Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 29 de xullo de 2016 Páx. 33366

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 11 de xullo de 2016 pola que se clasifica de interese sanitario a Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico con domicilio na avenida de Buenos Aires, número 63, en Ourense.

Feitos:

1. O 9 de xuño de 2016 a Fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 26 de maio de 2016, ante a notaria María Isabel Louro García, co número de protocolo 635, por Delfín Campos Castro e Fernando Villarino Rodríguez que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten o obxectivo de atender adultos e nenos dependentes neurolóxicos e os seus familiares, atendendo de forma individual cada caso. Valórase e trátase a cada persoa e familia utilizando unha metodoloxía multidisciplinar, persoalizada e participativa (tanto para o paciente como a familia).

Búscase así potenciar e desenvolver habilidades que favorezan a autonomía da persoa, potenciar estratexias terapéuticas para a recuperación ou a compensación funcional e reducir o impacto social da discapacidade e/ou dependencia do individuo e na familia.

Ademais, ofrécese formación e asesoramento a familiares e coidadores en todo o referente ao manexo de cada persoa e o seu cadro neurolóxico, así como os problemas que poidan encontrar na súa vida diaria.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Delfín Campos Castro como presidente; Fernando Villarino Rodríguez como vicepresidente; Sandra Quintana Caseiro como secretaria; e Cristina López González como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede á súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de Fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 4 de xullo de 2016.

DISPOÑO:

Clasificar de interese sanitario a Fundación Neuroburgas Dano Neurolóxico, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Sanidade.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza