Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 52262

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

DECRETO 186/2015, do 23 de decembro, polo que se establecen axudas sociais de carácter extraordinario, a favor de pensionistas de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva, a favor de persoas perceptoras das pensións do Fondo de Asistencia Social e das persoas beneficiarias do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

O artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 18.1.c), inclúe as prestacións económicas orientadas a satisfacer necesidades pecuniarias no catálogo de servizos sociais e, no artigo 21.1, establece que son prestacións económicas do sistema galego de servizos sociais as achegas en diñeiro, de carácter periódico ou de pagamento único, que teñan por finalidade, entre outras, paliar situacións transitorias de necesidade.

Con base na referida habilitación legal, a disposición adicional décima da Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015, recolle que as persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva (PNC), as de pensións do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) terán dereito a unha prestación única non superior a 210 euros, nas condicións que estableza o Consello da Xunta por proposta da consellería con competencias en materia de benestar social.

En cumprimento do previsto na disposición adicional citada, o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia entende que as persoas beneficiarias das pensións non contributivas da Seguridade Social (PNC) de invalidez e de xubilación, as do Fondo de Asistencia Social (FAS) e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) se encontran nunha situación xeneralizada de precariedade económica, tendo en conta a contía da prestación que perciben e o seu baixo nivel de renda.

Por todo iso, e coa finalidade de contribuír á mellora da súa renda, considérase oportuno o establecemento de axudas sociais de carácter extraordinario e anual para as persoas que perciban en Galicia as devanditas pensións. Esta axuda serán distinta das do sistema da Seguridade Social e das que poida outorgar a Administración xeral do Estado, e será compatible con elas.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Política Social e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de decembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto o establecemento de axudas sociais extraordinarias a favor das persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez nas súas modalidades non contributivas (PNC), do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM).

Artigo 2. Carácter

Estas axudas sociais, persoais e intransferibles, teñen carácter extraordinario e non se consolidarán para o futuro.

Artigo 3. Contía e pagamento

A contía individual destas axudas fíxase en 206 euros, que se aboarán mediante un pagamento único, que se realizará de oficio, sen que se precise solicitude da persoa interesada. Este pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria na conta en que as persoas beneficiarias teñen domiciliada a percepción ordinaria da súa pensión.

Artigo 4. Financiamento

As obrigas que se recoñezan como consecuencia da aplicación do presente decreto serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 2015.11.05.312A.480.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2015.

Artigo 5. Requisitos

Serán persoas beneficiarias destas axudas sociais de carácter extraordinario as que perciban pensións de invalidez e xubilación na súa modalidade non contributiva, as do Fondo de Asistencia Social (FAS) e as do subsidio de garantía de ingresos mínimos (SGIM) nas cales concorran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de alta en nómina con data do 1 de xaneiro de 2015 e permanecer nesta mesma situación de alta na data de entrada en vigor deste decreto.

b) Ter a residencia habitual no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 e a data de entrada en vigor deste decreto.

Artigo 6. Suspensión e perda

A suspensión e perda do dereito á percepción destas axudas de carácter extraordinario producirase nos mesmos supostos previstos para as pensións a que se refire o artigo 1 e corresponderalle á persoa titular da correspondente xefatura territorial da Consellería de Política Social a declaración das ditas situacións.

Disposición adicional única

A contía da axuda extraordinaria recoñecida ás persoas beneficiarias estará excluída do cómputo de rendas ou ingresos para os efectos de determinar tanto o importe como o mantemento do dereito das pensións non contributivas da Seguridade Social, do Fondo de Asistencia Social e do subsidio de garantía de ingresos mínimos.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da Consellería de Política Social para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, dentro do ámbito das súas competencias.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social