Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Mércores, 9 de novembro de 2016 Páx. 49805

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 17 de xuño de 2016 de aprobación da corrección de erro material na ficha de catálogo 05.018, rúa Uruguai 2-5, do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña.

O Concello da Coruña remite a corrección de erros referida, en solicitude da súa aprobación definitiva por esta consellería, en aplicación do procedemento establecido polo artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Logo de analizar a documentación achegada, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello da Coruña conta cun PXOM aprobado definitivamente con condicións por Orde desta consellería do 25 de febreiro de 2013.

2. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu o 27 de abril de 2015 autorizar as obras de rehabilitación da fachada do edificio situado na rúa Uruguai 2 a 5 da Coruña, edificio incluído no catálogo do Plan xeral da Coruña coa ficha número 05-018, con base no informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico Galego da Coruña do 15 de abril de 2015, que sinala: «da análise das determinacións do plan xeral dedúcese claramente que as fachadas principais, tanto pola súa composición e calidade construtiva como polo material empregado, foron determinantes para a protección do edificio. Porén, esta comisión entende que a protección destes edificios, que se centra nos valores construtivos das fachadas, parte dun erro xa que a realidade é que estas fachadas non están executadas en ladrillo visto de xeito similar á arquitectura madrileña, senón que a realidade é que se trata dun aplacado cerámico de imaxe semellante ao ladrillo visto pero que, como se pode comprobar, emprega unha solución construtiva totalmente diferente. Por outra banda, queda xustificada na documentación achegada a situación de gran deterioración do edificio que precisa unha urxente reparación».

«En consecuencia, visto o expediente e os correspondentes informes dos servizos técnicos, a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico Galego da Coruña (...), por maioría dos vogais presentes nesta reunión (...), acorda emitir informe favorable sobre as obras solicitadas coa condición de que o concello previamente tramite o expediente oportuno coa finalidade de corrixir a ficha do catálogo en que constan datos erróneos nos cales se fundamenta para o nivel de protección».

3. No expediente consta informe municipal do 11 de marzo de 2016, do xefe do Departamento de Planeamento e do xefe do Servizo de Planeamento e Xestión do Solo, favorable á corrección.

4. O Concello Pleno aprobou o 9 de maio de 2016 o documento de corrección de erros.

II. Obxecto e descrición da corrección de erros.

1. A corrección de erros, formulada polo Concello da Coruña, afecta a ficha número 05-018 do catálogo do plan xeral, nas seguintes liñas:

a) Materiais de fachada e caracteres singulares: substitúese a referencia ao ladrillo visto pola do aplacado de pezas cerámicas.

b) Estado de conservación: substitúese a referencia de bo pola de deficiente.

III. Análise e consideracións.

A corrección proposta afecta tres elementos informativos da ficha 05.018 do catálogo do plan xeral que, de conformidade coa resolución da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria arriba citada, eran erróneos. O documento corrixe a información contida na ficha para adecuala ao estado real da edificación, sen alterar de ningún modo as determinacións de ordenación (nivel de catalogación, norma zonal...), polo que o alcance de fondo do documento tramitado é, efectivamente, o da corrección dun erro material na ficha.

O artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, dispón que as administracións públicas poderán rectificar, en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos, existentes nos seus actos.

O acto de aprobación definitiva do PXOM da Coruña foi ditado mediante a Orde do 25 de febreiro de 2013 do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establecía a estrutura orgánica da CMATI.

IV. Resolución.

En consecuencia, nos termos establecidos no artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro,

RESOLVO:

1. Aprobar a «Corrección de erro material na ficha de catálogo 05.018 rúa Uruguai, 2-5 do PXOM da Coruña».

2. Notifíqueselle esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio