Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 25 de agosto de 2016 Páx. 37829

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

DECRETO 119/2016, do 28 de xullo, polo que se aproba o Catálogo das paisaxes de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo establece o artigo 27.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, ten competencia exclusiva, entre outras, en materia de ordenación do territorio e do litoral.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no seu artigo 1 crea a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal corresponden, entre outras, as competencias e funcións en materia de ordenación do territorio consonte o establecido no artigo 1 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería.

Segundo a disposición adicional primeira do citado Decreto 129/2015, do 8 de outubro, o Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo dos regulados na sección 2ª do capítulo II do título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, adscríbese directamente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo. No mesmo senso se pronuncia o artigo 3.1.c) do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

A disposición derradeira primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, modifica o punto 4 do artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establecendo que corresponde ao Instituto de Estudos do Territorio a elaboración dos catálogos da paisaxe. No mesmo senso, a disposición derradeira segunda modifica o artigo 10 da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, e establece entre as funcións do Instituto de Estudos do Territorio a de delimitar as grandes áreas paisaxísticas sobre as cales se desenvolverán os catálogos da paisaxe e elaborar os catálogos da paisaxe de Galicia.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 por proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo. Entre eles, os catálogos da paisaxe, definidos no seu artigo 9 como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais. O contido dos catálogos da paisaxe aparecen recollidos neste mesmo artigo, que tamén establece que os catálogos da paisaxe poderán, se é o caso, identificar determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes, o que se fai neste catálogo.

O Catálogo das paisaxes de Galicia foi sometido a información pública (DOG núm. 29, do 12.2.2016), de conformidade co establecido no artigo 9.5 da citada Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, que, respecto do seu procedemento de elaboración, prevé a apertura dun trámite de información pública por un prazo non inferior a dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que coiden pertinentes.

O carácter dinámico da paisaxe e os intensos cambios a que está sometida fan necesario que o Catálogo das paisaxes de Galicia sexa un documento aberto e flexible, polo que debe establecerse un procedemento de modificación que o manteña actualizado.

Partindo da experiencia obtida coa Estratexia da paisaxe 2011-2014, despois do estudo da paisaxe en todo o territorio galego, apréciase que este ofrece características paisaxísticas con notables similitudes a nivel comarcal, sen prexuízo das particularidades definidas no Plan de ordenación do litoral; así, e ante a necesidade dun catálogo que abranga todas as comarcas paisaxísticas e realice unha análise conxunta da súa paisaxe, o Catálogo obxecto de aprobación integra no seu ámbito o da comarca paisaxística do Deza, regulado no Decreto 171/2012, do 1 de agosto, polo que se aproba o catálogo da paisaxe da comarca paisaxística do Deza, o que fai precisa a súa derrogación.

O decreto consta de catro artigos, un primeiro cuxo obxecto é a aprobación do Catálogo das paisaxes de Galicia, un segundo dedicado á súa modificación, o artigo terceiro ten por obxecto as áreas de especial interese paisaxístico, e o artigo cuarto, que regula a actualización e revisión da áreas de especial interese paisaxístico e das unidades de paisaxe. Así mesmo, consta dunha disposición derrogatoria única relativa á derrogación do Decreto 171/2012, do 1 de agosto, polo que se aproba o Catálogo da paisaxe da comarca paisaxística de Deza, e tres disposicións derradeiras; unha primeira dedicada á posibilidade de desenvolvemento normativo, unha segunda sobre o Consello Asesor da Paisaxe de Galicia e unha terceira relativa á súa entrada en vigor.

No expediente constan os informes dos departamentos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural, emitidos con data do 22 de xuño e do 29 de xuño de 2016 respectivamente, de conformidade co artigo 9.6 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Na súa virtude, por proposta da Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e de acordo co disposto nos artigos 9.6 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, e 37 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión de vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación

Apróbase o Catálogo das paisaxes de Galicia, de conformidade coa Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

As súas determinacións estarán publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (http://www.xunta.gal/medio-ambiente-e-ordenacion-do-territorio). Igualmente, estarán á disposición dos interesados nas dependencias do Instituto de Estudos do Territorio, dependente desta consellería, en Santiago de Compostela, no edificio administrativo de San Lázaro.

Artigo 2. Modificación

O Catálogo das paisaxes de Galicia poderá ser obxecto de modificación seguindo o mesmo procedemento establecido polo artigo 9 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

Artigo 3. Áreas de especial interese paisaxístico

1. O Catálogo das paisaxes de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 9.3 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, identifica determinadas zonas xeográficas como áreas de especial interese paisaxístico, en atención aos valores naturais e culturais alí presentes.

2. Ademais das áreas de especial interese paisaxístico identificadas, caracterizadas e delimitadas nas fichas que inclúe o catálogo, terán a consideración de áreas de especial interese paisaxístico, para os efectos dos artigos 9.3 e 12.3 da Lei 7/2008, as seguintes:

a) Os espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro (DOG do 23 de febreiro).

b) Os ámbitos que, se for o caso, os plans xerais de ordenación municipal cuxa entrada en vigor se produza con posterioridade á do Catálogo das paisaxes clasifiquen como solo rústico de especial protección paisaxística, de conformidade co previsto no artigo 34.3 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, logo de informe favorable do organismo competente en materia de paisaxe.

c) As paisaxes protexidas declaradas de conformidade co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, e o artigo 35 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

d) Os ámbitos que, se for o caso, delimiten os instrumentos de ordenación do territorio, de conformidade co previsto na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

3. No caso de que algún dos ámbitos a que se refiren as alíneas b), c) e d) do punto anterior coincida con algunha das áreas de especial interese paisaxístico delimitadas polo Catálogo das paisaxes de Galicia, o plan urbanístico ou instrumento de ordenación do territorio, ou o estudo que realice o órgano competente en materia de espazos naturais, revisará a delimitación, coa maior concreción e detalle propios de tales documentos. A delimitación que finalmente establezan substituirá a recollida na Catálogo das paisaxes de Galicia, sen necesidade de tramitar un expediente de modificación deste. Nestes casos, na tramitación do plan xeral de ordenación municipal ou do instrumento de ordenación do territorio, deberá obterse o informe favorable do órgano autonómico competente en materia de paisaxe.

Artigo 4. Actualización e revisión das áreas de especial interese paisaxístico e das unidades de paisaxe

1. As áreas de especial interese paisaxístico e as unidades de paisaxe identificadas e delimitadas no Catálogo das paisaxes de Galicia poderán ser revisadas ou actualizadas, de oficio ou por instancia de calquera interesado, cando se acrediten circunstancias que o xustifiquen, tales como a dispoñibilidade de novas fontes de información, cambios ou transformacións da paisaxe, perda ou aparición de valores paisaxísticos ou cambios na percepción da paisaxe por parte da poboación.

2. O órgano autonómico con competencias en materia de paisaxe será o competente para proceder á actualización ou revisión seguindo o seguinte procedemento:

a) Elaborará unha proposta de inclusión, eliminación ou modificación de áreas de especial interese paisaxístico, ou unha revisión ou actualización das unidades de paisaxe. Esta proposta conterá, necesariamente, a xustificación das circunstancias que motiven a modificación, así como a explicación detallada do procedemento, metodoloxía e resultado da correspondente proposta.

b) A proposta someterase a información pública por un prazo de dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que coiden pertinentes.

c) O expediente será aprobado por orde da persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe, logo da consulta aos departamentos autonómicos competentes en materia de ordenación do territorio e patrimonio cultural.

d) Antes da súa aprobación, remitirase para consulta previa do Consello Asesor da Paisaxe de Galicia.

e) Unha vez aprobadas, procederase á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 171/2012, do 1 de agosto, polo que se aproba o Catálogo da paisaxe da comarca paisaxística de Deza.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de paisaxe para o desenvolvemento normativo e o seguimento do catálogo e das directrices da paisaxe de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Consello Asesor da Paisaxe de Galicia

O Consello Asesor da Paisaxe de Galicia, órgano colexiado, de carácter técnico e de asesoramento en materia da paisaxe, regularase de conformidade co establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de xullo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio