Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2016 Páx. 15879

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 20 de abril de 2016 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono Concilia, e se procede á súa convocatoria.

BDNS (Identif.): 304584.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:

a) Ter unha nena ou un neno nacida ou nacido con posterioridade ao 31 de decembro de 2013.

b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:

b.1. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono Concilia.

b.2. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 exercendo a opción do programa Bono Concilia e cando, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.

b.3. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2016/17 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.

b.4. Ter obtido axuda do programa Cheque infantil no curso 2015/16 e solicitar para a mesma nena ou neno o abeiro do Bono Concilia.

b.5 Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.

c) Non dispor doutras axudas para igual ou análoga finalidade outorgadas por outros organismos ou institucións públicas ou entes privados que, en concorrencia coa regulada nesta orde, supere o custo da praza.

d) Escolarizar o neno ou a nena nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos que conte coa autorización pertinente segundo o establecido no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia (DOG do 20 de xaneiro de 2012).

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención de nenas e nenos de 0 a 3 anos en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono Concilia e proceder á súa convocatoria para o curso 2016/17.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de abril de 2016 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos, a través do programa Bono Concilia, e se procede á súa convocatoria.

Cuarto. Importe

A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses e estará en función da renda per cápita da unidade familiar.

Para as axudas convocadas destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 12.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades. Corresponden 1.268.800 euros á parte do curso 2016/17 que se desenvolve en 2016 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2017.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Con carácter excepcional poderán presentar solicitudes fóra do prazo establecido aquelas familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos nas cales se producise un nacemento, acollemento ou adopción da/do nena/o con posterioridade á finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social