Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 17 de xuño de 2016 Páx. 24791

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para as pequenas e medianas explotacións de cría de coellos da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2016.

O sector cunícola está inmerso nunha complicada situación cunha caída constante dos prezos que vén determinada por varios factores, tanto conxunturais como estruturais, entre os que destaca o proceso de concentración dos sacrificios de coellos, que reduce a capacidade de negociación do produtor primario, a constante presión á baixa sobre as cotizacións por parte da gran distribución e mesmo o prezo das peles, que condiciona igualmente o prezo da carne de coello.

No ano 2015 os prezos evidenciaron unha clara tendencia á baixa, as cotizacións sitúanse un 8,5 % por baixo do prezo na mesma semana de 2014, deixando as granxas nunha conxuntura moi complicada, ante as estreitas marxes con que adoitan traballar neste sector.

Un dos principais problemas do sector cunícola é o seu elevado custo de produción, que a miúdo non pode repercutirse aos seguintes elos da cadea de valor, xerando perdas nas explotacións menos competitivas. Este proceso explica o severo descenso que sufriu o número de explotacións en estado de alta, moi prexudicadas polas últimas crises de prezos alcistas de cereais e outras materias primas.

Todos estes aspectos levaron a que as explotacións cunícolas estean a atravesar dificultades económicas, e que perigue a viabilidade de moitas delas. Por iso, considérase necesario que a Consellería do Medio Rural, dentro das súas competencias de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, conceda ás empresas deste sector unha axuda directa excepcional co obxecto de paliar os déficits de explotación mentres non se restablece o equilibrio entre os custos de produción e os prezos de venda.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2016 as axudas de minimis, en réxime de concorrencia non competitiva, establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das axudas ás pequenas e medianas explotacións dedicadas á cunicultura (procedemento MR580A) na Comunidade Autónoma de Galicia coa finalidade de conseguir o seu adecuado desenvolvemento.

2. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que no seu artigo 19.2º establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos da presente orde entenderase por:

a) Explotación cunícola: calquera instalación ou construción utilizada para a cría e tenencia de animais da familia Leporidae, en explotación intensiva.

b) Condicións mínimas das explotacións cunícolas: as reguladas no artigo 4 do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

Artigo 3. Réxime de aplicación

1. Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto no Regulamento (UE) nº 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE n° L 352, do 24.12.2013), que quedarán condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

2. De acordo co artigo 1 dese regulamento, estas axudas non poderán ser:

a) axudas cuxo importe se fixe sobre a base do prezo ou a cantidade dos produtos comercializados;

b) axudas a actividades relacionadas coa exportación;

c) axudas subordinadas á utilización de produtos nacionais con preferencia aos importados.

Artigo 4. Beneficiarios

Poderá ser beneficiaria das axudas reguladas na presente orde calquera persoa física ou xurídica, incluídas as sociedades cooperativas e as sociedades agrarias de transformación (SAT), que sexa titular dunha explotación cunícola situada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Requisitos para todos os beneficiarios da axuda

1. Todas as explotacións que soliciten a axuda deberán:

a) Cumprir as condicións mínimas establecidas no artigo 4.1 do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

b) Atoparse inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (en diante, REGA), co tipo de explotación produción e reprodución, e coas clasificacións zootécnicas de selección, multiplicación, produción de carne, produción de pel ou produción de pelo, segundo o establecido no artigo 3 do Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

c) Posuír máis de 200 femias reprodutoras na última declaración censual obrigatoria correspondente ao ano 2015, de acordo co establecido no artigo 4 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e se regula o Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras, que teña a dita declaración feita, e que se atope en estado de alta no momento da solicitude.

d) Ter a condición de pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2. Con carácter xeral, e de conformidade co establecido polos números 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e polo artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as persoas ou entidades en quen concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ter sido declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas á intervención xudicial ou ter sido inhabilitadas conforme a Lei concursal sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Ter dado lugar, por causa da que fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato asinado coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que teñan a representación legal doutras persoas xurídicas, nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigacións tributarias ou fronte á Seguridade Social impostas polas disposicións vixentes. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas aqueles que teñan débedas en período executivo de calquera outro ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigacións por reintegro de subvencións nos termos que regulamentariamente se determinen.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei xeral de subvencións ou a Lei xeral tributaria.

i) Ser sancionado por delitos ou infraccións ambientais.

Artigo 6. Contía e tipo de axuda

A contía da axuda calcularase con base no censo de animais declarado por cada explotación correspondente ao ano 2015, segundo figure na base de datos oficial do Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, e os criterios de cuantificación individual serán os seguintes:

– A un primeiro tramo, de entre 0 e 300 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, asignaráselle proporcionalmente o 70 % da contía total da subvención con un máximo de 3 euros por femia.

– A un segundo tramo de entre 301 e 500 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, asignaráselle proporcionalmente o 90 % da contía total da subvención, unha vez descontada a parte atribuída ao tramo anterior. O máximo por unidade neste tramo establécese en 2 euros por femia.

– A un último tramo, de máis de 501 unidades declaradas no censo de femias reprodutoras, repartiráselle proporcionalmente a contía restante ata acadar o 100 % da subvención.

En todo caso, o límite por explotación será de 15.000 euros.

Artigo 7. Presentación das solicitudes

1. As persoas que estean interesadas en acceder ás axudas previstas nesta orde dirixirán a solicitude de axuda á Consellería do Medio Rural, conforme o modelo normalizado que figura no anexo I.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

8. Non serán admitidas a trámite as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido nesta convocatoria e resolverase a súa inadmisión, que deberá ser notificada aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Tramitación e resolución das axudas

1. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural instruirá os expedientes e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

Se a solicitude de axuda non reúne os requisitos previstos, ou non se presenta cos documentos preceptivos, requirirase para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, de conformidade co disposto nos artigos 71.1 e 42.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. A persoa titular desta consellería, vista a proposta, ditará a correspondente resolución de concesión da subvención e o seu importe previsto, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, no prazo de dous meses contados a partir da data de remate do prazo de solicitude. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase e notificase a correspondente resolución, o interesado poderá entender desestimada a súa solicitude.

3. O prazo para resolver será de tres meses desde a publicación desta orde.

Artigo 9. Notificacións

Notificaranse ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada.

Artigo 10. Publicación

As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, onde figurarán os datos do beneficiario, finalidade da axuda, contía e aplicación orzamentaria. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 11. Recursos administrativos

A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución for expresa.

Artigo 12. Incompatibilidade

As axudas financeiras previstas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 13. Reintegro da axuda

Atendendo ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, que a desenvolve, procederá o reintegro total do importe da axuda máis os xuros de demora correspondentes, nas seguintes circunstancias:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedirían.

b) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 14. Control

Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación do cumprimento dos requisitos e das finalidades das axudas acollidas a estas bases, así como ao control financeiro realizado polas entidades competentes e, en particular, pola Consellería do Medio Rural, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano nacional ou comunitario de inspección ou control.

Artigo 15. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural, os beneficiarios das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación destes procedementos require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos e as informacións previstos nesta norma, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, as persoas solicitantes poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor durante todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 7 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigo 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Así mesmo, a presentación da solicitude tamén leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado “Relacións administrativas coa cidadanía e entidades” cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo:

Consellería do Medio Rural/Secretaría Xeral Técnica. Edificio Administrativo San Caetano. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es

CAPÍTULO II
Convocatoria

Artigo 18. Convocatoria

Convócanse para o exercicio orzamentario 2016, en réxime de concorrencia non competitiva, as axudas para as pequenas e medianas explotacións de cría de coellos da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 19. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 20. Documentación que hai que presentar

As solicitudes de subvención axustaranse ao modelo que figura como anexo e xuntaráselles a seguinte documentación:

a) Copia cotexada do DNI da persoa física solicitante, no caso de non autorizar a Consellería do Medio Rural á consulta dos datos de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 (se é o caso).

b) Copia cotexada do NIF da persoa xurídica solicitante, no caso de que se denegue expresamente a súa verificación (se é o caso).

c) Copia do DNI do seu representante legal, no caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e acreditación da súa representación (se é o caso).

Unha vez finalizado o prazo de presentación revisaranse as solicitudes e verficarase que conteñen a documentación exixida e que reúnen todos os requisitos para a concesión das axudas que se establecen na presente orde. Se se aprecia algunha omisión ou erro, requirirase o solicitante para que no prazo de 10 días achegue a documentación necesaria ou emende os defectos observados, e faráselle saber que, en caso contrario, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Xustificación e pagamento da axuda

Tendo en conta a natureza e os fins das axudas reguladas na presente orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario xa que todos os datos necesarios figuran en poder da Administración. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada polo solicitante na súa solicitude de axuda.

Artigo 22. Financiamento

1. As axudas financeiras reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.712B.470.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe de douscentos cincuenta mil euros (250.000).

2. A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou doutras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que tal incremento orzamentario implique a apertura de novo prazo para a presentación de solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Disposición adicional primeira. Réxime xurídico

Nos aspectos non regulados nesta orde observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Execución

Facúltase a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file