Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2016 Páx. 45660

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN conxunta do 26 de setembro de 2016, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

A Orde do 10 de decembro de 1997 creou e regulou as xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

A Orde do 11 de novembro de 1999 creou e regulou a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario e modificou a devandita Orde do 10 de decembro de 1997.

A Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario, recolle no seu artigo primeiro que a elección dos directores que formarán parte das citadas xuntas provinciais se efectuará nas datas fixadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Resolución conxunta do 17 de novembro de 2000, da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario, recolle no seu artigo primeiro que a elección dos directores que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario se efectuará a continuación do proceso de renovación das xuntas provinciais de directores, nas datas fixadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Resolución do 25 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e autonómica de directores de centros de ensino non universitario, modificou, na súa disposición adicional única, o parágrafo 3 do artigo cuarto da Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros das xuntas provinciais de directores de centros de ensino non universitario.

Por corresponderlle no curso 2016/17 a renovación dos consellos escolares dos centros docentes non universitarios sostidos con fondos públicos, estas direccións xerais, en uso das atribucións expresadas na disposición derradeira primeira da Orde do 10 de decembro de 1997 e na disposición derradeira primeira da Orde do 11 de novembro de 1999,

RESOLVEN:

Artigo 1. Convocatoria

1. Correspóndelle ao xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a convocatoria, na súa respectiva provincia, das eleccións dos directores que formarán parte da Xunta Provincial de Directores de Centros de Ensino non Universitario e da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

2. En cada convocatoria provincial figurarán as vacantes que se deberán cubrir no correspondente proceso electoral.

Artigo 2. Prazo

As eleccións efectuaranse no primeiro trimestre do curso académico 2016/17, de tal xeito que:

a) A constitución das xuntas provinciais se leve a cabo antes do día 30 de novembro de 2016.

b) A constitución da xunta autonómica se leve a cabo antes do día 20 de decembro de 2016.

Artigo 3. Procedemento

1. A regulación do procedemento de elección dos membros das xuntas provinciais de directores e a constitución e funcións das xuntas electorais seguirá o establecido na Resolución do 4 de febreiro de 1998, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, sen prexuízo do establecido na disposición adicional única da Resolución do 25 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establecen as datas de elección dos membros das xuntas provinciais e autonómica de directores de centros de ensino non universitario.

2. A regulación do procedemento de elección dos membros da Xunta Autonómica de Directores seguirá o establecido na Resolución conxunta do 17 de novembro de 2000, da Secretaría Xeral e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2016

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros
e Recursos Humanos

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa