Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 9 de marzo de 2017 Páx. 11992

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 22 de decembro de 2016, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores de internacionalización e facultou o director xeral para a súa convocatoria para o exercicio 2017, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro

Publicar as bases reguladoras das axudas á contratación de xestores de internacionalización e convocar para o exercicio 2017 as ditas axudas en réxime de concorrencia competitiva.

Estas axudas están cofinanciadas ao 80 % co Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e, en particular:

Obxectivo temático 08: promover a substentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

Prioridade de investimento 08.01: facilitar o acceso ao emprego dos desempregados ou persoas inactivas, incluíndo as persoas paradas de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral.

Obxectivo específico 08.01.05: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego.

Campo de intervención 102: acceso ao emprego dos solicitantes de emprego e persoas inactivas, incluídos desempregados de longa duración e persoas afastadas do mercado laboral, incluídas as iniciativas locais de emprego e o apoio á mobilidade laboral. Actuación: adquisición de competencias profesionais.

Así mesmo, de acordo co previsto no artigo 106 da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficacia, esta orde recolle medidas de apoio ao colectivo de mozos que estean inscritos na lista única de demanda do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte de publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará transcorridos dous meses desde a dita data.

Terceiro

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria, polos seguintes importes e coa seguinte distribución plurianual:

Importes en euros

Partida orzamentaria: 09.A1.741A

Nº conta:

4705

2017

200.000 €

2018

300.000 €

Total

500.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar o crédito, logo de declaración de dispoñibilidade dos créditos, nos supostos e termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto

Subvenciónanse contratos formalizados a partir da data de solicitude de axuda. O período de contratación subvencionable é o comprendido dentro do prazo de execución, entre a data de solicitude da axuda e o 31 de agosto de 2018.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución definitiva será o 31 de xullo de 2017, transcorrido o cal, poderase entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O beneficiario deberá presentar a primeira solicitude de pagamento no prazo de 10 días hábiles unha vez cumpridos os 6 primeiros meses de execución do contrato do xestor (correspondente a 6 mensualidades), e unha segunda solicitude de pagamento no prazo de 10 días hábiles unha vez cumprido o tempo restante da contratación do xestor ou xestores con data límite da última solicitude de pagamento do 10 de setembro de 2018.

Quinto

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Sexto

Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2017

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a contratación de xestores
de internacionalización cofinanciadas polo Fondo Social Europeo no marco
do programa operativo FSE Galicia 2014-2020

O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), en liña coas funcións que ten encomendadas como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia para impulsar o desenvolvemento competitivo do sistema produtivo galego, está levando a cabo unha serie de accións no ámbito exterior desde o apoio á formación de capital humano especialista no eido internacional, o apoio ás empresas galegas no seu proceso de expansión exterior e a captación de investimentos estranxeiros cara a Galicia.

Na actual situación de forte índice de desemprego, é necesario aproveitar as oportunidades que xorden das accións de promoción económica para, ao mesmo tempo, impactar sobre o emprego. Por outro lado, as pemes galegas necesitan incorporar profesionais cualificados.

Por este motivo cómpre crear programas orientados a apoiar a peme que adoece de infraestructura necesaria para acometer un proceso de internacionalización pero que conta con potencial e produto ou servizo exportables. Para iso débese crear e fomentar a figura do xestor, tanto a tempo completo como tamén a tempo parcial, que poida traballar con máis dunha empresa ao mesmo tempo.

O programa de adquisición de competencias profesionais en que se encadran estas axudas achega coñecemento ás empresas en que se integran os profesionais e mellora a empregabilidade destes.

Un dos eixos da estratexia do Igape de internacionalización da empresa galega 2020 é o de promover unha cultura de internacionalización. E son obxectivos deste eixo: a formación de capital humano en internacionalización, proporcionarlle ao tecido empresarial recursos altamente especializados –con coñecemento dos mercados exteriores e de aspectos clave do comercio exterior– e impulsar a súa contratación como apoio aos directivos e mandos intermedios de empresas en proceso de expansión internacional.

O obxectivo específico 08.01.05 do programa operativo do Fondo Social Europeo 2014-2020 é o de mellorar a empregabilidade das persoas demandantes de emprego, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, primando as mulleres e os mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil e que constitúen o colectivo con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral e respecto aos cales a normativa de referencia será a establecida nos regulamentos (UE) nº 1303/2013 e 1304/2013 e no POEX 2014-2020, por medio da adquisición de competencias profesionais. As empresas que contraten estes profesionais desempregados e/ou sen experiencia laboral xogan un papel importante na súa formación e benefícianse tamén da súa participación nos diversos proxectos. O indicador de resultado deste obxectivo específico do FSE é: participantes que obteñen un emprego, incluído por conta propia, tras a súa participación.

O Igape vén desenvolvendo diversos programas de formación de especialistas no comercio internacional. Ademais, co fin de facilitarlle ao empresariado galego información sobre persoal con formación orientada á internacionalización empresarial, o Igape dispón dunha bolsa de xestores de internacionalización –publicada na súa web–, aberta a este tipo de especialistas.

O obxectivo destas bases é facilitar a incorporación ou reinserción ao mercado laboral de profesionais titulados con formación e/ou experiencia en comercio exterior, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización. Estas bases incorporan como vantaxe engadida a titorización do xestor a partir da resolución de concesión da axuda e ata a finalización do período de contratación subvencionable, mediante un profesional experto que, axudando o xestor no seu labor, axudará a empresa a levar a cabo un plan de internacionalización. O titor fará un informe final relativo ao traballo realizado con xestores.

As presentes bases son coherentes coa normativa comunitaria no eido da concesión e xustificación de axudas por medio dos custos simplificados, que ten por obxectivo a simplificación da xestión administrativa e das obrigas de xustificación impostas aos beneficiarios. Conforme o disposto no artigo 67, número 1, letra b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, estas bases acollen a utilización dun baremo estándar de custo unitario para a definición do custo subvencionable.

Estas bases compleméntanse, ademais, con outros programas coa mesma finalidade financiados con fondos propios do Igape: formación teórica de xestores de internacionalización (a efectos de ampliar a oferta de profesionais formados nesta materia) e formación práctica a través de bolsas de promoción exterior en organismos de Galicia e do estranxeiro.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é facilitar a incorporación ou reinserción no mercado laboral –de mozos/as profesionais e de profesionais sénior experimentados en situación de desemprego–, ao mesmo tempo que se apoian as pemes galegas no seu proceso de internacionalización. Póñense á disposición das pemes os profesionais con formación especializada, a subvención para a súa contratación e a titorización do xestor durante o período de contratación subvencionable.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño) e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

4. As subvencións previstas nestas bases estarán cofinanciadas nun 80 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 08, prioridade de investimento 08.01 e obxectivo específico 08.01.05, campo de intervención 102.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. As axudas outorgadas ao abeiro destas bases serán incompatibles con calquera outra axuda concedida para o mesmo concepto subvencionable.

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado. En todo caso, antes de conceder a axuda, solicitarase da empresa unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto, así como, se é o caso, das axudas recibidas en réxime de minimis nos derradeiros tres exercicios. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar, de ser o caso, ao inicio dun procedemento de reintegro.

3. Estas axudas quedarán sometidas ao réxime de minimis, nos termos establecidos nos regulamentos da UE citados no artigo 2.3, e non poderán superar os límites cuantitativos e por actividade establecidos polo dito réxime.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas, incluídos os autónomos/as, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014, da Comisión, incluídas as pemes con obxecto social destinado á prestación de servizos técnicos, comerciais ou loxísticos.

b) Que teñan o seu centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que teñan na data de publicación destas bases no DOG e, ata a data de liquidación da axuda destas bases, algún empregado por conta allea en Galicia distinto da contratación obxecto desta axuda.

e) As beneficiarias deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e non ser consideradas empresas en crise. Para os efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que para as pemes aparece no número 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014, da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

Artigo 5. Modalidades de contratación, custo subvencionable, contía e límites de axuda e criterios de avaliación e selección de solicitudes

1. Serán subvencionables contratos laborais por conta allea (baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento da contratación acordes á finalidade de axuda, excepto contratos de alta dirección), a tempo completo ou a tempo parcial (neste caso dunha duración mínima do 50 % da xornada laboral completa), de xestores da base de datos do Igape de xestores de internacionalización. Os contratos deben ser indefinidos ou temporais por un período mínimo de 15 meses ou polo tempo restante deses 15 meses, no caso de contratos de xestores substitutos dos iniciais.

No caso de contratos a tempo parcial, un mesmo xestor pode ser compartido -con contratos subvencionados por estas bases- por un máximo de dúas empresas.

O custo subvencionable será o salario neto correspondente a un máximo de 15 meses de contratación.

Para calcular o custo subvencionable terase en conta só o tempo efectivo dedicado. Non se subvencionará ningún día de baixa laboral do xestor nin días de permisos e doutras ausencias ao traballo distintos das vacacións e días de asuntos propios establecidos por contrato.

O Igape titorizará o labor destes xestores durante o período de contratación subvencionable para axudalos no que precisen no proxecto de internacionalización da empresa, para fomentar a cooperación entre os distintos xestores desta convocatoria e para asegurarse de que a empresa beneficiaria dedica o xestor a tarefas en pro da internacionalización.

2. A contía da axuda calcúlase aplicando as seguintes porcentaxes sobre o custo subvencionable indicado neste artigo:

a) 85 % no caso de contratación de mulleres ou mozos de calquera xénero inscritos no Sistema nacional de garantía xuvenil.

b) 80 % no resto dos casos.

O período de contratación subvencionable é o establecido na resolución de convocatoria.

3. O custo subvencionable máximo ao cal se aplicará a porcentaxe de subvención, polo tanto, de acordo co disposto no artigo 5.c) da Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, é:

a) Tempo completo: salario neto de 16.710 € (15 mensualidades con rateo das pagas extra). O importe do salario mensual neto subvencionable con rateo de pagas extra é de 1.114 €.

b) Tempo parcial (50 % da xornada laboral completa): salario neto 8.355 € (15 mensualidades con rateo das pagas extra). O importe de salario mensual neto subvencionable con rateo de pagas extra é de 557 €.

O custo subvencionable calculouse como un baremo estándar de custo unitario acorde co disposto no artigo 67.1.b) do Regulamento (UE) 1303/2013. O módulo que se aplicou corresponde ao salario medio bruto de contrato temporal a tempo completo: 1.313 € (fonte do Instituto Nacional de Estatística (INE). O módulo actualizarase para o exercicio 2018 no caso de que a variación supere o 5 %.

4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias, que se deberán acreditar mediante declaración no formulario electrónico de solicitude, serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

a) Dificultade para acometer o proceso de internacionalización en termos de tamaño da empresa e, polo tanto, maior necesidade do xestor, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado. Microempresa: 15 puntos; pequena empresa: 10 puntos; mediana empresa: 5 puntos.

b) Experiencia previa da empresa en internacionalización de xeito que teña máis posibilidades de formar o xestor. Cifra de exportación do exercicio 2016 igual ou menor de 20.000 €: 5 puntos. Maior de 20.000 € e igual ou menor de 50.000 €: 10 puntos. Maior de 50.000 € e igual ou menor de 100.000 €: 15 puntos. Maior de 100.000 € e igual ou menor de 200.000 €: 20 puntos. Maior de 200.000 €: 25 puntos.

c) Actividade empresarial do solicitante de xeito que teñan prioridade as empresas con potencial exportador de mercadorías para efectos de que teñan máis posibilidades de formar o xestor en termos, trámites e loxística de exportación. Empresa con centro de fabricación en Galicia: 25 puntos. Empresa comercializadora por xunto de mercadorías (sen centro de fabricación en Galicia): 15 puntos. Resto de empresas: 5 puntos. Acreditarase mediante declaración no formulario de solicitude e resto de información do cuestionario de solicitude.

d) Incentivo a novos solicitantes:

Non ter solicitado esta axuda (procedemento IG166) en ningunha convocatoria, ou solicitantes de anteriores convocatorias que non obtiveron axuda por falta de fondos: 10 puntos.

Artigo 6. Condicións da contratación

1. O xestor deberá pertencer a algunha das seguintes categorías:

a) Mozos/as profesionais nacidos/as a partir do 1 de xaneiro de 1981.

1º. Deben contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.

2º. En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberán acreditar formación específica de postgrao en comercio internacional:

i) Bolsa de prácticas de postgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

ii) Mestrado de comercio exterior ou

iii) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

3º. Non teren desempeñado en España con anterioridade –antes da contratación obxecto destas bases– traballos por conta allea dados de alta no grupo de cotización 1 ou 2 por un período total superior a 185 días (experiencia laboral en España distinta a bolsas de formación ou prácticas), nin ter estado dado de alta como autónomo en España con anterioridade –antes da contratación obxecto destas bases– por un período superior a 185 días, nun CNAE relacionado con comercio por xunto, intermediarios do comercio ou con actividades profesionais de consultoría (CNAE 46 e 70).

4º. No caso de estaren inscritos/as no Sistema nacional de garantía xuvenil, a contía da axuda incrementarase segundo o establecido no artigo 5.2.a).

b) Profesionais sénior en paro de difícil reinserción laboral de idade igual ou superior a 45 anos (nacidos antes do 1 de xaneiro de 1973):

1º. Deben contar con titulación universitaria ou coa titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional.

2º. En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberán acreditar formación ou experiencia laboral relacionada coa internacionalización empresarial:

i) Bolsa de prácticas de postgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial ou

ii) Master de comercio exterior ou

iii) Curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

iv) Experiencia laboral igual ou superior a 12 meses na categoría profesional que corresponda coa titulación exixida e relacionada coa internacionalización empresarial.

c) En ambos os dous casos, profesionais mozos ou sénior, deberán cumprir as seguintes condicións:

1º. Estaren dados de alta como demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2º. Un mesmo xestor poderá ser obxecto dun máximo de dúas contratacións subvencionables na mesma convocatoria.

3º. Estaren dados de alta na base de datos de xestores de internacionalización do Igape, na páxina web: www.igape.es. A validación da alta nesta base de datos é en virtude do declarado polo xestor, o Igape non solicita documentación acreditativa dos requisitos de acceso á base no momento de validar a dita alta, polo que o solicitante da axuda debe reunir a documentación acreditativa dos requisitos de acceso á base e declarados polo xestor.

2. O contrato:

O obxecto do contrato é a realización baixo calquera das modalidades previstas na lexislación laboral vixente no momento de contratación (excepto contratos de alta dirección) –para un centro de traballo en Galicia de actividades relacionadas coa internacionalización empresarial.

3. Exclusións:

a) Exclúese das axudas establecidas neste programa a contratación dun xestor con vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.

b) Exclúense os contratos con persoas que tivesen algunha relación laboral co solicitante ou con outras empresas vinculadas antes da convocatoria (ser bolseiro non se entende como relación laboral).

c) A non concorrencia destas exclusións demostrarase a través dunha declaración responsable do solicitante, que se cubrirá no formulario de solicitude.

Enténdese por vinculación entre empresas ás que cumpran os requisitos establecidos no artigo 42 do Código de comercio.

4. Só se concederá unha axuda do tipo da descrita nestas bases por solicitante e convocatoria.

5. Para reforzar a formación do xestor e/ou para que o labor do xestor sexa máis produtivo para a empresa que o contrate, estes xestores serán titorizados polo Igape e asignarase para a súa supervisión e axuda un profesional con experiencia en internacionalización empresarial.

A titorización consistirá en:

a) O xestor poderá consultar dúbidas sobre cuestións de internacionalización empresarial co titor.

b) Convocaranse reunións do titor, individuais e/ou en grupo con varios xestores, para os efectos de poñer en común dúbidas e interactuar entre eles.

c) Solicitaranse ao xestor informes trimestrais do tipo de tarefas realizadas.

Artigo 7. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude, as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes. No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.

3. A presentación da solicitude por parte da persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, entón deberá presentar a certificación nos termos establecidos regulamentariamente.

4. As propostas que resulten seleccionadas pasarán a formar parte da lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro.

Artigo 8. Solicitudes

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria, para presentar a solicitude de axuda, os interesados deberán cubrir previamente un formulario descritivo das circunstancias do solicitante, das tarefas a que se dedicará o xestor, dos obxectivos xerais e do orzamento do proxecto, así como de declaracións relativas ao condicionado nestas bases, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

2. No suposto de que o solicitante sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para cubrir o formulario electrónico; ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deste xeito obterase o formulario de solicitude. Unha vez cuberto o formulario, obterase o formulario normalizado de solicitude que se xunta como anexo I a estas bases a título informativo.

3. Xunto co formulario de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

1º. DNI da persoa representante da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

2º. NIF da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta.

3º. Escritura de constitución e modificacións inscrita/s no rexistro competente.

4º. Documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

5º. Informe de traballadores en alta (ITA) emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, de data igual ou posterior á da publicación no DOG desta convocatoria.

6º. Informe da vida laboral da empresa emitido con data igual ou posterior á da publicación destas bases no DOG e por un período mínimo dun ano.

7º. Declaración responsable do representante legal da empresa de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto, que se cubrirá no formulario de solicitude.

De acordo co disposto no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o cal foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

4. No caso de ser o solicitante unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica, a través do formulario de solicitude normalizada (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, de acordo co establecido no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Así mesmo, de conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 8.3. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico, o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais e obter arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude, a da presentación da emenda.

5. Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou da entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a Norma X.509 V3, válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG núm. 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinado o formulario de solicitude, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación, o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados tamén empregarán a vía electrónica para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace de tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

g) Todos os trámites administrativos que as persoas xurídicas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

6. No caso de que o solicitante sexa unha persoa física, alternativamente, tamén a poderá presentar en soporte papel no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto coas copias simples dos documentos relacionados no artigo 8.3. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

No caso de que o solicitante persoa física opte pola via electrónica para relacionarse co Igape na tramitación do seu expediente, seralle de aplicación o que corresponda dos números 4 e 5 deste artigo.

Poderán presentar presencialmente, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, os modelos normalizados dos trámites máis comunmente empregados na tramitación administrativa, que a sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas.

As notificacións efectuaranse por medios electrónicos, se teñen indicado no formulario de solicitude a súa preferencia polo emprego da notificación electrónica neste procedemento de axudas, ou presencialmente, noutro caso. Poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

7. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es

Artigo 9. Órganos competentes

A Área de Internacionalización Galicia@World será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, ao titular da Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento administrativo.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Igape, que elaborará unha relación delas coa puntuación que lle corresponde a cada unha, en aplicación dos criterios de valoración establecidos nestas bases.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se dará por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos de emenda citados realizaranse preferentemente mediante a publicación no DOG e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, e poderase indicar que os seguintes actos administrativos deste procedemento serán notificados a través do citado enderezo.

3. No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a), b), c) e d) do artigo 5.4, por esa orde. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

4. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto aos interesados, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e as xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

5. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución ao director xeral do Igape, na cal se fará constar o importe do concepto subvencionable que hai que xustificar, a contía e porcentaxe da axuda concedida, o prazo máximo para contratar o xestor, o prazo máximo para o cumprimento de todas as condicións da axuda e o prazo para presentar a xustificación ao Igape. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

6. A resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poderán descargar a súa resolución individual introducindo o seu NIF e o código IDE no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe de consulta de resolucións definitivas http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que correspondan ao beneficiario, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

7. O prazo máximo para resolver e publicar a resolución definitiva será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender rexeitada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

8. O beneficiario disporá dun prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de concesión para presentar a seguinte documentación acreditativa da contratación dun xestor que cumpra os requisitos destas bases:

a) Contrato laboral asinado entre as partes e acreditación da súa comunicación ao Servizo Público de Emprego. O dito contrato debe recoller as medidas de difusión da concesión da axuda establecidas no artigo 13 l) ou, se é o caso, acreditación de ter realizado a empresa a comunicación ao xestor do financiamento público.

Así mesmo, debe incluír especificamente:

1º. Que o xestor se contrata para tarefas de internacionalización.

2º. Importe mensual do salario bruto e salario mensual neto que se vai aboar ao traballador.

3º. Número de pagas anuais.

4º. Que as pagas extras se aboan rateadas con cada mensualidade.

5º. Que o xestor se dá de alta no grupo 01 ou 02 de cotización á Seguridade Social.

6º. Período de proba establecido.

7º. Convenio colectivo aplicable, se é o caso.

8º. Duración do contrato.

b) Vida laboral do xestor completa e solicitada con data posterior á publicación destas bases no DOG.

c) Copia da tarxeta ou documento que acredite que estaba dado de alta como demandante de emprego (ou de mellora de emprego) ou, se é o caso, estar inscrito no Sistema nacional de garantía xuvenil, antes da contratación obxecto destas bases.

d) DNI do xestor, só no caso de denegar expresamente a súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

e) Titulación universitaria ou titulación de formación profesional de técnico superior en comercio internacional do xestor, só no caso de denegar expresamente a súa consulta segundo o modelo do anexo IV.

f) En caso de titulación universitaria que non sexa específica de comercio internacional, deberá acreditar formación específica de posgrao en comercio internacional: bolsa de prácticas de posgrao en internacionalización empresarial por un período igual ou superior a 6 meses, en organismos públicos nacionais ou estranxeiros, dentro do ámbito da internacionalización empresarial; ou mestrado de comercio exterior ou curso completo de comercio exterior de duración igual ou superior a 140 horas.

g) En caso de posuír experiencia laboral, deberá acreditala mediante escrito de anteriores empregadores ou declaración xurada do xestor do tipo de experiencia e duración.

No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica, deberá presentar a documentación mediante copia dixitalizada a través do enderezo da internet http://tramita.igape.es. No caso de que sexa unha persoa física, alternativamente, poderá presentar a documentación en soporte papel en copia simple no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xunto cunha declaración responsable da persoa representante de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape.

9. Se no prazo sinalado non achega a documentación, ou se a achegada non cumpre co establecido nestas bases, requirirase o interesado para que achegue ou emende a documentación exixida nun prazo máximo e improrrogable de dez días, con indicación de que, se non o fixese, se considerará que renunciou á axuda concedida e procederase ao arquivamento do expediente.

Artigo 11. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá, por delegación do Consello de Dirección do Igape, o director xeral do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 12. Modificación da resolución

Unha vez firme a resolución de concesión, admitirase a modificación de cambio de xestor respecto do anteriormente contratado.

Neste caso, o beneficiario deberá achegar a documentación do novo contrato e do novo xestor (documentación citada no artigo 10.8, xunto coa vida laboral da empresa en que figuren a baixa do anterior xestor e a alta do novo).

Na contratación do novo xestor teranse en conta os requisitos establecidos no artigo 6. Se como consecuencia da nova contratación correspondese un importe de subvención diferente á inicialmente concedida, o Igape procederá a unha modificación de oficio da dita subvención tendo en conta que o prazo de execución subvencionable máximo da contratación é o indicado na resolución de convocatoria.

Débense, así mesmo, cubrir na aplicación do Fondo Social Europeo Participa 1420 (á cal se accederá desde a páxina web do Igape http://tramita.igape.es) os indicadores de execución e resultado do xestor anterior. No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia e medios para cubrir os indicadores.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Formalizar co xestor un contrato de traballo a partir da data de solicitude da axuda e antes da data indicada na resolución de concesión para a presentación de documentación acreditativa da contratación. A contratación será a risco e ventura dos beneficiarios, para o caso, que o xestor contratado non cumpra as condicións establecidas no artigo 6 destas bases.

b) Comprobar que o xestor contratado cumpre os requisitos establecidos no artigo 6 destas bases.

c) Dedicar o xestor a tarefas de internacionalización.

As tarefas de internacionalización serán concretadas nun plan de traballo indicado polo solicitante no formulario de solicitude e vinculará o beneficiario.

O seguimento do dito plan de traballo será obxecto da supervisión polo Igape e ademais o xestor contará cunha titorización levada a cabo por profesionais contratados polo Igape. O beneficiario da axuda debe permitir esta titorización e a asistencia do xestor ás reunións de formación e/ou titorización conxunta do xestor con outros xestores (máximo unha reunión ao mes, os gastos de desprazamento para estas titorías conxuntas en Santiago de Compostela ou noutra cidade de Galicia serán por conta da empresa beneficiaria da axuda).

O Igape poderá contrastar co xestor a realización das ditas tarefas de internacionalización mediante unha aplicación informática na cal se xunten cuestionarios periódicos descritivos das tarefas encomendadas.

d) Dar de alta o xestor nun grupo de cotización 01 ou 02 na Seguridade Social e comunicar a contratación ao Servizo Público de Emprego (Sepe).

e) O beneficiario está obrigado a aboarlle ao xestor, como mínimo, o salario neto subvencionable a que fai referencia o artigo 5 destas bases, sen prexuízo de que lle corresponda aboar un salario superior acorde coa súa categoría profesional e titulación, e debe asumir a diferenza coa cantidade subvencionada. O contrato debe establecer a liquidación de nóminas ao xestor co rateo de pagas extras.

f) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, que incorporarán visitas ao lugar de traballo, con base en técnicas de mostraxe; o Igape comprobará para estes efectos un mínimo do 10 % dos expedientes, así como calquera outra actuación, xa sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

g) Comunicar ao Igape a solicitude e/ou obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

h) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

i) Manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar toda a documentación relativa á subvención durante polo menos un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. A dita data será obxecto de publicación no DOG.

j) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape, a Xunta de Galicia e o FSE, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

k) O beneficiario deberá facilitar a información que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e os de resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento 1304/2013, do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo.

Os indicadores de execución relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coa actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento.

Así mesmo, nos casos en que se produza a substitución do xestor ou xestora, o beneficiario deberá presentar os indicadores de execución e de resultado inmediato respecto de cada unha das persoas polas que se percibiu a subvención.

l) Subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da devandita lei.

m) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

n) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

ñ) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación da subvención

1. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento no prazo indicado na resolución de convocatoria.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, o beneficiario deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. No suposto de que o beneficiario sexa unha persoa física e non teña capacidade técnica ou económica, ou que por outros motivos non teña garantido o acceso e a dispoñibilidade dos medios tecnolóxicos precisos, poderá dirixirse ás oficinas centrais do Igape en Santiago de Compostela ou a calquera das súas oficinas territoriais, para que lle presten asistencia ou medios para cubrir o formulario electrónico, ou a través do número de teléfono 900 81 51 51. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios. Este formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 54 do Decreto 11/2009, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

3. Se o beneficiario é unha persoa xurídica, deberá presentar a solicitude por vía electrónica a través do formulario de solicitude de cobramento normalizado, que a título informativo figura como anexo II a estas bases, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 28 da citada Lei 39/2015, deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 14.6. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo interesado, para o cal se poderá requirir a exhibición do documento orixinal.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa física, unha vez xerada a solicitude poderá elixir presentala electronicamente ou presencialmente, en soporte papel, no Rexistro Xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario de solicitude normalizado (anexo II), xunto coas copias simples dos documentos relacionados no artigo 14.6. No formulario de solicitude inclúese unha declaración responsable da persoa que asina a solicitude de que as copias constitúen unha reprodución exacta dos orixinais, os cales lle poderán ser requiridos polo Igape. Excepcionalmente, cando existan dúbidas derivadas da calidade da copia, o Igape poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo beneficiario, para o cal poderá requirirse a exhibición do documento orixinal.

5. No caso de que as solicitudes de cobramento non se presentasen en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Tendo en conta que este procedemento se acolle ao disposto no artigo 67, número 1, letra b) do Regulamento (UE) nº 1303/2013, xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas, tarefas realizadas polo xestor, os resultados obtidos e a previsión de prórroga ou continuación do contrato co xestor. A dita memoria cubrirase no formulario electrónico de solicitude de cobramento.

b) Vida laboral actualizada ao final do período de contratación e declaración do responsable da empresa en que se recollan as situacións e días que supoñen a non execución da actividade polo xestor (baixas por IT, permisos e outras ausencias ao traballo distintos das vacacións e días de asuntos propios establecidos por contrato), acorde co disposto no artigo 5.c) da Orde ESS/1924/2016 pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2014-2020, que fai referencia aos descontos que se aplicarán aos custos de persoal.

c) A copia –que permita a súa lectura– de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación do financiamento público citada no artigo 13.l) destas bases.

d) Memoria económica xustificativa cos aspectos recollidos no artigo 54.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que se cubrirá no formulario electrónico de solicitude de cobramento.

e) Información de resultados que se cubrirá a través da aplicación do Fondo Social Europeo Participa 1420, á cal se accederá desde http://tramita.igape.es

7. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os custos subvencionados, para acreditar a obriga establecida no artigo 13.k): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

8. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, para seren beneficiarios da axuda. No caso de que o beneficiario denegue expresamente o consentimento ao Igape para solicitar as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

9. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, se é o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 15. Aboamento das axudas

1. Con carácter xeral, o aboamento da axuda realizarase, unha vez que o Igape considere xustificado o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

O importe dos pagamentos á conta non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Os beneficiarios están exentos de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que regulamenta a Lei de subvencións de Galicia.

2. Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes.

3. O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título IV do seu regulamento.

Artigo 16. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) As rescisións do contrato antes da finalización do período de contratación subvencionable serán causa de redución do gasto subvencionable proporcional ao número de días deixados de realizar. Neste suposto, o beneficiario poderá contratar un novo xestor que cumpra os requisitos destas bases solicitando a modificación da resolución.

b) No caso de incumprimento doutras condicións, o seu alcance será determinado en función do grao e entidade da condición incumprida:

1º. Suporá a perda dun 5 % da subvención concedida non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

2º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos FSE (artigo 13.k destas bases).

3º. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 13 l) destas bases.

4º. Suporá a perda dun 10 % o incumprimento da obriga de comunicar ao Igape a solicitude doutras axudas.

4. Será causa de incumprimento total e deberanse reintegrar todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador:

a) Non aboarlle ao xestor as contías establecidas no artigo 5 destas bases ou non xustificar polo menos o 50 % do período de contratación subvencionable.

b) Obter para o mesmo concepto subvencionable outras subvencións ou axudas.

c) Non dedicar o xestor a tarefas de internacionalización.

d) Non formalizar o contrato cun xestor que cumpra as condicións das bases no prazo establecido na resolución de concesión.

d) Non dar de alta na Seguridade Social o xestor contratado nun grupo de cotización 01 ou 02 e/ou non comunicar ao SEPE o contrato de traballo.

f) Non permitir as actuacións de comprobación do Igape.

Artigo 17. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Consello.

Artigo 19. Comprobación de subvencións

1. O órgano concedente comprobará a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención. O prazo para a comprobación material será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación. A dita data será obxecto de publicación no DOG.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 20. Publicidade

1. De conformidade co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro destas bases e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

2. De acordo co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Igape publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na páxina web do Igape (www.igape.es) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a norma reguladora, o beneficiario, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención. A publicación no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Instituto Galego de Promoción Económica.

3. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto 1149/2011, do 29 de xullo, polo que se establece e regula o rexistro español de axudas de minimis no sector pesqueiro (BOE núm. 223, do 16 de setembro), no caso de que o beneficiario sexa unha empresa do sector pesqueiro, o Igape publicará a subvención concedida ao abeiro destas bases no citado rexistro, expresando a información a que se fai referencia no anexo I deste real decreto.

4. De acordo co establecido no artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, a cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario. Neste ámbito non será de aplicación o disposto no número 1 do artigo 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 21. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación destas bases reguladoras, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Beneficiarios-Terceiros, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é xestionar estas bases reguladoras, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é o Igape, que, no ámbito das súas respectivas competencias, cederá os datos á Consellería de Economía, Emprego e Industria para a resolución do expediente administrativo, así como aos outros órganos especificados nestas mesmas bases reguladoras para a súa tramitación. O solicitante faise responsable da veracidade de todos eles e declara ter o consentimento das terceiras persoas cuxos datos poida ser necesario achegar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o Igape, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Complexo Administrativo San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd@igape.es

Así mesmo, serán incluídos no ficheiro denominado Xestión, seguimento e control de proxectos e fondos europeos, cuxo obxecto, entre outras finalidades, é a xestión, o seguimento, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europa. O órgano responsable deste ficheiro é a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, mediante unha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), ou a través dun correo electrónico a dx.politica.financeira.tesouro.fondos.europeos.facenda@xunta.gal

Artigo 22. Remisión normativa

1. Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) No Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) No Regulamento (CE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro).

f) No Regulamento (CE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro).

g) No Regulamento (CE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño).

h) No Regulamento (UE) nº 1304/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1081/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

i) No Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca; polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

j) Na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

k) No resto da normativa que resulte de aplicación.

2. En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file