Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 2016 Páx. 5429

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 10 de febreiro de 2016 pola que se ofertan prazas para estadías e tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2016 e se procede á súa convocatoria.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexan reais e efectivas, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

De conformidade co Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a Consellería de Política Social asume as competencias en materia de asistencia social, entre elas as destinadas á atención das persoas maiores e o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal, así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, e sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal, así como na prevención e na detección precoz da dependencia, están as claves para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, elaborouse a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia en Galicia-Horizonte 2020, que vén complementar e reforzar as actuacións que xa se estaban a levar a cabo en materia de envellecemento activo a través dos instrumentos de planificación que nestes anos vertebraron a actuación pública no ámbito das persoas maiores.

Esta estratexia ten entre os seus obxectivos fomentar a prevención da dependencia e a promoción da autonomía persoal, tanto no ámbito da promoción e mantemento como no de actividades de lecer e tempo libre, e así recolle entre as propostas de actuación as relativas á potenciación de programas de actividades de lecer, entre elas o programa de turismo termal. Así mesmo, preténdese impulsar unha maior concienciación social para que as persoas maiores que actualmente teñen autonomía persoal poidan mantela mediante a posta en práctica de hábitos de vida que lles faciliten un envellecemento activo e saudable.

Neste sentido, cómpre tamén sinalar que o aumento da esperanza e da calidade de vida outorga ás persoas maiores un peso cada vez máis importante na sociedade e, polo tanto, estas persoas demandan a súa participación plena e activa nos distintos ámbitos da nosa sociedade.

En consecuencia, para facilitar o desenvolvemento e o mantemento das persoas nestas condicións, cómpre pór á súa disposición actuacións que promovan e faciliten o acceso a actividades lúdicas, culturais e sociais, adaptadas ás características das persoas maiores coa finalidade de fomentar hábitos de vida saudables, actitudes de solidariedade e convivencia, o desenvolvemento de habilidades e relacións sociais e mais o intercambio de experiencias.

Neste marco encádrase o programa de termalismo Benestar en balnearios, en canto que os balnearios son espazos propicios para obter unha maior calidade de vida e, polo tanto, os tratamentos que neles se prestan contribúen a facer realidade a concepción que da saúde ten a Organización Mundial da Saúde: un estado de completo benestar físico, mental e social. Os tratamentos de prevención e rehabilitación que se realizan mediante o uso terapéutico das augas mineromedicinais son unha práctica moi antiga, á cal se foron incorporando técnicas complementarias de diferentes ámbitos buscando unha maior eficacia nos tratamentos, e o colectivo das persoas maiores é un dos que máis beneficios pode obter de tales prácticas, dado que, a medida que avanza a idade, tenden a aparecer determinadas patoloxías que poden mellorar notablemente despois de recibir un tratamento termal.

Por esta razón, as persoas maiores, cada vez máis, manifestan o seu desexo de pasar un período de vacacións nun establecemento termal, onde o tratamento propiamente dito, xunto co descanso e a relación social, lles proporcionan unha melloría na súa saúde e benestar e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, o conselleiro de Política Social, conforme as facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta orde é a oferta de prazas para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2016 e proceder á súa convocatoria.

2. Para tal efecto enténdese por establecementos balnearios aqueles que dispoñen de augas mineromedicinais declaradas de utilidade pública segundo o artigo 2 do Decreto 402/1996, do 31 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de aproveitamento de augas mineromedicinais, termais e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar en balnearios aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, en fase activa, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a normal convivencia durante o transcurso da quenda.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.

2. A persoa solicitante poderá ir acompañada do seu ou da súa cónxuxe ou, se fose o caso, da parella de feito ou persoa con que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do punto primeiro.

3. Tamén poderán participar, en calidade de acompañantes como xa se indica no punto 1 c), os fillos ou fillas das persoas solicitantes que teñan un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando o poidan facer sen necesidade de apoio de terceira persoa e se poidan desprazar con autonomía, compartan o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpran os requisitos citados no número 1 deste artigo, excepto o da letra a).

4. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Prazas e quendas convocadas

1. Convócanse 607 prazas para participar no programa de Benestar en balnearios da Xunta de Galicia 2016, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV da presente orde.

2. As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha e comprenderán desde as doce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de marzo e o de decembro de 2016.

Artigo 4. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido.

b) Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:

O recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.

O tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.

O seguimento médico do tratamento.

c) Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.

d) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en cuarto individual, no caso de que houbese dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude e acreditalo ao incorporarse á quenda.

3. As persoas beneficiarias que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que ofertase o balneario, se fose o caso.

Artigo 5. Prezo das prazas

1. O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda para cada balneario, figura no anexo IV.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda, sen que proceda efectuar ningunha dedución se por calquera causa imputable á persoa beneficiaria non goza da totalidade dos ditos servizos.

2. A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento do prezo da estadía cunha achega media dun 27 % do custo da praza en cada establecemento termal e o resto do importe ata completar o custo total da praza será por conta da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Solicitudes e documentación

As solicitudes formularanse no modelo oficial que se indica nos anexos I, II e III desta orde e xuntarase a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) ou ben do pasaporte ou do número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, relativa á persoa solicitante, á que a acompaña en calidade de cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal e á filla ou fillo con discapacidade, se fose o caso, e unicamente cando non se autoriza a súa consulta.

b) Copia do certificado de empadroamento, emitido polo concello correspondente, que acredite a residencia nun municipio da Comunidade Autónoma no momento de presentar a solicitude, relativa á persoa solicitante, á que a acompaña en calidade de cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal e á filla ou fillo con discapacidade, se fose o caso, e unicamente cando non se autoriza a súa consulta.

c) Copia da declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude. No caso de estar exento da declaración do imposto da renda das persoas físicas, copia do certificado de toda clase de pensións percibidas pola persoa solicitante e acompañante ou declaración responsable de non percibilas, relativa á persoa solicitante, á que a acompaña en calidade de cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, e só no caso de que non se autorice a súa consulta.

d) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade e non se autorice a súa consulta.

e) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta ou se o dito certificado non constase en poder da Xunta de Galicia.

En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de tres destinos por orde de prioridade.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Instrución

1. Os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social realizarán de oficio cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos que constan na solicitude e que se exixen nesta orde.

2. Así mesmo, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos na presente orde, requirirán as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Nos expedientes que estean completos será o Servizo de Prevención da Dependencia da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade o que continúe coa instrución e procederá á súa remisión á comisión encargada da valoración.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. Constituirase na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade unha comisión de valoración para estes efectos que, de acordo cos criterios de baremación establecidos no anexo V da presente orde, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da baremación efectuada.

2. A Comisión de Valoración estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a, pola persoa titular do Servizo de Prevención da Dependencia e por dúas persoas do dito servizo, unha das cales actuará como secretario/a e procurará acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres. A Comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a Comisión de Valoración non puidese asistir cando esta se reúna, será substituída pola persoa funcionaria designada para estes efectos por quen exerza a Presidencia.

3. Avaliadas as solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo V desta orde, a Comisión de Valoración emitirá un informe con base no cal o Servizo de Prevención da Dependencia, nas súas competencias como órgano instrutor, elevará ao órgano competente unha proposta de resolución. Nesta proposta figurarán as solicitudes que se propoñen para a concesión de praza, ata esgotar o número de prazas ofertadas. O resto das solicitudes que, reunindo os requisitos e por puntuación, non obteñan praza quedarán en reserva para ser atendidas no suposto de quedaren prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 11. Resolución

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que desde a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade se notificase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Nas resolucións de concesión indicarase o balneario e a quenda en que se lle outorga praza, o custo e o importe que deberá pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Confirmación das prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da praza, para poder facer uso dela, as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, e no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación e acompañala do xustificante de ter efectuado o pagamento da cantidade de 30 euros, en concepto de reserva de praza, no balneario en que se lle adxudicou a praza.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, non se formalizará a adxudicación definitiva da praza e entenderase que se renuncia a ela; outorgaráselle esa praza vacante a outra persoa da lista de espera.

Ningunha persoa solicitante nin acompañante que se beneficiase dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra, agás que se trate dunha praza para a cal non houbese ningunha outra persoa que puidese ser adxudicataria.

Artigo 14. Listas de espera

As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2 desta orde, non obteñan praza quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada na páxina web da Consellería de Política Social, http://www.xunta.es/politica-social , e serán chamadas por rigorosa orde de puntuación, segundo se vaian producindo vacantes.

Artigo 15. Forma de pagamento das prazas

As persoas que formalizasen a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no balneario, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a praza e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva de praza.

Pola súa banda, a Consellería de Política Social irá efectuando o aboamento do importe establecido para cada un dos establecementos termais unha vez que estes presenten as correspondentes facturas de ter prestado o servizo nos termos acordados.

Artigo 16. Devolución do importe da praza

O importe aboado en concepto de reserva de praza non se lle devolverá á persoa adxudicataria da praza en ningún caso.

Se a persoa beneficiaria abandonase a estadía unha vez iniciada, sexa cal fose motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 17. Supervisión e seguimento do programa

Os establecementos termais en que se leva a cabo o programa quedarán suxeitos á supervisión e seguimento directo e ao control da calidade dos servizos prestados, por parte da Consellería de Política Social.

Artigo 18. Perda da condición de persoa beneficiaria do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 13 desta orde, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoas beneficiarias do programa aquelas que non aboen ao establecemento termal, ao comezar a quenda, o resto da cantidade estipulada para a praza que se lles outorgou.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das prazas reguladas pola presente orde implicará a cancelación da praza obtida, no suposto de que non se participase na quenda, ou a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo real da praza, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozase da quenda.

Artigo 19. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro, creado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar, e denominado Actividades dirixidas á cidadanía, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da citada consellería mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politicasocial@xunta.es . A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para resolver a concesión ou denegación das solicitudes de participación no programa de Benestar en balnearios previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Destinos

Indicacións terapéuticas

Datas e quendas

Prezo
da praza

Balneario de Acuña

(Caldas de Reis)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 14 ao día 23 de xuño

356,68 €

Do día 6 ao día 15 de setembro

Caldaria Termal, S.L.U. Arnoia

(Arnoia)

Reumatolóxicas

Do día 27 de abril ao día 6 de maio

376,46 €

Hotel balneario Augas Santas, S.L.U.

(Ferreira de Pantón)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, circulatorias e con efectos relaxantes

Do día 4 ao día 13 de abril

376,46 €

Os Baños da Brea, S.L.

(Vila de Cruces)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 20 ao día 29 de xuño

356,68 €

Do día 4 ao día 13 de xullo

Balneario de Molgas, S.L.

(Baños de Molgas)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias, reumatolóxicas, renais e sistema nervioso

Do día 14 ao día 23 de xullo

299,81 €

Do día 26 de xullo ao día 4 de agosto

Do día 19 ao día 28 de agosto

Balneario de Caldelas, S.L.

(Tui)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 26 de setembro ao 5 de outubro

299,81 €

Gran Balneario do Carballiño

(O Carballiño)

(con aloxamento na Residencia de Tempo Libre do Carballiño)

Dermatolóxicas, dixestivas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 20 ao día 29 de xuño

299,81 €

Do día 15 ao día 24 de setembro

Baños Vellos de Carballo, S.A.

(Carballo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 6 ao día 15 de xullo

356,68 €

Do día 24 de agosto ao día 2 de setembro

Do día 5 ao día 14 de setembro

Do día 17 ao día 26 de setembro

Do día 11 ao día 20 de outubro

Termas de Cuntis, S.L.

(Cuntis)

(con aloxamento no Hotel Castro do Balneario)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 2 ao día 11 de maio

376,46 €

Do día 15 ao día 24 de xuño

Do día 13 ao 22 de xullo

Do día 22 de setembro ao 1 de outubro

Caldaria Termal, S.L.U. Laias

(Cenlle)

Reumatolóxicas

Do día 5 ao día 14 de maio

376,46 €

Caldaria Termal, S.L.U. Lobios

(Lobios)

(con aloxamento no Hotel Lusitano)

Reumatolóxicas

Do día 26 de xullo ao día 4 de agosto

356,68 €

Balnerario do Río Pambre, S.L.

(Palas de Rei)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 6 ao día 15 de abril

356,68 €

Balneario Termas de Lugo, S.L.

(Lugo)

Respiratorias e reumatolóxicas

Do día 21 ao día 30 de xuño

376,46 €

Do día 1 ao día 10 de xullo

Do día 11 ao día 20 de xullo

Do día 27 de xullo ao día 5 de agosto

Do día 17 ao día 26 de agosto

Do día 29 de agosto ao día 7 de setembro

Balneario de Guitiriz

(Lugo)

Dermatolóxicas, respiratorias e reumatolóxicas

Do día 11 ao día 20 de abril

376,46 €

Do día 26 de setembro ao 5 de outubro

Balneario Eurostars Isla de La Toja

(O Grove)

Dermatolóxicas, respiratorias, reumatolóxicas, dixestivas e renais

Do día 17 ao día 26 de outubro

376,46 €

ANEXO V
Baremo

Para a súa aplicación non se terán en conta os datos relativos ao fillo ou filla da persoa solicitante.

1. Idade:

Con menos de 65 anos: 2 puntos.

Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a da acompañante (cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal). Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica:

Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 430,00 €: 40 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 430,01 e 655,00 €: 30 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 655,01 e 750,00 €: 20 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 750,01 e 900,00 €: 10 puntos.

Con ingresos mensuais superiores a 900,00 €: 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os da acompañante (cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal). Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os percibidos por cada unha das persoas solicitantes, agás os do fillo ou filla, ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividirase por 12 meses.

En caso de empate daráselle prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.