Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Venres, 14 de outubro de 2016 Páx. 46763

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2016, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se convoca o programa Xogade (Xogos galegos deportivos) en idade escolar, curso 2016/17.

Conforme o Estatuto de autonomía, artigo 27.22, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do ocio, competencia en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Esta lei ten por obxecto establecer un marco xeral para o desenvolvemento e a organización da actividade física e deportiva, desde unha concepción integral, entendendo o deporte como todo tipo de exercicio físico, cunha práctica organizada ou non, pero cunha finalidade de mellora da condición física, psíquica, das relacións sociais ou o logro de resultados en competición de todos os niveis. O deporte é considerado de interese público, atendendo ás funcións que desempeña na nosa sociedade, en especial nos ámbitos da educación, da formación, da cultura, da saúde pública, na cohesión social e tamén no respecto ao ambiente, o que fai necesario a concepción dun novo modelo deportivo galego. Un modelo que lles facilite, neste caso, aos escolares galegos, diferentes prácticas e actividades que atendan ás súas diferentes necesidades desde o dereito de todos a coñecer e practicar deporte de forma libre, voluntaria e democrática, en termos de igualdade e non discriminación.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar, así como definir e fixar as directrices e programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego nos seus diferentes niveis (título II, artigo 5.n).

Paralelamente, o artigo 24.2 establece que a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto, poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos.

Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar, como queda establecido no artigo 24.4 da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Para o mellor exercicio destas competencias, tal e como se establece no artigo 6 desta lei, a Administración autonómica poderá subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva, como poden ser as federacións deportivas galegas e as agrupacións deportivas escolares entre outras, no desenvolvemento do programa de Xogos galegos deportivos en idade escolar, en diante, Xogade.

Para o curso escolar 2016/17 convócase a correspondente edición do programa, incorporando novas actividades ás que xa se viñan realizando en anos anteriores. Desta forma, mantense a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os nenos e nenas de entre 6 e 16 anos –acción que é un dos piares esenciais de actuación de política deportiva para o fomento da actividade física e deportiva entre a poboación–, que será sufragado directamente pola Secretaría Xeral para o Deporte, así como as actividades deportivas escolar e federada, e a actividade lúdica, Coñece o meu club, Xogos populares, Educación, deporte e valores e as Actividades de tempada, incorporando esta última como novidade.

Pola súa banda, incorpóranse como novas actuacións a actividade Multixogo (dirixida especificamente á franxa de idade de 6 a 8 anos, onde predomina o carácter lúdico da actividade fronte á vertente competitiva), o Proxecto deportivo de centro-Centros activos e saudables (actividade dirixida á coordinación da comunidade educativa dentro e fóra do horario lectivo e do centro escolar, vinculada ao programa xeral de fomento da actividade física que é o programa Galicia saudable), as actividades formativas e unha campaña específica de Promoción da igualdade a través de deporte. Finalmente, a actuación Xogando co mar amplía as actuacións que se desenvolvían nas edicións anteriores do programa e que se centraban na modalidade deportiva da vela, e incorpóranse as modalidades de remo e surf.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o programa Xogade (Xogos galegos deportivos) en idade escolar para o curso 2016/17 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (deporte.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2016

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO
Programa Xogade (Xogos galegos deportivos), en idade escolar, curso 2016/17

Actuacións.

O programa Xogade, nacido na tempada 2009/10 con dúas actividades, segue crecendo ano a ano co obxectivo de promover e fomentar a práctica de actividade física na poboación escolar galega ao abeiro do Plan Galicia saudable da Xunta de Galicia.

Poderán inscribirse neste programa os centros de ensino, as ANPA, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas, asociacións, etc. que o desexen, pertencentes á Comunidade Autónoma de Galicia.

As actuacións do programa para a tempada 2016/17 son:

– Actividade deportiva escolar.

– Actividade deportiva federada.

– Multixogo 6 a 8 anos.

– Actividade lúdica.

– Coñece o meu club.

– Xogos populares.

– Educación, deporte e valores.

– Proxecto deportivo de centro.

– Xogando co mar.

– Actividades de tempada.

– Actividades formativas.

– Promoción da igualdade a través do deporte.

– Seguro federado de 6 a 16 anos.

A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.gal, onde se encontra a aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte deporte.xunta.gal.

1.1. Actividade deportiva escolar.

a) A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais de deportes.

Para esta organización poderá contar coa colaboración das agrupacións deportivas de zona, clubs, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada que desde a Secretaría Xeral e os servizos provinciais de deporte se considere conveniente.

b) As modalidades convocadas dentro da actividade deportiva escolar serán: atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, campo a través, dúatlon, fútbol sala, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

c) Con carácter xeral, establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados en 2008 e 2007; alevín: nados en 2006 e 2005; infantil: nados en 2004 e 2003 e cadete: nados en 2002 e 2001. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

d) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte disporá dun seguro de accidente deportivo gratuíto durante o período de duración da actividade, para todos os escolares participantes con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos, que cubrirá a asistencia nos centros concertados ao longo da competición, así como os adestramentos e desprazamentos ás distintas competicións e eventos que estean dentro da actividade deportiva escolar do programa Xogade.

e) Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará, de forma gratuíta, a través dos seus servizos de deportes provinciais, sempre que estes o consideren necesario para a participación na actividade, un servizo de transporte gratuíto.

f) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en dúas fases: zonal (previas) e provincial, salvo na modalidade de campo a través, que contará cunha fase máis, a autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

g) Os regulamentos de xogo, sancións, recursos, etc. serán os que figuran na normativa xeral e nas normativas específicas de cada modalidade deportiva.

h) A participación nesta actividade deportiva será totalmente gratuíta.

1.2. Actividade deportiva federada.

a) A organización desta actividade será das federacións galegas, no cumprimento das súas funcións de promoción das súas modalidades deportivas, así como da organización de competicións oficiais autonómicas, establecidas no artigo 56, sección 3ª, capítulo II de entidades deportivas da Lei 3/2012, do 2 de abril. Organizarán a competición deportiva federada en idade escolar, tendo sempre en conta a obriga de cumprimento establecida para estas entidades no convenio anual coa Secretaría Xeral para o Deporte.

b) As modalidades dispostas na actividade deportiva federada serán: baloncesto, balonmán, fútbol sala, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, wáter-polo, taekwondo, tríatlon/dúatlon, voleibol e ximnasia rítmica, artística, acrobática e trampolín.

c) Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva escolar: benxamín: nados en 2008 e 2007; alevín: nados en 2006 e 2005; infantil: nados en 2004 e 2003 e cadete: nados en 2002 e 2001. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas.

d) O desenvolvemento das actividades deportivas escolares será, en xeral, en tres fases: zonal (previas), provincial e autonómica. Poderá haber, no caso de consideranse oportuno, fase intercomarcal.

e) Para a participación nesta actividade a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará, gratuitamente, o seguro de accidente deportivo asociado á licenza da federación correspondente, necesaria para a participación en cada unha das modalidades para os escolares participantes.

f) Os regulamentos de xogo, as sancións, os recursos e o réxime disciplinario dependerán do establecido para cada modalidade pola federación galega correspondente.

1.3. Multixogo 6 a 8 anos.

a) Esta actividade, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria, terá lugar a partir do 1 de xaneiro.

b) Os servizos provinciais, a través das agrupacións deportivas, organizarán xornadas multidisciplinares, ás cales se apuntarán as entidades interesadas.

c) Desde o xogo e a motricidade global presentarase a actividade física como diversión para que entre a formar parte das súas vidas como primeiro paso para un estilo de vida activo e saudable.

Esta proposta busca achegar experiencias de práctica de actividade física sen ningún tipo de condicionamento cara a unha disciplina concreta. Unha vivencia do movemento que, lonxe dos modelos de especialización, amplíe a súa experiencia motriz e o gusto pola actividade e o movemento.

1.4. Actividades lúdicas.

a) As actividades lúdicas teñen como obxectivo principal o achegamento dos escolares a diferentes modalidades deportivas, empregando o xogo, dentro do propio centro escolar.

b) As actividades realizaranse nunha xornada en horario lectivo e levaranas a cabo técnicos da federación correspondente, achegando os materiais necesarios.

c) Estarán dispoñibles para primaria, secundaria e bacharelato segundo o establecido na normativa xeral de Xogade para cada unha das modalidades.

d) As modalidades e actividades deportivas convocadas son: bádminton na escola, baile deportivo, béisbol e sóftbol, colombofilia, esgrima, espeleoloxía, judo na escola, loita olímpica na escola, orientación na escola, remo na escola, rugby na escola, taekwondo na escola, voleibol na escola, xadrez na escola e ximnasia na escola.

e) Os centros escolares poderán solicitar un máximo de tres actividades e serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Grao de participación no programa Xogade.

– Posibilidade xeográfica de realización.

– Repartición equitativa (solicitudes por provincia).

– A non realización da actividade en anos anteriores.

– Orde de inscrición.

1.5. Coñece o meu club.

a) Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa localidade que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade Coñece o meu club.

b) Nesta actividade técnicos do club, por decisión dos centros escolares (segundo os datos recollidos na web xogade.xunta.gal na aplicación de inscricións), visitarán os centros para facer unha presentación práctica do seu deporte e explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitar aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa localidade. Os centros decidirán se ampliar esta experiencia cunha visita ás instalacións do club.

c) O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na normativa deste programa. O club terá a responsabilidade de asegurarse de que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para o efecto de posibles subvencións.

1.6. Xogos populares.

a) A Secretaría Xeral para o deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consideración das modalidades deportivas autóctonas como patrimonio cultural da Comunidade Autónoma, establece a actividade de xogos tradicionais e populares cara á contribución ao arraigamento destes nos escolares galegos.

b) Os servizos de deporte provinciais cederán ao centro educativo un lote de material en concepto de préstamo consistente en expositores para colocar no centro escolar, baúl de xogos e fichas explicativas de cada xogo.

c) Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Grao de participación no programa Xogade.

– Posibilidade xeográfica de realización.

– Repartición equitativa (solicitudes por provincia).

– A non realización da actividade en anos anteriores.

– Orde de inscrición.

1.7. Educación, deporte e valores.

a) O obxecto desta actividade é traballar os valores que ten de seu o deporte como o traballo en equipo, o respecto polo compañeiro, a delegación de tarefas, a corresponsabilidade, o esforzo en favor dun obxectivo común, o fomento da superación persoal..., valores todos eles que poden ser aplicables a todos os ámbitos da vida persoal e profesional dos nenos.

b) Actividade consistente nunha exposición itinerante polos centros educativos con material didáctico salientando os seguintes valores do deporte: respecto, igualdade, esforzo, non violencia, cooperación, diversión, xogo limpo, tolerancia e responsabilidade persoal.

c) Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Grao de participación no programa Xogade.

– Posibilidade xeográfica de realización.

– Repartición equitativa (solicitudes por provincia).

– A non realización da actividade en anos anteriores.

– Orde de inscrición.

1.8. Proxecto deportivo de centro-Centros activos e saudables.

a) O Proxecto deportivo de centro busca coordinar todos os esforzos da comunidade educativa dentro e fóra do horario lectivo e dentro e fóra do centro escolar para aumentar a actividade física saudable dos nosos escolares dentro do Plan Galicia saudable.

b) Empregaranse as ferramentas que nos ofrece o marco do Plan Proyecta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, como son: plataforma DAFIS, programa Máis e mellor actividade física, Móvete + e o Camiña/En bici á escola.

c) Este proxecto será xestionado pola Fundación do Deporte Galego.

1.9. Xogando co mar.

a) A Secretaría Xeral para o Deporte, conforme o artigo 3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, onde se establece como un dos principios reitores a consecución dunha práctica deportiva integrada nos valores de preservación e respecto do ambiente cun uso sustentable deste, continúa neste curso escolar con esta actividade que dá cabida a diferentes proxectos postos en marcha en diferentes puntos da nosa xeografía, coa finalidade de achegar os escolares galegos a un medio tan importante para a nosa comunidade autónoma como é o mar a través da práctica das modalidades deportivas de surf, remo e vela.

b) O denominador común destes proxectos será o emprego do mar, do surf, do remo e da vela, como instrumentos de xogo para traballar cos rapaces e rapazas contidos transversais a diferentes áreas, sempre promovendo e fomentando a actividade física na vida cotiá.

1.10. Actividades de tempada.

a) A Secretaría Xeral para o Deporte inclúe neste programa o apoio a aquelas actividades de curta duración.

b) Entran dentro desta epígrafe o Nada e corre e Correndo por Galicia.

c) Nada e corre dependerá totalmente da Federación Galega de Tríatlon. Consistirá en nado en piscina e carreira.

d) Correndo por Galicia busca apoiar as carreiras populares de gran tradición en Galicia e aquelas iniciativas de nova creación que fomentan o traballo de cooperación entre concellos.

e) Proporcionaráselles o seguro gratuíto 6-16 para que os escolares participen nas propostas deportivas da súa zona.

1.11. Actividades formativas.

a) Proporanse actividades de formación (cursos, charlas, coloquios, foros...) onde se traten temas de interese e se poñan en común as inquedanzas do colectivo que pon en práctica o deporte en idade escolar.

b) Utilizarase esta ferramenta para formar, difundir e fomentar os xogos e deportes tradicionais ou populares de Galicia, patrimonio cultural que se debe coidar.

1.12. Promoción da igualdade a través do deporte.

a) Nesta campaña tratarase de fomentar o deporte feminino a través de modelos xa recoñecidos, presentando as dificultades da alta competición desde a perspectiva da muller.

b) Constará dunha campaña divulgativa (escrita e audiovisual) e dunhas charlas en centros escolares nas cales deportistas de alto nivel recoñecido en Galicia analizarán a súa experiencia e as súas dificultades na súa vida deportiva.

2. Seguro federado de 6 a 16 anos.

2.1. A Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos independentemente da súa modalidade deportiva. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico-deportiva e os hábitos saudables.

2.2. A inscrición dos deportistas neste seguro deberán realizala as diferentes federacións, no momento de tramitación da licenza, a través da paxina web xogade.xunta.gal.