Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 24 de marzo de 2017 Páx. 14150

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Resolución do 14 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programaa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2017.

BDNS (Identif.): 338265.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas emigrantes galegas e os seus/súas fillos/as maiores de 18 anos, que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 14 da resolución.

Para os efectos da presente convocatoria terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que teñan nacido en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as maiores de 18 anos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as con calquera concello galego no Censo electoral de residentes no exterior.

Segundo. Obxecto

A concesión de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social para o ano 2017, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro establecidos no artigo 3.2, que se encontren en situación de precariedade económica. Están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 14 de marzo de 2017, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2017.

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións convocadas destinarase un crédito total de 2.100.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.480.0.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2017

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración