamaño, actuarase de acordo coa definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014, do 17 de xuño (DOUE L 187, do 26 de xuño).

Para as actuacións incluídas nesta convocatoria a subvención máxima será de 72.000 € por solicitude e beneficiario (gasto subvencionable máximo de 96.000 €).

3. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral cunha base de puntuación de 100 puntos. Non se subvencionarán solicitudes que non acaden unha puntuación mínima no baremo de 30 puntos.

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño da empresa e polo tanto maior necesidade do apoio. Microempresa: 15 puntos; Pequena empresa: 10 puntos; Mediana empresa: 5 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

b) Fase e experiencia previa da empresa en internacionalización determinando a maior necesidade de apoio: volume de exportación en 2015 igual ou superior ao 75 % da facturación dese exercicio: 5 puntos. Igual a 50 % ou inferior ao 75 %: 10 puntos. Igual a 25 % ou inferior a 50 %: 15 puntos. Igual a 10 % ou inferior a 25 %: 20 puntos. Inferior a 10 %: 25 puntos. Esta condición acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude.

c) Plan e grao de avance do proxecto. Máximo: 30 puntos. Avaliarase tendo en conta:

1º. Análise previo referido a todos os mercados obxecto da solicitude de axuda: análise, análise da competencia, proxección de vendas. Concederanse 5 puntos por cada un dos apartados anteriores sempre que se contemplen suficientemente e con datos actualizados posteriores ao ano 2013. Máximo: 15 puntos.

2º. Facilidade de execución orzamentaria: presentación de reservas, facturas ou contratos asinados con provedores para un importe igual ou superior ao 50 % dos gastos para os que se solicita axuda: 15 puntos.

d) Complementariedade con outros programas ao alcance do solicitante para alcanzar o resultado perseguido con estas bases, valorando o compromiso e esforzo realizado con anterioridade participando en programas de preparación para a internacionalización financiados con fondos públicos estatais e/ou fondos europeos: se o solicitante ou algún dos seus empregados participou nalgún dos programas de preparación para a internacionalización (consultaría ou formación) do Igape, ou doutro organismo público estatal ou autonómico (ICEX, Xunta de Galicia, calquera administración pública española, Cámaras de Comercio), ou programas deste tipo financiados con fondos europeos: 5 puntos por cada programa cun máximo de 20 puntos.

e) Contar cunha páxina web, accesible en inglés, que teña información sobre a empresa, oferta de produtos: 10 puntos.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das Administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o que solicita a subvención a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, concedéndolles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal teráselles por desistidos da súa petición, previa resolución de arquivo.

4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) Copia do DNI do representante legal do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

b) NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

d) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución e de nomeamento do representante legal e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

e) Memoria xustificativa de cada unha das actividades para as cales se solicita subvención que incluirá: nome das actuacións, descrición detallada do seu alcance e interese para a empresa, indicando mercados e sectores aos que se dirixe, obxectivos concretos e resultados que se espera acadar grazas á actuación, data de realización/execución, lugar de realización/execución, o/os provedor/es empregados para cada unha das actuacións así como orzamento por actuación e provedor.

f) As tres ofertas que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.4 das bases reguladoras.

g) Para as actuacións previstas na letra c) do artigo 1, un informe da empresa ou empresas a contratar para esta asistencia na que se indique como mínimo: oportunidades na actividade da empresa solicitante da axuda no país, descrición detallada (sector, facturación e/ou outros criterios escollidos para a selección) de contrapartes a localizar, número mínimo de entrevistas a concretar, cronograma das axendas e resultados esperados.

h) Xustificantes de participación ou reserva de participación, ou xustificantes de alugamento ou reserva de espazo de actuacións destas bases realizadas ou a realizar no 2016 nos mercados internacionais ou en España sempre que teñan carácter internacional.

i) Xustificantes de alugamento ou reserva de espazo da participación en 2016 nun evento internacional celebrado fóra de España.

j) Ademais disto e, para os efectos sinalados no artigo 6.3 destas bases, se é o caso:

– Plan do proxecto que inclúa polo menos a análise previa indicada no artigo 6.3.c),análise de mercado, análise da competencia e proxección de vendas.

– Reservas, facturas ou contratos asinados con provedores para un importe igual ou superior ao 50 % dos gastos para os que se solicita axuda a efectos de valorar o grao de avance do proxecto segundo o indicado no artigo 6.3.c).

– Certificado de participación nos programas indicados no artigo 6.3.e).

De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro de 2004). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan a un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace «tramitación telemática», para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de pagamento das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización «Galicia@World» será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da dirección xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución sobre o fondo da solicitude, que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores, en función dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada, elaborando unha lista coa relación dos solicitantes e a puntuación que lle corresponde a cada un, en aplicación dos criterios de avaliación establecidos no artigo 6 destas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web, pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na que se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG. Os interesados poderán descargar a súa notificación individual da parte da resolución que lles afecte introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (apartado «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). En todo caso, na dita notificación individual de concesión, deberán establecerse as condicións da axuda, na que deben figurar como mínimo os seguintes aspectos:

a) Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

b) Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

c) O plan financeiro e o calendario de execución.

d) Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pago da axuda.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

f) Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, e que se especifican no anexo III.

g) Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

h) Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase ao beneficiario da data de comezo dese prazo.

i) Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución definitiva, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez recaída resolución de concesión non se admiten modificacións. O cambio de programación dun evento expositivo por outro no mesmo período orzamentario non se considera modificación.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, durante, polo menos, un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará desta data de inicio a que se refire esta obriga.

4. Durante o período citado no apartado anterior, as empresas estarán obrigadas a subministrar, a requirimento do Igape, os datos relativos á evolución da súa actividade exportadora (volume de facturación, servizos ou produtos exportados, países, etc) e resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

5. Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, cambio de provedores ou cambio de evento no que se participa así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

7. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o Feder segundo o establecido no anexo III a estas bases.

8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

10. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo a internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, previo requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o modelo de solicitude de cobramento normalizada (anexo II) co IDEL, acompañada da documentación establecida no artigo 14.6, en orixinal ou copia cotexada.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, responsabilizándose e garantindo a persoa que asina a solicitude a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase ao beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu Regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente, xustificativos do gasto da actividade.

b) A documentación acreditativa do pagamento, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria ou documentos mercantís utilizados como medios de pagamento emitidos e con vencemento dentro do período de execución, así como o seu cargo en conta. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento.

2º. Certificación bancaria conforme o pago ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como a data efectiva desta.

3º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados coma subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibín asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

c) A copia en formato impreso ou en formato dixital que permita a súa lectura-, de material onde se aprecien os contidos das actuacións realizadas (evidencias actuacións difusión, exemplares material promocional, fotografías eventos, acreditación da aceptación ao evento, etc) e o cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 13.7 destas bases (fotografías do cartel con plano xeral de situación e de detalle, enlace á web onde se informa sobre o proxecto e o financiamento Feder, etc).

d) Memoria técnica na que se expoñan co suficiente grao de detalle as actuacións desenvolvidas e resultados ou obxectivos acadados, que se deberá cubrir no formulario de liquidación. No caso de gastos de asistencia externa para a realización de axendas e/ou seguimento de contactos iniciais, a factura deberá vir acompañada dun informe asinado polo provedor no que conste información detallada sobre a axenda confeccionada ou servizo prestado, identificando as reunións organizadas e contactos realizados; así mesmo, o beneficiario presentará unha memoria explicativa das actuacións realizadas, incluíndo datos identificativos das entidades e persoas contactadas, lugar, datas e duración das reunións, acordos ou preacordos alcanzados con socios ou clientes identificados, etc.

e) No caso de gastos de viaxe, a xustificación será feita tendo en conta os módulos máximos indicados no anexo IV destas bases.

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resume de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos que se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 13.6: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e no seu Regulamento, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese de que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación, ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, polo que deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida de acordo coa seguinte graduación:

1º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

2º. Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

3º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

4º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida:

i) Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto subvencionable.

ii) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

4. Incumprimento total, coa revogación da axuda concedida e reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora, ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

d) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

e) Cando o beneficiario non acredite que se atopa ao corrente das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa comunidade autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. Previo ao seu abono, o órgano concedente comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

Os beneficiarios das axudas conservarán á disposición da Administración concedente as facturas e xustificantes de gasto, durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. Esta data será comunicada ao beneficiario.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración Pública Galega e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape, www.igape.es, e no Diario Oficial de Galicia expresando a norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de Datos Nacional de Subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Beneficiarios-Terceiros», cuxo obxecto, entre outras finalidades é xestionar estas bases reguladoras, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape. Quen no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios aportar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es .

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

e) No Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24.12.2013) e para as empresas do sector pesqueiro no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no artigo 1 do Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013).

f) No Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) e no resto da normativa que resulte de aplicación.

g) No Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006, así como na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

En canto ao cómputo de prazos, estarase ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Requisitos de comunicación do financiamento público

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas
galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo
Feder Galicia 2014-2020

Responsabilidade do beneficiario.

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo que dá apoio ao proxecto.

2. Durante a realización do proxecto:

a) Breve descrición no seu sitio de Internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión; esta descrición estará dispoñible ata o pagamento da axuda, ou ben durante 3 meses, 6 meses ou un ano, a partir da finalización do evento ou actuación, de acordo co que estableza o Igape na resolución de concesión, en atención á contía do apoio financeiro recibido.

b) Colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no que se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión, nun lugar visible para o público.

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo.

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo:

1. O emblema da Unión deberá figurar en color nos sitios web. en todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que sexa posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: Arial, Auto, Calibri, Garamond, Trebuchet, Tahoma, Verdana ou Ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul réflex, negro ou branco, en función do contexto.

Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e anchura, que o maior dos demais logotipos.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

Aínda que, en toda comunicación relativa a fondos europeos deberase incorporar ademais unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

ANEXO IV
Gastos de viaxe subvencionables

Axudas para a execución de accións de promoción exterior das empresas
galegas (Galicia Exporta Empresas), cofinanciadas polo Fondo Europeo
de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo
Feder Galicia 2014-2020

Gastos máximos de viaxe subvencionables por tramos de distancia entre cidade de orixe e destino (no caso de misións inversas de distintas cidades de orixe e destino terase en conta a distancia media de ambas cidades coa cidade galega obxecto da misión inversa):

Distancias

Importe

Entre 100 e 499 km

180 €

Entre 500 e 1.999 km

275 €

Entre 2.000 e 2.999 km

360 €

Entre 3.000 e 3.999 km

530 €

Entre 4.000 e 7.999 km

820 €

8.000 km ou máis

1.100 €

Distancia desde a cidade española de orixe á cidade de destino de celebración do evento: calculada en quilómetros segundo o calculador establecido pola Comisión Europea para o aboamento dos desprazamentos en proxectos europeos:

http://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/tools/distance_en.htm

No caso de cidade de orixe fóra de España non se subvencionarán gastos de viaxe (só de aloxamento no caso de que queden acreditados).

Documentación ue se entregará para xustificar a viaxe (cidade de orixe, cidade de destino):

Tarxetas de embarque de ida e volta, facturas, billetes (ou tíckets de autopista no caso de desprazamento en automóbil) de xeito que quede demostrada a orixe e o destino e as datas.

Gastos máximos de aloxamento subvencionables por país:

País

Importe por noite

Dinamarca, Irlanda, Países Baixos, Suecia, Reino Unido

120 €

Bélxica, Bulgaria, República Checa, Grecia, Francia, Italia, Chipre, Luxemburgo, Hungría, Austria, Polonia, Romanía, Finlandia, Islandia, Liechtenstein, Noruega,Turquía

105 €

Alemaña, España, Letonia, Malta, Portugal, Eslovaquia, Antiga República Iugoslava de Macedonia

90 €

Estonia, Croacia, Lituania, Eslovenia

75 €

Resto países

120 €

Documentación que se entregará para xustificar o aloxamento en hotel e número de noites:

– Bono de reserva de hotel ou factura de xeito que quede demostrada a data de entrada e saída do hotel.