Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 1 de marzo de 2017 Páx. 10437

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames ordinarios teóricos e prácticos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido na Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro) o Real decreto 259/2002, do 8 de marzo, polo que se actualizan as medidas de seguridade na utilización das motos náuticas (BOE núm. 61, do 12 de marzo), e no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), esta dirección xeral no uso das facultades que lle confire o Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 221, do 19 de novembro) resolve convocar os exames teóricos e prácticos ordinarios para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, capitán/capitá de iate, patrón/patroa de moto náutica A e patrón/patroa de moto náutica B, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer os requisitos para acceder as probas ordinarias teóricas e prácticas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017.

2. Normas xerais.

Os exames teóricos e prácticos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007, pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo pesqueiras e náutico deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

3. Idade mínima.

O título de patrón//patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos de idade no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito do consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Para obter calquera das outras titulacións náuticas de lecer os/as interesados/as deberán ter cumpridos os 18 anos de idade no momento no que se realicen as probas para a obtención destes títulos.

4. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para presentarse aos exames teórico e prácticos.

Os/as candidatos/as solicitarán a súa admisión ao exame teórico ou práctico mediante unha solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde realizará o exame e que figura como anexo I (procedemento PE616C).

As persoas interesadas deben achegar coa solicitude a seguinte documentación para poder presentarse aos exames teórico e prácticos:

a) Recoñecemento psicotécnico, no caso de que sexa necesario, de acordo co disposto no anexo VIII do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Non será necesario achegar o recoñecemento psicotécnico se transcorreu un período menor de dous anos desde a data de obtención ou renovación de calquera título, ou desde a realización de calquera outro exame de titulacións náuticas de lecer.

b) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan cumpridos os 16 anos de idade, no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

c) Acreditar o pagamento das taxas.

Segundo o establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (BOE núm. 12, do 14 de xaneiro de 2004) e na 1/2017, do 8 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2017 (DOG núm. 28, do 9 de febreiro) as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

c.1. Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 29,74 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 38,29 €.

– Patrón/patroa de iate: 53,64 €.

– Capitán/capitá de iate: 65,09 €.

– Patrón/patroa de moto náutica A ou B: 28,89 €.

c.2. Exames prácticos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 74,33 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 74,33 €.

– Patrón/patroa de iate: 111,50 €.

– Capitán/capitá de iate: 111,50 €.

– Patrón/patroa de moto náutica A ou B: 83 €.

d) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame teórico ou práctico de seguridade e navegación de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate deberán achegar copia de estar en posesión do título anterior, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame teórico complementario do patrón/patroa de embarcacións de lecer, deben achegar tamén coa solicitude unha copia de estar en posesión do título ou do certificado de exame de patrón/patroa para navegación básica, obtido de acordo ao especificado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

De presentar o certificado de exame ten que estar expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia e soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. A este efecto, as convocatorias extraordinarias serán computadas como ordinarias.

f) Os/as candidatos/as que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e teñan superado un dos módulos que conforman o exame teórico de acordo ao regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, deberán achegar copia do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia e soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. A este efecto, as convocatorias extraordinarias serán computadas como ordinarias.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, acreditar por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. Comprobación de datos.

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Consulta do DNI ou NIE do/da solicitante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

6. Achega de solicitudes.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes de inicio. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo II, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar http://mar.xunta.gal/gl/o-mar/investigacion-e-formacion/formacion/informacion-do-alumnado e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino pesqueiro, dando un prazo de 10 días hábiles para que as persoas excluídas poidan emendar as deficiencias, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Protección de datos.

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Titulacións», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico á sxt.mar@xunta.gal

8. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos e prácticos, así como os lugares onde se realizarán aparecen indicados no anexo II.

No caso de non presentarse ao exame non dará lugar ao cambio ou a devolución da matrícula.

9. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas, e indicará as horas dos exames no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

10. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Realizadas as probas de seguridade e navegación do exame práctico o/a presidente/a do tribunal comunicará aos/ás interesados/as o resultado destas coa cualificación de apto/a ou non apto/a.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar. Tamén publicarán nos mesmos sitios os resultados das probas prácticas de seguridade e navegación.

Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas e outra coas persoas que superaron as probas prácticas de seguridade e navegación. Estas resolucións serán publicadas no taboleiro de anuncios do centro e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento, estarase ao disposto no artigo seguinte.

11. Notificacións para actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento.

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa para navegación básica, son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

Os temarios correspondentes para obter a titulación de patrón/patroa de motonáutica A e B, están recollidos no anexo I e II do Real decreto 259/2002, do 8 de marzo.

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no anexo III da Resolución do 16 de xaneiro de 2017, da Dirección Xeral da Marina Mercante, pola que se convocan para o primeiro trimestre de 2017, exames teóricos ordinarios para a obtención das titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas.

15. Recursos.

Contra as resolucións do/da presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2017

Susana Rodríguez Carballo
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file

ANEXO II

Convocatoria de maio de 2017.

Matrícula: do 27 de marzo ao 18 de abril de 2017, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

22 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf.: 886 11 08 25/886 11 08 26)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf.: 881 93 82 12/881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf.: 881 86 63 17/881 86 63 24)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

23 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

24 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

25 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Patrón/patroa de moto náutica A ou B

29 de maio

29 de maio

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Convocatoria de setembro de 2017.

Matrícula: do 20 de xullo ao 10 de agosto de 2017, ambos inclusive.

Titulación

Exame teórico

Exame práctico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos
e prácticos

Patrón/patroa para navegación básica

11 de setembro

15 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo (avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléf.: 886 11 08 25/886 11 08 26)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol (r/ 19 de febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléf.: 881 93 82 12/881 93 82 13)

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira (r/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléf.: 881 86 63 17/881 86 63 24)

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

12 de setembro

15 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

13 de setembro

15 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

14 de setembro

15 de setembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo