Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 11 de xullo de 2016 Páx. 29638

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 29 de xuño de 2016 pola que se prorroga o prazo de validez dos carnés de biocidas.

O Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, establece a normativa reguladora da capacitación para realizar tratamentos con biocidas (BOE núm. 170, do 14 de xullo) e modifica os criterios para garantir uns niveis mínimos de capacitación ás persoas que desenvolvan actividades laborais relacionadas coa aplicación de produtos biocidas, que ata esa data viña regulado pola Orde do Ministerio da Presidencia do 8 de marzo de 1994.

Esta orde establecía a realización de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas impartidos por entidades previamente homologadas, definía os coñecementos requiridos para a obtención do carné nos seus distintos niveis e outorgaba unha validez de 10 anos aos devanditos carnés.

O Real decreto 830/2010 incorpora un enfoque distinto para cubrir as necesidades formativas do sector baseado na acreditación das cualificacións profesionais a través do recoñecemento dos títulos de formación profesional e certificados de profesionalidade segundo se recolle na Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional.

Por outra parte, o Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, establece un período transitorio de seis anos, no ámbito dos biocidas dos tipos 2, 3, 4, 14, 18 e 19, durante os cales se prorrogará a validez dos carnés, niveis básico e cualificado, ata o momento homologados para uso ambiental e na industria alimentaria.

Así mesmo, durante este período transitorio facúltanse as comunidades autónomas para adoptar as disposicións que consideren oportunas para paliar os eventuais problemas que se poidan ocasionar no mercado de traballo, pola carencia de profesionais que son obxecto de regulación no real decreto.

Unha das medidas de carácter excepcional recollidas, no ámbito dos biocidas dos tipos 2, 3, 4, 14, 18 e 19, é a prórroga da validez, por un período de tempo determinado, dos actuais carnés máis alá da finalización do período transitorio.

Constatouse que, estando próximo a rematar o período transitorio, as comunidades autónomas non concluiron os distintos procesos extraordinarios postos en marcha para posibilitar a obtención dos correspondentes certificados de profesionalidade.

Por todo iso e co obxecto de harmonizar, a nivel nacional, a aplicación do devandito período transitorio, á vez que se garante o cumprimento da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía de unidade de mercado, e se permite seguir desenvolvendo o seu labor aos/ás profesionais que dispoñan de formación a través dos carnés de nivel básico e cualificado, a Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade acordou, en reunión do día 10 de febreiro de 2016, prorrogar por 4 anos o prazo previsto na disposición transitoria, fixando a data do 15 de xullo de 2020 como data límite para a validez dos carnés básicos e cualificados de biocidas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Prórroga da validez dos carnés de biocidas

De conformidade co establecido no número 3.a) da disposición transitoria primeira, validez dos carnés actuais, do Real decreto 830/2010, do 25 de xuño, polo que se establece a normativa reguladora da capacitación para realizar tratamentos con biocidas (BOE núm. 170, do 14 de xullo), no ámbito dos biocidas dos tipos 2, 3, 4, 14, 18 e 19, prorrógase ata o 15 de xullo de 2020 a validez dos actuais carnés, niveis básico e cualificado, ata o momento homologados para uso ambiental e na industria alimentaria.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade