Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2016 Páx. 51336

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de novembro de 2016, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade da modificación das bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas ás que se prestarán servizos de tutela en materia de responsabilidade social empresarial, a través do programa Responsabilízate.

Con data do 11 de xullo de 2016, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 21 de xuño de 2016 pola que se dá publicidade das bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas ás cales se prestarán servizos de tutela en materia de responsabilidade social empresarial, a través do programa Responsabilízate, e procedeuse á súa convocatoria.

Durante o período de solicitude de participación, diversas organizacións, tanto empresariais como sociais e académicas, fixeron achegas e suxestións baseadas na necesidade de ampliar o alcance do referido programa Responsabilízate e chegar a un maior número de pequenas e medianas empresas de Galicia, así como a autónomos con persoas traballadoras ao seu cargo, formándoas e informándoas sobre o alcance da responsabilidade social empresarial (RSE) para velar pola satisfacción e o cumprimento das expectativas de todos os grupos de interese con que interactúa.

Por este motivo, mediante esta nova resolución, preténdese flexibilizar o acceso a este programa para poder chegar así a un maior número destas pemes e autónomos, que conforman o tecido económico e social actual de Galicia, simplificando o proceso de selección das beneficiarias ás cales se lles prestarán servizos de diagnose da súa situación en materia de RSE, formación e implantación das primeiras accións de RSE.

A Secretaría Xeral de Emprego é competente para resolver en materia de responsabilidade social empresarial en virtude do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

En exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Emprego pretende impulsar a implantación da RSE no tecido empresarial galego, a través, entre outras medidas, do establecemento do programa Responsabilízate.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar os artigos 2, 4 e 8 das bases reguladoras que rexerán a selección de pemes ás cales se prestarán servizos de tutela en materia de responsabilidade social empresarial (RSE), en virtude do programa Responsabilízate, que ten como obxectivo axudar as pemes e as persoas autónomas con traballadores e traballadoras ao seu cargo a seren autónomas na implantación da RSE como parte do seu modelo de negocio.

Segundo. Ás solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 21 de xuño de 2016, seranlles de aplicación os requisitos e demais modificacións establecidos nesta nova resolución.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2016

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Modificacións introducidas nas bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas ás cales se prestarán servizos de diagnose da situación ou posibilidades da RSE, formación e acompañamento na definición dun plan de acción e implantación das primeiras medidas, a través do programa Responsabilízate, aprobadas pola Resolución do 21 de xuño de 2016 (DOG número 130, do 11 de xullo).

Primeira. Beneficiarias

O artigo 2. Beneficiarias queda redactado do seguinte xeito:

1. Poderán ser beneficiarias destes servizos as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas autónomas con persoas traballadoras ao seu cargo, que teñan radicado o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.

2. Ademais do especificado no punto anterior, as pemes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.

b) Que non superen os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou o seu balance anual sexa inferior a 43 millóns de euros.

c) Non seren entidades sen ánimo de lucro.

Segunda. Prazo e documentación

O artigo 4. Prazo e documentación queda redactado do seguinte xeito:

1. O prazo estará aberto ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria.

2. As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura como anexo a esta resolución, xunto coa fotocopia compulsada do DNI ou NIE da persoa representante da entidade, no caso de que non se autorice expresamente a comprobación dos datos por medio de acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade segundo o establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro.

Terceira. Tramitación

O artigo 8. Tramitación queda redactado do seguinte xeito:

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Secretaría Xeral de Emprego comprobará se cada solicitude presentada coa súa correspondente documentación reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta, requirirase a entidade interesada para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución.

2. As solicitudes serán atendidas por estrita orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

3. Unha vez cuberto o número de prazas máximo, pecharase a inscrición, o que será comunicado a través da páxina web https://rse.xunta.es e na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. A comunicación ás empresas que sexan admitidas neste programa realizarase no momento en que estean cubertas as prazas máximas existentes e a listaxe destas farase pública, mediante resolución, a través da páxina web https://rse.xunta.es

5. Debido á limitación na dotación orzamentaria, unha vez recibido o informe elaborado no período de diagnose e formación pola entidade responsable de realizar esta primeira fase, seleccionaranse as empresas que accederán aos servizos do plan de acción e implantación (sinalados na letra c do artigo 3). A inclusión nesta última fase será comunicada ás empresas beneficiarias pola Secretaría Xeral de Emprego e estas deberán responder dando a súa conformidade en participar.

6. Aquelas empresas que, por motivos orzamentarios, non poidan seren atendidas nesta edición do programa Responsabilízate serán incluídas nunha bolsa para futuras actuacións en materia de RSE.

missing image file
missing image file