Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 23 de maio de 2016 Páx. 19753

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de maio de 2016 pola que se aproba o primeiro treito do deslindamento parcial dos montes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, concello do Porriño.

Unha vez examinado o expediente do primeiro treito do deslindamento parcial dos montes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, concello do Porriño, e tendo en conta os seguintes antecedentes:

Primeiro. Os montes pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, concello do Porriño, clasificáronse como resultado de varios actos do Xurado Provincial de Montes de Pontevedra. Inicialmente, o 13 de xaneiro de 1987, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra clasificou os montes Carrascal e Laxedo, Pedra que Fala e Cerola, Faro e outros como montes veciñais en man común a favor dos veciños desta parroquia.

O 28 de abril de 2004 clasifícanse como veciñais en man común os montes As Culcas e Torreiro da Guía, así mesmo a favor da CMVMC de Atios.

O 15 de decembro de 2004, o mesmo xurado provincial e como resultado dun recurso de reposición da Comunidade de Atios á resolución citada no parágrafo anterior, clasificou as parcelas de Rape, Roxo, Pereiro e Torreiro de Vilafría.

Con data do 5 de novembro de 2010 recíbese escrito da CMVMC de Atios en que solicita a práctica do deslindamento dos montes clasificados a favor desta comunidade.

Mediante a Sentenza 36/2012, do 9 de febreiro de 2012, ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, condénase a Consellería do Medio Rural a que tramite, ultime e resolva o expediente de deslindamento de todos os montes veciñais en man común clasificados a favor dos veciños da parroquia de montes de Atios.

Segundo. Por Resolución do 26 de febreiro de 2013, o secretario xeral de Medio Rural e Montes aproba a proposta de execución do primeiro treito do deslindamento (deslindamento parcial, actuación 2013) dos montes da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Atios, concello do Porriño. Seguindo indicacións da Subdirección Xeral de Recursos Forestais, tramitouse o expediente de acordo co disposto polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, do Regulamento de Montes.

O 7 de marzo de 2013 publícase o anuncio de deslindamento no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra no cal se fai constar: referencia á resolución aprobatoria, data, hora e lugar para o comezo do apeo, nome do instrutor, emprazamento aos interesados no apeo e anuncio de apertura do período de 45 días naturais para a presentación da documentación acreditativa da propiedade do monte ou parte del por quen se considere con dereito a ela.

Advertidos polo Servizo Técnico Xurídico-Administrativo da Delegación Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar do inadecuado da aplicación do procedemento descrito polo Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, do Regulamento de montes (que desenvolve a Lei de montes do 8 de xuño de 1957), por estar en vigor a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que o modifica, reiníciase o expediente de acordo co disposto no artigo 49 da Lei 7/2012 e, con data do 30 de abril de 2013 publícase o mesmo anuncio no Diario Oficial de Galicia que inicia un novo prazo de presentación de documentación.

A elección de procedemento administrativo vén determinada polo artigo 49.6 da mesma Lei 7/2012, que establece que calquera procedemento de deslindamento que realice a Administración forestal se desenvolverá consonte este procedemento.

Este cambio de procedemento notifícase á Comunidade de Atios mediante correo electrónico do 25 de abril de 2013.

Na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar publicáronse avisos de ambos os anuncios, con ligazóns ao seu texto completo.

Así mesmo, solicitouse a inclusión do anuncio nos taboleiros dos concellos do Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas, nos cales permaneceu exposto, de acordo coas certificacións emitidas, respectivamente, do 14 de marzo de 2013 ao 8 de maio; do 18 de marzo de 2013 ao 17 de xuño e do 13 de marzo de 2013 ao 2 de abril.

Notifícase mediante correo certificado con dous intentos de entrega aos 149 afectados incluídos na base de datos antes citada; deles devólvense 29 notificacións non entregadas.

Terceiro. Durante os períodos de presentación de documentación abertos polos dous anuncios do deslindamento reuniuse a información dispoñible na delegación de Pontevedra do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común referente á CMVMC de Atios, e presentouse documentación de 58 propietarios particulares.

Co fin de completar a información de localización das parcelas afectadas requiriuse a seis comparecentes a referencia catastral das parcelas por eles declaradas. Consta a recepción de cinco notificacións e a resposta de tres deles.

O 29 de xullo de 2013 requírese documentación aclaratoria sobre a localización de parcelas a seis propietarios que presentaran documentación xustificativa de propiedade e recibiuse resposta de tres deles.

O 29 de maio de 2013 recibiuse escrito da CMVMC de Atios, en que solicitaba: relación dos particulares que presentaron títulos de propiedade e copia de todos os títulos presentados polos afectados en relación co tramo obxecto do presente deslindamento.

Esta solicitude foi contestada polo xefe do Servizo de Montes que remitiu o traslado da información ao período de exposición pública establecido polo artigo 49.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Cuarto. O 17 de xuño de 2013 iniciouse o apeo de lindes no lugar e na hora indicados e están presentes representantes da Comunidade de Atios, do concello do Porriño, de comunidades veciñais en man común lindeiras con Atios e propietarios de monte.

O apeo realizouse durante o días 17, 18, 20, 25, 27 e 28 de xuño e 1, 2, 4, 8, 10, 15, 22, 23 e 29 de xullo de 2013 e redactáronse 15 actas, unha correspondente a cada día de apeo.

Na liña principal levantáronse 145 piquetes numerados correlativamente do 1 ao 145; a marcaxe dos piquetes realizouse con pintura de cores ou con estacas de madeira, de acordo coas condicións do terreo en que foron colocados. Percorreuse un perímetro de 8.462 m.

Durante a práctica das operacións de apeo presentáronse 73 alegacións.

Quinto. Concluído o apeo, abriuse un prazo de alegacións por un período de 21 días naturais, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 168, do 4 de setembro de 2013.

Así mesmo remitiuse, mediante correo certificado, copia do citado anuncio aos comparecentes no expediente.

O contido do expediente permaneceu á disposición dos que desexaron consultalo nas oficinas do Servizo de Montes desde o día 5 de setembro de 2013 ata o venres 4 de outubro de 2013.

Presentáronse dez alegacións ao expediente.

Sexto. O 19 de decembro de 2013, o xefe da Área Xurídica propón que se soliciten do Rexistro da Propiedade de Tui as certificacións rexistrais correspondentes a seis asentamentos no rexistro que figuran incompletos na documentación achegada.

Con data do 20 de xaneiro de 2014 recíbense certificados do Rexistro da Propiedade de Tui coa información solicitada.

Con data do 3 de febreiro de 2014 recíbese informe do xefe da Área Xurídica no cal se considera acreditativa da propiedade a titularidade reflectida nos asentamentos do correspondente rexistro da propiedade e, na súa falta, no catastro (dando como válidas as certificacións catastrais), non se consideran outras situacións posesorias.

De todo o cal considera acreditada a propiedade non comunal das parcelas cuxos títulos foron presentados por:

a) En atención á súa inscrición no Rexistro da Propiedade:

Flora García Lago: Ridosos ou Ridoso, Vos Lagos ou Lago e Canteira ou Casadareira.

Segundo Giráldez Mouriño: Cabanas.

Jesús Pereira Ramilo: Jicho das Ínsuas.

Jesusa Pérez Giráldez: Cascarrea.

José Francisco Alonso Juste: Penedos ou Pedra da Adreira e Camiño de Abaixo.

Antonio Pereira Fernández: Pechada e Pechada entre Camiños.

Ramón Pereira Maceira: Ridosos e Devesa de Miguel.

José Luis González González: Cascarrias.

Serafín Lorenzo Lorenzo: Chan das Insuas.

José Rodríguez Quintas: Reboutiña ou Regueira das Abeleiras.

José y Domingo Besada Romeu: Regueiro, Reboutiña, Reboutiña das Insuas e Bulcán.

Carlos Amil Fernández, como representante de Santiago Besada Besada, presenta documento de división da comunidade que separa o monte Bulcán en dúas parcelas, inscrita no Rexistro da Propiedade de Tui.

b) En atención á titularidade reflectida no catastro:

Carmen Sánchez González: Chan das Insuas, polígono 27, parcela 903.

Mª Josefa Varela: polígono 23, parcela 183.

Josefa Varela Oya: Veiga Aberta, polígono 23, parcela 87; Veiga Aberta, polígono 23, parcela 88; Cruz, polígono 22, parcela 407; Pechada, polígono 27, parcela 836; Monte Cruz, polígono 22, parcela 409; Ladeira, polígono 27, parcela 832 e Pechada do Río, polígono 27, parcela 813.

Rosa García Piñeiro: polígono 23, parcela 698.

Sétimo. O 28 de febreiro de 2014 recibiuse informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar sobre algunhas das alegacións presentadas durante o desenvolvemento do expediente:

– As resolucións de clasificación de montes como veciñais en man común a favor da Comunidade de Atios apóianse, para a descrición dos seus límites, nos termos municipais vixentes no momento do seu ditado. O mandato que motiva este expediente non lle permite elaborar interpretacións baseadas en límites que puidesen estar vixentes en momentos distintos do de referencia na súa clasificación como monte veciñal en man común.

Por outra banda, a Comunidade de Picoña, nas súas alegacións, non achega localizacións alternativas ás propostas durante o apeo e parece descoñecer se os piquetes que rexeita coinciden ou difiren das descricións textuais que achega.

En consecuencia, non se aceptan as alegacións do representante da Comunidade de Picoña e acéptanse as presentadas polo representante da Comunidade de Atios.

– O terceiro resultando da resolución de clasificación do 13 de xaneiro de 1987, que afecta os montes actualmente deslindados, inclúe: ademais están catalogados como de entidade pública no Catálogo de montes de UP os números 498-492-490 e 494 respectivamente. Por iso o deslindamento e a marcaxe destes montes, declarados no seu momento como de utilidade pública, pode considerarse como fonte de información para determinar o límite do actual monte veciñal. A proposta da Comunidade de Atios admite a coincidencia dos límites citados, mentres que a Comunidade de Picoña rexeita estes piquetes só por coincidir coas marcaxes do antigo monte de UP, sen sinalar localizacións distintas para o límite.

En consecuencia, non se aceptan as alegacións presentadas polo representante da comunidade de Picoña e acéptanse as manifestadas polo representante da Comunidade de Atios.

– O acordo de deslindamento entre as comunidades veciñais de Atios e Budiño achegado esténdese mais alá dos límites comúns entre montes veciñais clasificados ás dúas comunidades e divide parcelas de propiedade privada recoñecida por ambas as dúas comunidades. Por iso non é posible apealo en toda a súa extensión xa que é inaplicable fóra das localizacións de linde entre ambas as dúas comunidades.

En consecuencia, só se acepta nos tramos en que é realmente aplicable a alegación presentada polo representante da Comunidade de Budiño.

– Non consta no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade achegada a nome de Olga García Ramilo ou dos herdeiros de Marcelino Vila Piñeiro.

En consecuencia, rexéitanse as alegacións presentadas por Olga García Ramilo e acéptanse as manifestadas polo representante da Comunidade de Atios.

– Os piquetes 45A, 45B e 45C levantáronse durante o apeo por proposta de Rosa García Piñeiro, en marcos por ela sinalados sobre o terreo, sen que consten no expediente outras posicións alternativas fóra das levantadas por proposta da Comunidade de Atios. En calquera caso, estas posicións non foron referendadas pola alegante ao negarse a asinar a acta que as recollía, polo que non foron tidas en conta no expediente.

O piquete nº 47 foi levantado por proposta da Comunidade de Atios e non constan en acta declaracións en contra da súa posición durante o apeo, nin nesta alegación se expoñen posicións alternativas.

O certificado catastral sobre a parcela 698 do polígono 23, que de acordo co informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra acredita a súa propiedade privada, inclúe información gráfica que non permite establecer con precisión a correspondencia dos límites que debuxa cos piquetes levantados no terreo sobre marcos identificados polos comparecentes no apeo, pero que a estimación parece situar a maior parte da súa superficie fóra do perímetro apeado. Tampouco o contido desta información gráfica foi reivindicado pola alegante, que achega outra información topográfica non recoñecida como acreditativa de propiedade que difire da certificada en extensión, localización e forma.

En consecuencia, rexéitase esta alegación de Rosa García Piñeiro na cal manifesta que existen diferenzas no deslindamento dos predios marcados no proceso coas referencias 47, 45A, 45B e 45C.

– Non consta no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coa parcela reclamada por Rosa García Piñeiro.

En consecuencia, rexéitanse as alegacións presentadas por Rosa García Piñeiro e acéptanse as manifestadas polo representante da Comunidade de Atios.

– De acordo co informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra, acreditouse a propiedade privada da parcela Penedos. Por outra banda, na documentación consultada, esta zona de monte non figura como clasificada como monte veciñal, polo que se aceptan as alegacións de José Francisco Alonso Juste e se rexeitan as presentadas pola Comunidade de Atios.

– De acordo co informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra, acreditouse a propiedade privada das parcelas Regueiro, Reboutiña, Reboutiña das Insuas e Bulcán, reclamadas por Manuel Bicada, Santiago Bicada e Carmen Rodríguez, así como a parcela Bulcán reclamada por Carlos Amil. En consecuencia, acéptanse as alegacións por eles presentadas e rexéitanse as manifestadas pola Comunidade de Atios.

– Non consta no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas por Jesús Giráldez García; Ramón Lage, en representación de Argentina García Piñeiro e herdeiros de Manuel Fernández González, Santiago Martínez Giráldez, en representación de Josefa Giráldez García, e Pablo García Ramilo, en representación de Mª del Carmen García Ramilo. Situase a parcela en zona clasificada como monte veciñal en man común de acordo coa documentación relacionada neste expediente. En consecuencia, rexéitanse as alegacións presentadas polos anteriores e acéptanse as alegacións do representante da Comunidade de Atios.

– A extensión da superficie reclamada por José Francisco Alonso non se corresponde coa recollida na documentación rexistral, non coincide tampouco coa parcela catastral a que fai referencia a documentación por el presentada e que se sitúa na súa totalidade fóra do perímetro deslindado. En consecuencia, rexéitanse as alegacións presentadas por José Francisco Alonso Juste e acéptanse as aducidas polo representante da Comunidade de Atios.

– Non figura no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas por Pablo García Ramilo, en representación de Mª del Carmen García Ramilo, por ela persoalmente e en representación de Flora García Ramilo. En consecuencia, rexéitanse as alegacións por eles presentadas e acéptanse as manifestadas polo representante da Comunidade de Atios.

– Non poden aceptarse as alegacións de posesión do representante da Comunidade de Atios que non se corresponden con ningunha das situacións acreditativas de presunción posesoria establecidas polo artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– A resolución de clasificación de montes de Atios non é incompatible coa división da superficie clasificada, xa que define varios montes non lindeiros e determina a posteriori a exclusión de varias parcelas que poderían provocar, como é o caso, que os montes clasificados non fosen lindeiros. Por iso se rexeita a alegación presentada pola Comunidade de Atios.

– As alegacións que fan referencia a lindes entre terreos cuxa posesión se reclama polo Concello do Porriño e por propietarios privados non comunais exceden o ámbito deste expediente.

– De acordo co informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra, acreditouse a propiedade privada da parcela 183 do polígono 23, polo que se aceptan as alegacións de Josefa Varela Oya e se rexeitan as presentadas pola Comunidade de Atios.

– Non figura no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas por Mª Cruz Vila, polo que se rexeita a alegación.

– Consta no expediente, desde o comezo da súa instrución, a información apuntada na alegación presentada por José Nelson Santos Argibay, alcalde do Concello do Porriño. O artigo 11.4 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, establece que unha vez clasificado o monte se fixará a súa superficie e os seus lindes e se achegará á resolución planimetría suficiente, cos datos descritivos precisos, e se procederá á súa sinalización e deslindamento. Por iso o deslindamento non modifica o acto clasificatorio xa que a fixación da superficie e os lindes do monte están destinados pola citada lei a un novo acto que executa o seu deslindamento.

– Rexéitase a alegación de Mª del Carmen García Ramilo (herdeiros de Manuel García Ramilo), por non figurar no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas.

– Respecto á alegación de Juan José Domínguez Pereira, en representación da CMVMC de Atios, que plantea que existe erro e infracción na tramitación procedemental da Administración, a vixente Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, entrou en vigor con data do 12 de agosto de 2012, sendo anterior o inicio do presente expediente, determinado pola presentación da proposta de deslindamento polo Servizo de Montes de Pontevedra, do 5 de febreiro de 2013, e pola autorización da Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, do 26 de febreiro de 2013.

Por tanto, a execución do deslindamento debe considerarse suxeita ás disposicións da citada Lei 7/2012.

Por erro, iniciouse o desenvolvemento do expediente de acordo co procedemento definido no Decreto 485/1962, do 22 de febreiro, do Regulamento de montes, pero ao comprobarse que este difería do descrito pola lexislación vixente, optouse por abandonar o dito procedemento, reiniciando o trámite desde o seu primeiro acto, de acordo co procedemento definido polos artigos 48 e 49 da citada Lei 7/2012. Realizouse un novo anuncio o 30 de abril de 2013, esta vez no DOG, sen alterar a data prevista de inicio do apeo.

Unha vez derrogado o artigo 53 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, que establecía a competencia da Administración para o deslindamento dos MVMC, o deslindamento deste monte pola Administración está determinado pola Sentenza 36/2012, do 9 de febreiro de 2012, ditada polo Xurado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra.

A elección deste procedemento vén determinada polo artigo 49.6 da citada Lei 7/2012, que establece que calquera procedemento de deslindamento que realice a Administración forestal se desenvolverá consonte este procedemento.

O informe do xefe da Área Xurídica do Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar de Pontevedra, do 28 de febreiro de 2014, recolle que a maiores é destacable que a dita lei exceptúa (aínda no suposto da súa non entrada en vigor –que non é o caso–), en previsión de que sexa máis favorable para o interesado, como nos incumbe, por canto recoñece situacións de propiedade máis amplas.

O reinicio do expediente foi notificado directamente á Comunidade de Atios mediante correo electrónico do 25 de abril de 2013. Tendo un novo coñecemento, esta comunidade, mediante o informe do instrutor do expediente do 8 de maio de 2013, remitido ao Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, informe alleo a este expediente pero citado pola Comunidade de Atios na alegación, no cal se inclúe que o Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra informa verbalmente da conveniencia de axustar o desenvolvemento do deslindamento ás novas disposicións que a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, determina nos seus artigos 47 ao 51 para o deslindamento dos montes públicos. Revisado o desenvolvemento do expediente nas súas posibles discrepancias co procedemento descrito na Lei 7/2012, solicítase a publicación do anuncio de deslindamento no Diario Oficial de Galicia, con data do 23 de abril de 2012, sen cambios substanciais no seu contido, salvo a apertura dun novo prazo de 30 días para a presentación de documentos.

Estas notificacións e o desenvolvemento posterior do expediente non deron lugar a ningún tipo de reclamación ou protesta por ningún dos interesados no expediente: o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra, concellos, comunidades veciñais ou os seus representantes legais ou propietarios particulares, ata a recepción da alegación aquí tratada. A Comunidade de Atios, que participou activamente, con múltiples instancias ante o citado xulgado do contencioso-administrativo, alegacións e presenza física dos seus representantes nas distintas fases do desenvolvemento dun expediente, considerouse irregular previndo a nulidade da súa resolución e a proposta de finalizar a tramitación deste expediente, que se desenvolveu dentro de legalidade determinada pola vixente Lei 7/2012, seguindo o regulamento da Lei de montes do 8 de xuño de 1957, superada por posteriores lexislacións autonómicas e nacionais, o cal daría lugar, agora si, á nulidade das actuacións.

Parece deducirse que esa nulidade é o interese final da alegación da comunidade, pouco explicable xa que calquera novo procedemento tería obrigatoriamente que repetir exactamente as actuacións agora realizadas.

Varias das alegacións presentadas por particulares susténtanse en documentos acreditativos de propiedade recoñecidos pola Lei 7/2012, outros sitúanse fóra dos perímetros clasificados como monte veciñal en man común a favor da Comunidade de Atios.

En consecuencia, rexéitase esta alegación.

– Non figura no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas por Serafín Lorenzo González, polo que se rexeita a alegación.

– Rexéitase a alegación de Isaura Maceira Gil, xa que non é competencia deste expediente determinar os límites de propiedades de particulares, senón o do monte veciñal en man común. Non figura no expediente documentación cualificada como acreditativa de propiedade coincidente coas parcelas reclamadas nin a súa asistencia ao apeo.

– Acéptanse as alegacións presentadas por Manuel Besada Morais e Carlos Amil Fernández, como representante de Santiago Besada Besada, xa que os nomes dos lindeiros que figuran nas actas de apeo son os achegados polos asistentes a este e en ningún caso recoñecen dereitos sobre as parcelas nas cales se identifican.

Oitavo. O 19 de marzo de 2014, o instrutor do expediente de deslindamento elevou a proposta de resolución:

– Que se aprobe o deslindamento do primeiro tramo, deslindamento parcial, actuación 2013, dos montes veciñais en man común Carrascal e Lacedo, Pedra que Fala, Cerola, Faro e outros; clasificados a favor dos veciños de Atios, concello do Porriño, de acordo coas actas e o rexistro topográfico que figuran no expediente e a descrición e os planos que forman parte inseparable desta proposta.

Que se deneguen as reclamacións presentadas e non aceptadas no informe-proposta e se declare esgotada a vía administrativa.

Que leven os novos datos resultantes da descrición, do rexistro topográfico e dos planos ao Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

Que se comuniquen os novos datos resultantes da descrición, do rexistro topográfico e dos planos ao Rexistro da Propiedade.

Descrición.

Debido a que se practicou un deslindamento parcial, as descricións de límites corresponden unicamente aos tramos apeados e deberán completarse polos seguintes tramos de deslindamento:

Provincia: Pontevedra.

Nº de rexistro MVMC: 2978-36039001.

Nome: Carrascal e Lacedo, Pedra que Fala, Cerola, Faro e outros.

Concello: O Porriño.

Pertenza: CMVMC de Atios.

Límites xerais:

Norte: MVMC clasificado a favor da CMVMC de Cans.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Couso (concello de Ponteareas), propiedade do Concello do Porriño e MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Budiño e propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Como resultado da clasificación destes montes e deste primeiro tramo de deslindamento, este monte atópase dividido en dúas parcelas:

Parcela norte: deslindada parcialmente, sen completar o deslindamento perimetral nin os enclaves. Non é posible determinar cabida.

Límites:

Norte: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Cans.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Couso (concello de Ponteareas), concello do Porriño e MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: propiedade do Concello do Porriño e propiedades particulares.

Oeste: pendente de deslindar.

Parcela sur: completado o deslindamento perimetral sen deslindar encravados. Non é posible determinar cabida.

Límites:

Norte: propiedades particulares e propiedade do Concello do Porriño.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Budiño e propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. De acordo co disposto na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se fixou a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixou a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, a conselleira do Medio Rural é competente para ditar esta orde.

Segunda. O Servizo de Montes de Pontevedra é competente para levar adiante este deslindamento, cumpridas todas as prescricións legais en canto á publicidade, notificación e demais requisitos exixidos no artigo 49 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Terceira. As resolucións do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común atribúen a propiedade destes ás comunidades veciñais, mentres non exista sentenza firme en contra, ditada pola xurisdición ordinaria, segundo determina o artigo 30 do Decreto 260/1992, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Cuarta. A elección do procedemento de deslindamento vén determinada polo artigo 49.6 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que establece que calquera procedemento de deslindamento que realice a Administración forestal se desenvolverá consonte este procedemento.

Tendo en conta os preceptos legais citados e demais de xeral aplicación e do informe e a proposta do xefe do Servizo de Montes de Pontevedra e da Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes (actual director xeral de Ordenación e Produción Forestal), esta conselleira

DISPÓN:

Primeiro. Aprobar o deslindamento do primeiro tramo, deslindamento parcial, actuación 2013, dos montes veciñais en man común Carrascal e Lacedo, Pedra que Fala, Cerola, Faro e outros; clasificados a favor dos veciños de Atios, concello do Porriño, de acordo coas actas e co rexistro topográfico que figuran no expediente e coa descrición e os planos que forman parte inseparable deste.

O perímetro deslindado queda definido do xeito seguinte:

Descrición.

Debido a que se practicou un deslindamento parcial, as descricións de límites corresponden únicamente aos tramos apeados e deberán completarse polos seguintes tramos de deslindamento.

Provincia: Pontevedra.

Nº de rexistro MVMC: 2978-36039001.

Nome: Carrascal e Lacedo, Pedra que Fala, Cerola, Faro e outros.

Concello: O Porriño.

Pertenza: CMVMC de Atios.

Límites xerais:

Norte: MVMC clasificado a favor da CMVMC de Cans.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Couso (concello de Ponteareas), propiedade do Concello do Porriño e MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Budiño e propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Como resultados da clasificación destes montes e deste primeiro tramo de deslindamento, este monte atópase dividido en dúas parcelas:

Parcela norte: deslindada parcialmente, sen completar o deslindamento perimetral nin os enclaves. Non é posible determinar cabida.

Límites:

Norte: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Cans.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Couso (concello de Ponteareas), Concello do Porriño e MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: propiedade do Concello do Porriño e propiedades particulares.

Oeste: pendente de deslindar.

Parcela sur: completado o deslindamento perimetral sen deslindar encravados. Non é posible determinar cabida.

Límites:

Norte: propiedades particulares e propiedade do Concello do Porriño.

Leste: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Picoña (concello de Salceda de Caselas).

Sur: MVMC clasificados a favor da CMVMC de Budiño e propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Descrición de lindeiros:

Parcela norte:

A distancia indicada en cada un dos tramos descritos debe entenderse como aproximada e deben acudir ao informe topográfico, incluído no expediente, para coñecelas con precisión.

Comézase a descrición do linde no extremo norte da parcela, no piquete 1, en límite común ás CMVMC de Atios, Cans e Couso. Desde este punto o límite progresa en dirección sur ao longo dos piquetes 2 ao 5, consecutivamente, percorre 1.006 m ata alcanzar no piquete 5 o límite común das CMCV de Atios, Couso e Picoña. Linda neste tramo a CMVMC de Couso.

Desde o piquete 5 continúa en dirección sur ao longo de 443 m, percorre os piquetes 6, 7 e 7A. Linda neste tramo a CMVMC de Picoña.

No piquete 7A xira cara ao oeste avanzando durante 207 m ata alcanzar o piquete 7B. Linda neste tramo o Concello do Porriño.

No piquete 7B vira cara ao suroeste e segue un tramo de 201 m ata o piquete 7C. Linda o Concello do Porriño.

No piquete 7C segue cara ao sueste durante 202 m, segue a aliñación definida por camiño e polos piquetes 7D e 7E. Neste último piquete vira cara ao leste e chega ao piquete 7F despois de 135 m. Linda nestes tramos o concello do Porriño.

No piquete 7F retoma a dirección sur en aliñación marcada polos piquetes 9, 10 e 10A, percorre 344 m. Linda a CMVMC de Picoña.

No piquete 10A xira cara ao oeste e alcanza o piquete 10B despois de 213 m, nel xira cara ao sur, percorre os piquetes 10C, 10D, 10E e 70A durante 141 m. Linda o Concello do Porriño.

No piquete 70A xira cara ao norte seguindo os piquetes, 74 ao 78 correlativamente durante 170 m. Linda neste tramo José Francisco Alonso Juste, Mª del Carmen Alonso Juste, Alberto Juste Lorenzo, Manuel Lorenzo González, herdeiros de Manuel Fernández, Manuel Alonso Juste e descoñecido.

No piquete 78 toma dirección xeral noroeste sobre os piquetes 79 ao 83 en numeración sucesiva, ao longo de 65 m. Linda neste tramo Rosa García Piñeiro, Flora García, Carmen Mouriño Novás e descoñecido.

Cambia a dirección de progresión cara ao nordés durante 157 m, segue os piquetes 84 ao 87. Linda Manuel Mouriño, herdeiros de Manuel Fernández González e descoñecido. Desde o último piquete citado segue cara ao norte polos piquetes 88, 89, 90 e 91, ao longo de 112 m. Lindan herdeiros de Manuel Fernández González, Manuel Mouriño Porto e Manuel Alonso Juste.

No piquete 91 cambia a dirección cara ao oeste a través dos piquetes 92, 93, 94 e 95, percorre 118 m, con lindes José Mouriño Lage e descoñecido. Desde este último piquete avanza en dirección norte durante 71 m, polos piquetes 96 e 97, con lindes descoñecidos, e logo noroeste seguindo os piquetes 98 ao 101 durante 158 m. Lindan neste tramo Segundo Giráldez Mouriño e descoñecido.

Desde o piquete 101 ao 110, seguindo numeración correlativa, avanza en dirección xeral oeste durante 327 m. Lindan neste tramo José Francisco Alonso Juste, María Mouriño e descoñecido.

Do piquete 110 ao 116, en numeración correlativa, progresa cara ao norte durante 198 m. Lindan neste tramo, Manuel García Ramilo, Josefa Giráldez García, herdeiros de Manuel García Garrido e descoñecido.

No piquete 116 xira cara ao oeste ata o piquete 119 a través dos piquetes 117 e 118, ao longo de 207 m. Lindan neste tramo herdeiros de Valeriano Giráldez García, Carolina Giráldez García, Esther Domínguez García e María del Carmen García Ramilo.

Do piquete 119 ao 132, segue piquetes sucesivos e deste último ao 132A e avanza en dirección sur ao longo de 420 m. Lindan neste tramo Carolina Giráldez García, Esther Domínguez García, María del Carmen García Ramilo, Belarmino Giráldez García, Comunidade de Usuarios de Augas de Atios e descoñecido.

Desde o piquete 132A avanza cara ao oeste seguindo os piquetes 132B, 132C, 132D, 134, 135 e 136, durante 142 m. Lindan neste tramo María Josefa Varela e outros, Rosa García Piñeiro, Carmen Ramilo Giráldez e descoñecido. Desde este último piquete segue cara ao sur ata alcanzar o piquete 145, percorre 277 m, onde finaliza o deslindamento parcial desta parcela. Linda neste tramo, Rosa García Piñeiro, María del Carmen García Ramilo, Carmen Fernández González, camiño e descoñecido.

Parcela sur:

A distancia indicada en cada un dos tramos descritos debe entenderse como aproximada e deben acudir ao informe topográfico, incluído no expediente, para coñecelas con precisión.

A descrición do linde da parcela sur comeza no seu extremo norte, no piquete 10J, desde o que avanza en dirección sur seguindo os piquetes 12, 13, 14 e 15, percorrendo 956 m. Linda neste tramo a CMVMC de Picoña.

No piquete 15 volve cara ao norte pasando por piquetes con numeración sucesiva ata o 24, durante 430 m. Linda neste tramo a CMVMC de Budiño, Joaquín Romeu Domínguez, Alejandro Alonso e descoñecido. Desde este último piquete vira en dirección suroeste ata o piquete 25 nun tramo de 165 m, linde descoñecido.

Desde o piquete 25 ao 27 e deste ao 30D, avanza en dirección noroeste durante 505 m. Lindes descoñecidos. No último piquete citado cambia a orientación, progresa cara ao leste polos piquetes 30C, 30B e 30A ao longo de 109 m. Linda Carlos Amil Fernández, Manuel Bicada Morais e Carmen Rodríguez Vila.

Desde o piquete 30A ao 30 e deste ao 36, por piquetes con numeración correlativa, avanza cara ao norte e percorre 170 m.

Do piquete 36 ao 43 avanza en dirección xeral oeste, recorre piquetes con numeración correlativa durante 172 m, linda María Soledad Bicada Morais. No último piquete vira a dirección sur ata o piquete 44 situado a 87 m, co mesmo linde.

Desde o piquete 41 ao 46, sobre piquetes con numeración sucesiva progresa cara ao noroeste durante 118 m. Lindes descoñecidos.

Entre os piquetes 46 e 50 avanza alternativamente en tramos nordés e noroeste, marcados por piquetes con numeración correlativa, ao longo de 154 m. Lindan Rosa García Piñeiro e Carmen Giráldez Varela.

Do piquete 50 ao 54 percorre piquetes sucesivos durante 88 m en dirección leste. Linda neste tramo Consolo Rodríguez Bicada e descoñecido.

Entre os piquetes 54 e 60 segue a orientación xeral nordés durante 254 m e pasa por piquetes numerados correlativamente. Lindan neste tramo herdeiros de Marcelino Vila e descoñecido. Desde este último piquete ao 64 en piquetes sucesivos avanza durante 148 m en dirección sueste. Linda Rosa García Piñeiro e descoñecido.

Entre os piquetes 64 e 65 avanza cara ao norte durante 51 m con lindeiro descoñecido. No último piquete cambia a orientación da progresión cara ao sur durante 83 m, ata alcanzar o piquete 10G. Linda o Concello do Porriño.

Desde o piquete 10G percorre 282 m seguindo a aliñación definida polo camiño e os piquetes 10H, 10I e 10J, onde pecha o perímetro desta parcela.

Cabidas.

Debido a que o deslindamento é parcial, non poden determinarse cabidas definitivas que poderían modificarse ao deslindar situados e ao completar o resto da liña principal.

Segundo. Que se cancele total ou parcialmente calquera inscrición rexistral mentres sexa contraditoria coa descrición do deslindamento do primeiro tramo, deslindamento parcial, actuación 2013, dos montes veciñais en man común Carrascal e Lacedo, Pedra que Fala, Cerola, Faro e outros, clasificados a favor dos veciños de Atios, concello do Porriño.

Terceiro. Que se deneguen as reclamacións presentadas e non aceptadas na presente orde, se declare esgotada a vía administrativa e se deixe expedita a xudicial civil.

Cuarto. Que se leven os novos datos resultantes da descrición, do rexistro topográfico e dos planos ao Rexistro de Montes Veciñais en Man Común.

Quinto. Que se inmatriculen os montes coas características resultantes no Rexistro da Propiedade.

Sexto. Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os interesados poderán interpoñer contra esta resolución recurso de reposición, con carácter potestativo, no prazo dun mes, ante a conselleira do Medio Rural, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Ambos os dous prazos computaranse desde o día seguinte ao da recepción da notificación persoal por parte dos interesados ou ao da publicación para os que non puidesen ser notificados persoalmente.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural