Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 3 de maio de 2016 Páx. 16193

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 26 de abril de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a asistencia técnica na elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental coa finalidade de integrar a adaptación ao cambio climático na xestión e planificación públicas, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2016, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, segundo o establecido no Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma a que lle corresponde, entre outras, o exercicio das competencias e funcións en materia de ambiente consonte o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia, nos termos sinalados na Constitución española.

Pola súa banda, e segundo se sinala no citado decreto, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

De acordo co anterior, a presente orde de axudas vai destinada a subvencionar a elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental que contribúan a mellorar o comportamento das entidades locais de Galicia fronte ao cambio climático, con base no estado ambiental actual, e que axuden á definición das mellores opcións de adaptación ao cambio climático.

Co fin de favorecer o desenvolvemento ambiental ao máis alto nivel das entidades con recursos municipais más limitados, a presente convocatoria restrínxese ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes.

Así, en materia de cambio climático correspóndelle a esta secretaría xeral a coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático que, de xeito transversal, afecta as políticas desenvolvidas por todos os departamentos da Xunta de Galicia e que debe promoverse no eido local, conscientes da importancia de que os gobernos locais contribúan aos esforzos globais relacionados coa redución de gases de efecto invernadoiro e a adaptación aos efectos adversos do cambio climático, posto que é nos asentamentos poboacionais onde actualmente se consome máis do 75 % da enerxía mundial.

Neste sentido, a presente convocatoria de axudas pretende apoiar as entidades locais para favorecer que os concellos integren a loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente nas súas políticas, tanto desde o punto de vista de redución de gases de efecto invernadoiro como da necesaria adaptación ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o noso planeta.

Cómpre sinalar que as actuacións están cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), de acordo co disposto no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

As actuacións subvencionables están incluídas, segundo se sinala a continuación, no eixe prioritario 05 «Promover a adaptación ao cambio climático e a prevención e xestión de riscos»; prioridade de investimento 05.01 «Apoio ao investimento destinado á adaptación ao cambio climático, incluídos enfoques baseados nos ecosistemas»; obxectivo específico 05.01.01 «Desenvolvemento de coñecementos e elaboración de plans en relación coa adaptación ao cambio climático e a prevención de riscos, incluíndo os sistemas de alerta preventiva, de seguimento e avaliación»; categoría de intervención 60 «Redes de observación, prevención de riscos e análise sectorial de adaptación ao cambio climático en Galicia», do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

En consecuencia, mediante esta orde fanse públicas as bases reguladoras e a convocatoria destas axudas, para o ano 2016, destinadas a subvencionar as actuacións que se sinalan no ámbito das competencias atribuídas á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental coa finalidade de mellorar as condicións ambientais e acadar un desenvolvemento sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto regular a concesión, polo procedemento de concorrencia, e facer pública para o ano 2016 a convocatoria de subvencións para a asistencia técnica na elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental coa finalidade de integrar a adaptación ao cambio climático na xestión e planificación públicas destinadas a concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan na presente orde aquelas entidades locais e/ou agrupacións de entidades locais cuxa poboación, de maneira individual, sexa inferior aos 20.000 habitantes.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas as entidades incursas nalgún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se lles exixen no artigo 11 da Lei 9/2007.

4. Ningunha entidade solicitante poderá presentar ou figurar en máis dunha solicitude de subvención, xa sexa individualmente ou de maneira agrupada.

Artigo 3. Réxime xurídico e principios de aplicación

As axudas reguladas na presente orde concederanse ao abeiro do establecido nas presentes bases reguladoras e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Así mesmo, axustaranse, con carácter xeral, ao establecido nas disposicións que se sinalan:

• Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

• Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

• Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

Supletoriamente, tamén resultan de aplicación:

• A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• O Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

• A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Así como as demais normas citadas nesta orde e aqueloutras que resulten de aplicación.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 4. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os traballos de asistencia técnica para a elaboración de estratexias de sustentabilidade ambiental que propoñan as entidades locais en materia de adaptación ao cambio climático, entendendo por tales, aquelas que contribúan a mellorar o comportamento das entidades locais fronte ao cambio climático, con base no estado ambiental actual (enerxía, residuos, sectores produtivos, ecosistemas singulares, cidadanía), e que axuden á definición das mellores opcións de adaptación ao cambio climático.

2. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade ou parte da realización da actividade subvencionada nos termos do artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Solicitude e prazos

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Será admisible unha única solicitude por entidade. Ademais, unha mesma entidade non pode figurar simultaneamente nunha solicitude individual e nunha agrupada.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. A presentación da solicitude implicará o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

5. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 6. Documentación xeral que se debe presentar

1. Os interesados na obtención destas axudas deberán presentar, xunto co escrito de solicitude antes referido, a documentación que máis adiante se sinala.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante superase os tamaños límite establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar, ademais da documentación técnica sinalada no artigo seguinte, a xenérica que se relaciona a seguir:

a) Certificación do secretario ou secretaria do concello en que consten os seguintes aspectos:

– O acordo adoptado polo órgano competente da entidade local polo cal se aproba a súa participación nesta convocatoria de axuda.

– A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) Tratándose de solicitudes presentadas por un concello para unha agrupación deles, deberá achegarse un documento asinado polo secretario ou secretaria de cada unha das entidades participantes, mediante o cal se autorice o solicitante para actuar no nome do seu concello na presente convocatoria.

c) No caso de presentar a solicitude unha agrupación de concellos de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán facerse constar naquela os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles.

d) Acreditación de que a entidade local cumpriu o seu deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas. No caso das agrupacións, deberán acreditar este requisito todos os concellos que a forman.

e) Declaración responsable asinada polo representante legal de cada membro do proxecto de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda.

f) Así mesmo, ademais do sinalado con anterioridade, a entidade solicitante deberá remitir calquera outra documentación que considere oportuna.

Artigo 7. Documentación técnica relativa á actuación obxecto da solicitude

Xunto coa documentación establecida no artigo anterior, deberase remitir unha memoria motivada da conveniencia e utilidade de elaborar unha estratexia de sustentabilidade ambiental no ámbito local a que representen a/as entidade/s solicitante/s, que deberá cumprir os seguintes puntos:

– Non poderá superar as 10 páxinas de extensión.

– Incluirá a información técnica oportuna en relación cos datos e aspectos que a seguir se sinalan.

Contido da memoria explicativa:

1) Denominación e breve descrición da actuación obxecto de solicitude.

2) Enumeración e concreción dos motivos para a elaboración da estratexia, con base nas características e potencialidades (sociais, territoriais, ambientais, económicas, etc.) da/das entidade/s local/locais solicitante/s.

3) Obxectivos perseguidos e destinatarios, con especificación da poboación total beneficiada pola elaboración da estratexia de sustentabilidade. Será preciso neste punto facer referencia ás potenciais melloras ou beneficios ambientais que se pretenden coa elaboración da estratexia.

4) Se procede, e de forma detallada, as medidas de participación pública que se prevén para a elaboración (e desenvolvemento) da estratexia de sustentabilidade ambiental.

5) Cronograma e duración da elaboración da estratexia, tendo en conta o prazo límite establecido no artigo 19.

6) Orzamento detallado do custo de elaboración da estratexia.

7) Financiamento (importe total da actuación solicitada, fontes e porcentaxe de subvención que se solicita sobre o custo total, se é o caso).

8) Calquera outra información que se considere de interese.

Artigo 8. Procedemento de concesión

O procedemento de concesión que se empregará para a concesión das axudas será de concorrencia competitiva establecido no artigo 19, número 1, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Período subvencionable e contía das axudas

1. O período subvencionable para a convocatoria que se abre por medio da presente orde abranguerá os gastos relativos á elaboración da actuación subvencionable a que se refire o artigo 4 realizados pola entidade solicitante entre o 1 de xaneiro de 2016 e o 30 de novembro de 2016.

2. A porcentaxe máxima de cofinanciamento por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio será do 70 % do custo total da actuación proposta, cun importe máximo de 4.500 € por entidade solicitante.

Non obstante, no caso de agrupación de entidades, o dito importe máximo multiplicarase polo número de concellos participantes, ata un máximo de 15.000 €.

Artigo 10. Criterios de valoración

1) En función da poboación total beneficiada pola actuación solicitada: ata 5 puntos.

i. Ata 2.000 habitantes: 1 punto.

ii. Entre 2.001 e 5.000 habitantes: 3 puntos.

iii. Máis de 5.000 habitantes: 5 puntos.

2) No caso de que a entidade ou entidades solicitante/s decida/n cofinanciar con fondos propios unha porcentaxe superior ao 30 %: ata 5 puntos.

i. Se cos fondos propios se financia entre o 35 % e o 59 % do custo total: 1 punto.

ii. Se cos fondos propios se financia entre o 60 % e o 80 % do custo total: 3 puntos.

iii. Se con fondos propios se financia un importe superior ao 80 % do custo total: 5 puntos.

Non terán a consideración de cofinanciamento aqueles gastos que non sexan custos subvencionables de acordo ao establecido no artigo 13 da presente orde (como as taxas, gastos financeiros ...).

3) A coherencia, calidade e claridade da memoria motivada para a elaboración da estratexia (definición, planificación, dispoñibilidade de recursos, indicadores, avaliación de impactos e resultados previsto…): ata 10 puntos.

4) Acreditación, mediante certificación da entidade verificadora correspondente, de dispoñer dun sistema de xestión e auditoría ambiental:

i. EMAS: 4 puntos.

ii. ISO 14001: 2 puntos.

No caso de solicitudes agrupadas, sumarase a puntuación de cada entidade que dispoña dun destes sistemas de xestión e auditoría ambiental.

Artigo 11. Tramitación e resolución

1. A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, como órgano instrutor do procedemento, revisará as solicitudes recibidas e a documentación presentada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non presentar toda a necesaria, requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, e indicaráselle que, se non o fai, se poderá considerar desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo resolución que para o efecto se dite.

2. As solicitudes, xunto coa documentación completa requirida, serán postas á disposición dunha comisión de avaliación para a súa valoración e informe, segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 10 desta orde, do cal elevarán a correspondente proposta de resolución de concesión das axudas.

A comisión de avaliación estará presidida polo titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, ou persoa en que delegue, e integrada polos titulares das subdireccións xerais de Residuos, de Avaliación Ambiental e de Meteoroloxía e Cambio Climático, ou persoas en que deleguen, e actuará como secretario o titular do Servizo de Xestión Ambiental.

Todas as decisións tomadas pola comisión de avaliación se fará constar de xeito motivado na acta en que se propoñan as axudas concedidas e os criterios empregados.

3. O prazo para resolver será de catro meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Notificada a resolución de concesión da axuda, os beneficiarios disporán de dez días para a aceptación da axuda. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase aceptada tacitamente.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1 da referida lei.

5. Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, entenderanse desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Na notificación remitida a cada beneficiario sinalaranse as condicións da axuda para cada operación. No devandito documento deberán figurar, como mínimo, os seguintes aspectos:

• Que a axuda está cofinanciada con Feder no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

• Os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda.

• O plan financeiro e o calendario de execución.

• Indicación do método que debe aplicarse para determinar os custos da operación e as condicións para o pagamento da axuda.

• Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

• Indicación das obrigas de información e publicidade que deberá cumprir nos termos previstos na sección 2.2. do anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, e que se especifican no artigo 19 destas bases.

• Obriga de manter un sistema separado de contabilidade ou un código de contabilidade suficiente para todas as transaccións relacionadas coa operación.

• Obriga de conservar a documentación xustificativa dos gastos durante un prazo de tres anos, ou dous anos no caso de operacións con gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 euros, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. Informarase o beneficiario da data de comezo dese prazo.

• Establecer as condicións detalladas para o intercambio electrónico de datos, de ser o caso.

Artigo 12. Recursos

A resolución ditada porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes se o acto é expreso, ou no prazo de tres meses se non o é, consonte dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; ou ben poderase interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución é expresa, ou de seis meses se non o é, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os custos realizados relacionados directamente coa actuación para a que se solicita a axuda.

2. Non terán a consideración de gastos subvencionables, os seguintes:

– Os gastos realizados fóra do prazo de execución establecido para o desenvolvemento da actuación obxecto de subvención.

– Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

– Ningún gasto propio da entidade solicitante tales como os gastos de persoal desta (tanto propio como contratado), gastos de mantemento e explotación (alugamento, comunidade, seguros, reparación e conservación do local e mobiliario da oficina ...), gastos de subministración como servizo de telecomunicación (teléfono, fax e internet), servizo de Correos, material de oficina, electricidade, auga e limpeza ...

– O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1, da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

– As taxas de calquera tipo, así como os gastos financeiros.

– Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

Artigo 14. Publicidade das axudas

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas coa indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. De conformidade co artigo 17.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

3. Non será necesaria a publicación nos supostos previstos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos no suposto previsto na letra d) do parágrafo 2 do devandito artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. De conformidade co artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os beneficiarios deberán dar publicidade á subvención concedida en toda actividade relacionada co obxecto da subvención.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. A data límite para dar cumprimento, por parte do beneficiario, da obriga de xustificación da subvención e solicitar o pagamento da subvención outorgada será o 30 de novembro de 2016.

2. A xustificación farase mediante conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro), e conterá a seguinte documentación:

a) Solicitude de aboamento efectuada polo beneficiario, conforme o modelo que se facilita no anexo II.

b) Documento completo da estratexia de sustentabilidade ambiental elaborada, segundo a solicitude presentada e os requisitos establecidos nesta orde de axudas.

c) Copia das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, e a documentación acreditativa do pagamento.

A data das facturas achegadas para a xustificación dos traballos realizados deberá atoparse entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016.

d) Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios, selados pola entidade financeira. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior ao inicio do prazo de xustificación nin posterior á data de remate deste. É dicir, os ditos xustificantes deberán ter unha data entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2016.

e) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actuación subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

f) Certificación expedida pola Secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención e na cal se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1. O cumprimento da finalidade da subvención.

2. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe e data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Así mesmo, achegarán unha copia completa –preferiblemente en formato dixital, ou ben en soporte papel– da documentación integrante do expediente de contratación, sen prexuízo das comprobacións que poidan efectuarse sobre a documentación orixinal, que poida ser requirida para os efectos de ulteriores controis.

g) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que se atopa ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, deberá achegar estas certificacións.

3. Ademais do sinalado, para a solicitude do aboamento da axuda, o beneficiario deberá achegar a documentación xustificativa (fotografías, publicacións, enderezos na internet, entre outra posible) do cumprimento das obrigas de información e publicidade a que se refire o artigo 19.

Artigo 16. Pagamento da axuda

O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio que corresponda, unha vez realizado o investimento, e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

Cando o custo xustificado do investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Incumprimento e procedemento de reintegro

Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, ou na demais normativa aplicable.

Procederá o reintegro, total ou parcial, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. En particular, son causas de reintegro ou de non pagamento as seguintes:

a) Incumprimento da obriga da xustificación ou xustificación insuficiente;

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que a impedirán.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas á entidade beneficiaria con motivo da concesión da subvención ou axuda.

e) En xeral, cando se incumpra algunha das obrigas establecidas nesta orde, na resolución de concesión ou nos demais supostos recollidos na normativa reguladora das subvencións.

Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial, que será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

1. As actuacións subvencionadas deberán ter o seu inicio a partir do día 1 de xaneiro de 2016 e estar rematadas, como máximo, o 30 de novembro de 2016.

2. Segundo o establecido no artigo 15, ordinal 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá incluír expresamente a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así como a imaxe da identidade corporativa deste departamento de acordo coas normas gráficas aprobadas para o efecto e que se poden consultar no enderezo web:

http://www.xunta.es/identidade-corporativa/composicion-con-presidencia-e-consellerias

3. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) Recoñecer o apoio do Feder á operación, mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como unha referencia ao Feder que dá apoio á operación.

b) Durante a realización do proxecto o beneficiario informará o público do apoio obtido do Feder:

i. Facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, en caso de que dispoña dun, da actuación, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión;

ii. Colocando, polo menos, un cartel con información sobre a actuación (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar visible para o público. Elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

4. Ceder, con carácter gratuíto e non exclusivo, á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, o dereito de utilización da información técnica, gráfica ou doutro tipo contida na documentación presentada, así como a resultante da realización da actuación subvencionada, para o seu uso e incorporación nos sistemas de información deste departamento autonómico.

Artigo 20. Información e control

Os solicitantes e beneficiarios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, deberán someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan realizar os órganos de control competentes, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Así mesmo, deberanlle facilitar á Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe da subvención.

Artigo 21. Financiamento

As axudas convocadas ao abeiro desta orde, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.541E.760 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, ata un importe máximo de 1.380.000 €, quedando condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente por parte da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

De xeito motivado e para os efectos de dar cobertura financeira ao número de solicitudes presentadas poderase acordar, segundo as dispoñibilidades orzamentarias do momento, o incremento do crédito inicial establecido nesta convocatoria, tramitando o oportuno expediente orzamentario de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, axustándose en todo o previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Compatibilidade das axudas

Estas axudas serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas sempre que o dito cofinanciamento non proceda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional ou de calquera outro fondo ou instrumento financeiro comunitario.

En todo caso, a obtención de axudas concorrentes non poderá superar o custo total do investimento. En caso de que se superase este, o importe da axuda minorarase o necesario para non superar este límite.

O beneficiario está obrigado a comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta axuda.

Artigo 23. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento sancionador será o establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 24. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.mot@xunta.es

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Delegación de competencias

Autorízase expresamente a persoa titular da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file