Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Mércores, 4 de xaneiro de 2017 Páx. 351

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 1 de decembro de 2016 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Xinzo de Limia, para o recoñecemento de solo urbano no Camiño da Cerámica.

O Concello de Xinzo de Limia remite novamente o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Xinzo de Limia, e vista a proposta literal que en data do 20.11.2016 eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Xinzo de Limia dispón actualmente de Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 12.5.2003, con dúas modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

• O 20.8.2013 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter a avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual (DOG do 16 de setembro).

• Constan informes municipais: técnico, do 21.1.2014; e xurídico, do 27.1.2014, emitidos ao abeiro do disposto no artigo 85.1 da LOUG.

• O 2.4.2014 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, cunha serie de consideracións.

• Consta novo informe municipal técnico, do 27.6.2014.

• O Concello Pleno do 4.7.2014 aprobou inicialmente a modificación puntual; e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios nos diarios La Región, do 10.9.2014, e La Voz de Galicia, do 11.9.2014, e no DOG do 20 de agosto. Notificouse aos municipios limítrofes de Trasmiras, Xunqueira de Ambía, Cualedro, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Os Blancos, Baltar, Porqueira, Sarreaus e Sandiás. Durante o período de exposición ao público foi presentada unha alegación. Non constan alegacións dos municipios limítrofes.

• Consta informe favorable, do 15.10.2014, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

• Consta informe desfavorable, do 30.10.2014, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; e informe favorable, do 22.12.2014, cunhas condicións que se deban cumprir.

• Consta informe favorable, do 10.3.2015, da Subdirección General de Redes y Operadores de Telecomunicaciones do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Consta informe favorable, do 27.7.2015, da Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico (Augas de Galicia).

• Constan novos informes técnico, do 16.10.2015, e xurídico, do 19.10.2015.

• O Concello Pleno do 3.11.2015 acordou desestimar a alegación presentada e aprobar provisionalmente a modificación puntual.

• O 4.2.2016 a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ditou orde de non outorgar a aprobación definitiva da modificación. O concello debe redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas na citada orde.

• Constan novos informes municipais técnico (18.4.2016) e xurídico (20.4.2016).

• O Concello Pleno do 28.4.2016 aprobou as correccións do proxecto de «Modificación puntual do PXOM de Xinzo de Limia para o recoñecemento de solo urbano no camiño da Cerámica» e ratificou a aprobación provisional acordada polo Pleno municipal do 3.11.2015.

• O Concello Pleno do 29.8.2016, aprobou as correccións de erro material que afectaban os puntos 3.4.1.5.2 e 3.4.2.4.2 da memoria.

II. Análise da modificación puntual.

II.1. O ámbito de actuación de 14.029,72 m2 está situado ao norte da rúa Camiño da Cerámica. O PXOU vixente aprobado definitivamente o 20.5.1985 clasifícao parcialmente como solo urbano, coas ordenanzas de ensanche para conservar e ensanche para remodelar, e no resto como urbanizable programado, con ordenanza de residencial mixto extensivo.

II.2. Os obxectivos da modificación son reparar un defecto obxectivo de ordenación, clasificando o solo conforme aos criterios da LOUG; protexer a cheminea da antiga fábrica de cerámica como elemento patrimonial e preservar a titularidade pública do solo da rede viaria e da praza, así como as redes dos servizos existentes.

II.3. A modificación puntual clasifica a totalidade do ámbito de actuación como solo urbano. Asigna a categoría de solo urbano consolidado a 2.635,71 m2, nos cales serán de aplicación as ordenanzas MA –cuarteirón aberto Camiño da Cerámica–, MC –Ordenanza 4ª do PXOM, cuarteirón pechado–, EL –Ordenanza 10ª do PXOM, zonas verdes– e rede viaria. E asigna a categoría de solo urbano non consolidado, delimitando unha unidade de actuación, a 11.394,01 m2, en que serán de aplicación as ordenanzas OA –Ordenación Aberta Camiño da Cerámica–, MA –cuarteirón aberto Camiño da Cerámica–, Q –Ordenanza 9ª do PXOM, equipamentos e dotacións–, EL –Ordenanza 10ª do PXOM, zonas verdes– e rede viaria.

II.4. No documento modificado corrixiuse a redacción dada ás ordenanzas 3.4.1 –norma zonal cuarteirón aberto Camiño da Cerámica MA– e 3.4.2 –norma zonal ordenación aberta Camiño da Cerámica OA– da modificación puntual, no referente ás condicións de edificación e ás construcións permitidas por encima da altura máxima de edificación, non permitindo o aproveitamento baixo cuberta dos diferentes subámbitos, excepto no subámbito MA(a)014. Suprimiuse o aproveitamento baixo cuberta no cadro de aproveitamentos en solo urbano non consolidado asignado ao subámbito OA012, en consonancia cos datos do cadro de repartición superficial e edificabilidades asignados ao mesmo subámbito.

II.5. Así mesmo, no cadro de repartición superficial e edificabilidades completáronse os datos do solo urbano consolidado e corrixiuse o cadro de aproveitamento en solo urbano non consolidado, ademais dos outros erros observados.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG; o artigo 3.a) do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 167/2015, de 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva da «Modificación puntual do PXOM de Xinzo de Limia para o recoñecemento de solo urbano no Camiño da Cerámica», de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do Medio Rural de Galicia.

2. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1de decembro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio