Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 23 de febreiro de 2017 Páx. 9032

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Consumo

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión dunha bolsa de formación para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, e se procede á súa convocatoria para o ano 2017.

O artigo 51.2º da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán a información e máis a educación dos consumidores e usuarios, fomentarán as súas organizacións e oirán estas nas cuestións que poidan afectarlles a aqueles, nos termos que a lei estableza.

O artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma, nos termos do previsto nos artigos 38, 131 e 149.1.11ª e 13ª da Constitución, a competencia exclusiva en materia de defensa do consumidor e usuario.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, como organismo coas competencias en materia de consumo, con sede en Santiago de Compostela

A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, no seu capítulo VIII do título I regula a audiencia, consulta e representación dos consumidores. A dita lei, no seu artigo 11.e), establece como un dereito dos consumidores a representación dos seus intereses a través das organizacións de consumidores legalmente constituídas e a audiencia en consulta e a participación destas no procedemento de elaboración das disposicións xerais que os afecten directamente na forma que legalmente se estableza.

Por iso se crea, a través do Decreto 127/1998, do 23 de abril, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios, como órgano de representación e consulta dos consumidores e usuarios. O Consello Galego de Consumidores e Usuarios desempeñará a representación institucional das organizacións e asociacións de consumidores e usuarios, ante a Administración autonómica ou outras entidades e organismos de carácter autonómico. O dito consello estará adscrito á consellería competente en materia de consumo e terá a súa sede, en virtude do artigo 3 da Orde do 25 de maio de 2000 pola que se ratifica o Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, nos servizos centrais do Instituto Galego de Consumo en Santiago de Compostela.

Entre as función que desempeña o dito consello están as de coñecer e emitir informes sobre os proxectos de disposición de carácter xeral que afecten directa ou indirectamente os consumidores e usuarios, salvo que as asociacións de consumidores e usuarios estean representadas nos órganos colexiados de elaboración deles; presentar propostas e suxestións ao Instituto Galego de Consumo, en materia de defensa do consumidor e usuario, e promover estudos e traballos de investigación en materia de consumo.

Unha das formas de contribuír á defensa dos consumidores e usuarios dunha forma efectiva é a través da formación na materia, de profesionais do máis amplo espectro, de forma que poidan aplicar os coñecementos adquiridos a través da dita formación, no exercicio das súas respectivas profesións.

Para acadar o obxectivo anteriormente sinalado, o artigo 49 da Lei 2/2012 habilita a Administración competente en materia de consumo para a elaboración de plans e programas de actuación conducentes ao impulso do tratamento da educación para o consumo nos diferentes niveis e etapas do ensino regrado.

Coa finalidade de que as persoas que teñan unha titulación universitaria de licenciado/a ou de grao no ámbito do dereito poidan complementar os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, e de facilitar a formación directa de futuros docentes en materia de consumo responsable, o Instituto Galego de Consumo convoca unha bolsa de formación no Instituto Galego de Consumo para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios, de xeito que se posibilite a incorporación ao mercado laboral de profesionais no eido do ensino capacitados para dar cumprimento ao mandato constitucional de garantir a formación e a educación das persoas consumidoras e usuarias.

Abórdase así a necesidade de pór en marcha esta actuación formativa desde una dobre perspectiva. Por un lado, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral, e por outra banda, neste contexto de crise económica, posibilitar aos/ás mozos e mozas con titulación universitaria de licenciado/a ou de grao obter unha formación práctica no eido da educación sobre consumo responsable que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste senso, por medio desta resolución establécense as bases da convocatoria dunha bolsa de formación no Instituto Galego de Consumo para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios para o ano 2017.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 2 de decembro de 2016.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta resolución enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 existen nas aplicacións 09.80.613A.481.0 e 09.80.613A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 10.800,00 € e 500,00 €, respectivamente, para atender a bolsa de formación da presente resolución.

Por outra banda, coa finalidade de que a persoa adxudicataria da bolsa poida comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión da bolsa pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de unha bolsa de formación no Instituto Galego de Consumo da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.

2. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 11.300,00 €, que se imputará ás aplicacións 09.80.613A.481.0, «axudas e convenios para as organizacións de consumidores» (10.800,00 €), e 09.80.613A.484.0, «cotas Seguridade Social bolseiros» (500,00 €), dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2017, e que se destinará ao pagamento da persoa bolseira e das cotas da Seguridade Social.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 500,00 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte do Instituto Galego de Consumo por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario/a da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida ao Instituto Galego de Consumo axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Instituto Galego de Consumo, encadrado na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Instituto Galego de Consumo, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Avenida de Gonzalo Torrente Ballester, 1-3-5, baixo, 15707, Santiago de Compostela, A Coruña, ou a través dun correo electrónico a igc.informacion@xunta.gal.

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 6 Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN118A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Instituto Galego de Consumo, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do Instituto Galego de Consumo: http://consumo.xunta.gal.

b) Nos teléfonos 981 54 55 45 e 981 54 54 16 do Instituto Galego de Consumo.

c) No enderezo electrónico cooperacion.igc@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a presidenta do Instituto Galego de Consumo para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2016

Sol Mª Vázquez Abeal
Presidenta do Instituto Galego de Consumo

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, dunha bolsa de formación para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios para o ano 2017

Artigo 1. Obxecto e duración da bolsa de formación

1. A bolsa de formación no Instituto Galego de Consumo para o programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios ten como obxectivo contribuír á formación práctica de titulados superiores en materia de consumo.

2. A bolsa que se convoque desenvolverase dentro do programa de traballo do Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

3. O programa de formación incluirá a colaboración nas actividades do Consello Galego de Consumidores e Usuarios e nas súas tarefas conexas, como a elaboración de estudos, a participación no desenvolvemento das funcións atribuídas ao dito órgano, a actualización da bases de datos e a intervención na preparación daqueles informes que o Consello Galego de Consumidores e Usuarios deba emitir no exercicio das súas funcións. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas actividades realizadas no Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

4. Así mesmo, o Consello Galego de Consumidores e Usuarios nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverá a/o bolseiro/a.

5. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2017 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación da persoa bolseira ata o 30 de decembro de 2017.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión desta bolsa destínase un crédito de 11.300,00 €, que se imputará ás aplicacións 09.80.613A.481.0, «axudas e convenios para as organizacións de consumidores» (10.800,00 €), e 09.80.613A.484.0, «cotas Seguridade Social bolseiros» (500,00 €), dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2017, e que se destinará ao pagamento da persoa bolseira e das cotas da Seguridade Social. O importe da bolsa non excederá a cantidade de 10.800,00 €.

2. O procedemento de concesión desta bolsa tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Requisitos da persoa beneficiaria

Poderán optar á concesión desta bolsa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliados/as na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a ou de grao en Dereito. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2007 ou posterior. Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais deberán estar homologados ou recoñecidos e producir plenos efectos xurídicos na data de presentación da solicitude.

d) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

e) Non gozar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

f) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

g) Non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

Artigo 4. Condicións e incompatibilidades

1. A persoa adxudicataria adquire exclusivamente a condición de bolseira, coas obrigas e dereitos dela e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción desta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 5. Dotación económica

A bolsa estará dotada cun importe máximo de 10.800,00 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 900 euros por mes.

Artigo 6. Centro de destino e xornada

A formación terá lugar nas dependencias dos servizos centrais do Instituto Galego de Consumo en Santiago de Compostela, e realizarase preferentemente en xornada de mañá.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión da bolsa presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da resolución de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse o orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) DNI da persoa solicitante e certificado de empadroamento, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

b) Documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Título académico, só no caso de denegar expresamente a súa consulta. No caso de títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, será necesario presentar o documento orixinal ou unha copia compulsada.

d) Certificación académica persoal de carácter oficial en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

e) Currículo da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. A documentación complementaria poderá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, así como a lista de reserva, e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Órganos competentes

O Instituto Galego de Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da bolsa e correspóndelle á presidenta do Instituto Galego de Consumo ditar a correspondente resolución.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.3 das bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 40, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsella, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 40 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

A comisión de valoración estará integrada pola persoa titular da Xerencia do Instituto Galego de Consumo, o/a director/a técnico/a da Escola Galega de Consumo do Instituto Galego de Consumo e o/a xefe/a do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo.

3. A comisión de valoración constituirase na sede do Instituto Galego de Consumo. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección terceira do capítulo II do título preliminar da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 12. Procedemento de selección e criterios de valoración

1. Para a concesión da bolsa realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de 20 puntos.

3. A primeira fase valorarase de 0 a 18 puntos. A puntuación mínima exixida para pasar á segunda fase é de 6,75 puntos. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

a) Titulación. Por estar en posesión do título universitario de licenciado/a ou de grao en Dereito, 2 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

b) Expediente académico. Pola nota media obtida no título con que concorre:

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica.

c) Outras titulacións. Por estar en posesión doutros títulos universitarios de licenciado/a ou de grao, 1 punto por cada un, cun máximo de 2 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Formación complementaria recibida. Un máximo de 7 puntos conforme o seguinte baremo:

1º. Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados, 1 punto. Por cada curso de experto/a ou especialista universitario, 0,70 puntos. A puntuación máxima desta epígrafe é de 3 puntos. Os ditos estudos deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

2º. Por cada curso de formación en materia de consumo, documentación, administración pública ou informática: desde un mínimo de 20 horas ata un máximo de 50 horas, 0,20 puntos; de máis de 50 horas e ata 100 horas, 0,40 puntos; de máis de 100 horas, 0,60 puntos, ata un máximo de 3 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

3º. Por coñecemento de idiomas: 0,50 puntos por cada un, cun máximo de 1 punto.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

4. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase na páxina web do Instituto Galego de Consumo unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte ao da exposición na páxina web. Non se terá en conta, neste prazo de reclamacións, a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións publicarase na páxina web do Instituto Galego de Consumo a lista definitiva coa puntuación obtida na primeira fase e convocarase os aspirantes que obteñan un mínimo de 6,75 puntos na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, indicando a data e a hora de realización da entrevista.

5. A segunda fase consistirá nunha entrevista que se valorará de 0 a 2 puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante publicación na páxina web do Instituto Galego de Consumo, a realizaren unha entrevista persoal coa comisión de valoración, na sede do Instituto Galego de Consumo en Santiago de Compostela, na cal se valorará a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa. De non se presentar á entrevista, entenderase que o/a aspirante renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

Logo de realizar as entrevistas, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatas/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web http://consumo.xunta.gal

6. Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 13. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución

1. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de valoración elevaralle á presidenta do Instituto Galego de Consumo a persoa proposta, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 12, e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia.

2. A presidenta do Instituto Galego de Consumo ditará resolución mediante a cal se adxudicará a bolsa á persoa que obtivese maior puntuación. A dita resolución será publicada na web http://consumo.xunta.gal e notificada á persoa adxudicataria, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións que se practiquen nos procedementos habilitados nesta norma deberán realizarse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público, salvo que estén obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite e seguirá o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.

Artigo 16. Aceptación ou renuncia

1. Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, a/o bolseira/o deberá comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles.

2. Transcorrido o dito prazo, se a/o beneficiaria/o non se declara en ningún sentido, entenderase que acepta a bolsa.

3. No caso de que a/o adxudicataria/o non acepte a bolsa ou non se poida incorporar por calquera outro motivo, poderá ser substituída/o polas persoas que figuren na listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 17. Pagamento da bolsa

1. O pagamento da bolsa realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida a certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), o/a beneficiario/a da bolsa queda exento/a da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no número anterior e da presentación do documento que se sinala na letra c) do artigo 19 e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos xestionaraos a Habilitación do Instituto Galego de Consumo, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Artigo 18. Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. A presidenta do Instituto Galego de Consumo, logo de proposta motivada da xefatura do Servizo de Información, Cooperación e Fomento do Instituto Galego de Consumo, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

5. Á persoa beneficiaria da bolsa regulada nestas bases seralle de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non é expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Obrigas da persoa beneficiaria

A persoa beneficiaria da bolsa terá as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da concesión.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

c) Presentar, coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III. Así mesmo, deberán presentar a dita declaración antes de cada pagamento mensual.

d) Presentar, tamén coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Comunicarlle a súa renuncia ao Instituto Galego de Consumo con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

f) Comunicarlle ao Instituto Galego de Consumo a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

g) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como bolseira/o.

h) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine o Consello Galego de Consumidores e Usuarios. Así mesmo, deberá asistir ás actividades que o dito órgano considere convenientes para a súa formación.

i) Presentar ante o Instituto Galego de Consumo, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas, en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

j) Presentar, no momento de aceptar a bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa.

k) Os becarios deberán incorporarse á bolsa na data sinalada na súa concesión e cumprirán un horario de trinta e cinco horas semanais, de acordo coa distribución que lles sinale o Consello Galego de Consumidores e Usuarios.

l) Os bolseiros gozarán dun período de vacacións de vinte e dous días hábiles ou tempo proporcional ao período de desfrute da bolsa.

m) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Natureza xurídica da relación

1. A condición de beneficiaria/o desta bolsa non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social, será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

Artigo 22. Control e publicidade

1. Esta bolsa estará sometida á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

missing image file
missing image file
missing image file