Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 22 de xullo de 2016 Páx. 32226

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 6 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

BDNS (Identif.): 312474.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

a) Cooperativas agrarias titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Sociedades agrarias de transformación (SAT) titulares de explotación agraria inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, procedentes da fusión de, polo menos, dúas explotacións.

c) Cooperativas agrarias con socios titulares de explotacións agrarias inscritos no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Todos os beneficiarios deberán ter a consideración de agricultores activos e reunir, ademais, os seguintes requisitos:

1. Xustificar a necesidade e a viabilidade dos investimentos.

2. Comprometerse a exercer a actividade agraria, obxecto da axuda, durante polo menos cinco anos contados desde a data de pagamento da axuda. Así mesmo, deberán destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención.

3. Establecer as normas internas que sexan necesarias para garantir o correcto funcionamento e a continuación da actividade de que se trate.

4. Cumprir as normas mínimas en materia de ambiente, hixiene e benestar dos animais.

5. Non ter a consideración de empresa en crise.

6. Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

7. Dispoñer dunha contabilidade específica Feader ou dun código contable específico.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de explotación conxunta de instalacións e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, e convocalas para o ano 2016 (procedemento MR323C).

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto nesta Orde do 6 de xullo de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas ao fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2016.

Cuarto. Importe

1. O importe global destas axudas será de 4.000.000 €.

2. O importe individual da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que se poderá incrementar ata un máximo do 70 % en función dos seguintes criterios:

a) 10 % para investimentos nas zonas con limitacións naturais ou outras limitacións específicas.

b) 10 % no caso das operacións subvencionadas no marco da AEI en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola.

c) 10 % en investimentos relacionados con operacións en agricultura ecolóxica.

3. O investimento mínimo subvencionable será de 5.000 € por beneficiario.

4. O investimento máximo subvencionable computará individualmente por cada unha das explotacións agrarias socias ou fusionadas que participen no investimento, a razón de 120.000 €/UTA, cun máximo de 500.000 € por explotación, nun período de catro anos.

Quinto. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables as actuacións relacionadas a continuación:

a) Instalacións e construcións agropecuarias que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade.

b) A compra de terreos por un valor inferior ao 10% do custo subvencionable.

c) Gastos en honorarios profesionais na redacción do anteproxecto e proxecto que, se é o caso, se requira.

2. Non se concederán axudas para:

a) Os investimentos de simple substitución, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

b) Gastos de conservación e mantemento ou os derivados de actividades de funcionamento da explotación.

c) Os investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos.

d) Os investimentos de carácter forestal.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2016

Belén Mª do Campo Piñeiro
Directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias