Con data do 2 de marzo de 2015, o director da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción consistente na restitución da ribeira do río Miño no cruzamento da autoestrada AG-53 (Aceousa), de clave OU/11/073.01.
O mencionado proxecto de construción ten por obxecto a restitución das estruturas de protección precisas na ribeiras do río Miño, á altura do viaduto da AG-53 sobre a dita canle. Así mesmo, inclúese un paso superior sobre a liña de ferrocarril Vigo-Ourense para o tránsito de maquinaria de obra e acceso para os futuros traballos de mantemento na zona de actuación.
A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada pola necesidade de restituír a ribeira, protexela fronte a novos procesos erosivos e rexenerala ambientalmente.
A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de febreiro de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción consistente na restitución da ribeira do río Miño no cruzamento da autoestrada AG-53 (Aceousa), de clave OU/11/073.01.
Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda