Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 9 de marzo de 2016 Páx. 8971

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal.

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva para establecer o réxime xurídico dos montes veciñais en man común.

O preámbulo da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, sinala que non é obxecto desta norma a regulación en detalle do réxime xurídico dos montes veciñais en man común. Destaca esta Lei que a dita figura, transcendental para Galicia, cunha competencia autonómica definida estatutariamente, debe manter, como ata agora, unha singularidade normativa específica acorde co seu réxime xurídico.

No entanto, determinadas cuestións, como, entre outras, a obriga do reinvestimento no propio monte dunha porcentaxe dos ingresos que xera este, desenvólvese no seu artigo 125 en prol de asegurar a sustentabilidade da xestión forestal e a conservación dos valores, produtos e servizos forestais, tales como os pastos, os cogomelos, as castañas, a madeira ou a biomasa.

O obxecto fundamental dese artigo ampárase no espírito do informe Brundtland de 1987 de xeito que, satisfacendo as necesidades das persoas que compoñen as actuais comunidades de montes veciñais en man común, se asegure, ao mesmo tempo, que non se comprometen as necesidades das futuras xeracións no goce do seu propio monte.

A Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establecía no seu artigo 23 que de todos os rendementos económicos que podían derivar dos aproveitamentos se reservaría unha cantidade que se fixaría nos estatutos e que, en todo caso, nunca sería inferior ao 15 % daqueles, e que se debía dirixir a investimentos en mellora, protección, acceso e servizos derivados do uso social a que o monte poida estar destinado. Respecto dos ingresos provenientes dos actos de disposición, de carácter forzoso ou voluntario, o Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establecía, no seu artigo 12, que o importe das cantidades aboadas por estes negocios xurídicos se debería destinar á mellora do monte ou ao establecemento de obras ou servizos de interese xeral da comunidade propietaria do monte.

O artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, modifica estas normas de reinvestimento establecendo, por regra xeral, unha cota mínima cun único destino dedicado á mellora e protección forestal do monte do 40 % de todos os ingresos xerados, sexan dos aproveitamentos e servizos forestais, dos derivados de actos de disposición, dos procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria, e elevando incluso esta cota para o caso de ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais ata o 100 %.

Para o dito reinvestimento establécese un período máximo de catro anos contados a partir da finalización do ano en que se obtivo o ingreso. Este período coincide e se coordina co establecido no número 1 do artigo 112 do da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades.

No caso de que no antedito prazo de catro anos non fose posible a aplicación total do reinvestimento, a propiedade poderá presentar á Administración forestal un plan de investimentos plurianual para a súa aprobación. Novamente esta exixencia, establecida no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, se integra de xeito coherente co artigo 11 do Real decreto 634/2015, do 10 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sociedades, segundo o cal a Administración tributaria deberá, de forma preceptiva, solicitar informe sobre o plan presentado á Administración forestal de Galicia cando o domicilio fiscal do contribuínte estea nesa comunidade autónoma.

Por outra banda, o número 7 do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, dispuxo que no primeiro semestre de cada ano natural as comunidades de montes deben presentar ante a consellaría competente en materia de montes unha comunicación verbo da realización da totalidade ou da parte prevista das actuacións incluídas no plan de investimentos para o ano anterior.

Este decreto, por tanto, nace para clarificar dun xeito concreto e detallado cales son os tipos de ingresos e as actuacións e servizos en materia de mellora e protección forestal do monte referidos no artigo 125 da Lei 7/2012, de montes de Galicia. Asemade, o decreto desenvolve o procedemento de comunicación e o procedemento de verificación das cantidades mínimas que reinvestirán as comunidades de montes veciñais en man común a fin de asegurar a sustentabilidade dos seus propios recursos e servizos forestais.

Na tramitación deste decreto seguiuse o procedemento establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, abriuse un trámite de información pública e consultáronse en trámite de audiencia as organizacións e asociacións interesadas no procedemento e o Consello Forestal de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Este decreto ten por obxecto regular as cotas de reinvestimento en montes veciñais en man común previstas no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e, en particular:

a) Concretar os diferentes ingresos que deben ser obxecto de reinvestimento.

b) Establecer unha relación clasificada das actuacións en materia de protección e mellora do monte que poden ser obxecto de execución con cargo ás cotas de reinvestimento.

c) Desenvolver o procedemento de comunicación e o procedemento de verificación das cantidades mínimas que reinvestirán as comunidades de montes veciñais en man común en materia de mellora e protección forestal do monte.

CAPÍTULO II
Reinvestimento de ingresos dos montes veciñais en man común

Artigo 2. Das cotas mínimas de reinvestimento

1. Consonte o disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, nos montes veciñais en man común, as cotas mínimas de reinvestimentos en mellora e protección forestal do monte serán as seguintes:

a) De todos os ingresos xerados, a cota de reinvestimento será, cando menos, do 40 %, agás daqueles ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais. En todo caso, os estatutos da comunidade veciñal de montes poderán fixar unha cota anual de reinvestimentos superior.

b) Dos ingresos xerados a partir dos produtos resultantes de incendios forestais, pragas ou temporais, a cota de reinvestimento será do 100 % agás que se xustifique documentalmente ante a Administración forestal que non é necesario o dito nivel de reinvestimento ao estaren satisfeitas todas as actuacións e servizos en materia de melloras e protección forestal do monte relacionados no artigo 5 deste decreto, cando menos, nos seguintes dez anos.

No caso de que a catástrofe fose obxecto de cobertura por un seguro forestal previamente contratado, as porcentaxes que se aplicarán aplicar serán as dispostas na letra a).

2. Só no caso de que os custos dos investimentos referidos no artigo 4 estivesen satisfeitos polas cantidades xeradas nos ingresos nunha porcentaxe inferior á establecida no número 1 deste artigo, esta porcentaxe poderá ser obxecto de redución consonte o disposto no artigo 125.3 da Lei 7/2012.

3. Para obter a aprobación da redución da porcentaxe que establece o número anterior é preciso que a comunidade de montes veciñais en man común presente unha solicitude, acompañada do acordo da asemblea xeral.

A solicitude de redución indicará a porcentaxe de reinvestimento concreta que se solicita como cota mínima de reinvestimento e deberá conter, cando menos, a xustificación expresa de tal solicitude, os traballos programados e orzamentados no instrumento de ordenación e de xestión comunicados ou aprobados previamente pola Administración forestal para cada monte. Tamén se poderán incluír outros traballos de carácter extraordinario, directamente relacionados coa xestión forestal sustentable do monte, e que non estivesen previstos nos ditos instrumentos ou aqueles correspondentes ás actuacións descritas nos artigos 8 e 9. Nestes últimos casos, a Administración forestal poderá solicitar unha xustificación técnica que acredite a conveniencia de levalos a cabo.

A Administración forestal deberá ditar a resolución no prazo máximo de tres (3) meses desde que a solicitude de redución teña entrada no rexistro do órgano competente para resolver.

A resolución que dite a Administración forestal non porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de montes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución. A data final da interposición do recurso coincidirá co mesmo ordinal do día da notificación desa resolución.

Artigo 3. Dos ingresos obxecto de reinvestimento

1. De acordo co artigo 125.2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, para o cálculo dos ingresos obtidos, haberá que contabilizar non só aqueles que proveñen dos aproveitamentos e servizos forestais senón tamén os derivados de actos de disposición voluntaria, os procedentes de expropiacións forzosas ou calquera outro ingreso de natureza extraordinaria.

2. Para os efectos deste decreto son ingresos dos montes veciñais en man común os recollidos no anexo I.

3. A equivalencia entre os ingresos dos montes veciñais en man común recollidos no anexo I e aqueles relacionados no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, así como entre estes e as cuadrículas do modelo empregado para a liquidación do imposto de sociedades, é a establecida no anexo II.

Artigo 4. Das actuacións e servizos en materia de mellora e protección forestal do monte

1. As actuacións a que se dirixirán os importes das cotas de reinvestimento son as seguintes, consonte o número 3 do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia:

a) Redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou de xestión segundo a lexislación vixente e que debe ser obxecto de aprobación pola Administración forestal.

b) A execución dos traballos programados no instrumento de ordenación ou de xestión comunicado ou aprobado pola Administración para ese monte, así como doutros traballos de carácter extraordinario, directamente relacionados coa xestión forestal sustentable do monte, e que non estivesen previstos no dito instrumento, sempre que fosen aprobados anteriormente pola Administración forestal tras a súa proposta e xustificación.

c) Os custos en materia de servizos que a aplicación da xestión forestal sustentable e a súa certificación forestal comporten.

d) Deslindamento, incluídos custos das avinzas, e posterior marcaxe do monte veciñal, así como aquelas actuacións destinadas a consolidar a propiedade e os límites do monte e velar pola súa conservación e integridade.

2. Os tipos e subtipos das actuacións a que deben dirixirse os importes das cotas de reinvestimento recóllense no anexo III.

3. As equivalencias entre os tipos de gastos declarados consonte este decreto e aqueles relacionados no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, así como entre estes e as cuadrículas empregadas para a liquidación do imposto sobre sociedades, recóllense no anexo IV.

Artigo 5. Destino dos ingresos sobrantes

Os ingresos sobrantes, unha vez aplicada a cota mínima de reinvestimento, consonte o estipulado no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, e segundo acorden os estatutos ou a asemblea xeral, poderanse investir, en todo ou en parte:

a) Na adquisición e consolidación de montes. As terras adquiridas mediante compra serán cualificadas polos respectivos xurados provinciais de montes veciñais en man común como montes veciñais en man común e non poderán ser obxecto de permuta por un período mínimo de vinte anos, consonte o artigo 57 da citada lei.

b) Na posta en valor do monte veciñal desde o punto de vista social, patrimonial, cultural e ambiental.

c) En obras ou en servizos comunitarios con criterios de repartición proporcional entre os diversos lugares.

d) Na repartición, total ou parcial, en partes iguais entre todos os comuneiros e comuneiras. No suposto de expropiación forzosa, e sen prexuízo do establecido no artigo 3 deste decreto, esta repartición, total ou parcial, do importe do prezo xusto será autorizada pola Administración forestal, e a comunidade de montes deberá xustificar o cumprimento do establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño.

Artigo 6. Dos custos por primeira redacción, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal

Os custos por primeira redacción, modificación ou revisión dos instrumentos de ordenación ou xestión forestal, mediante a prestación de servizos por persoal técnico competente en materia forestal para a súa redacción serán o primeiro destino das cotas de reinvestimento.

Artigo 7. Dos custos pola execución dos traballos programados nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal

1. Unha vez que se dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal o reinvestimento deberá dirixirse primeiramente á execución e desenvolvemento dos traballos programados no dito instrumento. Os custos das actuacións programadas para a posta en valor da superficie do monte veciñal desde o punto de vista social, patrimonial, cultural ou ambiental non poderán superar o 10 % do importe total imputado para gastos en materia de reinvestimentos, agás para os montes periurbanos, onde esta porcentaxe poderá chegar até o 40 %.

A continuación poderanse abordar outros traballos de carácter extraordinario, directamente relacionados coa xestión forestal sustentable do monte e que non estivesen previstos no dito instrumento, sempre que fosen aprobados anteriormente pola Administración forestal tras a súa solicitude. A solicitude presentarase de forma xustificada e a Administración forestal disporá dun prazo de tres (3) meses para ditar a correspondente resolución desde que a solicitude tivese entrada no seu rexistro. A resolución que dite a Administración forestal non pon fin á vía administrativa, polo que contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia forestal no prazo dun mes contado desde o día seguinte á notificación da resolución que se impugna. O prazo para a interposición do recurso rematará no mesmo ordinal que o correspondente ao día da notificación da resolución.

2. Os ditos traballos poderán realizarse mediante a contratación a terceiros de servizos e obras para a realización dos traballos ou mediante a realización dos ditos traballos con medios e persoal propios.

3. Serán imputables a este concepto os custos derivados das nóminas e cotizacións á Seguridade Social do persoal propio, así como os demais gastos indirectos ou accesorios para a efectiva realización dos traballos por medios propios e que teñan una vinculación directa e demostrable cos traballos, como os seguintes:

a) Compra e mantemento de maquinaria directamente relacionada coas actividades que se desenvolverán no aproveitamento dos recursos e servizos forestais, definidos no artigo 84 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia; o carburante necesario, así como as pólizas de seguro asociadas á dita maquinaria.

b) Equipamento de persoal; axeitada vestimenta para a realización dos traballos e os equipamentos de protección individual.

c) Outros gastos correntes sempre que teñan unha vinculación directa e demostrable cos traballos.

Artigo 8. Dos custos en materia de servizos necesarios para a xestión forestal sustentable

1. Serán considerados investimentos en materia de mellora e protección forestal do monte os custos en materia de servizos que a aplicación da xestión forestal sustentable e a súa certificación forestal comporten, entre os cales se atopan os seguintes:

a) Servizos de xestión do monte, tales como, entre outros a elaboración de documentos de planificación, sexan proxectos de obra, plans ou memorias anuais, o asesoramento en materia de actuacións forestais no monte, o apoio na contratación de servizos ou a tramitación de axudas ou traballos e investimentos destinados a melloras de xestión cinexéticas.

b) Servizo de obtención e mantemento do certificado de xestión forestal sustentable mediante un sistema internacionalmente recoñecido.

c) Servizo contable e fiscal.

d) Servizo de prevención de riscos, no caso de contar con persoal propio.

e) Seguro de responsabilidade civil.

f) Servizos legais vinculados co desenvolvemento da actividade silvícola e xestión do monte. Exclúense deste concepto os gastos de defensa xurídica vinculados coa defensa da integridade do monte ou a reclamación de novo monte veciñal.

2. Igualmente serán imputables como custos en materia de servizos de xestión forestal a devolución da débeda contraída tras os anticipos reintegrables realizados pola Administración forestal para aqueles montes baixo convenios ou contratos de xestión pública, ao abeiro do artigo 123 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 9. Dos custos en materia de traballos de deslindamento e marcaxe

1. Os traballos de deslindamento e posterior marcaxe engloban todos os custos derivados dun deslindamento, tales como os custos do servizo para a redacción da memoria descritiva cos planos topográficos e as actas de deslindamento, necesarios para proceder ao deslindamento do monte consonte os artigos 53 e 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Igualmente, terán esta consideración os gastos xurídicos das avinzas consecuencia da acta de conciliación levantada no xulgado de paz ou de primeira instancia e os custos de inscrición no Rexistro da Propiedade e modificación, de ser o caso, no Catastro.

2. Son tamén custos imputables a este tipo de investimento aqueles necesarios para a marcaxe do deslindamento aprobado, así como aqueles derivados do procedemento para a revisión de esbozos de montes veciñais en man común desenvolvido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 10. Prazo para a realización dos reinvestimentos

De conformidade co número 4 do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, os reinvestimentos poderán realizarse ao longo do ano natural en que se obtivo o ingreso en cuestión ou dentro dun período máximo de catro anos contados a partir da finalización do dito ano.

Artigo 11. Do plan de investimentos plurianual

1. Antes de finalizar o período de catro anos a que fai referencia o artigo 10, no caso de que non fose posible a aplicación total do reinvestimento antes indicado, a propiedade poderá presentar perante a Administración forestal un plan de investimentos plurianual para a súa aprobación pola dita Administración nun prazo máximo de seis meses.

2. Remitido o plan de investimentos plurianual, os servizos de montes da xefatura territorial competente por razón do territorio emitirán un informe nun prazo máximo de tres meses, contado desde a data de entrada da solicitude de aprobación do plan no rexistro da xefatura territorial da Xunta de Galicia onde se sitúa o terreo obxecto do plan.

3. O informe elaborado polos servizos de montes da correspondente xefatura territorial deberá, cando menos, verificar:

a) Que o plan de investimentos plurianual presentado fose aprobado pola asemblea xeral da comunidade propietaria.

b) Que se atopa debidamente acreditada a imposibilidade, dun xeito xustificado, de investir a cota mínima de reinvestimento dentro do prazo establecido no artigo 10. Entre outros, serán motivos de xustificación a obtención de grandes cantidades de ingresos de carácter puntual, como prezos xustos derivados de expropiacións forzosas ou a existencia de amplas superficies arboradas con madeira comercial afectadas por incendios.

c) Que no momento da presentación da solicitude de aprobación do plan se están a cumprir as cotas de reinvestimento mínimo establecidas no artigo 2 ou se están a desenvolver de xeito adecuado os traballos programados nos instrumentos de ordenación ou xestión forestal con que se xestiona o monte e, no caso de que algúns dos traballos estean atrasados na súa execución, exista unha xustificación técnica suficiente que acredite a razón do dito atraso, xuntando un novo programa de actuacións para o seu debido cumprimento dentro do plan plurianual.

d) O plan de investimentos plurianual presentado inclúa no seu período de aplicación, cando menos, todos os traballos programados nos instrumentos de ordenación ou de xestión forestal ao longo do período de aplicación destes. Para isto revisarase o plan especial e os traballos programados no instrumento en vigor e a súa consonancia co plan de investimentos plurianual, revisando que a descrición das actuacións, os investimentos e gastos, o importe efectivo ou previsto destes e o ano previsto de realización sexan coincidentes en ambos.

e) No caso de que o plan especial ou os traballos programados no instrumento de ordenación ou xestión non cubran a totalidade do período que abrangue o plan de investimentos plurianual, será necesario que a comunidade interesada presente unha proposta de plan de actuacións para os anos non cubertos e que deberá ser tida en conta nas revisións ou modificacións do instrumento de ordenación ou xestión forestal, cando corresponda.

f) Que estean previstos os custos de deslindamento, incluídos os resultantes das avinzas e inscrición no Rexistro da Propiedade, así como a posterior marcaxe do monte veciñal, que, de ser necesario, forman parte do plan de investimentos plurianual.

g) Que se asegure a xestión sustentable do monte, como contido necesario do plan de investimentos plurianual, conforme a súa multifuncionalidade ambiental, económica, social, cultural e patrimonial cumprindo co primeiro principio da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

4. No caso de que existan desconformidades no informe elaborado, darase audiencia á comunidade de montes para que nun prazo máximo de quince días hábiles xustifique as incidencias detectadas ou, de ser o caso, propoña modificacións ao plan de investimentos plurianual.

5. De aprobarse finalmente o plan de investimentos plurianual presentado e supor unha modificación do plan especial do instrumento de ordenación ou xestión forestal vixente, a dita aprobación suporá, de oficio, a modificación do instrumento.

6. A estrutura e os contidos mínimos destes plans de investimentos plurianuais poderán ser obxecto de desenvolvemento mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de montes.

Artigo 12. Da non comunicación ou indebida xustificación dos ingresos comunicados

As comunidades de montes veciñais en man común non poderán ser beneficiarias de axudas públicas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico de Galicia mentres non presenten as comunicacións dos investimentos realizados no ano anterior ou, presentadas as comunicacións e feitas as súas verificacións, estas non se axusten ao establecido na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia e ao disposto neste decreto de desenvolvemento, sen prexuízo das sancións administrativas correspondentes ás infraccións tipificadas na alínea v) do artigo 128 e cualificadas como graves na devandita lei.

CAPÍTULO III
Procedemento de comunicación dos ingresos e reinvestimentos

Artigo 13. Presentación das comunicacións de ingresos e reinvestimento

1. No primeiro semestre de cada ano natural, a comunidade de montes comunicará ante a consellaría competente en materia de montes os ingresos xerados e a realización dos investimentos para a mellora e protección forestal do monte executados no exercicio anterior.

2. As comunicacións irán dirixidas á persoa titular do órgano inferior competente en materia forestal por razón do territorio onde se sitúe a comunidade de montes veciñais en man común. Deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica empregando o formulario normalizado contido no anexo V. O anexo estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Para a presentación das comunicacións será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente tamén se poderán presentar as comunicacións en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A tramitación destas comunicacións de reinvestimento requirirá a incorporación de datos ou documentos complementarios coa finalidade de acreditar a identidade da persoa que realiza a comunicación, sexa o/a presidente/a, secretario/a ou quen debidamente, mediante un escrito de delegación expresa, contrato mercantil ou calquera outro medio de proba válido en dereito, sexa designada como persoa representante para os efectos desta comunicación administrativa. Para estes efectos, no caso de que a persoa que realiza a comunicación non sexa o/a presidente/a ou secretario/a da comunidade, xuntarase á comunicación o documento acreditativo de representación.

4. Asemade, no caso de que a persoa que realice a comunicación non autorice o órgano xestor a consulta dos datos da súa identidade, a dita persoa estará obrigada a achegar, xuntamente á comunicación, copia do seu documento nacional de identidade.

5. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da comunicación, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 14. Consentimentos e comunicacións

As comunicacións das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia a que se dirixiron ou, se é o caso, que os emitiron, sempre e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa que realiza a comunicación ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos aspectos a que se refire o documento.

CAPÍTULO IV
Procedemento de verificación dos ingresos e reinvestimentos

Artigo 15. Requirimento de xustificación

1. A Administración forestal, no seu labor de verificación, poderá requirir a unha mostra de comunidades de montes o soporte documental que avale as comunicacións realizadas por elas dos ingresos e reinvestimentos.

2. Para tal efecto, recibida a comunicación, requirirase a comunidade obxecto de verificación para que, nun prazo máximo dun mes, achegue os documentos preceptivos de xustificación, relacionados no artigo 16, respecto da comunicación realizada, con indicación de que, se así non o fixer, se tramitará o oportuno expediente sancionador correspondente ás infraccións tipificadas na alínea v) do artigo 128 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Artigo 16. Soporte documental que xustifique a comunicación realizada

1. Para realizar a verificación documental dos datos subministrados na comunicación, requiriráselle, cando menos, o seguinte soporte documental:

a) Copia das contas do exercicio obxecto de verificación asentadas no libro de contas da comunidade regulado no artigo 38 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Se as contas foren asentadas utilizando a codificación e descrición de gastos e ingresos dispostas no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, a Administración forestal poderá utilizar os anexos I e II deste decreto para realizar a súa revisión.

b) Copia da liquidación do imposto sobre sociedades presentado pola comunidade para o exercicio obxecto de requirimento, agás que a comunidade non estea fiscalmente obrigada a presentar a dita declaración. A Administración forestal poderá utilizar os anexos I e II deste decreto para realizar a revisión da copia da liquidación do imposto sobre sociedades presentada pola comunidade para o exercicio obxecto de verificación.

c) De existir, copia da relación con terceiros e copia do modelo de liquidación anual do imposto sobre o valor engadido (IVE) presentado pola comunidade para o exercicio obxecto de requirimento.

d) Copia da documentación técnica xerada, sexan proxectos de obra ou servizo, memorias xustificativas ou calquera outra evidencia documental que describa e localice as actuacións obxecto de verificación.

No escrito de remisión da documentación, estará incluída unha certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade sobre a veracidade dos datos e documentos subministrados.

A Administración forestal, para a comprobación do destino dos ingresos e reinvestimentos indicados, poderá ou ben solicitar informes ou ben poñer en coñecemento doutras administracións, sexan tributaria ou locais, estes informes.

2. No caso de atoparse inconsistencias, desviacións significativas ou incongruencias entre os datos da comunicación presentada e o soporte documental requirido no número 1 deste artigo, a Administración forestal requirirá a comunidade de montes para que, nun novo prazo máximo dun mes, presente unha relación detallada de todos os ingresos e gastos mediante a presentación das facturas ou documentos contables de valor probatorio equivalente no caso de pagamentos e cos xustificantes das transferencias bancarias ou documentos acreditativos dos pagamentos realizados e ingresos percibidos.

No caso de remitir copias, acompañaranse dunha certificación expedida polo/a secretario/a da comunidade sobre a veracidade dos datos subministrados.

3. Se finalmente se mantén algunha das inconsistencias, desviacións ou incongruencias detectadas tramitarase o oportuno expediente sancionador correspondente ás infraccións tipificadas na alínea v) do artigo 128 da devandita lei, e seralle comunicado á Administración tributaria para os efectos oportunos.

4. No caso de non detectarse desviacións na xustificación presentada respecto á comunicación realizada, esta circunstancia será notificada á comunidade obxecto de verificación.

Disposición adicional primeira. Do informe sobre o plan especial de investimentos e gastos

Para os efectos previstos no artigo 11 do Real decreto 634/2015, do 10 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sociedades, e despois da solicitude da Administración tributaria do informe preceptivo a que fai referencia o número 4 do referido artigo, o órgano forestal remitiralle o informe dos servizos provinciais sobre o plan plurianual de investimentos previsto no artigo 11 deste decreto.

Disposición adicional segunda. Da actualización de formulario

Habilítase a persoa titular do órgano forestal para modificar ou actualizar o formulario do anexo V na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen publicar novamente o formulario no Diario Oficial de Galicia, no suposto de que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial deste. Para tales efectos consideraranse modificacións non substanciais aquelas que afecten aspectos formais ou técnicos como, entre outros, a determinación dos documentos que se deben presentar, as correccións e melloras de carácter gramatical e sintáctico ou aquelas derivadas da aplicación dos preceptos contidos nos artigos desta norma. En ningún caso estas modificacións poderán afectar o contido dos ditos formularios.

Disposición adicional terceira. Habilitación para a aplicación do decreto

Facúltase a persoa titular do órgano forestal para ditar cantos actos e instrucións sexan precisos para a aplicación do disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de montes para ditar cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto neste decreto e para actualizar mediante orde os anexos co fin de adecualos a posibles variacións dos tipos de ingresos ou a eventuais cambios nos ingresos relacionados no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, ou nos cadros do modelo de liquidación do imposto sobre sociedades, agás o anexo V, consonte o previsto na disposición adicional segunda.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de febreiro de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I
Táboas normalizadas de tipos de ingresos e gastos de reinvestimentos

Id

Descrición do tipo do ingreso

1

Ingresos por aproveitamentos dos produtos do monte que non resulten de incendios forestais, pragas e temporais (artigo 84 da Lei 7/2012)

2

Ingresos por aproveitamentos dos produtos do monte resultantes de incendios forestais, pragas e temporais (artigo 84 da Lei 7/2012)

3

Ingresos por percepción de subvencións ou axudas non reintegrables concedidas por entidades públicas ou privadas que reciba a comunidade

4

Ingresos por actos de disposición voluntaria (cesión, dereitos de superficie, ocupación, permuta, servidume ou arrendamento ou calquera outro negocio xurídico similar)

5

Ingresos por expropiacións forzosas, tanto sexan nun pagamento único como en pagamentos distribuídos no tempo

6

Ingresos extraordinarios derivados de compensacións e indemnizacións, incluídos os recibidos de seguros subscritos pola comunidade

7

Ingresos financeiros derivados da cesión de capitais a terceiros (depósitos, préstamos...)

8

Beneficios patrimoniais derivados da venda de accións ou participacións, previamente adquiridas pola comunidade

9

Ingresos pola prestación de servizos a terceiros realizados por persoal propio da comunidade

10

Outros ingresos

ANEXO II
Táboa de equivalencia segundo os tipos de ingresos declarados e aqueles dispostos no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, así como estes e aqueles cadros utilizados para a liquidación do imposto sobre sociedades (actualmente modelo 200)

Id

Tipo de ingreso

Real decreto 1514/2007 polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade

Modelo 200 para a liquidación do imposto sobre sociedades

Cód.

Descrición

Cód.

Descrición

1

Ingresos por aproveitamentos dos produtos do monte que non resulten de incendios forestais, pragas e temporais.

70

Importe neto da cifra de negocios

256

Ingresos por vendas

2

Ingresos por aproveitamentos dos produtos do monte resultantes de incendios forestais, pragas e temporais.

70

Importe neto da cifra de negocios

256

Ingresos por vendas

3

Ingresos por percepción de subvencións concedidas por entidades públicas ou privadas que reciba a comunidade

740

Subvencións

269

Subvencións á explotación

4

Ingresos por actos de disposición voluntaria (arrendamentos, dereitos de superficie e outros)

752

Arrendamentos e outros

267

Ingresos por arrendamentos

5

Ingresos por expropiacións forzosas

771

Expropiacións

6

Ingresos extraordinarios derivados de compensacións e indemnizacións, incluídos os recibidos de seguros subscritos pola comunidade

778

Ingresos extraordinarios

295

Outros resultados

7

Ingresos financeiros derivados da cesión de capitais a terceiros (depósitos, préstamos...)

76

Ingresos financeiros

297

Total de ingresos financeiros

8

Beneficios patrimoniais derivados da venda de accións ou participacións

Resto contas grupo 7

Outros ingresos

9

Ingresos pola prestación de servizos a terceiros realizados por persoal propio da comunidade

705

Prestación de servizos

257

Ingresos por prestación de servizos

10

Outros ingresos

Resto contas grupo 7

Outros ingresos

ANEXO III
Táboa normalizada de tipos e subtipos de gastos en materia de reinvestimentos

Id

Descrición do tipo do reinvestimento

Id

Descrición do subtipo do reinvestimento

1

Redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou de xestión

A

Contratación do servizo a terceiros

B

Nóminas e cotizacións á Seguridade Social do persoal propio

2

Execución dos traballos en materia de xestión forestal sustentable

A

Contratación obras e servizos a terceiros

B

Nóminas e cotizacións á Seguridade Social do persoal propio

C

Outras gastos accesorios vinculados á execucións dos traballos polo persoal propio

3

Custos en materia de servizos de xestión

A

Servizo de xestión do monte ou certificación forestal

B

Servizos técnicos de apoio á xestión (contable, fiscal, laboral, prevención de riscos e semellantes)

C

Primas de seguros de responsabilidade civil

D

Servizos legais vinculados co desenvolvemento da actividade silvícola e xestión do monte

E

Outros custos administrativos básicos

F

Reintegro da débeda por anticipo en montes en xestión pola Administración forestal

4

Deslindamento e posterior marcaxe

A

Contratación do servizo a terceiros (memorias, informes, actas)

B

Servizos xurídicos vinculados a avinzas (xulgado de paz ou primeira instancia)

C

Custos de inmatriculación no Rexistro da Propiedade

D

Contratación do servizo a terceiros para o deslindamento e marcaxe

E

Contratación do servizo a terceiros para a revisión do esbozo

ANEXO IV
Táboa de equivalencia segundo os tipos de gastos declarados e aqueles dispostos no Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade, así como estes e aquelas cuadrículas utilizadas para a liquidación do imposto sobre sociedades (actualmente modelo 200)

Id

Tipo de reinvestimento

Id

Subtipo de reinvestimento

Real decreto 1514/2007 polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade

Modelo 200 para a liquidación do imposto sobre sociedades

Cód.

Descrición

Cód.

Descrición

1

Redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou de xestión

A

Contratación do servizo a terceiros

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

B

Nóminas e cotizacións á Seguridade Social do persoal propio

64

Gastos de persoal

259

Traballos realizados para o seu activo

2

Execución dos traballos de xestión forestal sustentable

A

Contratación obras e servizos a terceiros

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

B

Nóminas e cotizacións á Seguridade Social do persoal propio

64

Gastos de persoal

259

Traballos realizados para o seu activo

C

Outras gastos accesorios vinculados á execucións dos traballos polo persoal propio

600

Compra de mercadorías

260

Total de gastos por aprovisionamentos (normalmente compra de materias primas e mercadorías)

602

Compra doutros aprovisionamentos

607

Traballos doutras empresas

621

Aluguer de maquinaria

622

Mantemento (tanto de pistas como maquinaria)

625

Primas de seguros

628

Subministración (principalmente carburante)

629

Outros gastos

3

Custos en materia de servizos de xestión

A

Servizo de xestión do monte ou certificación forestal

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

B

Servizos técnicos de apoio á xestión (contable, fiscal, laboral, prevención de riscos e semellantes)

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

C

Primas de seguros de responsabilidade civil

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

D

Servizos legais vinculados co desenvolvemento da actividade silvícola e xestión do monte

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

E

Outros custos administrativos básicos

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

F

Reintegro da débeda por anticipo en montes en xestión pola Administración forestal

629

Outros gastos

279

Outros gastos de explotación

4

Deslindamento e posterior marcaxe

A

Contratación do servizo a terceiros (memorias, informes, actas)

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

B

Servizos xurídicos vinculados a avinzas (xulgado de paz ou primeira instancia)

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

C

Custos de inmatriculación no Rexistro da Propiedade

629

Outros gastos

279

Outros gastos de explotación

D

Contratación do servizo a terceiros para o deslindamento e a marcaxe

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

E

Contratación do servizo a terceiros para a revisión do esbozo

623

Servizos técnicos profesionais

263

Traballos realizados por outras empresas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file