Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 4 de abril de 2017 Páx. 15964

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 33/2017, do 9 de marzo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción dun itinerario peonil e ciclista na AC-130, treito Ares-Mugardos (punto quilométrico 0+320-3+980), nos concellos de Ares e Mugardos (clave AC/16/085.06).

Antecedentes:

O 19 de xullo de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 136) o Anuncio do 30 de xuño de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-130. Treito: Ares-Mugardos (p.q. 0+320-3+980), de clave AC/16/085.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Posteriormente, e tras a análise das alegacións e certificacións presentadas, o 20 de febreiro de 2017 se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-130. Treito: Ares-Mugardos (p.q. 0+320-3+980), de clave AC/16/085.06.

Este proxecto de construción ten por obxecto a execución dunha senda compartida peón-bici, desde o contorno do colexio CEIP Unión Mugardesa, no núcleo urbano de Mugardos, ata o CPI Conde de Fenosa, no núcleo urbano de Ares, ampliando a súa sección transversal para poder albergar novos elementos que pasarán a formar parte da nova plataforma.

As obras previstas comprenden o aumento do largo da calzada, a integración da senda na vía actual e a construción dunha zona de estacionamento preto do CEIP de Mugardos, debido a que existen problemas de seguridade vial ás horas punta de entrada e saída no colexio.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de marzo de dous mil dezasete,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción: itinerario peonil e ciclista na AC-130. Treito: Ares-Mugardos. (p.q. 0+320-3+980), de clave AC/16/085.06.

Santiago de Compostela, nove de marzo de dous mil dezasete

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda