Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 2016 Páx. 6357

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2016, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento PR852A).

A liberdade de expresión e de difusión constitúe un dereito fundamental e unha das bases esenciais de convivencia democrática, valores que os poderes públicos deben garantir non só removendo os obstáculos que impliquen ou dificulten a súa plenitude, senón promovendo a participación de todos os cidadáns na vida política, económica e social.

Tales obxectivos son evidentemente inalcanzables sen uns medios de comunicación plurais e independentes que cheguen, na súa virtualidade de información e incidencia na conformación da opinión e posturas, a todos os galegos.

Son múltiples hoxe en día as canles a través das cales os medios de comunicación atenden a súa finalidade de información á cidadanía, desenvolvendo a súa actividade non só a través do que se coñece como prensa escrita senón tamén a través dos servizos de comunicación audiovisual radiofónica aos cales hai que engadir a difusión da información a través da internet.

Faise necesario que o goberno galego poña os axeitados instrumentos de financiamento ao servizo da potenciación e difusión dos medios de comunicación que, ademais de responder as devanditas premisas e de acordo cos artigos 1, 5, 27 parágrafos 19 e 20 e demais concordantes do Estatuto de autonomía, defendan a identidade de Galicia e os seus intereses, a súa lingua, a súa cultura e, en xeral, a galeguidade entendida como vínculo histórico dos galegos de dentro e fóra de Galicia.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como o seu anexo I, polas que se rexerá a concesión de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión e efectuar a convocatoria para o ano 2016.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Financiamento

Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

De acordo co artigo 3.2 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso de gasto.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461A.470.1, por importe de 1.135.000 euros dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2016, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A distribución dos créditos será a seguinte:

– Axudas a xornais impresos en formato papel: 850.000 euros.

– Axudas a empresas radiofónicas privadas: 180.000 euros.

– Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet: 105.000 euros.

Artigo 3. Réxime de recursos

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria de axudas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2016

Mª del Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas
e de radiodifusión

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto establecer subvencións ás empresas xornalísticas que, estando debidamente inscritas no Rexistro Mercantil ou no que corresponda segundo a forma empresarial que adopten, realicen a súa actividade informativa orientada a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a defensa da súa cultura.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Tipos de axuda, actuacións e gastos subvencionables

1. As axudas destinadas a empresas xornalísticas desagréganse en tres tipos de axudas:

a) Axudas a xornais impresos en formato papel.

Poderanse conceder estas axudas ás empresas xornalísticas que, cumprindo o resto dos requisitos establecidos nesta resolución, editen, publiquen e distribúan xornais impresos en formato papel co mesmo título e numeración sucesiva.

En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) ou no informe da Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Quedan excluídos da concesión desta axuda as publicacións de distribución gratuíta.

b) Axudas a empresas radiofónicas privadas.

Poderanse conceder estas axudas as empresas radiofónicas privadas que dispoñan de título administrativo habilitante para prestar servizos de comunicación audiovisual radiofónico mediante ondas hertzianas na Comunidade Autónoma de Galicia e que, realizando as súas emisións no seu territorio, cumpran cos requisitos establecidos nesta resolución. O devandito servizo préstase para a audición simultánea de programas e contidos sobre a base dun horario de programación.

En todo caso, deberán estar incluídas no informe do Estudo Xeral de Medios elaborado pola Asociación da Investigación de Medios de Comunicación (AIMC) sempre referido ao ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

Quedan excluídos da concesión desta axuda aquelas empresas radiofónicas que no momento da solicitude non sexan titulares da correspondente licenza para a prestación do servizo de comunicación audiovisual mediante ondas hertzianas terrestres.

c) Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

Poderanse conceder axudas ás empresas xornalísticas que transmitan e difundan información diaria e periódica a través da internet.

En calquera caso, quedan excluídos da concesión desta axuda aquelas empresas de radiodifusión privadas que emitan exclusivamente a través da internet.

2. Consideracións xerais sobre os gastos subvencionables.

A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen nos prazos establecidos nesta resolución.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar individualmente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos o custo da actividade subvencionada.

Os custos indirectos formarán parte da xustificación da subvención, sempre que os imputase o beneficiario á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas xerais de contabilidade e, en todo caso, na medida que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos destas axudas, enténdese por empresas xornalísticas:

a) Aquelas que editen e distribúan xornais diarios impresos en formato papel ou que difundan a súa actividade informativa mediante xornais dixitais a través da internet.

b) As empresas radiofónicas privadas, aquelas que dispoñan de título administrativo habilitante para a explotación do servizo de radiodifusión mediante ondas hertzianas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Adicionalmente, poden difundir a súa actividade informativa mediante a internet, de acordo co previsto nos artigos 22 e 23 da Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral de comunicación audiovisual, no que corresponde aos servizos de comunicación audiovisual radiofónicos.

Artigo 4. Beneficiarios

1. De acordo co establecido no Decreto 71/1999, do 18 de marzo, os beneficiarios destas axudas serán as empresas xornalísticas que publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións que cumpran co obxecto destas axudas e co resto de requisitos establecidos nesta resolución.

2. As empresas beneficiarias deben acreditar un cadro de persoal medio de traballadores en alta de polo menos cinco traballadores e elaborar e difundir toda ou parte da súa produción informativa de forma específica no territorio da comunidade autónoma no ano natural anterior ao da convocatoria.

3. Quedan excluídos da concesión de axudas:

a) Os boletíns interiores de institucións, as publicacións de partidos políticos, asociacións relixiosas ou entidades públicas.

b) As empresas que emitan a través do sinal de televisión.

c) As que, ao longo do ano anterior ao da convocatoria, incluísen publicidade que non se ateña ao disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en materia de toponimia.

d) As empresas radiofónicas cun modelo de programación secuencial e repetitivo nas cales as súas emisións se baseen en contidos musicais.

e) As entidades sen personalidade xurídica e/ou sen ánimo de lucro.

Artigo 5. Uso da lingua galega

1. As empresas da epígrafe a) do artigo 3 deberán empregar a lingua galega, como mínimo, nun 8 % do total da súa información.

2. As empresas da epígrafe b) do artigo 3 deben cumprir co disposto no artigo 10.j, do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, “Empregar a lingua galega nas súas emisións de forma que o 50 %, como mínimo, do tempo de programación sexa en lingua galega. O uso do galego débese distribuír equitativamente en todas as franxas horarias. Non obstante, para as emisoras que actualmente formen parte das cadeas de ámbito estatal, aplicarase a porcentaxe arriba sinalada nas desconexións que se realicen dentro do ámbito da Comunidade Autónoma galega”.

3. As empresas deben cumprir co establecido no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, de normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Así mesmo, deben cumprir coas normas aprobadas pola Real Academia Galega en sesión plenaria do 12.7.2003.

Artigo 6. Competencia

A competencia para resolver os procedementos de concesión obxecto destas bases correspóndelle á persoa titular do órgano competente en materia de medios, ao abeiro do establecido na disposición adicional segunda, epígrafe 1.c) do Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión dos ditos datos, mesmo a responsabilidade que se asume por posibles erros producidos a título de simple neglixencia.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou, presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice ao órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Documentación

1. As solicitudes de axuda deberán ir acompañadas da seguinte documentación común:

a) NIF da entidade solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) DNI ou NIE do solicitante, en caso de ser persoa física ou do representante legal da empresa, no caso de non prestar autorización para a consulta dos datos de identidade do solicitante no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas (anexo II).

c) Escritura de poder que acredite a representación cando a persoa solicitante actúe en representación da persoa xurídica titular do medio.

d) Certificación actualizada ao ano da convocatoria da inscrición no Rexistro Mercantil.

e) Documento acreditativo de estar dado de alta no imposto sobre actividades económicas (IAE), no caso de non prestar autorización para a consulta dos datos correspondentes do solicitante no sistema de verificación de datos da Axencia Estatal de Administración Tributaria (anexo II).

f) Informe da Tesouraría Xeral da Seguridade Social do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante o ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

g) Declaración responsable subscrita por quen asine a solicitude na cal se faga constar, tanto no que se refire á entidade xurídica coma aos seus administradores e/ou representantes legais, que non estean incursos en ningunha das prohibicións recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 de a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo II).

h) Declaración responsable indicando a porcentaxe do emprego da lingua galega nas publicacións, informacións ou emisións do ano natural anterior ao da convocatoria e compromiso futuro expreso de que vai manter ou incrementar esta durante o ano da correspondente convocatoria (anexo II).

i) Declaración responsable que indique a porcentaxe de publicacións, informacións ou emisións orientadas á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura no ano natural anterior ao da convocatoria (anexo II).

j) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas (anexo II).

2. Documentación especifica:

I. Axudas a xornais impresos en formato papel.

a) Memoria asinada en que se faga constar os números publicados durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.

b) Valorarase a certificación expedida pola Oficina da Xustificación da Difusión (OXD), coa difusión no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria. No seu defecto, declaración do número de exemplares difundidos da publicación de que se trate no período sinalado anteriormente, acompañada da documentación que o acredite.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Memoria asinada en que se faga constar a programación, especificando que parte dela se realiza en lingua galega.

b) Informe do Estudo Xeral de Medios relativo á audiencia acumulada da emisora solicitante durante o período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

III. Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet.

a) Memoria asinada en que se faga constar os números ou días publicados dende o 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria, número de traballos ou artigos escritos en lingua galega durante o mesmo período.

b) Declaración do número de visitas efectuadas. Valoraranse as certificacións expedidas por unha entidade de control da difusión, referidas ao período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

3. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizo públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistro establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Artigo 10. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral de Medios.

Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral de Medios mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Xunta de Galicia. Secretaría Xeral de Medios. Edificio Administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela, ou a través do correo electrónico axudas.medios@xunta.es.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. A unidade administrativa que teña asignada a función de xestión de axudas e subvencións relativa aos medios informativos é o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións, polo que lle corresponde o exercicio das facultades previstas no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude presentada non reúne algún dos requisitos contidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, despois da correspondente resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse do solicitante calquera dato, documento complementario e aclaración que poida resultar necesario para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez verificadas e revisadas as solicitudes e emendados os erros, se for o caso, os expedientes administrativos que reúnan as condicións exixidas e que conten coa documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa avaliación e informe, regulada no artigo seguinte.

5. No caso de que o órgano instrutor aprecie que un expediente non reúne as condicións exixidas nesta resolución ou na restante normativa de aplicación, elaborará a correspondente proposta de resolución de inadmisión que, en todo caso, será motivada con indicación destas causas.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración é o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte. Para tal fin, elaborará un informe no que se especificarán as solicitudes admitidas, a avaliación que lles corresponde, así como importe da axuda para cada un dos solicitantes.

2. A comisión de valoración terá a seguinte composición:

a) Presidente: unha persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de medios de comunicación.

b) Vogais:

– Unha persoa cun rango mínimo de director/a xeral ou equivalente do órgano competente en materia de política lingüística.

– Unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación con categoría non inferior á de xefe de servizo.

– Unha persoa funcionaria proposta polo órgano competente en materia de política lingüística con categoría non inferior á de xefe de servizo.

c) Secretario/a: unha persoa funcionaria do órgano competente en materia de medios de comunicación, que actuará con voz pero sen voto.

Artigo 13. Criterios de cuantificación das axudas

1. A valoración das solicitudes presentadas realizarase de acordo cos seguintes criterios:

I. Axudas a xornais impresos en formato papel.

a) Criterio referido á difusión de exemplares.

A distribución do crédito farase en proporción directa aos exemplares difundidos da publicación obxecto da avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda teranse en conta os exemplares difundidos por cada un dos beneficiarios, en relación co número total difundido por todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando á mínima establecida como requisito no artigo 5.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura.

II. Axudas a empresas radiofónicas privadas.

a) Criterio referido ao número de oíntes.

A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de oíntes do medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de oíntes de cada un dos beneficiarios en relación co número total de oíntes de todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando a mínima establecida como requisito no artigo 5.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura.

III. Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet.

a) Criterio referido ao número de visitas.

A distribución do crédito farase en proporción directa ao número de visitas que reciba o medio obxecto de avaliación. Para o cálculo individualizado do importe de cada axuda terase en conta o número de visitas que reciba cada un dos beneficiarios en relación co número total de visitas que reciben todos eles ao longo do ano natural anterior ao da correspondente convocatoria.

b) Criterio referido ao uso da lingua galega.

Para o cálculo individualizado do importe utilizarase a porcentaxe declarada na solicitude, restando á mínima establecida como requisito no artigo 5.

c) Criterio referido á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura.

2. O crédito asignado para cada tipo de axuda distribuirase entre os criterios de valoración das solicitudes de acordo coa seguinte táboa:

% de repartición do crédito segundo os criterios de valoración

Tipo de axuda

Difusión exemplares /Núm. oíntes/Núm. visitas

Uso da lingua galega

Normalización da lingua

Axudas a xornais impresos en formato papel

74 %

24 %

2 %

Axudas a empresas radiofónicas privadas

74 %

24 %

2 %

Axudas a empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante a internet

74 %

24 %

2 %

Artigo 14. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor remitirá o informe da Comisión de Valoración xunto coa proposta de resolución ao titular do órgano competente en materia de medios, o cal ditará a correspondente resolución, estimando ou denegando, que deberá estar debidamente motivada e expresará, polo menos, a contía da axuda concedida ou, de ser o caso, a causa de denegación, e fará constar, se é o caso, de xeito expreso a desestimación do resto das solicitudes.

A concesión ou a denegación da axuda seralle notificada ao solicitante de acordo co establecido nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Non se axustar aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre este prazo sen que se dicte resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas polo titular do órgano competente en materia de medios poñerán fin á vía administrativa, polo que contra elas, poderán interpoñer os interesados os seguintes recursos, sen prexuízo da interposición de calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución obxecto de impugnación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir daquel en que se produza o acto presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. A conta xustificativa acreditarase de acordo co disposto nos artigos 48, 50 e 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O pagamento das axudas quedará condicionado á presentación da documentación nos termos que se establezan na resolución de concesión. Utilizaranse os modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta resolución, incluíndo, en todo caso:

I. Documentación específica. Conta xustificativa.

i) Para as empresas beneficiarias dunha axuda igual ou superior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas obxecto da subvención que conterá unha relación dos gastos e investimentos correspondentes no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria, así como os custos xerais e/ou indirectos que se asignan á actividade subvencionada.

b) Informe dun auditor de contas, designado polo beneficiario, que revise a conta xustificativa. En todo, caso no informe debe quedar acreditado que o importe da axuda concedida é inferior aos custos xerados pola difusión das informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións encamiñadas a defender a identidade de Galicia e dos seus intereses, a promoción dos seus valores, a normalización da súa lingua ao afondar e difundir a súa cultura no exercicio anterior ao da correspondente convocatoria.

ii) Para as empresas beneficiarias dunha axuda inferior a 30.000 euros.

a) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades realizadas, que conterá:

– Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

– As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e acreditación do pagamento mediante transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, en orixinal, formato electrónico admisible legalmente ou fotocopia compulsada.

– Un detalle doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e orixe.

II. Documentación xeral.

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas das distintas administracións públicas para esta mesma finalidade (anexo III).

c) Declaración responsable indicando que mantivo ou incrementou a porcentaxe do emprego da lingua galega nas publicacións, informacións ou emisións declarado no artigo 9.1.h) durante o ano da convocatoria e ata a data de concesión da axuda (anexo III).

d) As entidades beneficiarias acreditarán o uso da lingua galega e a actividade informativa orientada á normalización da lingua, á defensa da identidade de Galicia, á promoción dos seus valores e á defensa da súa cultura, achegando xustificación documental referida ao ano natural anterior ao da convocatoria.

Con carácter de mostra representativa, dependendo do tipo de axuda concedida, achegaranse arquivos sonoros ou en formato pdf de dúas emisións ou publicacións mensuais.

e) Se é o caso, certificación acreditativa de encontrarse ao día das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, unicamente no suposto de que o solicitante denegase expresamente a autorización para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

g) Declaración responsable comprometéndose a respectar, nas informacións redactadas en castelán, a lingua das declaracións da fonte ou da persoa entrevistada, sempre que as citas sexan transcritas en estilo directo, e a introducir a oferta positiva establecida no Plan xeral de normalización da lingua galega, polo menos na relación xornalística cos representantes dos cidadáns e cargos de responsabilidade pública. Para estes efectos, a oferta positiva consiste na adopción do galego como lingua de contacto inicial entre a empresa e a persoa entrevistada (anexo III).

h) Escrito de aceptación expresa da axuda. Se non se produce manifestación expresa no prazo establecido na resolución de concesión, entenderase tacitamente aceptada.

i) Calquera outra documentación que se estableza pola normativa reguladora.

Artigo 17. Obrigas das entidades beneficiarias

1. As empresas beneficiarias das axudas quedan obrigadas:

a) Ao reintegro, total ou parcial, da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) A someterse ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano competente en materia de medios, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, para o cal presentarán canta información lles sexa requirida.

c) A dar unha axeitada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución das actividades que se subvencionan.

d) Se é o caso, acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes da correspondente proposta de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. En caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, se lle requirirá ao solicitante ou beneficiario que regularice a situación e presente o correspondente certificado.

e) A non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de empresa beneficiaria das axudas recollidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para o que presentarán a declaración responsable sinalada no artigo 16.2.II.f).

f) A comunicarlle ao órgano competente en materia de medios no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos subvencionados, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as publicacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da axuda.

g) A cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención.

h) A xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

i) A dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable a persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

j) A conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

k) Manter ou incrementar o uso da lingua galega nas emisións ou cabeceiras ata o 31 de decembro do ano natural da correspondente convocatoria.

Artigo 18. Compatibilidade

As axudas previstas nestas bases serán compatibles con outras axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, sempre que a acumulación de axudas non supere o custo total da actividade subvencionada e se respecten as condicións establecidas en cada réxime de axudas na normativa nacional e comunitaria aplicable.

Artigo 19. Modificación da resolución e reintegro das subvencións

1. Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas, para a mesma finalidade, por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar a obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora producidos desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ao abeiro do disposto no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, os criterios de graduación dos posibles incumprimentos para determinar a cantidade que se vai minorar serán os seguintes:

a) O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda concedida.

Tera a consideración de incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda a non xustificación dos compromisos recollidos no artigo 16.2.II.c) e d).

b) Calquera outro incumprimento considerarase incumprimento parcial dos fins para os cales se concedeu a axuda e dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A tramitación do expediente de reintegro realizarase de acordo co procedemento establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Infraccións e sancións

As empresas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Publicidade

1. As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia, con indicación da norma reguladora, beneficiario, aplicación orzamentaria, contía e finalidade da subvención, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

2. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 euros, publicaranse no taboleiro de anuncios do órgano competente en materia de medios.

Artigo 22. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria de titularidade da Xunta de Galicia que corresponda, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non regulado nestas bases se observará o previsto nas seguintes disposicións:

1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Preceptos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo.

4. Resto de normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file