Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 8 de xullo de 2016 Páx. 29308

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 28 de xuño de 2016 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga), e se aproba a convocatoria para o ano 2016.

A Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a convocatoria para o ano 2016, establece no seu artigo 2.2 que os créditos estimados que financian os programas contidos na orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 30 e 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Dado que existen remanentes de crédito de fondos finalistas procedentes doutras convocatorias que poden ser utilizados para o financiamento desta orde, procede darlles a oportuna publicidade, en cumprimento do disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ampliación de créditos

Amplíase o importe total dos créditos para o financiamento das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións dirixidas a entidades locais para a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da renda de integración social de Galicia (Risga) e se aproba a convocatoria para o ano 2016, na aplicación 09.41.322A.460.0 (código de proxecto 2015 00532), polo importe global de 1.023.305,12 euros.

Artigo 2. Prazo de solicitude

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria