Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Venres, 19 de agosto de 2016 Páx. 37011

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2016 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 2 de marzo de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que facultan o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2016, para a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0 e convocar para o exercicio 2016 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 8.5: fomentar a adaptación ao cambio dos traballadores, as empresas e os empresarios.

Obxectivo específico 8.5.1: mellorar a adaptación da cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, para garantir o seu mantemento en emprego e permitir a súa progresión profesional.

Categoría de intervención 106: adaptación ao cambio de traballadores, empresas e emprendedores.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de un mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polo seguinte importe:

Partida orzamentaria

Orzamento 2016

Orzamento 2017

09.A1.741A.4805

513.000,00 €

187.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses desde a data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 30 de xuño de 2017.

O prazo para presentar a solicitude de cobramento rematará o 30 de novembro, para os proxectos que rematen antes do 31 de outubro de 2016, e o 30 de xullo de 2017, para o resto de proxectos.

O prazo para solicitar os anticipos a que se refire o artigo 15 destas bases reguladoras rematará o 30 de novembro de 2016 para a anualidade de 2016 e o 31 de marzo de 2017 para a anualidade de 2017. A xustificación da realización da actividade correspondente ao anticipo terá que presentarse ata o 15 de decembro de 2016, para os anticipos solicitados en 2016, e ata o 30 de xullo de 2017, para os anticipos solicitados en 2017.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo será comunicado á base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2016

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas a proxectos de formación Industria 4.0, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo
FSE Galicia 2014-2020

A capacitación do capital humano das empresas é un aspecto esencial para mellorar a súa competitividade e permitir a adaptación ao cambio e a innovación. Para este efecto, a Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, sinala a formación do capital humano como un dos eixos (xunto coa innovación, internacionalización, sustentabilidade e competitividade empresarial) sobre os que debe virar calquera política industrial. A Axenda de Competitividade Industrial, Galicia: Industria 4.0 (en adiante, a axenda), aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas que vai desenvolver a Administración galega entre os anos 2015 e 2020. Entre eses plans de impulso, un recolle especificamente o desenvolvemento de persoas e organizacións, con medidas de formación para persoal técnico e directivo das empresas galegas, cuxo desenvolvemento é competencia do Igape.

Nese contexto, o Igape desenvolveu o Plan Capacita cuxa finalidade é ordenar os esforzos de promoción no ámbito da formación e a difusión e promoción de tendencias e mellores prácticas nos órganos de administración, cadros directivos e mandos intermedios das empresas galegas, así como dos emprendedores coma futuros empresarios.

Asemade, a tendencia cara á Industria 4.0 require a formación de traballadores en contidos e capacidades relacionadas con este concepto para cubrir deste modo a falta de profesionais que a nova industria precisa. A nova industria intelixente debe ser capaz, co seu equipo humano, de observar o contorno para anticiparse aos cambios e de evolucionar cara á fábrica intelixente e o manexo dos conceptos de loxística 4.0, sensorización, interconexión completa, robótica flexible e colaborativa, vehículo autónomo, fabricación aditiva, materiais avanzados, complementada coa análise exhaustiva (big data), cloud computing e enerxía eficiente; nun itinerario que obriga a avanzar no concepto tradicional de organización industrial cara a procesos, optimización, metodoloxía lean e á formación continua en todos eses novos conceptos.

Por outra parte, á hora de deseñar unha base de axudas que apoie a capacitación, cómpre facer un esforzo específico a prol da colaboración e cooperación interempresarial incentivando proxectos e iniciativas promovidas e coordinadas por organismos intermedios de carácter empresarial que poidan implicar en proxectos de interese común conxuntos de empresas galegas, xerando así o valor engadido das sinerxías, aforros e reciprocidades dos proxectos compartidos.

Deste xeito, esta base diríxese á mellora da competitividade empresarial mediante a formación do seu capital humano a través de proxectos propostos por organismos intermedios e dirixidos a colectivos de empresas galegas. As axudas concedidas cumpren os criterios de elixibilidade do Fondo Social Europeo no obxectivo específico 8.5.1, mellorar a adaptación da cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, para garantir o seu mantemento en emprego e permitir a súa progresión profesional.

As presentes bases son coherentes coa normativa comunitaria no campo da concesión e xustificación de axudas por medio de custos simplificados que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificacións impostas aos beneficiarios.

En particular, de acordo co disposto no artigo 67, número 5, letra c), do Regulamento (UE) nº 1303/2013, poderase empregar de conformidade coas modalidades de aplicación dos baremos de custos unitarios, importes a tanto global e tipos fixos correspondentes, aplicables a unha categoría similar de operación e beneficiario en réximes de subvencións financiados enteiramente polo Estado membro. Neste caso tómanse como referencia os importes establecidos na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego, en materia de formación de oferta, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento (BOE nº 67, do 18 de marzo).

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

As axudas reguladas nesta base outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio e exclusións

1. Co obxectivo de incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas:

a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0:

Robotización e robotización colaborativa.

Fabricación aditiva.

Sensórica e actuadores mecatrónicos.

Sistemas ciberfísicos.

Automatización total ou estendida.

Intercomunicación máquina-máquina.

Conectividade total ou estendida.

Vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos).

Personalización de produtos.

Internet das cousas, internet dos equipamentos e máquinas.

Dixitalización.

Big data, cloud computing e ciberseguridade.

Loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos.

Modelado e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.

b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios: organización industrial, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de bussines intelligence e de vixilancia tecnolóxica, cocreación de produtos, novos modelos de negocio, eficiencia enerxética.

Para os efectos desta axuda entenderase por mando intermedio o empregado que teña ao seu cargo persoal e competencias para a organización do traballo baixo as instrucións da Dirección da empresa.

2. Os proxectos de capacitación deberán incluír formación presencial in company nunha porcentaxe non inferior ao 30 % do total das horas. Enténdese como formación presencial in company a que se imparte nas instalacións dalgunha das empresas cuxos traballadores participan na formación.

3. En todos os proxectos deben participar un mínimo de cinco traballadores en activo de pemes con centro de traballo ou domicilio social en Galicia. Os proxectos terán unha duración presencial mínima de 30 horas para cada asistente, que deberá levarse a cabo en Galicia. Poderanse realizar varias edicións dos proxectos formativos con distintos asistentes. No caso de proxectos co mínimo de cinco traballadores asistentes, ese número debe manterse durante toda a duración do proxecto de capacitación. A execución do proxecto con menos de cinco traballadores en activo en empresas galegas será causa de incumprimento total. Considerarase que o alumno finalizou a formación cando asistise polo menos ao 75 % da acción formativa.

4. Para os efectos do disposto no número anterior, consideraranse traballadores en activo as persoas vinculadas profesionalmente cunha peme galega dalgunha destas formas:

a) Relación laboral (contrato de traballo por conta allea, común ou especial).

b) Autónomos dependentes (contratos trade).

c) Socios ou administradores da empresa (cotizantes á Seguridade Social nalgún réxime).

d) Titulares da empresa ou actividade (empresarios autónomos).

Os proxectos obxecto de axuda deberán dar unha adecuada difusión á actividade formativa e permitirlle a calquera traballador en activo de pemes galegas a asistencia a ela. O solicitante deberá indicar no cuestionario de solicitude os criterios que utilizará para seleccionar os asistentes no caso de que a demanda supere o número de prazas dispoñible. Esta selección deberá realizarse mediante criterios obxectivos, nos cales a relación entre o posto de traballo e a temática do curso, a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e o acceso preferente a discapacitados pese ao menos un 70 % neles e un mínimo dun 20 % individualmente.

5. Deberá entregarse a cada participante un certificado de aproveitamento ou diploma que cumpra cos requirimentos de publicidade do FSE, no cal como mínimo se fará constar a denominación da acción formativa, os contidos formativos, a duración e o período de impartición.

6. Cada solicitude de axuda debe ser relativa a só un dos tipos de proxectos de capacitación admisibles do artigo 1.1 e cada solicitude poderá comprender unha ou varias edicións sempre que sexa para distintos participantes (na mesma ou distintas localizacións). Cada organismo intermedio poderá presentar varias solicitudes (unha por cada proxecto distinto para o cal solicite axuda).

7. As accións formativas deberán realizarse dentro do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión. O dito prazo iniciarase coa presentación da solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión.

8. Toda as accións formativas deberán ter comezado en ano no que se publica a convocatoria e rematar antes do prazo de execución de proxectos establecido nela.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base ampáranse no artigo 31 «Axudas á formación» do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 8 (promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral), prioridade de investimento 8.5 (fomentar a adaptación ao cambio dos traballadores, as empresas e os empresarios) e obxectivo específico 8.5.1 (mellorar a adaptación da cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado laboral, para garantir o seu mantemento en emprego e permitir a súa progresión profesional), categoría de intervención 106 (adaptación ao cambio de traballadores, empresas e emprendedores), e están sometidas ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con calquera outra subvención pública para o mesmo proxecto.

2. A solicitude e obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para efectos destas axudas:

a) As entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clústeres empresariais apoiados no ámbito das axudas ás agrupacións (clústeres) innovadoras convocadas por Resolución do 28.6.2013 (DOG núm. 127, do 5 de xullo) ou que teñan a cualificación de AEI (agrupaciones empresariales innovadoras) outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

b) Os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros (BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades que entren dentro da categoría de empresas en crise. Para estes efectos, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as grandes empresas figura no punto 2.2 das directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras (DOUE C 249, do 31 de xullo de 2014) e que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño).

Artigo 5. Custos subvencionables e contía das axudas

1. O custo subvencionable de cada programa formativo calcularase segundo un módulo fixo de 13 euros por hora e alumno, de acordo co establecido na Orde TAS/718/2008, do 7 de marzo, pola que se desenvolve o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego en materia de formación de oferta e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento (BOE nº 67, do 18 de marzo de 2008). A subvención será do 50 % do custo calculado segundo o dito módulo.

2. Segundo a citada Orde TAS/718/2008, os custos que se tiveron en conta para a determinación do importe do módulo son os seguintes:

a) Custos directos da actividade formativa:

1º. As retribucións dos formadores.

2º. Os gastos de amortización de equipos didácticos e plataformas tecnolóxicas.

3º. Gastos de medios didácticos e/ou adquisición de materiais didácticos, así como os gastos en bens consumibles utilizados na realización das accións formativas.

4º. Os gastos de alugamento, arrendamento financeiro, excluídos os seus xuros, ou a amortización das aulas, talleres e demais superficies utilizadas no desenvolvemento da formación.

5º Gastos de seguro de accidentes dos participantes.

6º. Gastos de transporte e manutención para os traballadores ocupados que participen nas accións formativas.

7º. Os gastos de publicidade para a organización e difusión das accións formativas.

b) Custos asociados da actividade formativa:

1º. Os custos de persoal de apoio.

2º. Os gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada e que resulten indispensables para a preparación adecuada ou a execución desta.

3º. Outros custos: luz, auga, calefacción, mensaxaría, correo, limpeza, vixilancia e outros custos asociados á execución da actividade formativa.

c) Outros custos subvencionables:

Os custos de avaliación e control da calidade da formación.

Artigo 6. Criterios de avaliación e selección de proxectos

1. Os proxectos serán avaliados de acordo co seguinte baremo:

a) Tipo de proxecto de capacitación presentado, segundo o artigo 1 (ata 25 puntos):

1º. Proxectos tipo a: 25 puntos.

2º. Proxectos tipo b: 15 puntos.

b) Nº total de traballadores participantes no proxecto de capacitación (ata 25 puntos):

1º. Entre 6 e 9: 10 puntos.

2º. Entre 10 e 15: 20 puntos.

3º Máis de 15: 25 puntos.

c) Proxectos que prevexan a formación in company polo menos do 50 % do total de horas: 10 puntos.

d) Experiencia previa dos formadores (ata 30 puntos):

1º. Experiencia media acreditada dos formadores que desenvolverán o proxecto superior a 10 anos: 30 puntos.

2º. Experiencia media acreditada dos formadores que desenvolverán o proxecto inferior ou igual a 10 anos: 5 puntos por cada dous anos de experiencia ou fracción.

3º. Sen experiencia: 0 puntos.

e) Inclusión da actividade formativa nun plan estratéxico previo do solicitante: 10 puntos.

2. Os criterios a), b) e c) avaliaranse en función do indicado no formulario de solicitude.

O criterio d) avaliarase segundo o indicado no formulario de solicitude con relación de proxectos similares desenvolvidos previamente, indicando temática, participantes, duración e datas de celebración.

O criterio e) avaliarase, se é o caso, a partir do plan estratéxico elaborado no exercicio da convocatoria destas axudas ou nos tres anos anteriores sempre que estea vixente (xuntar en formato electrónico xunto co formulario de solicitude).

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os formularios de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nestas bases reguladoras, salvo que estes xa estivesen en poder do Igape; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A presentación da solicitude por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, para iso debe presentar entón a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

5. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

6. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do mencionado enderezo da internet ou do número de teléfono 900 81 51 51. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDE identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda. O IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits, a partir do documento electrónico xerado pola aplicación informática citada anteriormente.

3. As solicitudes de axuda presentaranse mediante o formulario normalizado que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática e que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo. No formulario será obrigatorio a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días para a súa emenda, transcorrido o cal, se darán por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

4. O formulario de solicitude deberá vir acompañado da seguinte documentación:

a) DNI do representante legal, só no caso de non autorizar a súa consulta.

b) NIF do organismo solicitante, só non caso de denegar expresamente a súa consulta.

c) Acreditación da representación con que se actúa.

d) Documentación acreditativa da súa constitución: acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e as modificacións posteriores destes.

e) Ademais disto e, se é o caso, para os efectos sinalados no artigo 6.2 destas bases, achegarase o plan estratéxico, que se deberá xuntar como documento PDF ao formulario de solicitude.

f) Declaración responsable do representante legal da entidade solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

5. Unha vez xerada a solicitude, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e as entidades dela dependentes.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo I) co IDE, acompañado das copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.4. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

6. Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.4, e a persoa que asina a solicitude responsabilizaráse e garantirá a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao interesado a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a Norma X.509 V3, válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004 da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e cos seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado en formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

8. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Competitividade do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución da solicitude que poña fin ao procedemento na vía administrativa.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos do órgano instrutor en función dos datos declarados na solicitude de axuda, no formulario e na documentación presentada e elaborarán unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b) e 60 da Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda realizaranse preferentemente mediante publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo. Excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a, b, c, d e e do artigo 6, por esa orde. En caso de persistir o empate, decidirase a favor do proxecto cuxo solicitante teña implantado un plan de igualdade (o cal se declarará na solicitude e se comprobará posteriormente no caso de que se aplique o criterio).

4. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poráselle de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape. Na resolución estableceranse as condicións da axuda, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o importe subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para executar o proxecto e o prazo máximo para presentar a xustificación ao Igape. Así mesmo, constará a obriga por parte do beneficiario de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análogo da actividade subvencionada a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e pola Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo, con expresa indicación do obxectivo específico en que se enmarca no P.O. FSE Galicia 2014-2020 e da porcentaxe de cofinanciamento, e farase constar ao beneficiario a súa inclusión na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será notificada de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Con carácter xeral, non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, substituirase a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Non obstante, excepcionalmente, se a instrución do procedemento o aconsella, o órgano competente poderá substituír esta publicación no DOG e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria da axuda, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez dictada resolución de concesión, non se admiten modificacións.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

1. Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e notificar as actividades formativas que se vaian realizar previamente á súa realización cunha antelación mínima dunha semana. Esta notificación levarase a cabo no enderezo electrónico igape-competitividade@igape.es e deberá especificar todas as datas, as horas e os lugares de impartición da acción formativa, tanto as sesións de formación presencial coma a formación in company, e as súas modificacións. O incumprimento desta obriga dará lugar á perda do dereito á subvención nos termos establecidos no artigo 16 destas bases reguladoras.

2. Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así coma calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ou os órganos de control da Comisión Europea; achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e nas verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo.

4. Comunicar ao Igape a solicitude e a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, supere o custo elixible do proxecto.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

6. Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o FSE segundo o establecido no anexo III a estas bases, en particular as establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro (DOUE L 347, do 20 de decembro).

7. Facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución de entidades e participantes e os de resultado inmediato enumerados no artigo 5 do Regulamento 1304/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo. A Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de 6 meses desde a finalización do proxecto coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo.

8. Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

9. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

10. No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

11. Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. Prazo para presentar a solicitude de cobramento: será o establecido na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 81 51 51, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade. Desde este servizo poderá accederse á aplicación informática e cubrir o formulario e xerar o IDEL identificativo, no caso de que o solicitante non dispoña dun acceso directo á internet.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal, a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. Este IDEL estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado SHA-1 160 bits a partir do documento electrónico xerado pola aplicación citada anteriormente. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o formulario normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, no cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e sempre que o solicitante cumpra os requisitos previstos no anterior artigo 8.6 das bases reguladoras.

Alternativamente, unha vez xerada a solicitude de cobramento, tamén se poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario de solicitude de cobramento normalizado (anexo II) co IDEL, xunto coas das copias simples dos documentos relacionados no artigo 14.6. No formulario de solicitude de cobramento inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

Na presentación por vía electrónica, de conformidade co artigo 35.2 da Lei 11/2007, o beneficiario deberá achegar coa solicitude de cobramento as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6, e a persoa que asina a solicitude responsabilizarase e garantira a fidelidade dos ditos documentos co orixinal mediante o emprego da súa sinatura electrónica. O Igape poderá requirir ao beneficiario a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Memoria técnica que se deberá cubrir no formulario de liquidación, na cal deberán incluír toda a información sobre o proceso de selección de alumnos a que se refire artigo 1.4.

b) Lista de alumnos, detallando o seu DNI, nome, empresa coa que está vinculado e tipo de vinculación (dentro das permitidas polo artigo 1.4 destas bases reguladoras) e indicando se superaron o curso e, se é o caso, a nota obtida.

c) Declaración de non vinculación do formador externo coa entidade intermedia (unha por cada formador).

d) Declaración do número de horas impartidas por cada formador (parte de horas asinado).

e) Xustificación da participación na actividade formativa (partes de asistencia segundo o anexo IV), nas cal se identificará para cada sesión se é formación xeral ou in company, a parte do programa impartido, as horas e o lugar en que se impartiu, o formador que a imparte e a súa empresa (NIF e denominación) e a súa sinatura. Así mesmo, para cada participante identificarase a empresa a que pertence (NIF e denominación) e o seu DNI, nome e sinatura. Cada unha das sesións deberá acompañarse de material gráfico xustificativo da asistencia e da publicidade dos fondos europeos.

f) Diplomas emitidos para os alumnos que superaran a acción formativa.

Para os efectos de determinar a subvención unha vez executada a formación, considerarase que un alumno finalizou a formación cando asistise, polo menos, ao 75 por cento da duración da acción formativa. Se se producisen abandonos de traballadores durante o primeiro cuarto de duración da acción formativa, poderanse incorporar outros traballadores á formación en lugar daqueles. Non se admitirán faltas de asistencia por ningunha causa superiores ao 25 % da acción formativa.

g) Información dos indicadores de execución relativos ás entidades e aos participantes, que tratan de medir a situación do participante antes da súa participación na formación e de resultados a curto prazo que reflicten a situación do participante desde que finalizou a formación e ata as 4 semanas seguintes –en formato impreso ou dixital–, que se cubrirá a través da aplicación de Fondo Social Europeo á cal se accederá desde http://tramita.igape.es

h) Declaración doutras axudas solicitadas ou concedidas, que se cubrirá no formulario de liquidación.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, para ser beneficiario da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán xuntarse xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda, ou entre estas e a verificación e o control sobre o terreo da actividade formativa que realice o Igape, poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou a perda do dereito ao cobramento da axuda e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. O aboamento das axudas realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

2. Os beneficiarios da axuda poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida despois de que se teña superado unha primeira visita de comprobación e control da acción formativa. O importe do anticipo estará limitado, para cada anualidade, ao 50 % da subvención correspondente á actividade prevista para esa anualidade. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímese os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido nos artigos 63.3 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regula a Lei de subvencións de Galicia.

3. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de perda do dereito ao cobramento da axuda.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, de deberá resolver sobre o seu alcance, aplicar a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establece a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao número de alumnos ou de horas de formación que non se tivesen realizado e xustificado e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

b) Outras condicións alleas á contía ou conceptos da bases subvencionable:

1º. Non darlle publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 destas bases, suporá a perda dun 2 % da subvención concedida.

2º. Non comunicar ao Igape a solicitude doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá a perda dun 5 % da subvención concedida.

3º. Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas suporá o reintegro do exceso percibido sobre o máximo establecido no artigo 31 do Regulamento (UE) 651/2014, máis os xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder.

4º. Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención suporá a perda dun 5 % da subvención unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

5º. A participación media dun número de alumnos inferior ao tido en conta para a concesión da axuda no conxunto das follas de control asinadas dará lugar a recalcular a puntuación concedida por participantes (artigo 6.b). Procederá a perda dun 5 % de subvención por cada 20 % de redución na media de alumnos participantes sobre a tida en conta para a concesión ata o límite mínimo de alumnos participantes establecido no artigo 1. Os alumnos que non finalicen a formación non computarán para estes efectos. De acordo co establecido no artigo 1.3 destas bases, se as faltas de asistencia por calquera causa son superiores ao 75 %, considerarase que non se finalizou a formación.

4. Incumprimento total: coa perda do dereito ao cobramento da axuda concedida e co reintegro, se é o caso, das cantidades percibidas, nos seguintes casos:

a) Xustificar custos (segundo o módulo do artigo 5.1, de 13 € por hora e alumno) por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada na resolución de concesión.

b) Non acadar o número mínimo de alumnos participantes establecido no artigo 1 destas bases reguladoras.

c) Non comunicar as datas de realización da actividade formativa nos termos establecidos no artigo 13 destas bases reguladoras.

d) No caso de que en dúas comprobacións presenciais aleatorias se detecte un número de asistentes inferior ao 50 % do número de participantes tido en conta para a concesión da axuda ou que a listaxe de asistentes os días da inspección non coincida cos asistentes que figuren na documentación da solicitude de cobramento.

e) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

f) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

g) Cando non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

h) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

i) Cando o beneficiario non acredite que se atopa ao día das súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material da documentación xustificativa será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº1303/2013. A dita data será obxecto de publicación no DOG.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións, que como consecuencia delas puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na BDNS, non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizasen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-Terceros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que no ámbito das súas respectivas competencias cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poidan ser necesarios para achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 de Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a dxfondos@conselleriadefacenda.es

Artigo 22. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño); no Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), no Regulamento (UE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase ao disposto no artigo 48 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file