Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 20 de xaneiro de 2017 Páx. 3250

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 328986.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As entidades locais que desenvolvan proxectos de accesibilidade e sinalización de recursos turísticos nas zonas rurais de Galicia, que se relacionan a seguir:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

Fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural para a consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

Son subvencionables as actuacións de mellora da accesibilidade e da sinalización nos seguintes recursos:

a) Miradoiros e outros espazos de interese paisaxístico.

b) Praias marítimas, fluviais, encoros, fervenzas...

c) Bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia regulados na Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

d) Sendeiros galegos homologados pola Federación Galega de Montañismo e as actuacións necesarias pra acadar esta homologación.

e) Rutas en centros BTT de Galicia pertencentes á rede da Xunta de Galicia e as actuacións necesarias para a inclusión nesta rede.

f) Rutas e infraestruturas de interese turístico.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Contía de 2.018.123 €, aplicación orzamentaria 04 A2 761A 760.0, proxecto 2016 00002.

Deste crédito total, 1.333.333 € está cofinanciado nun 75 % por fondos Feader, nun 7,5 % con fondos do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e nun 17,5 % con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Prazo de xustificación da subvención

O prazo de xustificación da subvención será o 1 de outubro de 2017.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2016

Mª Nava Castro Domínguez
Directora da Axencia Turismo de Galicia