Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2016 Páx. 992

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización dos exercicios da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria.

A base 8.1.4 da Resolución deste centro directivo do 10 de decembro de 2014, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria, establece que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e data que se fixe nunha resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia cun prazo mínimo de antelación de cinco (5) días hábiles.

De conformidade coa antedita base, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas con carácter definitivo no concurso-oposición para o ingreso na categoría de médico/a de familia de atención primaria do Servizo Galego de Saúde, convocado por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 10 de decembro de 2014, para a realización dos exercicios que integran a fase de oposición, na data, hora e lugar que a seguir se indican:

Data: 23 de xaneiro de 2016.

Hora: 9.30 horas.

Lugar: Recinto da Feira Internacional de Galicia, avenida Recinto Feiral, s/n, Silleda (Pontevedra).

Segundo. Publicar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), sección de emprego público, as distintas portas de acceso ao recinto de realización das probas así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas.

Cada aspirante deberá consultar, con carácter previo, a porta de acceso que lle corresponde.

Terceiro. As persoas aspirantes deberán ir provistas do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, e de bolígrafo azul ou negro, de tinta indeleble.

Cuarto. Os/as aspirantes serán convocados/as nun único chamamento e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan. Non serán tidas en conta causas de forza maior ou calquera outra causa para emendar a non comparecencia.

De conformidade co establecido na base 8.1.4 da resolución de convocatoria realizaranse na mesma data os distintos exercicios que integran a fase de oposición, en unidade de acto e de tempo, cambiando a súa orde de realización, de ser o caso.

No marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o Servizo Galego de Saúde permitirá ás mulleres embarazadas ingresadas no mesmo día do exame facer os distintos exercicios da fase de oposición derivados deste proceso selectivo. Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nos chamamentos para a realización dos exames, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, o Servizo Galego de Saúde desprazará ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificasen e solicitasen no fax da Dirección Xeral de Recursos Humanos 881 54 28 18 ou a través do seguinte enderezo de correo electrónico: Recursos.Humanos@sergas.es, ata con 48 horas de antelación á data de celebración dos exercicios.

Quinto. Durante o tempo fixado para a realización dos exercicios non se poderá utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil ou soportes con memoria, e queda prohibido o acceso ao recinto de realización das probas con tales dispositivos, constituíndo causa de inadmisión ao chamamento a simple tenza deles. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recollida de móbiles.

Sexto. Esta resolución poderá ser impugnada polas persoas interesadas nos termos previstos na base 11.2 da resolución de convocatoria.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos