Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 30 de decembro de 2016 Páx. 56991

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 23 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica e se convocan para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 326961.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na base de datos nacional de subvencións:

(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Dentro dos límites orzamentarios e, de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas, físicas ou xurídicas, así como as sociedades civís e comunidades de bens –ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia–, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, quedando exceptuadas as asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

No suposto da modalidade 1 (empresas de nova creación), ademais dos requisitos anteriores, é preciso que a antigüidade da compañía non sexa superior aos 5 anos.

Segundo. Finalidade

Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción da produción da actividade escénica, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para este ano 2017.

As modalidades de subvención que comprende esta convocatoria son as que seguen:

• Modalidade 1. Subvencións á produción de espectáculos de empresas de nova creación, e con proxectos que non superen os 20.000 euros de orzamento.

• Modalidade 2. Subvencións á produción de espectáculos de pequeno formato, que son aqueles compostos por un máximo de tres actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 30.000 euros de orzamento.

• Modalidade 3. Subvencións á produción de espectáculos de mediano formato, que son aqueles compostos por entre catro e sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 60.000 euros de orzamento.

• Modalidade 4. Subvencións á produción de espectáculos de gran formato, que son aqueles compostos por máis de sete actores, actores-manipuladores, bailaríns ou músicos en escena, e que non superen os 80.000 euros de orzamento.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 23 de decembro de 2016 pola que se aproban as bases de subvencións á produción escénica, e se convocan para o ano 2017.

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións anteriormente detalladas será de 600.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, distribuído entre as anualidades 2017 e 2018: 100.000 euros con cargo ao exercicio 2017, e 500.000 euros con cargo ao exercicio 2018.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2016

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais