Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Mércores, 15 de xuño de 2016 Páx. 24404

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de xuño de 2016 pola que se acorda a cesión en propiedade de vehículos motobomba a diversos concellos.

O Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, dispón que esta é o órgano da Administración galega encargado de propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, mentres que a Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais ten atribuídas as competencias para levar a termo as actuacións encamiñadas á protección e á defensa dos montes contra os incendios forestais, o exercicio das funcións de planificación, programación, avaliación e seguimento, medidas e accións de defensa dos montes contra os incendios forestais e a elaboración de estudos e análise de causalidade e de planificación preventiva, así como a coordinación de medios na loita contra os incendios forestais.

No Pladiga (Plan de loita contra os incendios forestais de Galicia) dedícase un capítulo á extinción e outro á vixilancia de incendios forestais onde se recollen os medios humanos e materiais, a súa distribución territorial e o procedemento operativo en función do risco de lumes segundo as épocas de perigo e zonas.

Os obxectivos que deben cumprirse de acordo co establecido no Pladiga son, respectivamente: reducir as superficies queimadas por lume, a defensa das masas arborizadas, a defensa dos espazos protexidos e evitar reproducións, co fin de minorar os danos económicos, ecolóxicos e culturais que provocan este tipo de sinistros e detectar rapidamente os focos de lume e verificar as alarmas, cunha maior presión nas zonas definidas como de especial vixilancia. Isto fai posible a definición de estratexias e accións selectivas, coa dobre finalidade de reducir o número de lumes e facilitar a investigación das causas.

Por outra banda e de acordo co establecido no artigo 25.2.f) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, correspóndelles aos concellos exercer no ámbito territorial da súa responsabilidade competencias en materia de prevención e extinción de incendios nos termos da lexislación do Estado e das comunidades autónomas. Para exercer estas actuacións os concellos requiren contar cuns medios de defensa e extinción de incendios forestais, medios dos cales frecuentemente os concellos carecen debido a limitacións orzamentarias.

Segundo a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, correspóndelles aos concellos colaborar cos medios dispoñibles coa Dirección Técnica de Extinción de Incendios Forestais. Ademais, no artigo 59 indica que a Xunta de Galicia prestaralle a súa colaboración ás entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios ben por medio de mecanismos de apoio económico.

Para tal fin, e para que poidan ter recursos para exerceren as competencias previstas consonte o artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Consellería do Medio Rural tramita o expediente de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 82 a 87 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, onde se regula a cesión gratuíta de bens e dereitos.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confire o artigo 83.3 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase ceder en propiedade os vehículos que se sinalan a seguir co fin de seren destinados á realización de tarefas de prevención e extinción de incendios nos correspondentes concellos:

Matrícula

Marca

Concello

Distrito forestal

C 7702 BL

IPV

Noia

D.F. IV-Barbanza

C 5417 CG

URO

Ribeira

D.F. IV-Barbanza

C 6009 BV

URO

Bande

D.F. XV-A Limia

6745 DKR

IPV

A Estrada

D.F. XVI-Deza-Tabeirós

6778 DKR

IPV

Mos

D.F. XVIII-Vigo-Baixo Miño

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. De conformidade co establecido polo artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, o ben cedido destinarao o concello cesionario a fins de utilidade pública ou de interese social, de xeito especial, á realización da vixilancia e de todo tipo de actuacións relacionadas coa prevención e a loita contra os incendios forestais.

2. O concello cesionario deberá cumprir coas obrigas da Dirección Xeral de Tráfico e realizar o trámite de cambio de titularidade do vehículo e farase cargo de todos os gastos de mantemento dos vehículos e dos derivados do seu uso, así como dos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, os derivados do seguro, da inspección técnica de vehículos (ITV) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

3. Tanto se os bens cedidos non se aplican aos fins sinalados como se se descoidan ou utilizan con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería do Medio Rural), que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que sufrise.

Así mesmo, ante unha necesidade urxente da Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais e por razóns de interese público, a Consellería do Medio Rural poderá resolver a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O concello cesionario responderá do valor do ben cedido no caso da destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

5. Correspóndelle á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o cal foron cedidos, e poderá adoptar para iso cantas medidas fosen necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro. Á Consellería do Medio Rural correspóndelle, se fose o caso, a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 3

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario en que delegue, e o alcalde do concello cesionario ou funcionario en que delegue, e deberá constar nela o acordo da cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

O presente acordo de cesión leva implícita a desafectación do ben que se cede, citado no artigo 1.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, conforme o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo requirir previamente que se anule ou revogue o acto, de conformidade co artigo 44 da Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural